A saúde mental, da man cun novo xornalismo

Existen moitos tipos de discapacidade, pero uns son máis coñecidos pola cidadanía ca outros. As enfermidades mentais conforman as grandes esquecidas dentro das minusvalías. Isto, en parte, é culpa do tratamento dado nos medios de comunicación ás novas sobre saúde mental, as cales moitas veces son ata inexistentes. A súa normalización depende do que le a xente no día a día; que se visibilice ao colectivo vén dado pola información que a prensa proporcione ao lector.

Proxectos coma os emprendidos no Observatorio Cidadán de Comunicación son un primeiro paso para facer que a voz dos afectados estea en primeira liña. A interacción mantida cos membros do círculo de traballo resulta nun aprendizaxe mutuo. “O trato humano foi inmellorable. Para min, a oportunidade de que me deixaran expresar no blog foi moi importante”, conta Daniel, unha das primeiras persoas en ser partícipe desta materia. A comunicación interpersoal é a ferramenta básica que permite a existencia dos traballos xornalísticos expostos no blog e en calquera medio de comunicación.

Nestes tres meses de traballo fomentáronse novas relacións, tanto entre o grupo de traballo cos membros do círculo, coma entre eles mesmos. Omaira, presidenta da asociación Andaina e nai dun usuario, tivo unha gran conexión con Cloe, a pesar de que esta última nunca tivera contacto cunha organización deste tipo. “Aínda que non compartamos todas as nosas opinións, si que coincidimos no máis importante e básico: a pouca información que existe sobre a saúde mental nos medios de comunicación é incorrecta, e esta só empeora a visión que a sociedade ten sobre as enfermidades mentais“, afirma.

A súa opinión conta

Especialmente relevante polo seu significado foi a valoración de Omaira sobre a experiencia traballando neste proxecto: “O acercamento e a atención dos estudantes a un dos problemas máis ignorados da actualidade é un gran paso para que se rompa o tabú que existe arredor das enfermidades mentais. Que se escoite aos afectados e ás súas familias é un comezo para que se recoñeza dunha vez por todas a importancia das asociacións que traballan dende o voluntariado”, explicaba. Estimou tamén positivamente o obxectivo da asignatura, así coma aos alumnos da mesma, “por ser antes que xornalistas, seres humanos“.

Cloe, a piques de cumprir os vinte anos, avalía dun xeito distinto as tarefas executadas. “Que a xuventude, e sobre todo, a nova corrente de xornalistas”, di, referíndose a este grupo de traballo, “amose interese por un tema que polo xeral segue cheo de estereotipos, é vital”. “Entender e trasladar aos apartados de noticias máis lidas o que é vivir cunha enfermidade mental paréceme algo moi necesario. Toda a axuda á desestigmatización é pouca“, sentencia. Facer que os protagonistas se sintan escoitados, sempre dende o respecto, e que estes vexan a súa realidade correctamente plasmada nos medios é a principal finalidade do Observatorio.

Cara un novo xornalismo

“Encantoume a experiencia de poder escribir no blog o que eu quería, aínda que nun primeiro momento me sentía un pouco bloqueada. Foi moi gratificante”, valora Rosa, quen xunto a Daniel, tivo a oportunidade de plasmar no blog a súa experiencia no mundo da saúde mental. Para Daniel, “a sensación foi de liberdade”.

Nas reunións tratáronse temas aos que os medios de comunicación non acostuman dedicarlles moito espazo. Un deles, por exemplo, foi o da necesidade de que existan os hospitais psiquiátricos na nosa sociedade. Para Omaira, que ademais de presidenta de Andaina, é medico e psiquiatra, os internamentos son “necesarios e xustificables coma calquera ingreso por doenzas físicas“. O certo é que Galicia, a día de hoxe, só mantén un centro psiquiátrico aberto, situado en Conxo, Santiago de Compostela.

Yordani, fillo de Omaira, subscribe as palabras de súa nai. A totalidade dos membros do círculo de traballo coincide en que o internamento é unha experiencia traumática. Porén, que os centros psiquiátricos sexan necesarios non significa que se poida descoidar a atención ao paciente. “Estar ingresado é estar encerrado, non é agradable”, como ben explica Cloe. Chegar ao punto no que é necesario internar a un paciente xa supón un varapau; o mínimo é facer máis levadeira a estancia e o tratamento. Con todo, os diarios están cheos de novas de mala praxe nas institucións.

