A discriminación e a saúde mental

Antón González

A enfermidade mental é a segunda causa de discapacidade en Galicia detrás da física. Porén, estas enfermidades seguen a ser, significativa e socialmente, pouco coñecidas. A imaxe que se acostuma a proxectar dos enfermos mentais baséase no descoñecemento histórico e na construción social dun estereotipo que chega a converterse en estigma.

Aínda que sexa de forma inconsciente, o certo é que as persoas que sofren enfermidades mentais son miradas con medo. Nós mesmos, cando chegamos a Andaina, a asociación do noso círculo, démonos conta dos prexuízos que existen na sociedade e que realmente non teñen que ver coa realidade destas persoas. Pero, por que temos eses pensamentos?

Pois ben, na sociedade estamos constantemente influenciados polos gustos dos demais, polas preferencias, polo que pensa o resto e tamén polo que se nos di nas noticias. Os medios de comunicación abordan temas sobre a saúde mental frecuentemente negativos e ligados, en gran número de ocasións, a sucesos violentos nos que se aproveita para destacar, xa nos titulares, se a persoa padece algún trastorno mental, pondo así etiquetas dende un primeiro momento para que despois se fale dun suposto padecemento de enfermidades mentais.

A visión que se transmite á cidadanía a miúdo se relaciona coa perigosidade, a falta de control ou a vulnerabilidade. Ademais, adoitan obviarse os síntomas, causas e tratamentos. Este prexuízo deriva, en moitos casos, en dificultades para a integración social e laboral que sofren os enfermos, ademais das engadidas pola propia enfermidade que padecen.

De forma inconsciente e como parte da sociedade que son, os medios de comunicación perpetúan a miúdo as falsas crenzas e os estereotipos. As representacións das persoas cunha enfermidade mental adoitan ser negativas e asígnaselles, case sempre, o papel de ‘trastornados’ que son temidos, rexeitados, causantes de vergoña e castigados. “Trátannos como queren”, comentábanos Christopher, membro do noso círculo, á hora de mencionar os medios de comunicación.

A diferenza do que frecuentemente nos mostran os medios de comunicación, o cine ou a literatura, a maioría das persoas con enfermidade mental pode levar unha vida plena e normalizada, sempre e cando conten cun tratamento integral e un apoio social adecuado. Un dos nosos obxectivos principais con este traballo é ir desmontando mitos. Tentaremos tamén, como futuros profesionais da comunicación, empregar criterios alternativos para elaborar contidos sobre saúde mental de maneira non tendenciosa.

Baseándonos nestes feitos, cremos que é importante dar a coñecer o significado de enfermidade mental, xa que a concepción da cidadanía sobre esta materia está, como dixemos ata agora, baixo a influencia de falsos estereotipos e mitos. Así pois, para a Organización Mundial da Saúde (OMS), a saúde mental defínese como:

“un estado de benestar no cal o individuo é consciente das súas propias capacidades, pode afrontar as tensións normais da vida, pode traballar de forma produtiva e frutífera e é capaz de facer unha contribución á súa comunidade”

Se fixésemos unha enquisa á poboación coa pregunta “Pode unha persoa cunha enfermidade mental chegar a ter un traballo estable?” probablemente a maioría das respostas se inclinarían cara o non. Iso queda confirmado. Cómpre destacar que menos do 5 % das 55.124 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental que constan na Consellería de Política Social ten un emprego estable e case a metade aseguran ter sufrido algún tipo de discriminación laboral. Así o publicaba La voz de Galicia.

Debido a ese medo do que falabamos, as persoas que padecen algún trastorno mental son as que se atopan con máis dificultades á hora de buscar traballo. Por medo a que poidan desencadear sucesos violentos ou por medo a que non sexan o suficientemente eficaces para levar a cabo o seu labor, os directores das empresas deciden non contratar a persoas que padezan un trastorno mental.

Segundo  FEAFES, o 85 % destas persoas non é quen de atopar emprego. Por iso un dos obxectivos primordiais para esta asociación é a inserción laboral dos enfermos. Un dos participantes no noso círculo, Dani, contábanos que estivera, durante anos, na procura de traballo para poder levar a cabo unha vida mellor, pero sen embargo ninguén quixo os seus servizos. Ter unha discapacidade non só implica ter menos oportunidades para atopar emprego, tamén supón grandes diferencias salariais.

