Falamos cos afectados das carencias da seguridade viaria

Forja Pena

García Vilariño

Os medios xogan un papel moi importante á hora de concienciar á cidadanía sobre a seguridade viaria. Porén, adoitan limitarse a dar só datos en forma de cifras, sen afondar máis no problema en si. Este foi un dos asuntos que tratamos na nosa primeira reunión con membros de diferentes asociación involucradas, mais non foi o único. A falta xeral de concienciación na sociedade, os problemas de sinalización e as infraestruturas deficientes foron tamén temas importantes en dita reunión.

Atropelos

O primeiro tema a tratar foi o dos atropelos, un gran problema presente nas estradas de Santiago e de toda Galicia. Segundo Jeanne Picard, de Stop Accidentes, “Galicia bate o récord de atropelos desde sempre, por desgracia. Algo que non só sucede na cidade, se non sobre todo no rural”. Algo a destacar, pois no rural maioritariamente viven persoas de idade avanzada, e cunhas infraestruturas viarias caídas no esquecemento, sen beirarrúas, sen marcas viarias, sumado a viandantes con roupa escura, e onde tamén os condutores acostumamos ir a unha velocidade maior que nas cidades, xa que pensamos que ao haber menor densidade de poboación o risco descende, pero non é así.

tercera post 2

Fonte: mundoguia.com

 

Por outra banda, e seguindo cos atropelos, tamén se comentou o papel do condutor e do peón. Dende a Autoescola Santa Eulalia preguntan: “No noso vehículo acostumamos a saltarnos un semáforo en vermello?” A resposta é negativa, mais se se nos pregunta como peóns, cambiamos de opinión. Acostumamos culpabilizar o tempo que pasamos nos pasos de peóns, pero o verdadeiro culpable é a cultura viaria que posuímos. Dende pequenos sabemos cando podemos cruzar e cando non, e aínda así, obviamos estas ensinanzas. Como sinalaba Jesús Vilariño, da Autoescola Santa Eulalia: “Vas a outros países e, se saltas un semáforo en vermello, quédaseche todo o mundo mirando que ata te pos colorado. Porén, se aquí fas iso, case parece que che aplauden”.  Os peóns con estas actitudes están asumindo uns riscos, pero non son eles os que provocan a maioría dos accidentes.

Zona 30

tercer post 3

Fonte: ecomovilidad.net

 

Os condutores, que non os coches, son os que provocan a maioría dos sinistros, en moitos dos casos por unha condución irresponsable, utilización de dispositivos móbiles, consumo de alcohol e drogas ou exceso de velocidade. De feito, este último factor é o principal, segundo remarca Jeanne Picard, xa que “se en vez de 20 ou 30, vou a 50 ou 80, podo matar ao peón”. Por iso, dende   a Autoescola Santa Eulalia recomendan unha maior implantación das zonas 30, en lugar de impor un sinal de prohibido circular a máis de 30,  tanto nalgúns puntos da cidade santiaguesa como noutros, xa que nestes o peón ten prioridade, e polo tanto obriga ao condutor do vehículo a ter que ir moito máis pendente do que acontece ao seu arredor.  “Se atropelas a un peón a 30, no 95% dos casos o máis normal é que se salve. A 50 esa probabilidade baixa moitísimo”, explicaba Vilariño. Nas zonas onde non se pode ir a máis de 30, o peón non ten prioridade, polo que o condutor adoita confiarse e saltarse dito límite.

Infraestruturas deficientes

Non sempre teñen a culpa peóns e condutores, senón tamén aquelas persoas encargadas de levar a cabo a realización de diferentes infraestruturas viarias. “Hai unha chea de deficiencias, comezando polos que son titulares das vías, chámense deputacións, concellos, etc., que constrúen infraestruturas cunha seguridade terriblemente ineficientes”, analizaba así Luís Matos, portavoz da Asociación de Veciños de Conxo, tendo como modelo a fatídica rotonda feita no seu barrio. Dita rotonda ten un deseño que, segundo nos explicaba Matos, é un exemplo de intentar economizar recursos. Isto, sumado á sinalización confusa e a uns límites de velocidade demasiado altos, a pesar de que xa se reduciron, constitúe un punto onde xa se produciron varios sinistros.

