A necesidade de repensar o sistema de financiamento dos medios online

CODESIDO CENTOIRA

14 euros. É o que costa, ao mes, a tarifa premium de Netflix. Con ela, un usuario pode reproducir miles de contidos en HD simultaneamente dende varios dispositivos. En 2017, o número de abonados a este soporte chegou á cifra dun millón: cada vez son menos os que deciden descargar contidos pirateados. A edición dixital de El País custa, tamén ao mes, algo menos: 12€. Porén, tan só o 9% dos lectores online paga polo que le.

A chegada de internet foi benvida no mundo da información polas innumerables ventaxas que ofrecía e ofrece. A inmediatez e a velocidade ían ser claves para o crecemento e a diversificación do xornalismo; os xornais sumarían enormes beneficios ao poder distribuír contidos por un prezo moito menor, xa que se desprenderían dos costes supostos pola impresión. Porén, hoxe, 20 anos despois das primeiras edicións dixitais en España, as Novas Tecnoloxías son sinaladas, por moitos, coma a orixe da crise na que se atopa sumida a profesión xornalística.

Marcos Mosquera, redactor xefe de La Opinión, teno claro: “Os medios non foron capaces de adaptarse a internet. Teñen unha audiencia inmensa pero non saben como rentabilizala”. En España, a estratexia de financiamento seguida pola maioría dos medios online oriéntase ós contidos publicitarios, que aparecen incrustados nas páxinas webs. Porén, Andrea Pérez, xornalista en La Voz de Galicia, defende que este sistema “ non pode financiar, nin de lonxe, ós medios de comunicación dixitais”. Ante este panorama, resta unha alternativa: pagar directamente por acceder ós contidos.  Esta fórmula, que funcionou durante séculos para os xornais en papel, semella hoxe impensable na rede. Mosquera conta con ironía como, tras establecer un control para o acceso á edición dixital de La Opinión, recibiron queixas por parte dos seus lectores. “Un chegou a afirmar que lle estabamos negando o seu dereito á información”.

Os dous xornalistas coinciden na diagnose do problema dentro dos medios españois. “Se un xornal comeza a cobrar polos seus contidos, os lectores irán a por esa mesma información a un xornal veciño”, defende Pérez, que se mostra partidaria dun acordo entre editores. Ante esta situación de competencia, Mosquera subliña a capacidade de resistencia coa que contan os xornais locais: “Google News xamais che contará por que a túa rúa leva en obras dende as 8 da mañá”.

Se ben é posible que as cabeceiras cun contido especializado sexan máis difíciles de substituír, nos últimos anos as problemáticas derivadas da rede extendéronse ó total do xornalismo español con graves consecuencias. Este impacto negativo viuse reforzado pola crise económica de 2008, provocando unha emerxencia da precariedade laboral con dúas vítimas. A primeira destas son os propios xornalistas, que viron como as súas condicións laborais se deterioraban á vez que moitos perdían o seu traballo. De feito, en 2016 había un 74% máis de xornalistas parados que antes da crise. Un exemplo desta perda de postos de traballo é El Mundo, que entre o 2008 e hoxe desenvolveu catro ERES que resultaron en 930 despidos, reducindo a súa plantilla en case un 50%. Por outra banda, os profesionais que mantiveron o seu traballo viron reducidos os seus soldos nun 17% entre 2010 e 2015. A precariedade déixase ver con forza na entrada ó mercado laboral: se ben nove de cada dez estudantes de xornalismo cursan prácticas, tan só a metade destas son remuneradas.

A outra vítima da precariedade laboral derivada das Novas Tecnoloxías son, por suposto, os lectores. Segundo Mosquera, estes ven reducida a calidade da información que perciben por mor das extensas xornadas laborais ás que se ven sometidos os xornalistas, tras as cales unha parte dos contidos publicados son inexactos ou carecen de contraste suficiente. Tamén a coexistencia dos xornais dixitais con outras plataformas fire, á vez, os ingresos destes e a información dos seus lectores. A “democratización” da información ofrecida pola rede leva, segundo ambos xornalistas, a unha maior facilidade de difusión para bulos e historias falsas, xa que os contidos non se verifican. “Ademais, en Twitter cada quen segue a quen lle gusta. Non hai contraste”, afirma Mosquera, sinalando outro dos focos de desinformación xurdidos como consecuencia da rede.

Entón, cal é a solución? Os dous xornalistas téñeno claro: establecer un pacto entre os editores dos principais xornais dixitais de España para que todos estes cobren polo acceso ós seus contidos. Porén, ambos se mostran pouco esperanzados acerca da viabilidade do acordo. Mosquera sinala, neste senso, a necesidade de concienciar á poboación acerca do valor do xornalismo pagado, e compárao con outros contidos que, anos atrás, soían ser pirateados de xeito sistemático. “Hoxe en día iTunes ofrece unha infinidade de discos por un precio moderado, e xa case ninguén os descarga ilegalmente”.

