Camiño a novos modos de consumo

Comezamos este proxecto plantexándonos que sabemos sobre o comercio xusto e que importancia lle damos á nosa alimentación. Como vimos repetindo estes últimos meses, a  alimentación é a base das nosas vidas e pareceunos importante embarcarnos na difusión deste modo de produción e venda de alimentos para concienciar de que é posible cambiar o mundo con pequenos xestos no noso día a día.

Démonos conta rapidamente da necesidade de tratar este tema a través do observatorio, xa que tras as primeiras enquisas a pé de rúa constatamos o descoñecemento que a poboación en xeral ten dos modos alternativos de consumo, así como das consecuencias que derivan do actual modelo de gasto capitalista. Ademais, sorprendeunos comprobar como os máis novos, supostamente máis informados e conscientes que os maiores respecto a algúns aspectos como por exemplo, a pegada ecolóxica, non consumían case ningún produto ecolóxico, aludindo á comodidade e ao pragmatismo.

Para iso, formamos un círculo de lectura crítica composto por membros que non só se adican a esto como un traballo senon que día a día predican o comercio xusto como o único modo de vida posible. María, Esteban, Conchi ou Xose Manuel. Cooperativistas, agricultora e apicultor. Membros de asociacións, donos de tendas… todos e todas traballadores a prol do comercio xusto e ecolóxico.

Segunda
Xose Manuel, Esteban e María nunha das reunións

Tratamento nos medios

O comercio xusto está completamente invisibilizado nos medios de comunicación, e como resultado a cidadanía descoñece realmente a orixe, a historia, o fin e as características do comercio xusto. Por iso, unha das nosas prioridades era intentar, dentro das nosas posibilidades, ofrecer unha solución a este problema. Investigando e analizando distintas publicacións, tanto escritas como audiovisuais, decatámonos de que o comercio xusto era tratado unicamente dende unha perspectiva: pequenas accións illadas promovidas por asociacións de pequeno tamano e escasa importancia.

Os participantes no noso círculo confirmaron esta idea que viñamos traballando. Ademais, identificaron á percepción varios problemas presentes nos medios que se acusan, aínda máis, neste tema: a escasa investigación e profundización nos temas tratados; unha falta de interese preocupante. Por outra banda, cando estas organizacións conseguen algo de protagonismo, sorpréndense do tratamento paternalista e “buenista” (en palabras dos propios participantes) que reciben as súas accións.

Por outra parte confirmáronnos, non só que existía un gran descoñecemento do comercio xusto por parte da sociedade, senón que ademais, os poucos datos que tiñan eran, moitas veces errados. Constatados a gran cantidade de tópicos e estereotipos que estaban ben anclados na maior parte da xente, propuxémonos o obxectivo de aclarar certas ideas preconcibidas como que o comercio xusto era unha moda ou que unicamente afecta ás sociedades do sur.

Como e onde consumir productos ecolóxicos e de comercio xusto?

O comercio xusto ubícase nunha corrente máis ampla de cambio sistémico, económico e global.  No desenvolvemento do proxecto descubrimos non hai un motivo único para consumir comercio xusto pero todos contribúen a xerar un cambio nas relacións internacionais norte-sur e no trato que reciben os pequenos produtores de todo o mundo, o fin última do comercio xusto

Para convertírmonos en consumidores conscientes é preciso un longo proceso de deconstrución persoal e reaprendizaxe. Para comezar, é necesario ter moi en conta a orixe dos produtos que consumimos, así como as condicións nas que foi elaborado. O respeto e a dignificación do traballo dos produtores e produtoras é vital para humanizar o produto, como recordou María Paz de Solidariedade Internacional nunha das nosas reunións. Con humanizar o produto referímonos a valorar o esforzo e os dereitos dos produtores/as e, por suposto, a pagarlles un salario xusto e digno. Por outra parte, o movemento do comercio xusto aposta tamén por un tipo de comercio sen intermediarios, co obxectivo de favorecer as relacións interpersoais e rescatar o trato cercano entre quen vende e quen consome.