A sinalización en Galicia

Outro tema a tratar é a mala sinalización en Galicia. Deficiente ou excesiva, contraditoria, avellentada… son algún dos adxectivos que se nos ocorren cando falamos dela. Atopámonos zonas nas que hai unha falta da mesma, como explicaba Jesús Vilariño de Santa Eulalia: “En Santiago non sabemos que zona é travesía e cal non”, así como a falta de presinalación das glorietas, puntos nos que acostuma a haber sinistros. Tamén atopamos exceso de sinais, onde “é mellor poucas pero claras, non hai que confundir aos condutores”.

“Vés do Milladoiro é ves unha sinal de 50, logo unha de 80 e, de repente, outra vez de 50. O que pasou foi que se esqueceron de quitar a de 80 cando modificaron as velocidades”, seguía dicindo Vilariño. Este tipo de fallos poden, xa non só ocasionar algún susto, senón tamén poñer en perigo a seguridade dos condutores. Tamén é destacable que moitas sinais non se renovan, sobre todo as horizontais, que cómpre pintalas cada pouco tempo así como renovar ou modificar as verticais.

Tratamento dos medios

Ante os sinistros a postura dos medios quédase moi curta. “Somos só cifras e a noticia dos luns, número de mortos e feridos”, coincidían os tres. “Sodes o factor máis importante, tedes poder”, sinalaba Picard, “os medios teñen todas as ferramentas para que un feito sexa visible tanto para a sociedade como para os políticos”. Se os medios non publican a situación na que se atopa a seguridade viaria, non hai conciencia como sociedade dos problemas aos que lle hai que facer fronte. Un exemplo disto foi a noticia que saíu fai uns días do ciclista que empregaba unha luz vermella intermitente, a cal non estaba regulada, polo que se lle sancionou. Isto fíxose viral e tivo moita repercusión, o que ocasionou que se vaia regular e se vaia adoptar. Os medios teñen que contar e saber contar, é tan importante o “que se conta” como o “como se conta”. Houbo avances, pero aínda así queda moito traballo por diante.

BIBLIOGRAFÍA:

AUTOESCUELA SANTA EULALIA. (2016). Blog. Autoescuela Santa Eulalia. Recuperado de https://www.aesantaeulalia.com/blog/

AUTOESCUELA SANTA EULALIA. (2016). Blog. Conducir en Santiago de Compostela, en medio de señales con errores. Autoescuela Santa Eulalia. Recuperado de https://www.aesantaeulalia.com/conducir-santiago-compostela-medio-senales-errores/ 

EL INDEPENDIENTE. (2018, 2 de Xaneiro). 2017 se cierra con 1.197 muertos en las carreteras, 36 más que el año pasado. El Independiente. Recuperado de https://www.elindependiente.com/politica/2018/01/02/2017-se-cierra-1-197-muertos-las-carreteras/ 

MELCHOR, X. (2017, 30 de Decembro). El 2017 cierra con un atropello cada seis días. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2017/12/30/2017-cierra-atropello-seis-dias/0003_201712S30C1996.htm 

NÓVOA, R. (2018, 7 de Marzo). Un ourensano logra que la DGT valide la luz roja intermitente en los ciclistas. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/03/07/ourensano-logra-dgt-valide-luz-roja-intermitente-ciclistas/0003_201803G7P10991.htm 

PRIETO, R. (2017, 15 de Decembro). “Con una mayor señalización e iluminación se reducirían los accidentes más de un 50%”. La Opinión A Coruña. Recuperado de http://www.laopinioncoruna.es/galicia/2017/12/15/mayor-senalizacion-e-iluminacion-reducirian/1245111.html 

RACE. (2018, 4 de Xaneiro). ¿Qué son las zonas 30? Ventajas y medidas. RACE. Recuperado de https://www.race.es/seguridadvial/movilidad/zonas-30

RODRÍGUEZ, M. (2018, 16 de Xaneiro). Críticas al diseño de la rotonda de Conxo. El Correo Gallego. Recuperado de http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/criticas-diseno-rotonda-conxo/idEdicion-2018-01-16/idNoticia-1094412/ 

