Como falan os medios sobre o colectivo LGTBI?

GARCÍA BALSEIRO ; PÉREZ DÍAZ

Decidimos comparar dúas noticias para analizar o tratamento da información que diferentes medios fan en relación ó colectivo LGTBI:

Cincuenta asociaciones de diecisiete países apoyan la Declaración de Madrid por la Comprensión, el Respeto y la Libertad que defiende los derechos frente al “engaño del género”

HazteOír é a organización que escribe e publica a noticia, apoiándose sempre en fontes afíns á súa ideoloxía de ultradereita: en ningún momento se lle dá voz á oposición ou ó colectivo LGTBI. Toda a información está elaborada desde unha ideoloxía concreta, contraria á diversidade de xénero e sexual, polo que non é unha noticia neutral.

Nesta noticia interveñen numerosas fontes, pero todas son dunha ideoloxía concreta: neste caso de dereita e contrarios ó  colectivo LGTBI. A nova fala sobre o I Congreso Internacional sobre Género, Sexo y Educación no cal participaron oito poñentes de catro países. Entre eles atópase un extransexual. Un dos temas clave do congreso foi o apoio que cincuenta asociacións profesaron cara a Declaración de Madrid por la Comprensión, el Respeto y la Libertad.

Podemos establecer que a fonte máis importante é Hazte Oír e a Declaración de Madrid por la Comprensión, el Respeto y la Libertad, seguida do profesor Glenn Stanton, o doctor Paul Hruz, a socióloga Gabriele Kuby e por último o extransexual Walt Heyer.

A noticia non responde a ningún criterio de obxectividade nin neutralidade pois a ideoloxía está moi clara. Non se teñen en conta nin na celebración do congreso nin na redacción da noticia de recoller as opinións de entidades e organismos como FELTGB (Federación Estatal de Lesbianas, Transexuales, Gays y Bisexuales). Por outra banda tampouco se recollen testimonios de persoas pertencentes ó colectivo, só dun extransexual.

Ademais non hai variedade nas informacións científicas achegadas, sendo todas contrarias ó colectivo por ter como suposto obxectivo: “destruir la fertilidad, la procreación y las familias”.

HAZTE OÍR. (2018, 23 de Febreiro). Cincuenta asociaciones de diecisiete países apoyan la Declaración de Madrid por la Comprensión, el Respeto y la Libertad que defiende los derechos frente al engaño del género. Hazte Oír. Recuperado de http://www.hazteoir.org/noticia/92298-cincuenta-asociaciones-diecisiete-paises-apoyan-declaracion-madrid-comprension-respeto

Cárcel a los gays que ‘salgan del armario’ en Rusia

Nesta noticia publicada por El Mundo explícase a lei aprobada pola Duma, a Cámara Baixa do Parlamento Ruso, que impón multas e incluso penas de cárcere para os homosexuais que leven a cabo mostras de afecto coa súa parella en público. Se é cerca dun colexio ou centro cultural, a pena pode chegar a ser de quince días. Na nova empréganse fontes de todas as ideoloxías, neste caso podemos considerar que está bastante ben elaborada e facendo uso da neutralidade informativa, dándolle voz a todos os colectivos.

   El Mundo -xornal de ideoloxía de dereitas- é o organismo que publica a noticia no seu diario de edición dixital, mais pódese observar que está elaborada de forma obxectiva e honesta: dáselle voz aos deputados comunistas Ivan Nikitchuk e Nikolai Arefeyev que sosteñen que se debe multar a aqueles que profesen comportamentos diferentes aos das relacións sexuais tradicionais,  e ao mesmo tempo isto contrastase co informe elaborado por Human Rights Watch (HRW) que indica que dende a instauración de dita lei, os episodios de violencia contra os homosexuais ascenderon considerablemente,  o que nos fai pensar que o xornalista realmente se interesou por elaborar unha boa información na que teñan representación diversos colectivos con opinións moi diferentes sobre este tema. Por outra banda, cóntase cos testimonios de varias profesoras que foron extorsionadas polo sistema por ir en contra dos valores tradicionais debido á súa condición sexual.

A clasificación de fontes resulta algo complexa debido á diversidade tan grande que hai na noticia, pero poderíamos establecer tres grupos na seguinte orde: primeiro, as fontes institucionais rusas (políticos) como Ivan Nikitchuk, Nikolai Arefeyev e Dimitri Vyatkin, líder do partido do goberno. No segundo grupo temos ás fontes organizacionais, medios de comunicación e asociacións como Meduza (revista),  Human Rights Watch (HRW), Centro Levada e Ocuppy Pedophilia. No terceiro e último grupo temos os testimonios de varias mulleres que foron profesoras en Rusia, ás que se despediu pola súa condición sexual, como a Olga Bajaeva ou Anastasia. Tamén aparece unha breve declaración de “Nikita”, pseudónimo dunha muller lesbiana que ten medo ante as posibles represalias.

COLÁS, X. (2016, 16 de Xaneiro). Cárcel a los gays que “salgan del armario” en Rusia. El Mundo. Recuperado de http://www.elmundo.es/internacional/2016/01/16/569929d646163f14128b45ad.html

A primeira noticia é un exemplo de mala praxe xornalística, pois non hai neutralidade nin diversidade e contraste entre as fontes, pois todas son afíns á mesma ideoloxía. Na segunda noticia sen embargo mostra o contrario, pois as fontes son diferentes e mostra distintos puntos de vista sobre ó tema, á vez que é unha información neutral e obxectiva. O noso grupo intentará facer un bó tratamento informativo desde o respeto e a comprensión da diversidade. Estos son só dous exemplos de moitos que hai en relación á forma que teñen os medios de falar sobre esta temática. Buscaremos visibilizar a este colectivo da mellor maneira posible e mellorar a análise informativa que se fai sobre isto en función das necesidades dos membros do propio colectivo. Ademais tentaremos de concienciar á poboación e axudar desta maneira á conseguir unha maior inclusión e normativización da diversidade sexual e de xénero.