A conformación dun xornalismo de calidade e o pago por este son dous conceptos que se retroalimentan: se ben os lectores só pagarán un bo contido, este non se pode elaborar nas condicións de precariedade actualmente vividas. Mosquera remata: “cando vas mercar o pan dancho gratis? Pois o xornal tampouco”.

Bibliografía:

17 comentarios en “A necesidade de repensar o sistema de financiamento dos medios online

  1. Tema de real interese para o futuro do xornalismo, sen dúbida. Sen embargo gustaríame que propuxerades algo máis desde o punto de vista do público tamén. Está disposta a audiencia a pagar por contidos aos que está acostumado acadar de forma gratuíta? A costume pode ser un grave problema aquí. Merecerá a pena pagar por estes contidos? É dicir, se mañá ocorre un atentado en Madrid, por exemplo, que queda cerca, os diarios poríano como información de pago ou como gratuíta? É un debate interesante e os responsables son os altos mandos dos diarios, sempre tendo en conta a intención do público, que é, a fin de contas, o xefe absoluto. Esta discusión vén sendo típica sobre todo desde que Der Spiegel comezara a ofrecer a maioría dos datos baixo suscripción de pago no 2011, aínda que despois rectificou en gran medida. En El País tamén falaron disto: https://cincodias.elpais.com/cincodias/2002/10/12/tecnologia/1034666282_850215.html

    Gústame

    1. Como xa se indicou no post, o lector é una das principais vítimas da precariedade laboral que hoxe sofren os xornalistas. Aínda que esta non o afecte no tocante á economía, una sociedade democrática tan só pode xerminar sobre un xornalismo de calidade, interpretativo e que invite á reflexión; requerimentos inacadables na situación laboral actual. A reconducción desta pasa pola recuperación dunha fórmula tan básica coma o pago directo polo produto ofrecido, que funcionou durante centos de anos na prensa en papel.
      Por outra banda, no tocante á disposición do público de pagar polos xornais en liña, o debate é outro. Se ben na actualidade non existe una concienciación colectiva con respecto a esta problemática, tampouco a había anos atrás cos contidos dixitais. Hoxe en día, en cambio, cada vez máis xente aluga música e series no canto de piratealas: quizais este cambio teña que ver co nacemento de plataformas como Netflix e Spotify, que permiten adquirir os nomeados contidos de xeito asequible e sinxelo. De ser así, haberá que agardar a que o homólogo destas no campo do xornalismo online sexa creado. Esta posibilidade foi comentada por Andrea Pérez na conversa mantida con ela, onde se referiu a un hipotético “kiosko online” que ofrecería, a cambio dunha subscripción, acceso ós principais xornais nacionais. O concepto xa foi posto en práctica en 2010 polo grupo Unidad Editorial, que ofrece a versión online dos seus principais diarios no portal Orbyt.com.
      Por último, existe una diversidade de modelos de pago que permiten conxugar, ata certo punto, a financiación dos xornais cun acceso libre ós mesmos. Un bo exemplo é o empregado polo New York Times, que dende 2011 permite ós visitantes online ler ata 20 artigos antes de comezar a cobrar.

      Referencias:

      Pereda, C. (17 de marzo de 2011). The New York Times estrena sistema de pago. El País. Recuperado de: http://blogs.elpais.com/periodismo-con-futuro/2011/03/el-new-york-times-estrena-sistema-de-pago.html

      Gústame

      1. Realmente dacordo contigo. Así a todo: como estamos tan seguros de que o cobrar polo acceso aos medios de comunicación online vai aumentar a súa calidade? É doado pensar que isto vai ser así, pero gustaríame saber se tedes alguna proba fiábel de que isto vaise dar ao cen por cen. É dicir: como podemos saber que o que vai ocorrer non é un aumento todavía maior do sectarismo e da corrupción nos medios, xunto con un abuso por parte dos xornais máis visitados, que gañarían aínda máis cartos, contra os medios alternativos que quedarían todavía máis enterrados baixo o dominio das grandes empresas comunicativas? Gustariame saber que poderíades argumentar con respecto a isto. Pode soar un pouco forte, pero paréceme curiosa esta seguridade que, todo hai que dicilo, está totalmente fundada. Deixo un artigo de El Español no que trata isto último.