STOP ACCIDENTES. Asociación de Ayuda y Orientación a los Afectados por Accidentes de Tráfico. STOP Accidentes. Recuperado de https://stopaccidentes.org/

 

14 comentarios en “Falamos cos afectados das carencias da seguridade viaria

  1. Gustaríame comezar destacando o primeiro punto do que falades, o dos atropelos. É certo que Galicia, segundo as cifras das que se posúen datos, é unha das comunidades nas que isto é máis frecuente. Como ben vós explicades, isto sucede, sobre todo, en zonas rurais, onde debido ao desgaste das infraestruturas, ou ao abandono das mesmas, por exemplo, os pasos de peóns se atopan borrados e apenas se distinguen do asfalto, ou moitas sinais están rotas e apenas son visibles para os condutores. Tamén creo importante destacar que a educación vial da poboación é moi pobre. Nas escolas apenas se lles ensina qué deben ou non deben facer, e no caso de que se ensine, non é posto en práctica.
    España é un país no que isto se toma á lixeira: non multan a ninguén por cruzar un paso de peóns co semáforo en vermello a pesar de que deberían facelo. Isto supón un problema polas dúas bandas: os peóns que non cumpren coas normas, e tamén as autoridades que non son todo o duras que deberían ser neste tema. Neste caso, dar exemplo sería a mellor forma para evitar accidentes e mortes por atropelos. Ás veces, somos totalmente inconscientes do que supón circular como peón e debemos saber que tamén temos que cumprir unha serie de responsabilidades en materia de seguridade vial. Deixo o enlace a unha noticia publicada en elplural.com sobre o tema: https://www.elplural.com/motor/2017/05/01/las-multas-que-pueden-ponerte-siendo-peaton

    Falades tamén de infraestruturas deficientes, co cal estou de acordo totalmente. Constrúen vías sen ter en consideración a seguridade vial das persoas que circularán por elas. Poño de exemplo a autovía que pasa polo alto do Fiouco, na Mariña Lucense. Neste caso, a néboa que hai na zona fai que esta esté pechada prácticamente un ou dous días á semana. Neste enlace dunha noticia publicada na Voz de Galicia pódese ver a cantidade de veces que ten que ser pechada ao tráfico: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/abadin/2016/12/01/autovia-cierra-mes-ano-desigual-incidencia-primavera-afectaproblematico-veranoefecto-cumbre-incidencias/0003_201612L1C5994.htm .
    No ano 2014 tivo lugar un accidente no que houbo un morto, 49 feridos e uns 50 vehículos implicados. Isto fixo que as autoridades comezasen a tomar medidas pero o diñeiro que se invertiu na construción da autovía está sendo desperdiciado ao ter que pechala continuamente. Aquí, a noticia que fala sobre o accidente https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2014/07/26/muerto-numerosos-heridos-varias-colisiones-multiples-niebla-a-8-abadin-lindin/00031406373404653643245.htm

    En xeral, a sinalización, tal como indicades, é moi deficiente. Sinais que non están correctamente colocadas, avellentadas, ou mesmo contradictorias. Ademais, o mal estado do asfalto en case todo o territorio galego tamén é un punto moi importante a ter en conta. Poño o exemplo da Carretera da Costa, que leva anos sendo amañada a base de parches, é cada día un inferno para todos os conductores que a empregan. Os conductores poden verse en problemas nas curvas, con baches e chea de gravilla; ademais de zonas nas que é sinxelo perder o control ao tocar o freno e saírse de fronte. Aquí, un enlace a unha noticia que fala sobre o estado desta estrada https://www.elprogreso.es/gl/articulo/a-marina/calvario-carretera-usuarios-viven-margenes/201801101223311289022.html .
    Todo isto da lugar a que se produzan accidentes que poderían ser evitados se se solucionase este problema. Creo firmemente que son as autoridades competentes de cada concello as que deben tomar as medidas pertinentes e dedicar o orzamento suficiente para amañar de xeito seguro todos os problemas dos que se teñen constancia para así mellorar a seguridade vial dos cidadáns.

    Resposta de: Sara García.