 

23 comentarios en “Como falan os medios sobre o colectivo LGTBI?

  1. A contrastación ten o seu interese se dela se derivara unha análise. Non é moi axeitado falar de dereita e esquerda, ou si? (ou atribuir deste xeito que o fan esta etiqueta a un ou a outro medio)… ainda andamos etiquetando este tipo de faccións para falar xustamente de LGTBI? Pregunto.

    Gústame

  2. Respecto ao que comentas de que non se lle pode esixir a Hazte Oír os estándares xornalísticos por non ser un medio de comunicación, nós consideramos que iso non é excusa para non ser honestos e mostrar todas os puntos de vista do tema que se trata. É certo que calquera persoa, en xeral, que consulte a súa páxina e as súas publicación sabe a intencionalidade que hai detrás, pero a pregunta é: se son firmes defensores da súa verdade, porque teñen necesidade de manipulala para só dar a coñecer a parte que lles interesa? Nós opinamos que, non só as ideas que defenden están moi alonxadas da realidade, senón que o tratamento informativo que fan delas é unha proba diso.

    En canto á neutralidade da que falamos ao referirnos ao xornalista é que, nestas situacións de opresión dos dereitos e liberdades humanas, a neutralidade está en defender a xustiza e a igualdade dunha manera razoada. Nesta situación consideramos que a neutralidade consiste en realizar honradamente a función do xornalismo de defensa dos dereitos.

    E falando das esquerdas e dereitas, parécenos que é un detalle a sinalar de moita importancia, máis aínda cando aínda hoxe en día vemos unha clara diferencia entre o tratamento que fan partidos de dereita e esquerdas a este tipo de situacións. Por exemplo, temos o caso recente da votación no Congreso dos Deputados sobre a eliminación de requisitos médicos para o cambio legal de sexo e nome dos menores. De entre máis de 300 votos, 128 foron en contra desta proposición, todos eles por parte de partidos de dereita. Polo que para nós é moi salientable que un medio de ideoloxía de dereitas faga unha boa labor xornalística nestes ámbitos, cando vemos que os propios partidos políticos non son capaces (ou non queren) de erradicar esta opresión.
    Enlace á noticia: https://www.eldiario.es/sociedad/Congreso-reforma-considerar-personas-enfermas_0_712528886.html

    Gústame

    1. Desde logo, podería ser unha mostra de honestidade que recolleran tamén nas súas publicacións a opinión contraria ás súas teses, pero non me parece reprochábel que non o fagan. A súa finalidade como asociación é difundir o seu ideario entre a poboación, sen máis, non informar, que si esixe uns criterios de rigorosidade e profesionalidade. Que organicen un congreso e se limiten a contar o que alí pasou desde o seu punto de vista, sen recoller posíbeis críticas ou visións alternativas, coido que é o natural e o que se espera dunha asociación dese estilo. Quen si debería ter coidado á hora de abordar o congreso sería o xornalista que use esa nota de prensa como fonte para unha información, xa que unha mera reprodución desta en maior ou menor medida constituiría unha noticia sesgada e sen pluralidade de fontes.

      Sobre o das esquerdas e as dereitas, non nego que non sexa máis frecuente a hostilidade cara a comunidade LGTB entre as diferentes concepcións ideolóxicas que se aglutinan baixo o termo xenérico de “dereita”, pero iso non significa que non haxa entre ese conxunto diferentes puntos de vista, pode que totalmente opostos. Ademais do que comentaba antes do Partido Comunista ruso, de esquerdas e homófobo, a propia noticia que empregas de exemplo o amosa: 128 deputados de dereitas votaron en contra, todos do PP ou de partidos que se integraron nas súas listas, pero hai outros deputados de dereitas no Congreso que non se opuxeron e incluso apoiaron a medida. A dereita non é monolítica, nin sequera un partido que podemos situar na dereita conservadora, como é o PP. Na Comunidade de Madrid, por exemplo, aprobáronse medidas a favor dos dereitos da comunidade LGTB impulsadas polo goberno do PP que recibiron moitas críticas por parte doutros sectores da dereita. Aquí queda, como exemplo, un artigo de Ignacio Arsuaga, presidente de Hazte Oír, criticando duramente a Cristina Cifuentes: http://www.arsuaga.net/2016/07/17/cristina-cifuentes-inquisidora-lgtb-al-ataque-del-disidente/