Acceder e manter un emprego é un dos dereitos fundamentais que temos todos como cidadáns, tamén as persoas que padecen trastornos mentais, xa que poden traballar de forma produtiva e frutífera. Por iso, FEAFES, ademais doutros programas e proxectos nos que participa, colabora coa Obra Social “la Caixa” en Incorpora, unha nova iniciativa que no ano 2017 facilitou atender un total de 44 persoas, 23 mulleres e 21 homes, no entorno de Santiago de Compostela e ademais conseguiu realizar 21 insercións laborais.

Para calquera persoa, traballar é unha forma de sentirse útil e parte activa da sociedade, así nolo recoñecían algúns membros do círculo. Ademais, para quen sofre algunha enfermidade mental o traballo ten unha función terapéutica a maiores, ao contribuír a substituír o rol de persoa enferma polo de persoa traballadora. Dende o noso grupo pensamos que entre os pasos a dar para lograr a contratación de persoas con este problema entra, como non podía ser doutra forma, unha grandísima labor de sensibilización.

SaveSave

9 comentarios en “A discriminación e a saúde mental

  1. Este artigo foi publicado após do peche de edición. Respecten os criterios de publicación do blog. Tanto o enfoque do texto, como os enlaces que argumentan conforman un contexto clínico (non é a nosa tarefa simplemente divulgar) que debe ser contrastado coa visión dos medios e dos membros do círculo, algo que ainda non se cumpre nos primeiros textos deste grupo e non é de recibo. Debe ser modificado.

    Gústame

  2. A maioría dos titulares cos que te atopas cando se trata de noticias sobre enfermidades mentais, son sensacionalistas, polo que en ocasións tamén se empregan de maneira incorrecta termos referidos a este tipo de patoloxías.
    Este fenómeno ven producido en parte pola desinformación xeral que ten a poboación sobre este tipo de enfermidades, que son vistas a nivel popular como escuras ou perigosas. Este artigo escrito por José Manuel Arévalo López do Grupo de Sensibilización sobre Saúde Mental en Andalucía fala precisamente sobre os numerosos estigmas que existen na sociedade. No artigo hai exemplos claros sobre este tema: https://elpais.com/sociedad/2013/03/25/actualidad/1364222186_943776.html
    Pero si que é certo que en moitas ocasións esto non sucede, pois podemos atopar algúns xornalistas ou incluso cineastas que si que tratan a realidade destas enfermidades sen caer nos tópicos ou sen estigmatizar as patoloxías para facer os seus traballos. O correcto é documentarse para evitar este tipo de problemas. Esta é unha lista de 11 exemplos de películas nas que se vemos a realidade destas enfermidades:
    http://www.efesalud.com/las-patologias-mentales-cine-pasen-vean/

    Resposta de: Pedro Maceiras

    Liked by 2 people

    1. Os enlaces que aportas son moi interesantes. Como dicimos, existen noticias cun tratamento sensacionalista e baseadas en xustificar feitos violentos usando a enfermidade mental como detonante. Estes artigos provocan un dano irreparable a persoas, familiares e profesionais que día a día loitan contra o estigma ao que lles somete a sociedade e que relega o seu sufrimento a un segundo plano.
      No teu comentario falas de que existen xornalistas, e incluso cineastas, que si tratan a realidade destes trastornos, sen embargo son unha gran minoría. Eu, persoalmente, penso que o tema é o suficientemente importante como para que se teña máis delicadeza a hora de tratalo.
Aquí che deixo unha guía de estilo, publicada pola Asociación FEAFES, para que te informes sobre como se debería tratar nos medios estas enfermidades: https://consaludmental.org/publicaciones/GUIADEESTILOSEGUNDAEDICION.pdf
      Por outra parte tamén nos gustaría destacar que en moitas noticias, acerca de enfermidades mentais, parece que o xornalista non se documentou nin recorreu a distintas fontes de información como seguramente faría con calquera outra temática. Limitándose a reproducir os falsos tópicos da sociedade e reforzando así a visión estigmatizadora da enfermidade mental.
Para min os xornalistas, ademais de documentarse, deberían priorizar a empatía cara as persoas que están sufrindo unha enfermidade antes que fomentar o medo e darlle morbo as informacións para gañar lectores.