        Cano, F. (2017, 10 de diciembre). Las suscripciones digitales en prensa sí funcionan: cinco casos de éxito. El Español. [Consultado el 12 de abril de 2018] Recuperado de https://www.elespanol.com/economia/medios/20171208/267973530_0.html

        Gústame

  2. É un tema realmente interesante, pero estaría ben que apuntásedes que esta situación que sofre o xornalismo non é soa e principalmente provocada polos medios online. Da crise do xornalismo e dunha iniciativa creada por unha xornalista para denunciar a precariedade que sofre o sector fálase en El País: https://elpais.com/elpais/2014/12/19/eps/1419013223_225275.html. Esta forma de facer xornalismo ten moitas vantaxes, non só a inmediatez ou que podes informarte esteas donde esteas co móvil, tablet ou ordenador; senón que as persoas teñen moitas máis oportunidades de expresarse e de chegar a máis lugares. As redes sociais son unha ferramenta moi útil para compartir e interactuar coa información, sempre e cando se sigan unhas determinadas pautas. Destas pautas falan tamén en El País:
    https://elpais.com/elpais/2014/12/19/eps/1419013223_225275.html

    Bibliografía
    Muñoz Lara, A. (2012, 15 de decembro). Se paga por artículo la mitad de lo que cuesta un café. El País. Recuperado de https://elpais.com/sociedad/2011/12/13/actualidad/1323800984_733367.html

    Ramírez, P. (2014, 21 de decembro). Comunicación y redes sociales. El País Semanal.
    Recuperado de https://elpais.com/elpais/2014/12/19/eps/1419013223_225275.html

    Gústame

    1. A actual situación á que se ve sometido o xornalismo ten, por suposto, varias causas. Aínda que, a nivel nacional, a crise económica de 2008 tivo unha enorme repercusión nas condicións laborais dos xornalistas, o certo é que, máis que orixinar a precariedade, contribuíu a ela: esta ten a súa orixe na crise do propio xornalismo. Pódese atopar unha boa mostra desta evolución nos informes realizados polas Asociación da Prensa de Madrid. Estes revelan que a situación actual de precariedade xa fora denunciada anos antes de comezo da crise de 2008 polos profesionais do sector.

      Por outra banda, no que ás Novas Tecnoloxías se refire, é certo que aportaron innumerables vantaxes á profesión, como se indica ó comezo do post. Porén, cómpre cuestionarse se a inmediatez das redes pode convivir co contraste ou a interpretación que caracterizan o bo xornalismo. Ademais, as RRSS non son recursos de emprego exclusivo dos xornalistas, senón que calquera individuo pode acceder a elas: esta situación é clave na difusión de bulos e historias falsas, feitos que ameazan a labor informativa dos xornalistas.

      Referencias:

      Marcos, C. (20 de decembro de 2015). Los periodistas españoles creen que la precariedad laboral es el principal problema de la profesión. El mundo. Recuperado de: http://www.elmundo.es/elmundo/2005/12/20/comunicacion/1135098697.html

      Gústame

      1. Se ben é certo que o novo panorama dixital supuxo un reto de adaptación aos medios xornalísticos tradicionais, esta transformación non é nada novo, e moitos xornais xa conseguiron facelo de forma eficiente e mantendo a calidade na súa labor. Nembargantes, aínda que Internet representa novos desafíos, en realidade os problemas de fondo que plantexa o xornalismo son sempre os mesmos, pero cun marco distinto. As tecnoloxías aportan unha facilidade á hora de buscar e acceder ás fontes orixinais, da documentación e a consulta a bancos de información. O problema de Internet é que a cantidade de datos e información á que podemos acceder é tan amplia que resulta difícil elixir aquelas fontes de calidade e non caer na reprodución directa dos mesmos contidos por parte de todos os medios, presionados pola necesidade de inmediatez. Desto se fala no artigo Periodismo de Calidad en Tiempos de Internet.
        Un dos principais problemas en España é a falta de conciencia á hora de pagar a información online, xa que a gran maioría dos medios dixitais teñen que manterse cunha excesiva publicidade porque as subscricións ao medio non son suficientes para poder manter aos traballadores. Destaca esta situación coa doutros países como Noruega, líder en subscritores en toda Europa, onde os medios dixitais mantéñense grazas a este sistema de pago polos contidos propios do xornal. Un país no que 9 de cada 10 persoas consultan medios online semanalmente, e cunha das maiores taxas de subscrición a medios dixitais en Europa, cun 26% segundo un estudo de Reuters, como se indica no artigo de Michael Barret para ADEPA. As razóns desta diferencia non poden establecerse de forma segura e obxectiva, pero quizais teñan que ver coa temperana adaptación e evolución dos medios impresos a plataformas online e a concienciación cidadá.

