Ángela Fraga: «ides ser outro tipo de xornalistas de seguro»

O 19 de abril chegaba á súa fin o contacto co noso Círculo de lectura crítica. Durante todo o cuadrimestre mergullámonos nun ambiente de colaboración e intercambio de experiencias que, para nós, resultou ser moi satisfactorio. Pero, que pensan elas? Hoxe, queremos ensinar a todo aquel que nos lea o que opinan as mulleres do noso círculo sobre o traballo feito.

O esencial está na atmosfera

Antes de entrar en materia é importante recalcar a importancia que ten, ó tratar con persoas descoñecidas, crear un ambiente relaxado e non ameazante, no que todos e todas se animen a participar sen vergoña e sen reparos. Nisto é no que se basea a Comunicación Interpersoal: na creación dun vínculo entre as persoas e nunha maior cooperación entre as partes.

Como vos sentistes con nós? Sentístesvos cómodas?

Pilar Gómez bromea dicindo: «non me sentín cómoda para nada, nótase co pouco que falo nas reunións». Ó mesmo tempo Sandra Rosendo afirmaba sentirse completamente cómoda connosco, a pesar de non falar tanto como a compañeira. Mabel Pérez e Elena Rivas coincidían: «foi moi agradable o ambiente, moi fluído e sen protocolos» e Elena facía fincapé na curiosidade que lle causara o proceso. Asemade, Ángela Fraga felicitábanos: «que esteades estudando e xa pensando en enfocar as cousas doutro xeito, do xeito correcto, vaivos facer sen dúbida outro tipo de xornalistas»

IMG_20170419_170933
Recibindo ás mulleres

O que non se di con palabras

A comunicación non verbal é, antes que a linguaxe, unha parte esencial do sistema de comunicación humano. Tamén é o vehículo para moitas das transaccións humanas que o discurso non pode comunicar por si só. Cando comezamos unha interacción con alguén que resulta descoñecido, adoitamos non achegarnos moito, mostrarnos reticentes a falar de certas cousas ou, coma quen di, a cortarnos un chisco.

O dito era evidente nos primeiros minutos das reunións: resulta difícil romper o xeo, para elas e para nós. A medida que transcorrían os minutos esta situación cambiaba: o nerviosismo amainaba, as cadeiras achegábanse cada vez máis ó resto e xerábase un ambiente de coloquio informal e agradable. As participantes falaban máis e a conversa fluía.

Compartir é aprender

Día a día relacionámonos con moitas persoas diferentes e dámonos conta de que é certo o dito que “cada persoa é un mundo”. Nesta diferenza reside a riqueza das relacións humanas, que de xeito inherente xeran coñecemento. O contacto e a construción de experiencias con outras persoas diferentes ao que nós pensamos fannos crecer, xa que temos que esforzarnos por comprendernos.

Isto último non resulta tan complexo, se temos en conta que a maior parte das persoas compartimos algunhas ideas, necesidades e intereses comúns; por iso, as relacións interpersoais son una busca permanente de convivencia positiva entre persoas de diferente idade e cultura, entre outras características.

A parte de axudarnos a nós, pensades que vos valeu de algo a vós mesmas estes exercicios?

DSC_0568

Mulleres nunha das reunións

 

As integrantes coincidiron ó instante dicindo que a elas sempre lles gustou escoitar as opinións dos demais e con isto, aprender cousas novas. Elena Rivas comentaba: «persoalmente valeume para parar un momento o caos diario e reflexionar, que é algo moi san».

Todas as reunións que mantivemos coas participantes do Círculo foron un intercambio constante de información e de novos coñecementos; saímos beneficiados todos, crecemos coma xornalistas e o máis importante: coma persoas.

Credes que tratamos de xeito correcto o tema que pretendemos abarcar?

Unha vez máis, foi Pilar a primeira en responder: «fixéstelo moi ben, o que me parece triste é que non sexa difícil atopar noticias como as que analizamos, tedes moito traballo por facer cando cheguedes a exercer». Botando unha ollada cara atrás, esta muller, referíndose ó acoso laboral , reiteraba o que xa Mabel expuxera: «os protocolos de prevención deberían existir en todas as empresas, como parte da educación das persoas». Elena afirmaba tamén: «palpábase o agradecemento, a atención e o interese nas reunións: re preguntando, puntualizando e afondando nos nosos pensamentos».

Sandra notaba que cos comentarios ou coas preguntas que lles faciamos nas reunións, tentábamos que reaccionaran e responderan dunha forma determinada: «supoño que iso tamén é o que tedes que facer como xornalistas, buscarnos as cóxegas».

Sentides que valoramos a vosa participación e que tivemos en conta a vosa axuda?