    Gústame

    1. Totalmente de acordo en que hai unha falta enorme de educación viaria na sociedade. Como nos comentaban os integrantes do círculo, é moi necesaria a formación dos máis novos pero sobre todo dos adultos. Somos os maiores os que sempre levamos présa e apuramos para cruzar e non queremos esperar o minuto que tarda en cambiar o semáforo. Ao igual que os condutores, os peóns tamén temos un código e normas de circulación como vemos neste link da DXT: http://www.dgt.es/PEVI/documentos/catalogo_recursos/didacticos/did_adultas/peatones.pdf
      En canto ao que dis da falta de imposición de multas a peóns a miña pregunta é: Ata que punto sería eficiente e necesaria? Baixo o meu punto de vista servirían como toque de atención, mais non sei se solucionarían o problema. Considero que antes de poñer multas habería que apostar pola formación, xa sexa en colexios, nas empresas…
      O que comentas sobre a A-8 considero que foi un exemplo moi comparable coa rotonda de Conxo, un desastre arquitectónico cunha construción que avogou polo aforro fronte á seguridade e unha falta de contacto a pé de campo, cos veciños do lugar ou simplemente un estudo da meteoroloxía do lugar. Era pois a crónica dun desastre anunciado que logo produciría o accidente do que falabas. Agora só queda lugar para remendar o que se fixo mal nun inicio e dáse paso á experimentación como vemos nesta noticia de la Voz de Galicia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2015/12/07/fomento-plantea-probar-autovia-prototipos-contra-niebla-a-8/0003_201512G7P13991.htm
      A sinalización e o estado das vías son un tema moi característico de Galicia, desde logo é chamativa a situación, como comentabamos vai desde o excesivo ao deficiente provocando en calquera dos casos confusión. Gustaríame destacar a situación das vías secundarias, que son onde máis frecuentenente se dan estes problemas, tanto de sinalización como do estado do pavimento. Como afirmaba Antonio Lucas de Real automóbil Club de España (RACE): “Tres de cada cuatro accidentes mortales se producen en carreteras secundarias, donde la climatología adversa, la falta de sistemas de contención o la incorporación de elementos que agravan los accidentes provocan que la mayor parte de los accidentes se produzcan en estas carreteras”. Estas declaracións están recollidas da seguinte noticia de La Opinión Coruña: http://www.laopinioncoruna.es/galicia/2013/03/10/jeanne-picard-frenazo-vias-secundarias/700512.html

      Gústame

      1. É certo que moitas veces son os maiores os que malinfluencian aos máis pequenos con respecto á educación vial, dándolles mal exemplo, cruzando a estrada co semáforo en vermello ou incluso por un lugar non habilitado para iso. Sen embargo, creo firmemente que impoñer multas a peóns xeraría un exemplo se estas fosen bastante elevadas. É preciso reeducar a sociedade en materia de seguridade vial, non se respetan as normas de circulación e a maioría da poboación, ao circular pola rúa como peatón, descoñece que teñan deberes como tal. Tamén é importante educar ben aos conductores, xa que dende que unha persoa saca o carnet de conducir comeza a amosar “manías” que poden ser perxudiciais tanto para él como para as demais persoas que se atopan no mesmo entorno. Deixo aquí unha noticia que fala sobre que o 40% dos falecidos en accidentes de tráfico en Galicia viaxaba sen cinturón de seguridade. http://www.laopinioncoruna.es/galicia/2018/02/28/40-fallecidos-accidentes-trafico-viajaba/1267555.html
        O tema da falta de uso do cinturón e o do uso do móbil mentras se conduce son os máis frecuentes entre a poboación. É frecuente ver a xente empregando o seu teléfono mentras se atopa na estrada co coche. Non crees que con imposición de multas máis elevadas, se reducirían estes comportamentos?

        Totalmente de acordo no que comentas do chamativo que resulta o estado das vías secundarias en Galicia, onde, como ti ben dis, teñen lugar a maior parte dos accidentes. É deber de cada concello administrar os fondos destinados a iso para reparar estas vías que se atopan en estado cada vez máis decadente, mais, sen embargo, fan como se non ocorrese nada. Parece non interesarlles a propia seguridade dos habitantes dos municipios debido aos accidentes que poden sufrir circulando por estas vías. Cal sería entón, a solución, se as autoridades se desentenden destes problemas?

