Viaxando no tempo e no espazo: migración do século pasado

A nosa comunidade está chea de historias de migración que marcaron varias xeracións das familias galegas. A elección do noso tema de traballo non foi casual, polo tanto. Un par de meses despois de emprender esta andanza, sabemos que tampouco foi equivocada. Sara, Evaristo, María e Paco ofrecéronnos a oportunidade de coñecer a fondo as súas experiencias como migrantes retornados. Deles, das súas historias vitais, aprendemos moito.

Dende un primeiro intre, era palpable entre os membros do Círculo o entusiasmo por poder compartir as súas vivencias connosco. Se ben nos minutos iniciais a timidez freaba o discorrer das palabras, pronto ardía a conversa. “Dá gusto que uns estudantes coma vós veñades falar disto aquí”, dicía María Rey nunha das nosas reunións. “Iso é sinal de que algo vai cambiando”, engadía en referencia á concepción que se ten da migración actual, outro dos puntos chave nas xuntanzas. E é que, malia que eles migraron aló pola metade do século pasado, a situación actual non dista tanto daquela. “As miñas fillas están en Londres agora, onde estivera eu antes”, exemplificaba Sara Lens.

Paralelamente, era inevitable non tocar o tema dos refuxiados, unha das realidades que está máis á orde do día no tocante aos movementos migratorios. Chamounos a atención a opinión tan clara que mostraron ter os integrantes do Círculo acerca da distorsión que detectan nos medios de comunicación á hora de se tratar este asunto. Asociando estes novos migrantes ao aumento de violencia, ao terrorismo, ao desemprego, etc… o único que se consegue é alimentar os prexuízos e os clichés que ten a sociedade. “Está ben que vós non caiades neses tópicos que circulan por aí adiante, como os dos galegos. Mirade a televisión e xa veredes que imaxe se dá de nós”, apuntaba Sara. Neste sentido, manifestábanse agradecidos: “Vós vides falar con nós e así coñecedes como é a migración real”, deixando de lado as suposicións.

As reunións: aprender uns dos outros

Posto que un dos nosos principais obxectivos era xustamente dar a coñecer as voces dos verdadeiros protagonistas, acordamos tres xuntanzas cos compoñentes do grupo para alimentar a comunicación entre uns e outros. A pesar de que xa se coñecían de antes, e de seguro xa tiñan falado da súa época no estranxeiro, foi interesante ver como comparaban as súas propias situacións. Migraron na mesma etapa, pero a diversidade de experiencias marcou o ritmo da conversa. Paco, por exemplo, confesaba que a del fora unha “migración distinta, case por capricho”, posto que procedía dunha familia cun nivel económico superior ao da maioría. Laiábase Evaristo de que non todos tiveran esa sorte.

Como xa temos dito, os casos de migración en Galicia non foron unha cuestión puntual, senón que todos coñecemos a alguén que vivira esa situación. Aproveitamos iso para confrontar máis exemplos. Avós, tíos, veciños…, encadeamos as historias que estes nos contaran e introducímolas na conversa. Deste modo, a comunicación tornou moito máis fluída e natural. Todos tiñamos algo que aportar dos nosos achegados.

WhatsApp Image 2017-03-14 at 23.31.59

Do mesmo xeito, resultou moi estimulante tratar con persoas dunha idade tan lonxana á nosa. Ao pertenceren á terceira idade, agardabamos deles que tiveran unha perspectiva da vida acorde a iso; é dicir, a sociedade cambia, as maneiras de pensar evolucionan un pouco á súa par. Mais a nosa sorpresa, por dicilo así, foi descubrir unhas mentes moito máis abertas cás de moitos rapaces novos. Tivemos ocasión de comprobalo cando xurdían reflexións sobre política, machismo ou incluso sexualidade.

Reactivando o pasado no presente

Ademais de ter un punto de vista moi tolerante, os membros do noso Círculo mostráronse activos tamén. Nós non quixemos reducir só a palabras os seus relatos, así que pensamos amplificar esas historias verbais a algo físico que chegara a máis xente. Fotografías, cartas escritas a man, documentos… Son obxectos que acompañaron a estes migrantes retornados ao longo da súa experiencia. Que mellor que amosar iso a carón dun mapa no que eles mesmos ían marcando os países destino? “É outra forma de lembrar eses anos”, dicía María referíndose ao mural que creamos xuntos e que logo colgamos nunha parede do Centro Sociocultural O Ensanche. Evaristo, pola súa parte, comentaba que “non é que teñamos moitas fotografías de hai tanto tempo, así que sempre gusta velas“.

IMG_2958.JPG

Así, traendo á actualidade esas memorias non tan pasadas, pretendemos non deixalas caer no esquecemento. Forman parte da nosa historia como pobo e precisan ser visibilizadas. “Interesástesvos moito pola vida de cando nós migramos e falamos cousas que é conveniente que saiba máis xente“, opinaba María sobre o noso traballo. Xustamente para iso, para facer a máis xente coñecedora deste asunto, traballamos durante estes meses. “A ver se vós non tedes que migrar cando rematedes a carreira”, dicía Evaristo, “igual así podedes cambiar algo as cousas cando traballedes disto”. Unha petición ao mundo do xornalismo de cara a mudar esa chea de informacións inadecuadas que asolagan os medios.

Integrantes do grupo
  • López López S3A1
  • Losada Gómez S3A2
  • Lozano Figueira S3A3
  • Martínez Viso S3A4
  • Méndez Veiga S3A5
  • Romero Pérez S3A6
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s