A saúde mental contada dende dentro

Este post foi realizado por dous pacientes do centro que coordina en Dodro a Asociación Andaina. A intención do mesmo é a de mostrarlle ao mundo aquela información que eles consideran ignorada nos medios de comunicación, valéndose das súas propias experiencias dentro do mundo da saúde mental. Nós só servimos de ponte entre a súa voz e a sociedade, achegando os medios informáticos á súa vila rural. 

Rosa Mª Docabo Sobradelo (diagnosticada con trastorno depresivo no 1988)

A muller no rural está moi desatendida, e non digamos xa se esta padece unha enfermidade mental. Penso que a labor de Andaina neste caso é vital, e que se debería de predicar co seu exemplo. A terapia que aquí se dá é complementaria á medicación, pero non por iso menos importante.

O meu primeiro contacto con esta organización foi hai xa 7 anos, moi pouco tempo despois de que fora creada. A dirección de Andaina organizara unha charla informativa no concello de Dodro, e eu decidira asistir, aínda que naquel momento só me motivaba a curiosidade. Eran os comezos, había menos monitores e menos actividades. Decidín probar, e xa no primeiro día quedei encantada. Día tras día os monitores de Andaina ofrecíanche algo que che enganchaba a vir. Creo recordar que a primeira das actividades que fixen tentaba exercitar a memoria cognitiva. Non esperaba eu descubrir cal era a miña verdadeira pasión nesta vida…

Un bo día, Nazaret, unha das monitoras do centro, díxonos que iamos comezar a facer un programa de radio. No primeiro episodio sentinme moi rara: tiña vergoña. Pero aos poucos fun descubrindo que o xornalismo era a miña paixón. Máis adiante empezáronse a engadir máis actividades ao noso día a día: pintura, informática… Viñen máis días á semana, facíame moito ben. Andaina cambioume. A miña autoestima ergueuse.

Fixen cousas que nunca antes fora capaz de imaxinar sequera. Fun de excursión toda unha fin de semana a unha casa que Feafes Galicia habilitou na Guarda. A verdade é que me custou bastante traballo ir, porque estaba asustada de saír da casa. Viaxamos tamén a Cangas, Sanxenxo e ao Balneario de Cuntis. Non paramos! Agora estamos con teatro, outra das miñas actividades preferidas. Facemos sidra, temos unha horta pequena… Isto converteuse nunha segunda casa.

Non é o mesmo para unha muller padecer unha enfermidade mental que para un home. Normalmente somos nós as encargadas de coidar dos fillos, e hai ocasións nas que eles chegan á casa e ti lles queres ter a comida preparada, pero non podes. Estás na cama, véndoo todo negro. Ás veces, cando ía ao supermercado a mercar, chegaba a porta e tiña que me sentar nun banco, porque se me viña o mundo enriba. Faltábame a motivación para facer cousas, e iso foi o que me proporcionou Andaina. No rural non había isto, por iso vexo con tan bos ollos a súa iniciativa.

A miña familia apóiame, eles souberon dende o primeiro momento que ir a Andaina me facía moito ben. Levo 29 anos con tratamento psiquiátrico, dende que me diagnosticaron un trastorno depresivo, e esta segue sendo aínda unha enfermidade tabú. Os prexuízos necesitan rematar. Os medios de comunicación teñen que falar máis disto, e axudar a visibilizar. “Vas ao psiquiatra porque estás tola”, “xa vas ao dos chalados?”, iso é algo que teño que escoitar a cotiá. Necesitamos un cambio, e este está na man da información que recibimos. Os medios de comunicación teñen que cambiar. Necesitan cambiar.

Daniel Sánchez Pazos (diagnosticado con esquizofrenia con 18 anos)

Ter unha enfermidade mental debería de supoñer a incompatibilidade total co consumo de drogas. Cando se cae na adicción quedan poucas saídas: apoio familiar, o dalgunha institución ou o dos médicos. Pero estas axudan teñen que utilizarse. Un só non pode saír nunca dese mundo. Se xa unha persoa sá debe levar unha vida fóra de vicios, facer deporte e comer ben; unha persoa que padeza algún tipo de doenza psíquica, moito máis. Pode parecer complicado cando se está afundido nese mundo, pero hai que loitar. Todo vai mellorar: a túa situación na vida, a relación cos médicos, co psiquiatra, cos teus compañeiros…

Falo dende a experiencia propia. Hai ocasións nas que visito ao psicólogo e teño medo de lle contar as cousas. E moito máis antes. Pecharse no alivio que che pode proporcionar consumir estas substancias non é a solución. Non a foi para min, nin a é para ninguén. Coincido moitas veces con persoas que sei que consumen dende nenos. Agora, con cincuenta ou sesenta anos, seguen nese mundo, degradados tanto física como mentalmente. Deixei de ver a un deles. Pouco despois entereime de que morrera dunha sobredose.