        Gústame

        1. Como ben dis, é certo que os condutores co paso do tempo collen costumes que son perigosas para si mesmos e para os demais. Como se ve na noticia que adxuntas, a cifra de persoas que tivo accidentes e non empregaba cinto é abraiante, xa que parece que é algo que xa debería estar implantado e totalmente aceptado por condutores e acompañantes. En canto ao que ti preguntabas, non sei se un aumento da cantidade das multas melloraría a situación. Baixo o meu punto de vista é a xente máis maior a que aínda se resiste ao uso do cinto de seguridade, co cal cómpre unha reeducación nas idades máis adultas. Como nos indicaban desde a autoescola na reunión, nos cursos de recuperación de puntos a xente ten unha media de idade que supera os 40 anos.
          Seguindo co que falabamos das vías secundarias está claro que os fondos deben ser investidos e debería haber un control maior por parte de tráfico que sinalasen e esixisen un bo estado das vías, ao igual que se lles esixe aos condutores que circulen correctamente. É máis, considero que é tarefa nosa tamén a de reclamar isto, como veciños, como condutores ou como peóns. Nesta noticia vemos un exemplo do que comentamos, un concello que promete unha inversión para a mellora dunha vía e non se levan a cabo ou se desvían os fondos asignados para iso: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/ferrol/2018/02/22/vecinos-amenazan-protestas-mal-estado-espino-basanta/0003_201802F22C2992.htm

          Gústame

  2. Pensamos que nesta cuestión estamos a desviarnos do debate axeitado. O máis habitual cando estamos a falar dos problemas derivados da utilización de vehículos particulares, é que propoñamos como solucións campañas de prevención de accidentes ou esixamos a renovación de infraestruturas. Dende o noso punto de vista, a solución pasa por abusar menos do uso do automóbil. Unha solución que, normalmente non se contempla porque non interesa.
    O problema real non é a mala sinalización, non é a falta de información nin as infraestruturas deficientes. O verdadeiro problema, dende a nosa opinión, é que estamos inmersos nunha cultura baseada no uso e abuso do automóbil, polo que este modo de entender a mobilidade é o que non nos deixa ver máis alá. Santiago de Compostela é un claro exemplo de cidade colapsada polo tráfico nas súas rúas céntricas. Por este motivo, debemos enterrar o costume de ir en coche a todos os lados e crear cidades máis accesibles para os peóns e vehículos non motorizados, como as bicicletas. Estas accións orientadas a converter en peonís zonas céntricas das cidades, poderían mellorar a calidade de vida, reducir o número de accidentes, diminuír os ruídos e a emisión de gases e substancias nocivas, así como a maioría dos efectos nocivos producidos polo exceso de tráfico. Un exemplo dos efectos positivos de converter en peonís diversas zonas, obsérvase en Pontevedra con excelentes resultados. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2017/03/01/pontevedra-ciudad-conseguido-domesticar-trafico/0003_201703G1P3991.htm
    A solución realmente efectiva consiste en quitar privilexios ós condutores para darllos ós peóns. En Pontevedra non se produce un accidente mortal dentro da cidade dende 1999, e nesta mesma cidade pasouse de 69 atropelos en 1998 a 6 no 2013.

    Gústame

    1. En canto ao teu comentario, concordo en varias cuestións. Respecto ao tema do excesivo uso do automóbil, penso que tes razón, xa que podemos observar como claro exemplo o gran tránsito de vehículos nas estradas compostelás. De feito, asociacións como Composcleta denuncian estes excesos, pedindo unha maior utilización de outros medios de transporte, como a bicicleta.

      Outro tema que tratas é o uso das zonas peonís, para mellorar a calidade de vida, así como a diminución da contaminación e de sinistros, que non de accidentes, xa que non é o mesmo. Pois ben, este tema falámolo no post, xa que as zonas 30 teñen a mesma función que ti suxires, de darlle unha maior prioridade aos peóns na rúa, ademais de reducir a velocidade ata 30 km/h, un dos factores máis importantes á hora de evitar os sinistros de tráfico, tal e como se sinala no enlace da noticia do teu comentario. Neste enlace explican moito mellor como mellora a seguridade vial unha maior implantación de zonas 30:
      https://www.race.es/seguridadvial/movilidad/zonas-30

      O exemplo que pos da cidade de Pontevedra á hora de reducir vítimas de tráfico é moi bo, e deberíase imitar noutros puntos de Galicia. Aínda que debo destacar que non só se producen sinistros nas cidades, e menos en Galicia, onde as zonas rurais dominan o territorio. Nestes lugares, a seguridade viaria é moitísimo menor, e tanto peóns como condutores estamos en condicións máis perigosas.