As nosas integrantes dicían que esperaban ter sido de axuda para nós, Mabel comentaba que o seu obxectivo era o de axudarnos e que consideraba a súa participación útil, posto que para ela: «unha das mellores tarefas é a relación e o encontro coa vosa xeración. Poder compartir a vosa curiosidade e compromiso coa igualdade e unha garantía de futuro». Unha das nosas maiores satisfaccións foi escoitar que elas sentiron que tamén as axudamos e lles outorgamos novas formas de ver a realidade. Como xa dixemos, o intercambio de distintos puntos de vista é bo para todas as partes. «Gustoume ver tamén o voso parecer en distintos temas, había moitas cousas das que eu non era consciente», expresaba Pilar cun sorriso na cara.

_20170420_151617
As mulleres analizando as novas

Credes que a nosa forma de tratar o tema lle outorgou a visibilidade necesaria?

Ante esta pregunta, Mabel reflexionaba seriamente: «como futuros xornalistas tedes unha responsabilidade social ligada a calidade do voso traballo. Asumir un compromiso coa igualdade non significa unha grande revolución, pero implica un traballo quedo, cotiá e continuado, que titular a titular e artigo a artigo, vaia impregnando a esta sociedade doutras formas de contar e de nomear as mulleres, e o que nos acontece, dende unha perspectiva real, non estereotipada». A muller remataba dicindo que o fuxir do tópico e establecer novas formas de respecto e unha excelente tarefa que xa temos iniciada.

Sandra dicía que todo o que fixemos nos encontros: «é o que hai que facer, e xa que están os titulares escritos e ninguén os retira hai que darlles caña doutra maneira. O que fixemos é unha forma». Esta muller tamén nos felicitaba pola creación do correo feminista : «pareceume unha moi boa idea», remataba dicindo.

Pilar comentábanos que lle resultara moi interesante o post de Ana Cuíñas sobre a muller na administración pública«non me esperaba que lle fixera unha entrevista a unha policía e a verdade é que me gustou moito»

De novo, Ángela Fraga deunos as grazas: «notei que vos interesaba a nosa traxectoria e gustaríame felicitarvos tamén pola humildade que tivestes, nas profesións isto é moi necesario (…), nós non temos que saber de todo e o guai e que hai outras persoas que si saben e nos poden orientar». Esta muller remataba as súas palabras desexando vernos polos xornais «dando caña».

A reunión remataba cunha reflexión común: «hai que comezar desde abaixo, educando. A base de todo é a educación igualitaria desde que somos rapaces». Así mesmo, Pilar non dubidou en compartir con nós unhas últimas palabras que, como mulleres neste mundo, temos que ter moi presente: «Fórmate, prepárate; de xeito que non teñas que depender de ninguén».

Para rematar definitivamente, o noso grupo lanzou unha pregunta ó aire: se forades nós, que fariades para elaborar este proxecto? Tras cavilar uns segundos, a resposta foi a seguinte: «eu tería traído a un home, sería un punto de vista moi interesante para contrastar», sentenciaba Sandra Rosendo. Ángela Fraga comentábanos que estaría ben, para a nosa organización interna, establecer uns protocolos de actuación para orientar as mulleres nas reunión.

En suma, a maioría incidían sobre todo no detalle comentado por Sandra, a idea de contrastar opinións parecíalles fundamental, e lamentaban que por problemas de conciliación, non fora posible coincidir as 5 mulleres do noso Círculo xuntas, ó mesmo tempo. A pesar de que a etapa do proxecto chega ó seu remate, puxémonos de acordo en organizar unha reunión “extra oficial” na que, con total liberdade, puidesen asistir todas.

E nós…

Non só foron as integrantes do noso círculo as que marcharon con sentimentos positivos para as súas casas. Nós mesmos sentimos que o noso proxecto nos axudou a afondar neste tema que non todos dominabamos, coñecendo toda diversidade de opinións e pensamentos ó respecto. Aínda que é certo que tivemos certos problemas á hora de conformar o grupo, ó final conseguimos que 5 mulleres se animasen a seguir colaborando durante todo o cuadrimestre connosco.

O saber escoitar e o poder crear unha atmosfera de confianza fainos medrar, e non esperabamos que o contacto co círculo fora ser tan cercano e tranquilo. Nós mesmos nos mergullamos ata o fondo nesta experiencia tan especial.  Por esta razón, esperamos que a idea de facer outra reunión “extra oficial” siga adiante e poidamos aproveitar ó máximo todo o que as nosas integrantes nos teñen por ofrecer.

Integrantes do grupo: S2A

  • Cuíñas Obeso S2A1
  • Crujeiras Losada S2A2
  • Gómez López SDA3
  • Gómez Fernández S2A4
  • Grande Carral S2A5
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s