      Gústame

  3. García Vivero

    HazteOir funciona cos mecanismos de marketing e publicidade típicos nunha organización privada á hora de verter a súa información. Dende logo non podemos esperar desta que sexa plural, veraz e contrastada porque non vai a favorecer aos seus intereses de empresa. O problema non radica tanto na información que poidan dar este tipo de organizacións, como si a que se publica día a día nos medios de comunicación e que moitas veces se guían máis por este tipo de intereses que pola busca dunha información honesta e comprometida coa sociedade.
    Precisamente por isto, resulta bastante curioso o exhaustivo análise que o xornal ‘’El mundo’’ leva a cabo sobre a situación de legalidade da homosexualidade en Rusia xa que é algo que non atopamos tan habitualmente nos medios. Tanto como pola súa extensión polo esforzo de buscar que exista semellante pluralidade e contraste de fontes esta noticia destaca positivamente. Poderiamos estar falando dunha boa actuación dos medios de comunicación; pero se atendemos a outro tipo de novas que abarcan a mesma temática e que tamén son publicadas polo mesmo medio, atopámonos realidades ben distintas.
    As últimas noticias que inclúe o xornal El Mundo sobre o colectivo LGTB chaman especialmente a atención por estar, gran parte delas, asociadas a actuacións de partidos políticos (http://www.elmundo.es/comunidad-valenciana/alicante/2017/07/16/596a3245ca4741b1748b45d7.html e http://www.elmundo.es/andalucia/el-caminante/2018/02/21/5a8d65b3e2704ef64f8b45e9.html). O tratamento das problemáticas que rodean aos colectivos LGTB utilízase como unha maneira de fortalecer os partidos e facerlles propaganda, mentres se deixa a un lado as denuncias que continúan a existir día tras día por parte do colectivo. Se ben como xa comentamos, na noticia que tratades no post si existen cantidade de voces, non vemos o mesmo nestes casos. Son declaracións de fontes oficiais e de partidos políticos as que ocupan o corpo da noticia desbotando coma de costume a visión destes sucesos para a xente de a pé. Desbotase así as demandas e denuncias daqueles membros do colectivo aos que realmente afecta o problema e favorecese así aos partidos políticos que saen reforzados da súas actuacións nos medios.
    O que vemos ao final é que a realidade dos medios de comunicación non se afasta tanto de entidades, por poñer en contexto, como HazteOir, e finalmente o que fan coa súa información non é máis que fortalecer os intereses dos grupos dominantes e prestar así unha boa imaxe destes cara a sociedade.

    Liked by 1 person

    1. Como ti ben dis, HazteOir, funciona tendo en conta os seus propios intereses como empresa privada, mais, onde debemos poñer o límite, tendo en conta que isto pode chegar a afectar á dignidade das persoas? Gustaríame mencionar o polémico autobús que esta empresa puxo en marcha por todo o país, alegando que “se naces home, eres home, e se naces muller, seguirás sendoo”. A realidade é moi distinta, persoas que nacen nun corpo no que non se ven identificados poden chegar a sentirse denigrados vendo isto. Respetar a todos os seres humanos, independentemente da súa condición sexual, raza, etnia, ideoloxía, etc. debería de ser onde situeamos o límite. Deixo aquí o enlace á noticia que fala sobre o autobús https://www.lavozdegalicia.es/noticia/espana/2017/02/28/autobus-hazte-oir-contra-ninos-transexuales-desata-polemica-madrid/00031488278270528586848.htm

      O xornal El Mundo, como explicas, fixo, nesa noticia en concreto, un bó traballo xornalístico levando a cabo un exhaustivo análise de fontes, o seu contraste e o seu tratamento, tendo en conta que é un medio de dereitas e que esta ideoloxía política -sobre todo os medios e os partidos que a apoian- non se posiciona moi a favor do colectivo LGTBI+. Quizais puido ocorrer por presión da sociedade, na que cada vez está máis aceptado e hai menos rexeitamento cara este tipo de colectivo independentemente da ideoloxía que posúa a persoa.

      É certo que o tratamento que se lle está dando nos medios a este tipo de noticias está moi lonxe do que debería ser correcto, como explicas, e que ao final, está favorecendo a empresas como HazteOir, que ao final o único fin co que traballan é lucrarse económicamente e defender os seus intereses por enrriba de todo.

      Gústame

      1. Sara, por suposto que o tipo de información que publica HazteOir pode afectar á dignidade das persoas, e en ningún momento dicimos o contrario. Simplemente destacamos que a comparación é imposible porque HazteOir é unha empresa privada á que non se lle pode esixir os mesmos criterios de honestidade e veracidade que un medio de comunicación debe ter sempre presentes. Realmente, volvendo ao tema, o tipo de información e, sobre todo, o tratamento que os medios de comunicación dan sobre esta temática é algo bastante serio ao que non se lle está prestando a importancia que merece. Moitas veces os medios publican información sesgada e orientada sempre cara intereses políticos como exemplificamos no anterior comentario. Os medios obvian tratar as denuncias e as demandas dos afectados, e optan no seu lugar por información sensacionalista que pouco ou nada ten de rigor e de interese xornalístico: https://www.larazon.es/local/madrid/el-territorio-gay-conquista-nuevos-barrios-JF15459514. Noutras ocasións atopámonos fronte información onde a noticiabilidade brilla pola súa ausencia e onde o único cometido da noticia é posicionar os lectores fronte o colectivo: https://www.larazon.es/local/madrid/la-otra-cara-del-orgullo-OJ10198237. De feito, son moitas as veces que se trata de información onde o propio medio tenta influír expoñendo o seu punto de vista de maneira encuberta e influenciar así o lector a que adopte determinada postura https://www.religionenlibertad.com/adoctrinamiento-lgbt-sera-obligatorio-todos-los-colegios-madrilenos-publicos-50865.htm. Exemplo perfecto é esta última nova onde se denuncia a gravidade de que o colectivo LGTB comece a posuír privilexios que outros colectivos non teñen. É xustamente por todo isto e polo que xa tratamos no anterior comentario, que cremos que se trata dun asunto moi serio que necesita dunha rápida actuación e cambios por parte dos medios de comunicación.