      Gústame

      1. Ben é certo que existen mecanismos como as coñecidas zonas 30 que outorgan maior prioridade aos peóns, pero a estas alturas xa podemos falar de cidades totalmente libres de tráfico, é dicir, de cidades feitas para as persoas.

        A mobilidade tal como a coñecemos está cambiando, as novas plataformas para compartir vehículos como Amovens ou BlaBlaCar comezan a gañarlle o pulso ós autobuses e o servizo de VTC (vehículos de aluguer con condutor), que son unha seria competencia para os taxis. A vella idea de mobilidade troca nunha nova realidade á que cidades como Hamburgo, Oslo e Helsinki xa se sumaron, eliminando o tráfico en rúas céntricas e fomentando con medidas reais, a utilización de outros medios de transporte, como a bicicleta ou o tranvía.

        Repito, temos o modelo máis claro na cidade veciña de Pontevedra, onde o centro da cidade é completamente peonil e as zonas transitadas por vehículos se caracterizan por permitir unha velocidade máxima de 30 km/h. En consecuencia, o número de accidentes descendeu na capital da provincia dos 1203 no 2000 ós 484 no 2014 e conseguiuse reducir en gran medida a contaminación da cidade. A sociedade evoluciona, deixando un pouco de lado a idea de que un coche é un ben necesario, polo que as urbes deben desenvolverse tendo en conta novas necesidades, como o modelo de cidade saudable.

        No seguinte enlace deixamos un artigo de El País que fala desta nova tendencia que trata de “devolver” as rúas das cidades ás persoas que as poboan: https://elpais.com/elpais/2017/07/21/masterdeperiodismo/1500649619_123648.html

        Gústame

        1. Concordo co que dis. Cada vez máis pódense apreciar cambios na mobilidade, onde podemos atopar diferentes alternativas, como as plataformas que mencionaches, Blablacar ou Amevons, así como unha maior utilización das bicicletas e de automóbiles con cero emisións.

          Con isto conseguimos grandes cambios, tanto ambientais coma sociais. A contaminación provocada polo excesivo uso do transporte verase reducida considerablemente a medio prazo, e a sociedade tamén vai notar estes cambios en moitos ámbitos, como por exemplo no laboral.

          Novos nichos de mercado están saíndo á luz debido ás modificacións que se están a sufrir no transporte, poñendo como claro exemplo o da bici. A crise, entre outros factores, dificulta o mantemento dun vehículo privado, debido aos grandes costes que supón, polo que algúns medios de transporte como a bici crecen de xeito exponencial, provocando cambios no mundo laboral. Agora existe un gran incremento de tendas de aluguer, de recuperación, e mesmo plataformas como Glovo ou Deliveroo, as cales se basean en levar pedidos a domicilio en bicicleta, obtendo así un gran número de vantaxes. Recoméndoche que leas esta noticia de El País, onde falan un pouco máis a fondo sobre o tema: https://elpais.com/elpais/2017/07/18/masterdeperiodismo/1500375140_303930.html

          Gústame

          1. Está claro que unha maior utilización de vehículos non motorizados por parte da poboación aportaría numerosos beneficios, tanto a nivel individual como colectivo. Aínda así, na noticia que mencionas do xornal El País, fálase do auxe de negocios de aluguer de bicicletas en cidades cunha xeografía moi diferente á galega. Madrid, Barcelona, Sevilla ou Álava desfrutan das condicións perfectas para utilizar este tipo de medios de transporte. Unha orografía menos accidentada que a galega e un clima con menos precipitacións provocan que a bicicleta sexa un transporte moi utilizado dende fai anos.

