A estigmatización dos enfermos mentais

López Iglesias

A pesar de que se estima que unha de cada catro persoas sufrirá algún tipo de trastorno mental no transcurso da súa vida, a xente que padece este tipo de doenzas adoita ser vítima da incomprensión, a desconfianza ou o rexeitamento de boa parte da sociedade. Nesta realidade xoga un papel determinante o descoñecemento xeral acerca da saúde mental e a conseguinte multitude de prexuízos e estereotipos que existen sobre os enfermos mentais. 

A estigmatización deste colectivo foi unha constante ao longo da historia. Pode verse desde a Antigüidade na civilización sumeria ou na cultura xudía, cando os trastornos mentais se entendían en base a concepcións máxico-relixiosas, xeralmente como posesións diabólicas.

Paralelamente, no ámbito grecorromano tamén se observa unha tendencia incipiente a analizar este tipo de doenzas desde unha perspectiva científica, por exemplo coas clasificacións dos trastornos estabelecidas por Hipócrates e, máis tarde, por Celso. En Grecia nese período comezaron a empregarse técnicas que logo desenvolvería a psicanálise no s. XX, como a interpretación dos soños ou o diálogo terapéutico co paciente. Máis agresivos eran os métodos de Celso, que apostaba polos confinamentos e por terapias daniñas para o paciente.

A liña protocientífica rematou abruptamente na Idade Media, cando a importancia da relixión na sociedade reforzou a explicación demoníaca. Asemade tamén se crearon contra finais do século XIII as primeiras seccións psiquiátricas nos hospitais, que logo darían paso xa aos primeiros hospitais psiquiátricos.  O Renacemento foi, pola súa parte, un período negro no que se puxeron en práctica métodos brutais, até o extremo de intentar salvar as almas dos doentes mediante a tortura.

Xa modernamente, a partir dos séculos XVII e XVIII, optouse pola súa reclusión forzosa en diversas institucións situadas na periferia das cidades, como o Hospital de Salpêtrière en París ou o de Bethlem en Londres. Foi no século XIX cando xurdiron diferentes médicos que fixeron contribucións fundamentais á psiquiatría, como Pinel, Esquirol ou Morel, provocando un cambio na maneira de tratar os trastornos mentais que se consolidaría no XX coa decisiva aparición dos psicofármacos.

Aínda que a situación actual é, sen dúbida, moito mellor, o peso do estigma no tocante á enfermidade mental segue profundamente arraigado na nosa cultura e na conciencia colectiva. Perviven moitos tópicos e ideas preconcibidas que condicionan enormemente a vida da xente que padece un trastorno mental, dificultándolle unha adecuada integración social e, polo tanto, afectando á súa vida cotiá e mesmo á propia concepción de si mesma.

Hoxe en día e desde a súa aparición, os medios de comunicación de masas teñen un papel crucial na visión que se ten dos enfermos mentais, dada a súa capacidade de influencia e penetración social. Poden reforzar os prexuízos e estigmas xa existentes, actuando como amplificadores do statu quo, ou combatelos apostando activamente por dar a coñecer a realidade dos doentes e as súas enfermidades, desmontando mitos e empregando tamén criterios alternativos para elaborar os seus contidos sobre saúde mental de maneira non tendenciosa.

Medios e estigmatización: consolidación dos prexuízos

O primeiro dos comportamentos está amplamente estudado e analizado. Os medios de comunicación, en especial a televisión polo seu potencial de espectacularización, son un dos mecanismos de estigmatización máis poderosos, por ser a principal ou incluso a única canle de información sobre trastornos mentais para gran parte da poboación. Nos contidos informativos sobre o tema adoita realizarse unha representación negativa dos doentes, por exemplo mediante a atribución a estes de trazos desfavorábeis: perigosidade, imprevisibilidade, comportamentos violentos, etc.

O estigma da violencia afecta especialmente aos pacientes de trastornos psicóticos, a miúdo identificados nas noticias exclusivamente con alusións a esta característica súa se son protagonistas de algún suceso violento, con apelativos como “o psicótico” ou “o esquizofrénico”. Deste xeito, a procura do morbo leva á construción mediática dunha relación entre estas doenzas e a violencia sen ter en conta que os estudos amosan que só unha pequena parte de quen as padece actúa violentamente.