O actual sistema económico e social que rexe as nosas comunidades está baseado na explotación e na extorsión co único fin de favorecer aos máis ricos, acrecentando así as desigualdades sociais no mundo. Esta é a realidade de moitos países do sur, pero en certa medida, é tamén a realidade dos nosos países. O ámbito da saúde e a alimentación é un dos máis rendibles para o sistema e hoxe en día, cando ser saludable estase convertendo nunha moda, éo máis que nunca. As grandes marcas e corporacións non deixan escapar a oportunidade de beneficiarse do ‘boom ecolóxico’ e sen dúbida, lánzanse a fabricar produtos, aparentemente naturais e ecolóxicos, para comercializar a gran escala.

belvis
Postos no Mercado Entre Lusco e Fusco de Belvís

Polo tanto, é labor do consumidor escoller onde mercar, pero, que hai que ter en conta á hora de elixir un establecemento ou outro? Como saber o verdadeiro valor nutricional e a orixe dun produto? Xa non como consumidores senon como cidadanía consciente debemos interesarnos por eses aspectos que nos afectan directamente, a nós e aos demais. Como recomendacións xerais, o movemento de comercio xusto insta a consumir produto fresco, local e de tempada, aproveitando as múltiples opcións que temos de consumo alternativo. Tamén é recomendable asistir a cursos e obradoiros en pro da reeducación alimentaria e ecolóxica, así como de uns hábitos de consumo máis responsables e sostibles.

Traballo común e conclusións

Un dos nosos maiores retos foi a gravación dun programa de radio no Mercado de Abastos. Con el, pretendimos dárlles aos compoñentes do noso círculo esa voz que habitualmente non se lles ofrece nos circuítos convencionais de comunicación. Foi unha actividade apaixoante e traballada e simplemente o feito de establecermonos nun lugar de paso da poboación e turismo composteláns xa foi un modo de visibilizar ao noso modo o comercio xusto. Se queredes escoitar o resultado, neste enlace podedes atopar o programa.  http://www.ivoox.com/player_ej_18120205_4_1.html?c1=ff6600

Os membros do noso círculo amósaronse entusiasmados co proxecto. Tanto foi así que a nosa colaboración non remata coa fin deste traballo. Poderédenos atopar colaborando con eles na semana do comercio xusto na USC ou na semana ecolóxica coincidindo coas festas locais da Ascensión.

Participar no voso proxecto foi un placer, non un traballo, que nos anima a continuar con máis forza ver a persoas así de implicadas en diversos ámbitos. Esteban, Panxea.

Ver ás as novas xeracións, concretamente estudantes de xornalismo, preocupadas polo consumo responsable é gratificante e esperanzador. Xosé Manuel Durán, A cesta da saúde.

Encantoume colaborar con vós, o voso traballo foi de gran utilidade. Grazas. María Paz, Solidariedade Internacional.

Bibliografía:

  • Coordinadora galega de ONG ́S para o desenvolvemento. O comercio xusto en Galicia. Santiago de Compostela, España: La Ibérica.
  • Gendron, C. Palma Torres, A. Bisaillon, V. (2009) El comercio justo. Hacia nuevas formas de gobierno en el intercambio. Bizkaia, España: Txalaparta.
  • INTERMÓN(1996) Semana de la solidaridad. Comercio justo, consumo responsable. Barcelona, España: Ediciones Octaedro.
  • IDEAS. (2016) Guía de buenas prácticas empresariales en compra responsable y comercio justo. IDEAS.
  • IDEAS. (2016) Guía para la compra responsable con los derechos humanos y el  comercio justo. IDEAS.
  • Stiglitz, J. E. (2007) Comercio justo para todos: cómo el comercio puede promover el desarrollo.  Madrid: Taurus.

Decimos adeus ao observatorio pero nunca ao comercio xusto. Esto non acaba máis que comezar.  Apertas éticas

Uxía Castro Martínez

Eva Montero Martínez

Ángela Rodríguez Lanza

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s