        Gústame

        1. Entón e baixo o teu punto de vista, neste caso poñendo como exemplo a empresa da que viñamos falando, HazteOír, onde crees que se deben poñer os límites da liberdade de expresión cando se incorre en delitos de odio, neste caso, contra o colectivo LGTB? A pesar de ser unha empresa privada, publican artigos na súa páxina que non son para nada amábeis con certas persoas, e isto é denigrante e é unha total falta de respeto. A maioría de empresas de comunicación tamén son privadas e a pesar disto non faltan ao respeto ao colectivo a eses niveis, o respeto polos demais e a tolerancia é algo que debe ter toda persoa, traballe onde traballe. Deixo aquí un artigo que fala sobre a liberdade de expresión e os delitos de odio: https://www.eldiario.es/andalucia/enabierto/Libertad-expresion-delito-odio_6_619148100.html

          Por outra banda, é totalmente certo o que comentas do mal tratamento que se dá dende os medios sobre noticias que teñen que ver co colectivo. Os propios intereses dos medios e a súa ideoloxía son os principais causantes do deficiente trato que se lles está dando a estas persoas. A FELGT, conxuntamente con CCOO elaborou unha Guía para un correcto tratamento nos medios destes temas, deixo por aquí o enlace. http://www.felgtb.org/temas/laboral/documentacion/i/14208/359/guia-de-buenas-practicas-para-el-tratamiento-de-la-diversidad-sexual-y-de-genero-en-los-medios-de-comunicacion. Quizais sería interesante que se comezara a empregar e a tomar como base para elaborar as noticias.

          Gústame

          1. Boas Sara. En primeiro lugar, estamos completamente de acordo na parte que falas do respeto aos demáis, e consideramos que por eso mesmo esta asociación (HazteOir) adopta en moitos momentos unha posición incorrecta. Sen embargo, o problema é o de sempre: Debese coartar a liberdade de expresión cando estamos ante contidos polémicos e agresivos como estes? Entran estes contidos dentro do discurso do odio os seus contidos? Neste caso que comentamos do autobús de HazteOír, a liberdade de expresión primou pese ao polémico e desatinado mensaxe e non se tomou ningún tipo de acción xudicial contra a asociación: http://www.elmundo.es/opinion/2017/07/23/59739054468aeb90748b4580.html O certo é que os limites da liberdade de expresión, é un tema bastante complexo e polémico, que pon en continúo debate á sociedade e que remata por crear conflitos deste tipo nos que non é fácil tomar unha solución.

            Por outro lado, paréceme moi interesante o que comentas sobre a guía elaborada pola FELGT que axuda a abordar información relacionada co colectivo LGTB de maneira correcta nos medios. Dende logo trátase dunha aposta moi útil e consideramos que sería beneficioso o feito crear manuais ou códigos deontolóxicos para tratar temas como estes que xeran controversia e que son complexos de abordar. Nunha das nosa reunión de círculos, fixemos esta mesma pregunta a un asistente membro do Colexio de Xornalistas. Dende o seu punto de vista a creación deste tipo de axudas para tratar asuntos polémicas trátase de algo moi beneficioso, e a única razón pola que aínda non existen para determinadas temáticas é porque se trata de algo laborioso ao que lle hai que dar tempo.

            Por exemplo o Colexio de Xornalistas, que elaborou xa algunha destas guías, é unha entidade moi recente e que implica un traballo sen beneficios, feito totalmente de maneira voluntariosa. Polo tanto consideramos que é un traballo complexo, ao que lle hai que deixar tempo e sobre todo seguir presionando para que se faga. Deixo tamén un claro exemplo disto que estamos a falar referido a ouro tema como é a seguridade viaria:https://stopaccidentes.org/uploads/REIVINDICACIONES/codigo_deontologico.pdf Trátase dun código deontolóxico para medios de comunicación, elaborado pola asociación Stop Accidentes no que informa sobre como se debe tratar e abordar de maneira correcta a información relacionada coa violencia viaria nos medios.

            Gústame

  4. Compartimos a idea de que por tradición, os medios de esquerdas formaron un grupo moito máis grande de apoio cara o colectivo LGTBI+ ca dereita, tratando as noticias relativas a este tema dun xeito moito máis adecuado e situándose maioritariamente nunha posición máis afín con estas persoas e a situación que están vivindo na actualidade, incluso servindo como unha forma de denuncia. Temos como exemplo recente temos a proposta de Podemos de incluir a categoría de xénero non binario no DNI: https://www.eldiario.es/sociedad/Cuotas-trans-empresas-respeto-formacion_0_742626506.html

    En canto á intencionalidade do ton da noticia publicada por El Mundo, non podemos estar seguros totalmente, pero si é certo que, ben por un motivo ou por outro, finalmente posicionouse a favor deste colectivo nesta noticia en concreto, e independente do motivo, todo o que se publicou puido chegar a unha gran cantidade de persoas. Non obstante, entendo o que queres dicir e invítote a pasar polo noso segundo post xa que trata das chaves para evitar o sensacionalismo nos medios por mor de temas como este.

    Reposta de: Yasmina López.

    Gústame

  5. comentario de proba
    É realmente necesario mostrar a dureza coa que arremeten certas asociacións, como Hazte Oír, contra o colectivo LGTBI, ou das medidas represivas do goberno ruso, tal como fai X. Colás na noticia de El Mundo da que falades. Porén, paréceme doado falar de aqueles medios de comunicación que tamén abordan a situación do colectivo LGTBI desde unha perspectiva de aparente intención visibilizadora, que non deixa de obedecer a uns intereses preocupados pola estética, pois non hai que esquecer que moitos medios son privados ou, noutro caso, estarían condicionados pola política.
    Paréceme salientable, polo tanto, o feito de que moitas plataformas informativas pretendan visibilizar motivos relacionados co colectivo durante o Día do Orgullo, un festexo que non é compartido por parte da propia comunidade LGTBI, pois unha das grandes – e descoñecidas por moitos- reivindicacións é a denuncia contra a despolitización e a mercantilización da súa identidade e orientación sexual (https://elpais.com/ccaa/2017/06/29/madrid/1498744027_367448.html). Un proceso que aproveita a situación de vulnerabilidade dunha parte da sociedade que, curiosamente, segue sendo clasificada como unha minoría para promocionar un fin totalmente alleo á propia comunidade LGTBI. O exemplo práctico deste proceso é o a actitude segregadora da que toman parte os medios, distinguindo a “comunidade homosexual” do resto da sociedade, como acontece no tratamento desta noticia, (http://www.europapress.es/economia/noticia-economia-turismo-turista-gay-gasta-30-mas-resto-promedio-130-euros-dia-20090901115451.html), que distingue un tipo de mercado concreto fomentado polo consumo de clientes homosexuais. Esta reflexión parte da base do denominado “mercado rosa”, ese que intenta convertir unha identidade ou tipo de orientación sexual nun motivo de espallamento económico, favorecendo así o incremento de estereotipos que non fan xustiza ás persoas que se identifican como parte do colectivo LGTBI e que están a loitar polo recoñecemento dos seus dereitos reais. Neste vídeo de Orgullo Crítico de Madrid apréciase esta idea: https://vimeo.com/214559392