            Na páxina da Agencia Estatal Meteorológica (http://www.aemet.es/es/serviciosclimaticos/datosclimatologicos ) podes comprobar como a pesar de que o 2017 foi un ano extremadamente seco, as cidades galegas seguen estando nos primeiros postos da lista de poboacións españolas que máis precipitacións rexistran. Pensamos que estes factores climatolóxicos son relevantes á hora de utilizar medios de transporte respectuosos co medio ambiente. De feito, non hai máis que comparar os escasos aparcamentos de bicicletas (case sempre baleiros) que vemos nas cidades galegas cos poboados aparcabicicletas de cidades como Barcelona ou Córdoba. Na nosa opinión, en Galicia a utilización da bicicleta está restrinxida a un uso máis deportivo que utilitario. En efecto, a maioría de bicicletas que podemos ver por Compostela son as de peregrinos que realizan o Camiño neste medio de transporte. No caso do Camiño, a bicicleta é moi utilizada, como podes comprobar na multitude de páxinas que existen ao respecto en Internet: https://vivecamino.com/gl/el-camino-de-santiago-en-bici/mantemento-da-bici/

            Pero, como medio de transporte utilitario, pensas que a bicicleta é a idónea nun territorio co clima e a orografía de Santiago

            Gústame

            1. Ben é certo o que dis, existe unha gran diferencia climatolóxica entre Santiago e Barcelona ou Córdoba, un factor que pode afectar en bastantes ocasións á hora de utilizar a bicicleta como medio de transporte rutineiro. Pero tamén hai unha maior potenciación da bici debido a unha maior concentración de habitantes. Ademais, o mal tempo obríganos a ter que ir máis atentos tanto diante do volante, como pola beirarrúa, obrigándonos a ter unha preocupación extra con respecto ao resto.
              Aínda así, a chuvia non é unha excusa para fomentar a bici, e menos en Galicia. Ti mesmo o dicías nun comentario anterior. Un moi bo exemplo témolo neste artigo publicado no Faro de Vigo, sobre unha iniciativa do IES Frei Martín Sarmiento, un colexio de Pontevedra: http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2018/03/22/instituto-mejor-bici/1859400.html

              Para finalizar gustaríame incidir en Barcelona, como ti comentaches. Non é só que as condicións meteorolóxicas sexan máis favorables, se non que tamén fan grandes esforzos en cambiar a situación actual, debido tanto á contaminación como á vida sedentaria, fomentando así hábitos de vida saudables. Neste link explican á perfección o novo plan de futuro barcelonés, sen ninguna dúbida, exemplo a seguir: https://www.google.es/amp/s/amp.20minutos.es/noticia/3288548/0/nuevo-plan-para-una-movilidad-segura-saludable-y-ecologica/

              Gústame

  3. Es cierto que en muchas ocasiones optamos por zonas no habilitadas para el tránsito peatonal o cruzamos la calle cuando el semáforo está en rojo. Ya sea por comodidad o falta de atención por parte de peatones y conductores, Galicia duplicó en 2017 la media estatal de peatones arrollados y en los últimos diez años se produjeron hasta 250 muertes por atropellos.
    http://www.farodevigo.es/galicia/2017/10/22/atropellos-dejan-250-muertos-diez/1771628.html

    El problema reside en la escasa educación vial con la que contamos y la falta de concienciación sobre los peligros a los que nos sometemos al no cumplir las normas.
    A pesar de que los responsables de los atropellos somos nosotros, los usuarios de la vía, también existen otras causas como la deficiencia de las infraestructuras viales, como bien comentáis, y la impunidad en la administración de justicia.
    Una carretera en mal estado o una señalización defectuosa, pueden hacer que se produzca un accidente de tráfico o que aumenten las consecuencias del mismo. Si queremos minimizar los riesgos de sufrirlo o sus consecuencias, tendremos que empezar por mejorar las infraestructuras viales de nuestras ciudades. Un ejemplo de ciudad que necesita de estos cambios es A Coruña, en la que existen lugares que producen confusión para los conductores, aumentando el riesgo de accidente.
    https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2017/12/17/senales-maniobras-confusas-lastran-trafico/0003_201712H17C2991.htm

    Tomando las medidas necesarias y educando en la seguridad vial en la medida en la que podamos hacerlo, contribuiremos a la reducción de accidentes y a una segura circulación para todos los usuarios de la vía.