      Gústame

      1. Tes razón en que á hora de tratar as enfermidades mentais débe terse un especial coidad. Isto non é algo que se limite aos medios de comunicación ou
        ó mundo do cine, senón que debería producirse un cambio social. Para acadar este obxectivo, o principal debe ser educar á poboación. Neste diario andaluz un experto psiquiatra resolve algunhas das dúbidas que persoas comúns sen idea sobre saúde mental teñen sobre este tipo de enfermidades: http://www.diariodesevilla.es/salud/Evitar-discriminacion-enfermos-mentales-cosa_0_412458761.html
        Dende o meu punto de vista esta medida é un exemplo de bó traballo por parte dun medio para acabar cos estereotipos que afectan aos enfermos mentais. Os estigmas sociais que existen entorno a estas persoas provocan un empeoramento na calidade de vida das mesmas, desencadeando que en moitos casos non consigan levar unha ¨vida normal¨. Para loitar contra isto hai programas como este da fundación La Caixa que me pareceu interesante: https://www.incorporasaludmental.org/images/doc/D_CAS_INI+ENT+EMP_DOCU_GUIA_0047_Guia_Integ_Laboral.pdf

        Gústame

        1. O feito de que ese doutor responda as cuestión da sociedade paréceme un gran avance e penso que estaría ben que ampliase as súas fronteiras e se puidera dar a coñecer máis aló de Andalucía, sen embargo iso a día de hoxe é moi complexo. Como di o titular do enlace que aportache, evitar a discriminación dos enfermos mentais é cousa de todos. Aínda que o maior estigma se atope nos medios de comunicación estes levan a que a sociedade tamén teña certos prexuízos cara as persoas que padecen trastornos mentais. Nesta noticia de ABC fálase do medo que se ten a traballar preto de persoas que pertencen a este colectivo http://www.abc.es/sociedad/20150519/abci-estigma-enfermedad-mental-201505182021.html

          En canto a Iniciativa da que me falas, é importante xa que, como digo no meu post, no ano 2017 facilitou atender un total de 44 persoas, 23 mulleres e 21 homes, no entorno de Santiago de Compostela e ademais conseguiu realizar 21 insercións laborais. Sen embargo tamén existen outras como Obertament (https://obertament.org/es) unha plataforma social onde se poden ler historias e artigos sobre a loita contra o estigma social.

          Gústame

  3. Un de cada cinco galegos sufriu ao longo da súa vida un trastorno mental segundo un artigo de opinión de La Opinión (http://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2017/07/17/cuatro-diez-gallegos-trastorno-psiquiatrico/1200786.html) e estas enfermidades aumentaron un 18% durante a crise segundo El Correo Gallego (http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/incidencia-trastornos-mentales-avanza-un-18-tres-anos-crisis/idEdicion-2017-03-09/idNoticia-1044991/). Como pode verse, estas enfermidades están moi presentes na sociedade galega, polo que hai que normalizar a súa situación. Os medios deberían publicar noticias como esta de El País https://politica.elpais.com/politica/2018/03/28/actualidad/1522254662_445947.html para amosar á poboación que malia ter un trastorno mental, podes traballar. Nesta nova, cinco afectados polo trastorno de bipolaridade fan un programa de radio nun despacho da Asociación Bipolar de Madrid sen ningún tipo de problema. Tamén son importantes novas como esta de La Voz de Galicia https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/vilalba/2018/03/03/tu-estudias-atencion-personas-dependencia/0003_201803L3C8991.htm na que explícase que o IES Peña Novo, de Vilalba implantou un ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia, un gran avance do que moitos centros deberían tomar exemplo, pero para iso ten que coñecerse primeiro coa axuda dos medios.