    Por outra banda, o feito de asociar a esquerda política con estes temas non me parece tan desacertada se observamos o panorama político español e as medidas que uns e outros partidos levaron a cabo en materia de integración e normalización da existencia do colectivo LGTBI. Temos o caso da recente Lei LGTBI aprobada no Congreso impulsada por Podemos e respaldada pola maioría de formacións políticas, salvo o PP (https://www.eldiario.es/sociedad/Congreso-reforma-considerar-personas-enfermas_0_712528886.html ). Tamén cabe destacar a saída do armario da coñecida “homofobia liberal” dos partidos de dereitas que se opoñían á legalización do matrimonio homosexual no 2005. Unha lei que se aprobou gracias aos votos das principais formacións de esquerda (PSOE, ERC, IU…) e que foi rexeitada polo PP, Ciu e o Partido Aragonés, todos de dereitas.

    Gústame

  6. Sen dúbida, é necesario mostrar a dureza coa que arremeten certas asociacións, como Hazte Oír, contra o colectivo LGTBI, ou das medidas represivas do goberno ruso, tal como fai X. Colás na noticia de El Mundo da que falades. Porén, paréceme doado falar de aqueles medios de comunicación que tamén abordan a situación do colectivo LGTBI desde unha perspectiva de aparente intención visibilizadora, que non deixa de obedecer a uns intereses preocupados pola estética, pois non hai que esquecer que moitos medios son privados ou, noutro caso, estarían condicionados pola política.
    Paréceme salientable, polo tanto, o feito de que moitas plataformas informativas pretendan visibilizar motivos relacionados co colectivo durante o Día do Orgullo, un festexo que non é compartido por parte da propia comunidade LGTBI, pois unha das grandes – e descoñecidas por moitos- reivindicacións é a denuncia contra a despolitización e a mercantilización da súa identidade e orientación sexual (https://elpais.com/ccaa/2017/06/29/madrid/1498744027_367448.html). Un proceso que aproveita a situación de vulnerabilidade dunha parte da sociedade que, curiosamente, segue sendo clasificada como unha minoría para promocionar un fin totalmente alleo á propia comunidade LGTBI. O exemplo práctico deste proceso é o a actitude segregadora da que toman parte os medios, distinguindo a “comunidade homosexual” do resto da sociedade, como acontece no tratamento desta noticia, (http://www.europapress.es/economia/noticia-economia-turismo-turista-gay-gasta-30-mas-resto-promedio-130-euros-dia-20090901115451.html), que distingue un tipo de mercado concreto fomentado polo consumo de clientes homosexuais. Esta reflexión parte da base do denominado “mercado rosa”, ese que intenta convertir unha identidade ou tipo de orientación sexual nun motivo de espallamento económico, favorecendo así o incremento de estereotipos que non fan xustiza ás persoas que se identifican como parte do colectivo LGTBI e que están a loitar polo recoñecemento dos seus dereitos reais. Neste vídeo de Orgullo Crítico de Madrid apréciase esta idea: https://vimeo.com/214559392

    Por outra banda, o feito de asociar a esquerda política con estes temas non me parece tan desacertada se observamos o panorama político español e as medidas que uns e outros partidos levaron a cabo en materia de integración e normalización da existencia do colectivo LGTBI. Temos o caso da recente Lei LGTBI aprobada no Congreso impulsada por Podemos e respaldada pola maioría de formacións políticas, salvo o PP (https://www.eldiario.es/sociedad/Congreso-reforma-considerar-personas-enfermas_0_712528886.html ). Tamén cabe destacar a saída do armario da coñecida “homofobia liberal” dos partidos de dereitas que se opoñían á legalización do matrimonio homosexual no 2005. Unha lei que se aprobou gracias aos votos das principais formacións de esquerda (PSOE, ERC, IU…) e que foi rexeitada polo PP, Ciu e o Partido Aragonés, todos de dereitas.

    Gústame

    1. Paréceme moi interesante o que destacas sobre a mercantilización do colectivo LGTB. Sen dúbida esa é unha das claves do capitalismo: levarse ao seu terreo un movemento que pode supoñer unha ameaza. Vemos un exemplo moi claro no que está a acontecer na actualidade co feminismo; cada vez son máis comúns as marcas de ropa que venden camisetas con mensaxes feministas e, sen embargo, seguen a explotar a mulleres, de ahí entre outras moitas razóns o feito de que o 8M se clasificara de anticapitalista. Como vemos a mercantilización é un problema que atañe a todos os colectivos discriminados. Neste artículo vemos algunhas das razóns de por qué o capitalismo non é compatible (neste caso concreto co feminismo) con este tipo de movementos: https://www.eldiario.es/zonacritica/capitalismo-neoliberalismo-barbijaputa-feminismo_6_485811450.html Respecto ao que sinalas de que os medios falan da comunidade LGTB como se non estivera integrada na sociedade, é moi certo que ese é un dos principais erros da prensa, que ás veces máis que erro semella completamente intencionado para conseguir máis visitas e, en ocasións mellorar a imaxe que dan á sociedade. No noso seguinte post poñemos algúns exemplos desta situación: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2018/03/16/o-uso-sensacionalista-do-colectivo-lgtb-nos-medios/