Aprendizaxe: o antes e o despois

A visión de cada un dos membros deste grupo de traballo viuse enriquecida en moitos aspectos. Por unha parte, o contacto con persoas que están directamente implicadas no mundo da saúde mental supuxo un coñecemento en maior profundidade. Aprendemos das súas experiencias, das súas anécdotas, das súas vidas e do que eles tiñan que dicir. Non é o mesmo informarse acerca dunha trama ca falar directamente cos protagonistas da mesma.

“Sentín que non se intentaban dirixir as miñas respostas, senón que podía expresar o que me parecía sen ser xulgada ou dicir algo incorrecto. As persoas estaban moi ben informadas sobre o tema que tratamos”, manifestou Cloe, en referencia ás reunións organizadas estes últimos tres meses. O foco estivo posto no que se pode ver actualmente na prensa, “medias verdades” para Yordani. “Non é que a xente non se informe, é que non pode facelo adecuadamente”, conclúe, engadindo que a solución recae en dar “máis e mellor información”.

“O blog é un espazo no que para min se pode alcanzar a concienciación cidadá. Véxoa coma unha ventá a un público que non está acostumado a ler este tipo de novas, e que pode incluso chegar a descoñecer os temas tratados”, afirma Manuel, quen xunto a Cloe, conforma o sector máis xove do círculo de traballo. “Pode que sexa un paso importante aportar luz sobre estas cuestións”, prosegue, “aínda que sen que a información apareza nos medios de masas, non se vai a ningunha parte“. Este é o obxectivo último deste proxecto. O resultado, segue estando por ver.

Imaxe de cabeceira: Exposición das obras realizadas nun taller de arteterapia por membros da Andaina, no bar ‘Hoy no Cozino’, en Santiago de Compostela.

Integrantes do grupo:

  • Susana Martínez Olazábal (S3B1)
  • Marta Otero Mayán(S3B2)
  • Sara Pérez Peral (S3B3)
  • Lorena Rey Landeira (S3B4)
  • Alejandro Vázquez Corral (S3B5)
  • Noela Vázquez Dosil (S3B6)

Advertisements

5 comentarios en “A saúde mental, da man cun novo xornalismo

  1. Noraboa unha vez máis non só pola publicación, senón por todo o proceso e o camiño percorrido para chegar ata aquí. As testemuñas que recolledes dos afectados, ademáis de mostrar unha denuncia social cara ao xornalismo e a sociedade que non tratan de forma correcta a enfermidade, amosan de fondo un optimismo. Explícome: para calquera persoa cunha enfermidade mental, ler este tipo de posts, estou segura de que lle beneficia notablemente.
    Por outra banda, cando falas de centros para internar a persoas con problemas de saúde mental e dis que en Galicia só está o de Conxo, refíreste á totalidade ou tan só a centros públicos?
    Finalmente, aquí che deixo unha noticia que fala sobre un claro caso de mal tratamento dos problemas de saúde mental: http://www.diariosur.es/malaga/201704/29/denuncian-circo-horrores-denigrar-20170428234426.html

    Gústame

    1. Moitas grazas, Nuria! Se fago autocrítica, penso que en ocasións “extremei” as boas palabras nas miñas publicacións. Non quero dicir con isto que mentira, en ningún caso; refírome a que podo facer referencias tan utópicas que incitan a pensar que son falsedades. Non sei se me comprendes. Pero moi agradecido, pola apreciación!

      Pois xusto hoxe saiu esa noticia. Segundo describen os feitos, estes parecen denunciables. Debería de mostrarse un respeto hacia todas as condicións das persoas en calquera espectáculo de cara ao público. O peor? Que este non é sequera un caso illado.

      Liked by 1 person

      1. Comprendo totalmente o que intentas dicir. As verbas empregadas por ti e polo teu grupo paréceme que foron en todo momento as adecuadas. Ás veces é preciso mostrarse algo cabreado para dalgún xeito espertar conciencia e ser comprendidos nesta sociedade.

        Gústame

      2. Non cabreado, se non obxectivos. Hai que espertar, e se non se poden empregar outra cousa que palabras bonitas, por algo será, digo eu. Dende o grupo intentamos ser o menos aburrido posible, pero houbo ocasións nas que profundizar era adecuado. Todo para ter unha información de calidade! Esa mesma que hoxe en día poucos medios de comunicación ofrecen. Dende aquí, o Observatorio, temos unha oportunidade para que isto cambia dunha vez por todas.

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s