    Porén, parece non importar a grande cantidade de afectados por estes trastornos porque o último 10 de outubro (Día Mundial da Saúde Mental), poucos medios galegos falaron sobre este día e os que o fixeron, adicáronlle moi pouco espazo como Faro de Vigo (www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2017/10/10/doa-celebra-dia-salud-mental/1764697.html)

    Ademais, varios famosos como Selena Gómez, Jim Carrey ou Robbie Williams falaron abertamente nos medios sobre a depresión ou ansiedade que sofren (https://elpais.com/elpais/2017/11/23/gente/1511432588_626389.html , https://www.lavozdegalicia.es/noticia/gente/2018/03/01/dura-batalla-robbie-williams-enfermedad-quiere-matarme-cabeza/00031519904887996640273.htm , https://elpais.com/elpais/2018/02/07/gente/1518019882_227966.html). Estes famosos chegan a unha multitude de persoas de diversas idades, por iso, que falen abertamente dos seus problemas, axuda a que a poboación normalice estas enfermidades.

    Gústame

    1. Como ven dis, cada vez son máis as persoas que sofren enfermidades mentais. Así pois a situación debería estar máis normalizada, sen embargo, non é así. En canto ao artigo que aportas de El País, onde se fala da elaboración dun programa de radio, penso que se pode tratar mellor o tema da saúde mental e non so falando de que estás persoas fan unha emisión. Si que é verdade que o feito de que se poñan diante do micro me parece sorprendente pois é algo que non estamos habituados a ver pero, realmente son persoas suficientemente capacitadas para levar a cabo esta actividade.
      A asociación coa que traballamos neste proxecto (Asociación Andaina) tamén leva a cabo, cada luns un programa de radio onde falan de diversos temas. Ademais, nas nosas reunións con eles, puidemos descubrir que os enfermos estaban, nalgúns temas de actualidade, moito máis informados ca nos, algo que chama a atención, sen dúbida.
      Por outra parte, gustaríame volver o asunto de antes, está moi ben que medios como El País e La voz de Galicia publiquen noticias como as que aportas, pero o que non poden facer logo é estigmatizar as enfermidades do xeito no que o fan. Nesta noticia de El país https://elpais.com/diario/2004/04/01/andalucia/1080771723_850215.html
      resáltase que a persoa que asasinou o seu irmán padecía esquizofrenia. Isto é algo do máis habitual en todos os medios, facendo memoria recordo o terrible accidente de avión nos Alpes e como, a pesar de non ter probas, se lle atribuíu o crime ao copiloto por ter estado baixo tratamento por depresión. Nesta noticia de El Español https://www.elespanol.com/mundo/europa/20170324/203229932_0.html cuestionase do que houbera pasado se o copiloto non padecera dita enfermidade.
      Para finalizar, mencionar o feito de que persoas con relativa importancia a nivel social mostren a súa enfermidade pode chegar a ser un gran avance xa que vivimos nun mundo no que nos deixamos influenciar por todo o que vemos. Con isto quero dicir que se estás persoas usan a súa “fama” para normalizar a situación dos trastornos mentais pode chegar a ser efectivo.
      Por último déixoche esta entrevista de La voz de Galicia a un home que padece Asperger para que lle votes un vistazo:
      https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2018/02/17/fui-esclavo-diagnosticos-trastorno-bipolar-supe-asperger/0003_201802L17C12993.htm

      Gústame

      1. En La Voz de Galicia, Francisco Vidal-Pardo, un médico psiquiatra https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2015/05/06/indice-casos-violencia-enfermos-mentales-igual-resto-sociedad/0003_201505L6C2991.htm di que o índice de casos de violencia entre os enfermos mentais é similar e incluso menor ao que se produce entre o resto da poboación. Os medios de comunicación non deberían empregar como titular a enfermidade que padece a persoa que, neste caso, asasina a outras. Ademais, este artigo de Fundación Asam Familia https://fundacionasamfamilia.org/la-enfermedad-mental-los-medios-comunicacion/ fala sobre que para explicar un crime, sempre é máis sinxelo botar a culpa a este colectivo que admitir que hai xente “mala”.