Tamén destaca o elevado uso de termos relacionados co ámbito da saúde mental en relación coa cantidade de contidos que tratan o tema. Isto débese ao uso de palabras técnicas en contextos inapropiados, sexa como recurso literario en crónicas deportivas ou directamente de maneira pexorativa en artigos de opinión. A mala utilización destas categorías leva a moita xente a formarse ideas erróneas acerca dos efectos ou consecuencias de determinadas enfermidades mentais.

tio-llegint-el-diari

Autor: Sergi Balfegó

As causas destas prácticas son múltiples e variadas, pero non se poden desligar das condicións de produción no ámbito do xornalismo. A precariedade do sector, coa conseguinte necesidade de cubrir temas de moi diferente índole sobre os que non se ten un adecuado coñecemento, así como os elevados ritmos de traballo das redaccións, provocan que moitos profesionais non poñan toda a atención e coidado que deberían cando elaboran algunha noticia relacionada coa saúde mental. O sensacionalismo tamén pode ser unha tentación ante a esixencia de conseguir o maior número posíbel de visitas ou visionados.

Ademais, cómpre ter presente que o xornalista é, en primeira instancia, un cidadán máis, nacido nun determinado entorno sociocultural e influído tamén polas crenzas e estereotipos comúns, que o condicionan inevitabelmente. Precisa, xa que logo, tomar consciencia da súa responsabilidade social e non actuar pasivamente como un mero soporte de todos os estigmas e prexuízos que afectan aos enfermos mentais. Por sorte, isto comeza a ser máis habitual.

Cara unha comunicación non estigmatizante

Nos últimos tempos, puxéronse en marcha no conxunto do Estado interesantes iniciativas que pretenden mudar a representación da saúde mental nos medios de comunicación. É o caso da estratexia 1decada4, impulsada pola Xunta de Andalucía e dirixida en parte aos medios, ou da plataforma social catalá Obertament. Ambos proxectos posúen unha dobre vertente, fiscalizadora e propositiva, xa que analizan criticamente as informacións publicadas e formulan recomendacións xerais para elaboralas doutra maneira, ademais de contar cun buzón onde se pode enviar a referencia de contidos considerados inadecuados. Xa no ámbito galego, destaca a guía de estilo elaborada pola Confederación Española de Agrupaciones de Familiares y Personas con Enfermedad Mental (FEAFES), especialmente pola súa rama galega.

 

7 comentarios en “A estigmatización dos enfermos mentais

  1. No que toca á selección de fontes mediante enlace, prégaselle teñan en conta a información local ou do ámbito galego, no posible e canto máis actual, mellor. Canto a escritas que desenvolvan unha síntese de carácter histórico, de igoal xeito, prégase maior coidado e rigorsidade. Grazas.

    Gústame

  2. O repaso histórico que facedes é, sen dúbida, unha maneira moi interesante de fiscalizar o tratamento das enfermedades mentais por parte da sociedade ao longo do tempo. Por unha banda, o artigo favorece que xurdan certos interrogantes: por exemplo, que resultados obtiveron na Antiga Grecia coa utilización deses métodos previos á psicoanálise? ou, quenes foron os primeiros en deseñar os psicofármacos e que enfermedades trataban? Por outra banda, non podo estar máis de acordo co que se menciona sobre o tratamento dos
    prexuízos e da violencia nos medios nestes casos. Por exemplo, en varias novas http://www.lne.es/gijon/2018/02/21/parricida-monteana-culpable-homicidio/2242389.html sobre casos de asasinatos alégase que os homicidas padecían trastornos mentais. Neste caso dubido que se trate de sensacionalismo, polo menos nos principais medios de comunicación. Coido que é froito, máis ben, do medo que produce algo imprevisible como a mente humana. Ademais, non é algo que esté a mellorar rapidamente, pois trátase de noticias deste mesmo ano e que seguen aparecendo nos diarios. Non só iso; nas redes sociais https://twitter.com/Torren__/status/972842404591087618”, en casos como o acontecido onte con Gabriel, o neno asasinado, a xente considera que os autores destes feitos son enfermos mentais, o cal non axuda a normalizar a vida das persoas que padecen estas enfermidades, e que non teñen nada que ver nestes casos. Iso, unido ao uso cotián de palabras como “retrasado” para facer referencia a situacións completamente normais, fan que sexan necesarias campañas de maior difusión que a que propón a Xunta de Andalucía, que é difícil que alcance a gran parte da poboación. De feito, a maioría de campañas deste estilo non chegan a ter toda a difusión que merecen. Por exemplo, a Confederación de Salud Mental de España https://consaludmental.org/centro-documentacion/campana-mentalizate-7441/ leva a cabo diversas campañas que, por desgracia, apenas teñen cobertura nos principais diarios do país.

    Gústame

    1. O problema é que ese tipo de reaccións é a habitual neses casos. No relacionado coa violencia machista tamén por exemplo, dise que os homes que cometen eses actos son enfermos mentais, sen parar a pensar que gran parte dos homes realizan actos de machismo bastante a miúdo.