      Por último, no referente á necesidade de diferenciar entre dereitas e esquerdas podemos relacionala co que comentei ao principio de rexeitamento á mercantilización do colectivo. Se temos en conta que a loita polos dereitos LGTB é un tema de índole social, debemos recordar que polo xeral sempre é a esquerda a que se preocupa por este tipo de situacións, mentres que a dereita tende a ser máis individualista. Ademais se podería engadir que por norma xeral a dereita defende os modelos tradicionais de vida, precisamente un dos pilares contra os que se rebela o colectivo LGTB. Tendo en conta estas ideas e vendo que ata que o colectivo non toma forza os partidos de dereita non se comprometen con el, semella imposible evitar diferenciar entre as distintas ideoloxías.

      Gústame

  7. Efectivamente, as bases estruturais do sistema capitalista atentan contra os dereitos das minorías. Por tal motivo, a solución máis clara para erradicar tal problema tería que ser un feito cuasi revolucionario, aínda que a partir de reformas -no plano social, político e económico- poderíanse ir dando pasos cara a utopía da igualdade real entre homes e mulleres, así como entre todas as persoas que actualmente gozan dos beneficios individuais do capitalismo e aqueles que son discriminados por tal sistema.
    Hai unha afirmación de Paloma Tosa, coordinadora en Ágora Espacio de Formación Feminista, que fai unha aportación moi acertada acerca do código ético da industria da moda, en materia de feminismo: “Creo que una reivindicación feminista es algo muy serio. Si es portada por un cuerpo escuálido de la talla 34 considero que no es aceptable. Pero si los diseños pertenecen a marcas que hacen tallas para todas y que tienen una filosofía afín al movimiento, creo que es positivo que se visibilice. Eso sí, ya que se aprovechan de él para hacer caja, qué menos que revertir los beneficios donándolos de forma solidaria” ( https://smoda.elpais.com/moda/actualidad/la-moda-de-las-camisetas-feministas-a-favor-o-en-contra/ ).

    Por outra banda, tal como analizades no post dedicado ao sensacionalismo do colectivo LGTBI nos medios, acontece o mesmo que no resto do mercado, posto que o feito de falar do colectivo dunha maneira concreta é a ferramenta que deciden utilizar os medios para chegar a uns beneficios unilaterais. Respecto a esto paréceme bastante ilustrativo o exemplo da noticia sobre a homosexualidade declarada de Kevin Spacey.

    Volvendo ao tema da actividade política dos partidos de dereitas españois en materia de defensa ou apoio á causa LGTBI, é bastante curiosa a confusión que manifesta sentir Beatriz Luengo nesta noticia de El Español (https://www.elespanol.com/opinion/tribunas/20170630/227847215_12.html )
    ante as críticas que recibiron as Novas Xeracións do PP por aplaudir o Día do Orgullo. Está claro que esta xornalista non entende o concepto de hipocrisía, manifestado na abstención do Partido Popular no Congreso – onde se toman medidas que verdadeiramente afectan á situación do colectivo- ante a Ley LGTBI aprobada fai so uns meses para intentar favorecer unha maior calidade de vida ao colectivo LGTBI e, indirectamente e de maneira menos apreciable, á sociedade no seu conxunto.

    Gústame

    1. Gustaríame empezar por unha frase do artigo que comentas de El País: “Calquera apoio para que un movemento sexa máis visible na sociedade é positivo” di Ana Locking. Sinceramente estou de acordo con esta afirmación, se non consideramos como apoio a aquelas marcas, neste exemplo, que se aproveitan de loitas sociais para aumentar as súas ventas. Aplicado aos medios podería dicirse que en moitas ocasións, como xa comentamos, aprovéitanse da actualidade de certos movementos sociais para ver aumentados os seus lectores.
      Un dos perigos desta mercantilización da que falamos é, non só a falta de ética, senón que se pode chegar a esquecer que detrás disto hai persoas con nomes e apelidos propios, e as súas propias historias. Unha das consecuencias deste tratamentos frívolo dos movementos sociais é deixar de ver ás persoas como o que son, e pasar a tratalas simplemente como números dentro dos beneficios das empresas, ou mesmo só como estereotipos, que en moitas ocasións nada teñen que ver coa realidade dalgúns. Por isto, creáronse campañas como a de ‘Rostros Diversos’, un proxecto que busca visibilizar ás persoas detrás do colectivo LGTB, demostrando a variedade e diversidade que hai nel, e loitando contra estes prexuízos. (https://www.huffingtonpost.com.mx/2017/05/18/somos-personas-no-estereotipos-la-comunidad-lgbt-mas-alla-de_a_22098145/)
      E respecto ao tema político, dentro do artigo que sinalas de El Español, gustaríame destacar a seguinte frase de Beatriz Becerra: “O colectivo invierte moitas enerxías en xestionar a súa propia diversidade e en batallas, a mi modo de ver, innecesarias, como a do linguaxe inclusivo”. Isto é unha proba clara de que desde o punto de vista do liberalismo a defensa de certos colectivos só interesa para beneficios propios e non para a verdadeira loita para conseguir a igualdade. O obxectivo de acadar unha linguaxe inclusiva é moi relevante para calquera movemento social, xa que, como se indica no artigo ‘Linguaxe inclusivo e a integración LGTB (I)’ da organización paraguaia Somosgay: “A linguaxe inclusiva LGTB é un dos aspectos máis importantes para educar á sociedade desde a prensa periodística e as escolas”. (http://somosgay.org/infonoticias/infodetalle/lenguaje-inclusivo-y-la-integracion-lgbt-i)

      Gústame

  8. Non creo que se lle poidan esixir a Hazte Oír os mesmos estándares de honestidade e profesionalidade xornalística que debe cumprir un medio de comunicación, xa que no fondo trátase dunha asociación cuns principios ideolóxicos públicos e explícitos difundindo unha información acerca dun congreso que organizan no que é máis unha nota de prensa que unha noticia, aínda que lle chamen así na súa web. Quen accede ao texto xa sabe, ou debería saber, que non está a ler un xornal e que as regras de xogo non son as mesmas.