        A última nova que incluíches de La Voz de Galicia sorprendeume. O feito de que entrevisten a unha persoa con síndrome de Asperger, por unha banda, podería axudar a aquelas persoas que non saben que teñen este síndrome e grazas a nova, poderían detectalo. E por outra, tamén axuda a coñecer máis sobre a enfermidade e a normalizala porque se fala abertamente dela.

        Medios de comunicación como La Voz de Galicia ou El Correo Gallego, no mes de marzo publicaron novas sobre o 35.º Congreso anual da Asociación Española de Enfermería en Salud Mental (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/03/21/tratar-problemas-salud-mental-familia-importanteespecialistas-congreso/0003_201803S21C12992.htm), e sobre charlas informativas do CSG e Terra Saúde en Santiago de Compostela (www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/ciclo-charlas-informativas-cluster-saude-galicia-csg-terra-saude/idEdicion-2018-03-14/idNoticia-1104923/). Isto é un avance nos medios, xa que invitan á xente a aumentar o seu coñecemento sobre este tipo de enfermidades, pero logo non plasma o que se di nestes eventos.
        Debería darse unha maior importancia a novas como esta de La Voz de Galicia onde explícase que se descubriron 50 rexións do xenoma humano que aumentan o risco de padecer esquizofrenia (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2018/03/15/golpe-esquizofrenia-sello-viguescatedratico-hallazgo/0003_201803V15C12993.htm). Sen embargo, un medio nacional como ABC, só lle dedica un parágrafo a que a investigación das enfermidades mentais, é escasa (www.abc.es/espana/abci-investigacion-asignatura-pendiente-enfermedades-mentales-201803041600_video.html) e inclúe un vídeo que fala dun proxecto dunha nai, pero non da maior información. Que opinas de que se lle de máis importancia aos proxectos ou á data das charlas, que a facilitar as conclusións sobre eles?

        Gústame

        1. Como ben dis a violencia está presente en moitos lugares, case diríamos que na vida cotiá convivimos con ela. Explicar as súas causas, seguramente variadas e complexas, sería moi difícil. Sen embargo, no noso linguaxe coloquial estamos habituados a empregar, con frecuencia, palabras como esquizofrenia, trastornado e un longo etcétera para explicar a conducta de violenta a que non sabemos atopar resposta posible, que non podemos entender ou que precisamos manter fora da normalidade cotiá.
          Este feito, para min, é resposta da desinformación que vivimos por parte dos medios de comunicación que, como dixen no anterior comentario, se limita a resaltar se un protagonista dunha noticia violenta tiña unha enfermidade mental. A enfermidade mental está estigmatizada, ténselle uns prexuízos moi profundos, e este estigma provoca a marxinación e o illamento do enfermo. Aquí che deixo un artigo do doutor Guillem Homet Mir onde fala sobre a relación entre enfermidade e violencia:
          http://www.salutmental.cat/la-enfermedad-mental/temas-asociados/violencia-y-enfermedad-mental.html
          Por outra parte, opino coma ti en canto ao tema de que entrevistas diste tipo están ben para dar a coñecer a enfermidade xa que debido a desinformación da que falaba anteriormente non sabemos que existen unha gran cantidade de tipos de trastornos mentais. Déixoche un enlace onde se dan a coñecer os diferentes trastornos mentais en poucas palabras: https://psicologiaymente.net/clinica/tipos-de-enfermedades-mentales
          En canto a pregunta que me lanzas, penso que debería ser totalmente o revés, darlle máis importancia a conclusións e non as datas ou posibles proxectos, xa que cos poucos coñecementos que temos sobre o tema pouco poderíamos facer nesas xuntanzas ou proxectos. Si que é verdade que é interesante saber sobre elas pois poderíamos achegarnos para saber máis, pero se non temos unha base sobre a que partir, pouco poderíamos facer como dixen.
          Por último gustaríame salientar que normalmente cando se fala de investigación ou avances neste ámbito, as novas que podemos atopar son normalmente un copia – pega dalgunha nota de prensa emitida polas principais asociacións. Este feito leva a que a cidadanía nos custe comprender ben o obxectivo desa información xa que se soen empregar termos que descoñecemos.

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s