Cando se combina unha enfermidade mental co consumo de drogas poden suceder cousas fatais. Hai quen incluso chega a substituír a medicación por droga. A recuperación desa situación é moi dura: o tratamento pasa a combinar ambas, o que che deixa o corpo desfeito. Aínda sen padecer unha patoloxía psíquica hai que ter moito ollo cando se teñen antecedentes familiares. Non só evitar os estupefacientes, senón o xogo, o alcohol e calquera actividade destrutiva que poida causar adicción. Cando logrei saír das drogas, caín no xogo. Sentes a necesidade de estar nun ambiente que che substitúa a sensación de estar nunha burbulla, aislado dos problemas.

Nunca chegaría a deixar todo isto atrás se non fora por Andaina. Non porque os seus monitores sexan especialmente amables, nin porque os psicólogos sexan mellores aquí. Que nacera no rural, que viñera ela a nós, e non nós a ela, é o que fai a esta asociación tan especial. Comezamos vindo catro persoas, e somos xa vinte vindo cada día. A aqueles que non poden vir váiselles visitar á casa. O importante é sempre tentar axudar.

Temos proxectos de radio, de sidra, de teatro, de arteterapia… Imos compaxinando todas as actividades o mellor que podemos, repartíndoas en cada día da semana. Se fai falta leña, cortamos leña. Plantamos tomates, leitugas, cebolas, millo… Todas e cada unha destas actividades axuda a que nós teñamos unha rutina, un eixe na nosa vida. Temos unha norma aquí, e esa é prohibido dicir non.

No meu caso, ademais de estar diagnosticado con esquizofrenia dende que cumprín a maioría de idade, teño unha dor crónica na espalda. Hai algunhas actividades físicas que se me complican cando me vén a dor. Non é todo tan fácil coma botar oito horas na oficina e marchar para a casa.

O que eu boto en falta é unha campaña de prevención do consumo de drogas en persoas con enfermidades mentais coma as que se fan para os condutores. Nunca se fala de saúde mental na prensa, salvo naqueles casos nos que hai un crime sen ningunha explicación lóxica. Se a xente de a pé non ve nos xornais que len todos os días noticias positivas e concienciadoras sobre saúde mental, nunca se normalizará a nosa situación. Unha vez máis, disto tampouco se pode saír só.

Advertisements

3 comentarios en “A saúde mental contada dende dentro

  1. Parabéns por este post, tanto a vós por publicalo como a Rosa e a Daniel por contar todo isto. Coñecer as historias de primeira man sempre é moi gratificante e importante para comprender ata onde pode chegar un problema, sobre todo se é dun calibre tan delicado coma os de saúde mental. Ás veces precisamos que alguén que o viva no-lo conte para saber o que é.
    O que comentaba Daniel da falta de campañas contra as drogas para persoas con enfermidades mentais, aínda que nunca o pensara ata o de agora, paréceme que é moi necesario. Fálase moito dos riscos en sí do consumo de drogas ou da depresión entre os adolescentes e realízanse charlas para previr, tal e como nos conta aquí La Voz de Galicia: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2017/03/31/feafes-alerta-adolescentes-riesgo-enfermedad-mental/0003_201703S31C4991.htm
    Porén, falta iso que o voso membro do círculo comentaba.
    Unha vez máis, parabéns non só por esta publicación, senón por todo o traballo feito.

    Gústame

    1. Graciñas, Nuria! E coincido contigo no de que unha campaña de prevención de drogas en relación coa saúde mental fai falta, e moita. Como ben explica Daniel no artigo, non é que as autoridades non tenten concienciar acerca dos problemas cos estupefacientes; o que pasa é que non se pon en relación cun dos maiores problemas que pode acompañar a un consumo excesivo de drogas, que é a aparición dunha enfermidade psicolóxica.

      E levando un pouco a conversa ao teu terreo: pensas que, coma no caso das drogas, é necesaria unha maior concienciación acerca dos problemas de adicción que pode causar o xogo? Pregúntocho porque Daniel, por exemplo, unha das primeiras cousas que fixo logo de deixar as drogas, foi caer no xogo. Un vicio por outro. E penso que xa falei contigo sobre este tema, pero paréceme demasiado importante como para pasalo por alto. E máis con datos tan alarmantes coma este: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/extravozok/2017/04/16/juego-on-line-atrapa-adolescentes/0003_201704SO16P28992.htm

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s