‘Tesi’ Barral: “Santiago, cal é o teu camiño? Compostela, cara onde vas?”

A orixe do movemento veciñal organizado tal como o coñecemos na actualidade remóntase a década de 1970 nun intento da cidadanía por achegarse máis a toma de decisións políticas levadas a cabo, principalmente, polas institucións locais. Estas accións constitúen unha parte dun modelo que busca una identificación coas democracias de carácter máis participativo onde o cidadán non estea relegado a un rol pasivo, senón que participe directamente na vida política da súa cidade.

No Observatorio Cidadán de Comunicación, o grupo de Modelo de Cidade buscou comprender que significa formar parte dunha asociación de veciños, que papel xogan no desenvolvemento da vida política de Santiago de Compostela e cal é a súa relación co Concello.

Falando cos veciños e veciñas

Para o noso traballo, contamos coa gratificante colaboración de Mª Cruz Vázquez, da AV Ponte Sionlla; ‘Tesi’ Barral, da AV As Brañas de Andrés; Xulia Guntín, da AV Santa Marta – Choupana; Luis Matos, da AV Doutor Maceira e, de xeito puntual, Marién Delgado, da AV Pontepedriña. O noso proceso de escolma viuse condicionado polo interese en coñecer a opinión de barrios e zonas da capital galega consideradas de “extraradio” ou “rural”.

Mantivemos un total de catro reunións na sede da As Brañas de Andrés. Nos nosos encontros atopámonos cunha opinión case xeneralizada entre os participantes: existe falta de comunicación entre o Concello e o Movemento Veciñal OrganizadoOs presidentes das asociacións concordaban en que, en moitas ocasións, as súas queixas non foron ben recibidas polos membros do Goberno, que paradoxalmente predican un maior achegamento á democracia participativa no seu programa electoral, apoiándose en proxectos tan controvertidos na súa execución como os Orzamentos Participativos.

Tamén puxemos o noso punto de mira na evolución que esta relación da veciñanza co Concello experimentou ao longo dos últimos anos de convivencia democrática. As actitudes, as prespectivas e os cambios dende os anos 80. E falamos sobre os medios de comunicación, as súas dependencias económicas e políticas, e os seus comportamentos propagandísticos ao servizo dunha idea preconcebida de cidade.

Accións de servizo

WhatsApp Image 2017-04-20 at 14.59.16
Os alumnos participantes do IES Rosalía de Castro.

Froito deste diálogo coa veciñanza, puxémonos en acción e traballamos en tres eixos de servizo comunitario. Primeiro, fomos ao IES Rosalía de Castro e contactamos con rapazas e rapaces de instituto. Que pensan sobre a súa cidade? E do movemento veciñal? Do papel dos medios? Colaboraron connosco e contribuíron a formar unha pata do relato colectivo que pretendiamos.

Tamén artellamos un sociodrama participativo coa execución de tres pezas de microteatro sobre os eixos temáticos que xurdiron no traballo cos veciños e veciñas. O final dun camiño de expresión e atención reclamado polos membros do círculo.

IMG_0621.JPG
No debate falouse da participación veciñal e do modelo de cidade ao que se aspira en Compostela.

Como colofón, puxemos a andar o COMPOSTELA DEBATE, unha acción de reflexión e diálogo colectivo na que quixemos confrontar as teses dos representantes veciñais e dos representantes do Concello. Tivo lugar o pasado martes, día de 18 de abril, e contou coa participación de Rubén Cela (BNG), Jorge Duarte (Compostela Aberta), Agustín Hernández (PP) e Paco Reyes (PSdeG-PSOE).

 

Esta acción, que rexistrou un importante impacto e que foi recibida con parabéns pola maior parte dos axentes da cidade, supuxo unha iniciativa pioneira da que todos os participantes agardan continuidade e camiñou na liña dunha mellora na comunicación entre ambas lexitimidades de representación. 

En palabras da veciñanza…

Cruz publicación individual
“Se queres que a xente participe, o primeiro que tes é que escoitala”, un principio  fundamental segundo Cruz Vázquez.