    Sobre a noticia de El Mundo, considero que o xornalista non é exactamente neutral. Evidentemente non fai un alegato a partir dunha postura ou doutra, pero penso que se desprende da súa información un posicionamento coa comunidade LGTB, o que non me parece mal nin moito menos, xa que se trata dunha cuestión de dereitos humanos e non creo, persoalmente, que se deba, ou incluso que se poida, ser neutral nese tipo de cuestións se por neutralidade se entende equidistancia milimétrica. Si se lle debe esixir, por suposto, que cumpra co rigor e a honestidade debidas e creo que así é, como sinalades.

    Xa por último, non concordo co emprego das categorías dereita e esquerda relacionando a primeira coa reticencia ou o rexeitamento ao movemento LGTB e a segunda co apoio deste, posto que a realidade é bastante máis complexa e hai moitas dereitas e moitas esquerdas. A propia noticia o amosa: o xornal El Mundo, que se podería situar no centro-dereita, non ten unha postura para nada hostil cos problemas da comunidade LGTB en Rusia e, porén, o partido comunista ruso, que é indubidabelmente de esquerdas se por iso se entende a aposta por un modelo socioeconómico baseado na socialización dos medios de produción, apoia a persecución dos gays e lesbianas no seu país, entroncando coa liña estabelecida na Unión Soviética desde a entrada en vigor do código penal de 1933, que volvía a penalizar a homosexualidade tras a súa legalización após a revolución bolxevique, como se conta neste artigo: http://laovejarojainformacion.blogspot.com.es/2015/06/1933-cuando-stalin-ilegalizo-la.html

    Gústame

    1. En canto ao que dis da mostra de honestidade dende o noso punto de vista si que resulta reprochable posto que aínda que non se trate dun medio de comunicación, ao estar dirixido a un gran público tería que contar con ese principio básico de claridade. Difundir un ideario manipulando a realidade fai que se perda calquera tipo desa credibilidade que esperas obter. Obviamente no caso do xornalista dáse por sobreentendido que é necesario que se teña coidado á hora de realizar unha noticia posto que se a pluralidade é algo fundamental en relación con todo tipo de noticias, neste caso moito máis. Pero isto é algo que comeza coa honestidade da organización nun primeiro momento.

      Entendo o que queres dicir cando falas da “dereita” como un grupo que non é monolítico e que non todos están en contra dunha lei que beneficie ao colectivo LGTBI+ . Non obstante, un feito innegable é que existe unha porcentaxe moi elevada de persoas que comparten unha ideoloxía por así dicilo contraria á defensa dos dereitos deste colectivo tal e como podes observar en diferentes noticias que foron publicadas ao longo dos anos e que continúan medrando día a día sen cambios, tal e como podes observar no caso da aprobación da lei do matrimonio homosexual no ano 2005 (https://elpais.com/sociedad/2005/06/30/actualidad/1120082402_850215.html) e como na actualidade o PP segue quedándose a medio camiño da incorporación da educación sobre a diversidade sexual e todo o que rodea ao colectivo LGTBI+ (https://www.eldiario.es/sociedad/PP-LGTBI-diversidad-prohibicion-homosexuales_0_740176228.html). Isto non significa que sempre vaia ligada a ideoloxía co rexeitamento ou aceptación do colectivo. Non obstante, si é certo que en moitos casos continúa existindo unha distinción e unha tendencia a un posicionamento ou outro.

      Gústame

      1. Ségueme parecendo simplista facer unha distinción entre esquerda e dereita neste sentido. Por unha banda, porque ambas son categorías que agrupan un conxunto heteroxéneo de ideoloxías e a distinción neste caso pode estar presente máis ben noutros eixos políticos: progresistas-conservadores, por exemplo. Por outra, porque en todo caso tal e como entendo que o empregades refírese a un contexto sociopolítico determinado, o español, mentres que esquerda e dereita son categorías globais, cando menos nas sociedades occidentais.

        Ademais, nin sequera no panorama político español se pode estabelecer claramente a distinción, como proba a implantación de políticas favorábeis ao colectivo LGTB por parte de políticos da dereita, como na Comunidade de Madrid. Políticas, por certo, rexeitadas con contundencia por outros sectores da dereita, como a propia asociación Hazte Oír: http://www.arsuaga.net/tag/ley-cifuentes/.

        Polo tanto, aínda que é certa a afirmación de que no Estado español a dereita tende máis a posturas homófobas e a esquerda a apoiar ao colectivo LGTBI, non deixa de ser unha regra non exhaustiva e susceptíbel de mudar, como amosa un certo cambio que sen dúbida experimentou o PP nestes anos, por moito que non sexa en liñas xerais para nada pro LGTBI.

        Gústame

        1. Como supoño que entenderás, a nosa finalidade é falar do tratamento dos medios sobre o colectivo en xeral, e non podemos pararnos a realizar unha análise política exhaustiva. En todo momento falamos de maiorías e liñas xerais, contando sempre coas respectivas excepcións. Realmente no último parágrafo estás coincidindo connosco no feito de que as dereitas do noso país adoitan estar, en liñas xerais, en contra do colectivo LGTB.

