A (in)seguridade viaria en Santiago de Compostela

 

S2A

Hoxe en día, a sociedade ten un acceso sen precedentes a documentos, fontes ou novas publicadas por cabeceiras de todo o mundo. Pero, xunto con estas oportunidades, a era dixital presenta grandes desafíos. A cantidade de información non sempre se traduce en calidade e reflexión e, en moitos casos, a rapidez é inimiga da pluralidade e da subxectividade da mirada. Por iso, o xornalismo debe sosegarse, crear un espazo para a investigación e defender o contacto humano en torno a certos temas que quedan relegados ó puramente anecdótico.

Este é o caso da seguridade viaria, unha realidade que afecta a todos os cidadáns e é un dos maiores retos aos que se teñen que enfrontar as cidades deste século. En Santiago de Compostela, a situación respecto a este tema é de claro abandono. O Pacto Local pola Mobilidade non foi quen de poñer en marcha un plan estratéxico que solvente os principais problemas da urbe: tráfico, mantemento das vías e o artellamento de vehículos privados, outros medios de transporte e peóns. Xa que logo, faise necesario escoitar e darlles voz aos distintos colectivos afectados por esta problemática.

seguridad-vialFonte: MisionesCuatro.com

Os medios de comunicación ofrecen unha información superficial sobre a seguridade viaria na cidade. Limítanse, as máis das veces, a denunciar situacións puntuais ou casos graves de accidente ou atropelo. E isto, de certa maneira, impide unha análise conxunta do problema, que o evidencie, pero que tamén propoña solucións e dea alternativas. Precisamente ese será o papel que adoptará este proxecto nos próximos meses.

Un problema capital

A importancia da seguridade viaria na vida de todos os cidadáns fai imprescindible que os medios de comunicación realicen un tratamento apropiado das informacións e do seu poder para xerar opinión pública. Así o recolle o Código Deontolóxico da asociación Stop Accidentes, que aposta porque o xornalismo contribúa a transmitir valores cívicos a través de informacións responsables, así como a crear conciencia e rexeitamento social cara a determinadas condutas. Dende a prensa son poucas, ou cando menos insuficientes, as accións que se dirixen a este fin. Non se fai unha observación global, o que dificulta atallar o problema de raíz.

Algo semellante sucede nas institucións. A seguridade viaria só se sitúa no foco político ante situacións graves ou de caos puntual. Como se dixo, o Pacto Local queda curto e non aporta melloras sustanciais nin propón accións específicas. Son as denuncias da sociedade civil, sobre todo a través das organizacións veciñais e outras asociacións comunitarias, as que fomentan a toma de medidas que melloran a calidade e seguranza en Santiago de Compostela.

A voz dos afectados

Dende este grupo do Observatorio preténdese poñer a disposición da cidadanía un altofalante, unha plataforma para dar a coñecer as eivas da seguridade viaria en Santiago de Compostela e as principais áreas e colectivos afectados por esta problemática. Ademais, vaise crear un espazo para demandar, debater, propoñer e investigar, así como para analizar o papel dos medios de comunicación neste campo. Contarase, así, coa participación da delegada en Galicia de Stop Accidentes, un representante da Asociación Cívica Composcleta, o director da Autoescola Santa Eulalia, o presidente da compañía Radio Taxi Compostela e un membro do Colexio de Xornalistas para a creación dun círculo de lectura crítica arredor desta temática.

Da man deste grupo de persoas, que poderá ampliarse nun futuro, este proxecto pretende facer visible e crear conciencia sobre os problemas e as consecuencias que poden derivar da inseguridade viaria. Como xornalistas, non podemos esquecer que parte do oficio implica vivir, ver e escoitar, para logo levar a cabo accións que cambien as cousas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s