      Isto relacionase como ben dis, co tema dos medios de comunicación, que non axudan a superar estes prexuízos. Penso que os medios deberían participar na creación das campañas de concienciación. Doutra forma, o máis probable é que, como falamos, seguirá existindo falta de difusión, e permañecerán os prexuízos na mente da cidadanía.

      Outra posible solución sería a promoción de campañas como a que se levou a cabo co ELA https://www.elconfidencial.com/tecnologia/2016-07-27/reto-cubo-agua-helada-ela_1239517/. Diversas personalidades públicas axudaron a visibilizar a enfermidade e agora, a xente a coñece, e trata aos que sofren con respeto e sen os prexuízos que outras enfermidades si poden causar. Se esta estratexia se levase a cabo, é probable que moitos dos problemas ligados ás enfermidades mentais na sociedade desaparezan.

      Gústame

      1. Os comentarios siguen os memos requisitos que os post á hora da súa publicación. Este comentario os incumple xa que non se aporta enlace para probar as argumentacións feitas.

        Gústame

      2. Para completar o comentario, aporto dous exemplos en relación ao que comentaba da desvirtuación e banalización das campañas dese estilo. Ambos son casos anecdóticos pero creo que tamén sintomáticos do que dicía.

        O primeiro é un anuncio da empresa de telefonía móbil Samsung, que aproveitou o reto do cubo xeado para promocionar un terminal resistente á auga e desafiar os seus competidores. Deste xeito, o que era no inicio unha campaña filantrópica de difusión dunha enfermidade acaba sendo material para un spot publicitario dunha multinacional no que non se fai ningunha referencia á enfermidade. Aquí deixo unha noticia sobre o polémico anuncio: http://www.abc.es/tecnologia/redes/20140822/abci-samsung-galaxys5-anuncio-alsicebucket-201408221655.html

        En segundo lugar, aporto o caso dun fotógrafo belga que pactou cun piloto forestal que lle descargara desde o seu hidroavión máis de 1.500 litros de auga desde unha altura de sete metros para cumprir co reto do cubo de auga dunha maneira espectacular, o que provocou que resultase ferido de gravidade e tivese que ser hospitalizado. Aquí vemos como o importante pasa a ser que a realización do reto sexa o máis abraiante posíbel, deixando nun segundo plano o verdadeiro obxectivo de concienciar sobre o ELA e axudar a financiar a súa investigación. Deixo o enlace a unha crónica de El Mundo na que se fala máis detalladamente da súa historia: http://www.elmundo.es/cronica/2014/08/31/5401b0d8268e3eed508b4576.html

        Gústame

    2. Paréceme moi interesante o que comentas de atribuírlle á enfermidade mental comportamentos brutais que nos causan un profundo shock, como o caso que sinalas de Gabriel. Malia non haber nada que faga pensar niso, moita xente apresúrase a facer conxeturas acerca da saúde mental da presunta autora do seu asasinato. Ás veces semella, a propósito do tweet que enlazas, que nos custa asimilar que a crueldade e a maldade forman tamén parte da especie humana e nos sentimos máis tranquilos atribuíndoa a unha característica que se sae da norma, aínda que en realidade só na teoría dado o elevado número de xente que a posúe, como o padecemento dunha enfermidade mental. Aporto o enlace a un artigo no que se comenta isto mesmo a propósito do caso de Diana Quer: https://elpais.com/elpais/2018/01/08/opinion/1515407949_511970.html

      Sobre a necesidade de concienciar a maior escala acerca da saúde mental e da non estigmatización das persoas con enfermidade mental, concordo co que planteas. Campañas como as que sinalo no post son útiles e non se lle pode restar mérito nin importancia, pero na práctica a súa capacidade de éxito é moi limitada pola falta dunha maior difusión, tamén responsabilidade en parte dos medios de comunicación, e pola ardua tarefa que supon tratar de combater prexuízos e estigmas cun arraigo cultural tan fondo, amplificados ademais diariamente nos propios medios ou nos produtos culturais. A comprensión racional do erro de xulgar á xente con trastornos mentais da maneira que habitualmente se fai é relativamente factíbel, pero á hora da verdade todos estamos condicionados dunha maneira ou doutra por unha serie de ideas e asociacións mentais das que non é tan doado desprenderse e que se reflicten en todos os eidos da vida, moi especialmente na linguaxe que empregamos, un tema complexo que se aborda neste artigo: https://www.vice.com/es_mx/article/8gpq4a/ser-cuidadoso-con-el-lenguaje-que-rodea-a-las-enfermedades-mentales-no-es-correccion-politica-sino-humanidad-basica

      Gústame

Deixa unha resposta a Marcelo Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s