          Ademais, é un feito que na actualidade estas persoas están alzando a súa voz e se están conseguindo moitas melloras. Non resulta complexo entender, pois, que partidos de dereitas estean intentando atraer votantes deste colectivo coa finalidade de crear maior repercusión e aproveitarse do momento. Un claro exemplo foi a aparición do Partido Popular no Orgullo de Madrid o ano pasado intentando mostrar apoio ao colectivo cando este mesmo afirmaba a falta de compromiso e interese por parte deste partido (https://elpais.com/ccaa/2016/06/28/madrid/1467136069_840324.html).

          Reitero o xa dito, estamos falando dunha xeneralización posto que non dispomos do tempo nin a medios para facer un análise rigoroso e exhaustivo.

          Gústame

  9. Eu si creo que nesta discusión hai lugar para falar de esquerda e dereita: os dereitos sociais e a igualdade sempre foron, hisóricamente, promovidos dende a esquerda. Por por un exemplo, non vai moito tempo dende que o Partido Popular levou ao constitucional a lei que legalizaba o matrimonio homosexual (https://elpais.com/diario/2005/10/01/sociedad/1128117603_850215.html).
    Con respecto ao tratamento destas dúas noticias, xa non deberiamos de estar sorprendidos por Hazte Oír. Non é a primeira vez que promoven o odio dunha maneira tan rastreira, atentando contra os dereitos humanos máis básicos.
    Pola outra banda, si que me sorprende a maneira da que El Mundo fai eco da noticia, xa que é un xornal tradicionalmente de dereitas. Isto me levou a preguntarme, pode ser que avogen polos dereitos LGTBI só por desprestixiar a Rusia, principal rival de occidente, por motivos políticos e intereses?

    Gústame

    1. Compartimos a idea de que por tradición, os medios de esquerdas formaron un grupo moito máis grande de apoio cara o colectivo LGTBI+ ca dereita, tratando as noticias relativas a este tema dun xeito moito máis adecuado e situándose maioritariamente nunha posición máis afín con estas persoas e a situación que están vivindo na actualidade, incluso servindo como unha forma de denuncia. Temos como exemplo recente temos a proposta de Podemos de incluir a categoría de xénero non binario no DNI: https://www.eldiario.es/sociedad/Cuotas-trans-empresas-respeto-formacion_0_742626506.html

      En canto á intencionalidade do ton da noticia publicada por El Mundo, non podemos estar seguros totalmente, pero si é certo que, ben por un motivo ou por outro, finalmente posicionouse a favor deste colectivo nesta noticia en concreto, e independente do motivo, todo o que se publicou puido chegar a unha gran cantidade de persoas. Non obstante, entendo o que queres dicir e invítote a pasar polo noso segundo post xa que trata das chaves para evitar o sensacionalismo nos medios por mor de temas como este. https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2018/03/13/educacion-e-informacion-as-chaves-para-evitar-o-sensacionalismo/

      Reposta de: Yasmina López.

      Gústame

      1. É posible que a sociedade avanzara o suficiente como para que un xornal de dereitas como El Mundo defenda os dereitos do colectivo LGTBI, posto que son moi poucos os grupos da sociedade os que non avogan por eles. De todos os xeitos, a min chámame a atención que dende o periódico non publicaran a noticias de que unha voda homosexual en Arabia Saudí rematara con todos os invitados detidos (https://www.elespanol.com/social/20180110/boda-gay-arabia-saudi-acaba-participantes-rejas/276223280_0.html), e é por isto polo que dubido dos intereses políticos da noticia sobre Rusia: creo que existe un trasfondo político na noticia que vai máis aló da propia defensa dos dereitos LGTBI, aínda que tamén o fagan.

        Gústame

        1. Desde logo a intencionalidade dos medios á hora de informar pode ser moi diversa, e non sempre responde a intereses de acadar a igualdade ou denunciar inxustizas, como debería ser neste tipo de situacións. Paréceme moi interesante que comentes que unha voda homosexual rematara cos invitados entre rexas non saíra nese medio, pois resulta tamén de relevancia informativa.

          Sen dúbida, os medios en moitas ocasións recorren a un uso do sensacionalismo para captar a atención do público co único obxectivo de ver aumentados os seus beneficios, por iso invítote a ler o noso post ‘O uso sensacionalista do colectivo LGTB nos medios’ (https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2018/03/16/o-uso-sensacionalista-do-colectivo-lgtb-nos-medios/). Nel falamos de casos como o de El País, que titula ‘Kevin Spacey se declara gay’ nunha noticia sobre as súas declaracións tras as acusacións de pederastia e violación. (https://elpais.com/elpais/2017/10/30/gente/1509345665_548008.html). Este é un caso clarísimo de manipulación do discurso, poñendo o foco sobre a súa sexualidade en vez de nos seus actos.

          Este sensacionalismo xa foi obxecto de denuncia da Federación Española LGTB no 2017 (http://ecodiario.eleconomista.es/sociedad/noticias/8709979/10/17/La-federacion-lgtb-alerta-a-la-prensa-del-sensacionalismo-hacia-su-colectivo.html). Neste artigo explícase que “existe nos medios unha “ausencia” do colectivo LGTB, xa que apenas aparecen representados “futbolistas ou toreros” e, cando ocurre, abórdase en ton xocoso ou “ridiculizado”” entre outros exemplos. Desde logo, os medios en moitas ocasións son un exemplo da sociedade lgtbifoba, pero tamén teñen responsabilidade na loita para rematar con ela.

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s