Para Mª Cruz Vázquez Veiga, presidenta da Asociación de Veciños de Ponte Sionlla e secretaria da Federación de Veciños do Rural, o traballo realizado polo grupo de Modelo de Cidade “merece unha alta valoración“. Parabeniza o traballo de todos os membros do grupo no marco das actividades do  Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC).

Manifesta a súa “total satisfacción por ter a oportunidade de traballar con eles, pois achegáronme moito e bo”. Por último, destaca tamén que “o desenvolvemento das reunións, a selección dos temas a tratar e o seu plantexamento foi rigoroso e de gran interese en fondo e forma”.

Anima a “seguir loitando polas cousas ben feitas“.

Tesi Barral
“Os xornalistas son un arma de dobre filo”, comentaba ‘Tesi’ no último encontro.

Mª Teresa ‘Tesi’ Barral Ameigeiras, presidenta da Asociación de Veciños As Brañas de Andrés, pensa que a metodoloxía do traballo, a través das entrevistas e reunións mantidas no local, “é unha boa maneira de expresar ás nosas opinións sobre os temas tratados”. Así mesmo, cre que é “unha maneira amena de traballar, pois o moderador ao facer ás preguntas conduce o tema pero déixate falar e expresarte a túa maneira e invita ao diálogo cos demais compañeiros”.

“A pesar da súa xuventude percibín unha profesionalidade excepcional, non só no trato cara nós senón na maneira de traballar coidando os detalles e o equipo audiovisual”, sinala unha das representantes do asociacionismo no Consello de Relacións Veciñais.

“Foi unha experiencia enriquecedora na interrelación entre persoas de diferentes  idades e profesións,  na que cada un puído expresar libremente a súa opinión”, conclúe Tesi. “Só queda reflexionar”, di, “Santiago, cal é o teu camiño? Compostela, cara onde vas?”

Luis Matos
Segundo Luis Matos, as asociacións de veciños foron “convidados de pedra” nos orzamentos participativos da cidade.

A experiencia de Luis Matos no Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC) “foi moi positiva, pois serviume para poñer en común distintos puntos de vista sobre a problemática actual do Concello de Santiago”. “Tamén repasamos a evolución do movemento veciñal ao longo do tempo e valoramos o papel dos distintos rexedores  xunto coas repercusións positivas e negativas da súa actuación”, lembra o presidente da Asocicación de Veciños Doutor Maceira.

“Resultou moi enriquecedor poder compartir cos futuros xornalistas temas de gran interese e gratifica comprobar o seu potencial, que a bo seguro se vai materializar nun brillante futuro profesional a pesar dos lamentables atrancos que están a padecer para unha doada inserción laboral”, sinala como reflexión final.

Xulia Guntín, presidenta da Asociación de Veciños Santa Marta-Choupana, refírese ao proxecto como “unha iniciativa sorprendente e unha experiencia tremendamente positiva”, por dúas razóns, menciona, “primeira, demostra que na nosa universidade temos xente con moito talento, con inquedanzas e ambición para formarse como profesionais competentes e comprometidos coa súa contorna”. Por outra parte, resalta a capacidade de  “xerar un espazo confortable para partillar as nosas reflexións sobre o presente e futuro da cidade”.

Xuuulia
Para Xulia Guntín, o actual grupo de goberno representa tamén “unha ruptura xeracional”.

“Como mulleres e homes que pensamos desde os barrios nos que vivimos, a posta en común das nosas preocupacións, das nosas críticas e autocríticas, das nosas propostas, amplía a nosa perspectiva do que acontece no conxunto da cidade, do Concello”, reflexiona.  

“No camiño que temos por diante”, di, “tócanos repensar o que as asociacións de veciños debemos achegar para construír a Compostela, capital do país, integradora, viva e sostible do século XXI.  Agardemos que nos acompañen nestas reflexións quen nos goberna (e quen está na oposición)”, remacha. 

Integrantes do GT S1F:

Calviño Tato, S1F

Rodríguez Olivares, S1F2

Santos López, S1F3

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s