    Respuesta de María Vaquero.

    Gústame

    1. Concordo no que dis en canto á educación viaria. Necesitamos concienciar máis á poboación de que a base principal para evitar sinistros e atropelos é adecuarnos ás normas de circulación de maneira segura, pois se un o fai mal, os demais seguen o exemplo.
      Por outro lado, as deficiencias nas infraestruturas tamén xogan un papel importantísimo: calzadas desgastadas polo paso do tempo, sinalizacións mal colocadas… Sen olvidarnos tampouco do mal tempo, que adoita acompañarnos moitos días do ano; así como o tema do rural, pois habitualmente esquecémonos de que no ámbito rural tamén hai moitos atropelos, debido á precariedade de moitas vías. De feito, nesta noticia de fai tres anos, analizan mellor esta circunstancia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2015/05/11/tantos-atropellos-peatones-galicia/0003_201505G11P15991.htm
      Finalmente, deixo aquí outra noticia que atopei en La Región, onde varios expertos en seguridade viaria analizan diferentes aspectos para intentar mellorar a circulación en lugares tan poboados como Ourense, e tamén a falta de sancións ou de iluminación nalgúns puntos da cidade:
      http://www.laregion.es/articulo/ourense/expertos-ven-fallos-estructurales-malas-costumbres-principales-causas/20170615074340716633.html

      Gústame

      1. Todos sabemos que junto al conductor y el vehículo, las infraestructuras constituyen uno de los tres pilares fundamentales de la seguridad en las vías, y tienes razón al comentar el importante papel que juegan en este tema.
        En todo momento tenemos que contar con accidentes inevitables que suceden por causa de errores humanos o cuestiones meteorológicas, pero el verdadero reto que debemos asumir es el de minimizar sus consecuencias mediante unas infraestructuras preparadas para ello.

        Los huecos en las calles, los hundimientos, la mala señalización o la escasa iluminación son las principales causas de los accidentes viarios de hoy en día. Expertos en el tema aseguran que el mal estado de las vías es la causa más común en los accidentes de tránsito, y así lo confirma el siguiente titular del diario El Nacional: http://www.el-nacional.com/noticias/sucesos/mal-estado-las-vias-causa-principal-accidentes-transito_204949

        Como bien señalas, no podemos olvidarnos de los peligros que existen en las zonas rurales. Estos lugares no se tienen en cuenta todo lo que se debería, y a menudo sufren la falta de evaluación de sus vías y señalización vial. http://www.ecosdelcombeima.com/region/nota-124251-entre-semana-casi-no-hay-policia-de-transito-vienen-de-ibague-los-fines-de-semana En este artículo podemos observar el caso de un municipio rural que se queja de la falta de atención viaria que sufre. Este es uno de los muchos ejemplos que existen, y desgraciadamente, el mal estado de las infraestructuras viarias sigue siendo una de las causas principales de accidentes de tráfico.

        Gústame

        1. Como dis, as deficiencias nas infraestruturas é un factor moi importante á hora de contabilizar os accidentes, pero non o maior factor de risco. De feito, o maior factor de risco en canto a sinistros de tráfico se refire son as distraccións: andar co móbil, ter o volume da radio moi alto, utilizar o GPS, fumar…
          Esta noticia de La Opinión Coruña amósanos moi ben os diferentes factores a ter en conta, onde tamén fala de infraestruturas deficientes, como son a falta de badéns e bandas sonoras e rugosas, ou diferentes sistemas de iluminación: https://www.google.es/amp/amp.laopinioncoruna.es/galicia/2017/02/11/distracciones-causan-40-accidentes-trafico/1151619.html

          Para finalizar, gustaríame ensinarche esta información levada a cabo pola Autoescola Santa Eulalia, sobre todo o que podemos facer para reducir os sinistros de tráfico, como mellorar a educación viaria, fomentar a concienciación cidadá, ou diminuír a velocidade en certas calzadas. Ademais comenta todos os factores de sinistros que día a día van sumando vítimas, para así poder erradicalos de vez:
          https://www.aesantaeulalia.com/los-accidentes-trafico-galicia-se-pueden-evitar/

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s