        Barret, M. Por qué los medios noruegos lideran el mundo de las suscripciones digitales. En ADEPA (Asociación de Entidades Periodísticas Argentinas). Dispoñible en http://adepa.org.ar/por-que-los-medios-noruegos-lideran-el-mundo-de-las-suscripciones-digitales/
        Pérez Oliva, M. Periodismo de calidad en tiempos de Internet. Dispoñible en file:///C:/Users/c/Downloads/278652-381664-1-SM.pdf

        Gústame

        1. Como ben indicastes, a natureza do xornalismo é a mesma hoxe, coas Novas Tecnoloxías, que nos seus inicios. Os profesionais da información seguen a ter o deber de xestionar as fontes de información existentes para achegar ó público un relato comprensible e honesto. Porén, é innegable que como consecuencia deste novo ecosistema virtual os xornalistas contan cunha dificultade engadida á hora de discriminar a información útil; o acceso a esta é dificultado polas enormes cantidades de mensaxes que circula na rede. Boa parte destes contidos, como incidistes, carecen de utilidade ou fiabilidade.
          Por outra banda, cómpre non asumir de contado que a razón pola que en España os lectores online non adoitan pagar é unha falta de conciencia por parte destes. Se nos circunscribimos ó exemplo nórdico, veremos que no propio artigo de Barret se indica cal é o principal modelo de pago da prensa online do país: o chamado “hardwall”. O termo fai referencia a aqueles xornais que obrigan ós lectores a pagar para ler os artigos que eles mesmos producen, é dicir, contido exclusivo, pertencente ó xornalismo de investigación, reportaxes, etc. Noticias que van máis alá da axenda mediática agardable, e que non proveñen de axencias. Por que ía pagar alguén por ler o que pode atopar en calquera outro xornal?
          O que impulsa ós noruegueses a pagar pola información dixital non é a súa conciencia, senón a calidade do que publican. A conclusión positiva é que o xornalismo que vende é, asemade, o que posibilita a vida democrática. A proba disto en España é El Diario.es, que desenvolve un modelo de financiamento semellante ó “hardwall” dos medios noruegueses, se ben notablemente máis aberto (adaptado, en definitiva, ó ecosistema de medios online español). Os lectores non membros deben agardar unhas horas para poder acceder á información exclusiva do xornal, que nas semanas recentes destapou un escándalo máis, que rematou por monopolizar a axenda mediática. Á publicación de información de calidade, El Diario.es une un chamamento á conciencia dos lectores á que vos referiades. De calquera xeito, xa contan con máis de 20.000 socios.

          Barret, M. Por qué los medios noruegos lideran el mundo de las suscripciones digitales. En ADEPA (Asociación de Entidades Periodísticas Argentinas). Dispoñible en http://adepa.org.ar/por-que-los-medios-noruegos-lideran-el-mundo-de-las-suscripciones-digitales/
          Pérez Oliva, M. Periodismo de calidad en tiempos de Internet. Dispoñible en file:///C:/Users/c/Downloads/278652-381664-1-SM.pdf

          Escolar, I. Un medio libre y rentable: las cuentas de El Diario.es en 2017. Dispoñible en: https://www.eldiario.es/escolar/medio-libre-solvente-cuentas-eldiarioes_6_645045495.html

          Gústame

  3. Non é por enmendar a plana: mellor que “repensar”(rethinking), reflexionar. E tamén reflexivizar. Sobre o tema de reflexionar e de reflexivizar é bon a “reflexión” que fai Boaventura de Sousa Santos nas epistemoloxías do sur, cando fala dos coñecementos e dos saberes e da necesidade de equiparar ambos.
    Sen dúbida que as NNTT, e mesmo as crisis múltiples que de repiten desde fins da década pasada, tiveron que ver na deriva de periodismos (non do periodismo), mais no caso de Galicia a feble estrutura das empresas informativas (en principio familiares, pero entrevesadas por fondos especulativos e débeda de arrastre) e as particulares relacións que estas sosteñen cos poderes públicos e os poderes económicos inciden, agravan, especialmente o marco da precarización, e o seu sentido-discurso de problema globalizado. Respecto deste sentido aconsello vivamente ver o documentario “Page One: inside the New York Times” de Andrew Rossi (2011), para estudar desde as experiencias os procesos de precarización no sector. Grazas.

    Gústame

  4. A corrixir:
    – o castelanismo “financiación” pola forma correcta “financiamento”
    – 1º parágrafo
    ” contidos en HD simultaneamente” (os adverbios rematados en -mente non se acentúan)
    “custa tamén ao mes” (empregar a forma correcta do verbo custar; eliminar o “Cancelar”)
    – 2º parágrafo
    “que ofrecía e ofrece” (a coma non é necesaria)
    – 3º parágrafo
    o castelanismo “mayoría” pola forma correcta “maioría”
    – 5º parágrafo
    o castelanismo “sustituir” pola forma correcta “substituír”
    – as etiquetas (faltan tema e autoría)

    Gústame

  5. Coincido coas ideas expostas na maioría do post, pero á súa vez, hai outras que me parecen menos acertadas. Quizáis o proceso de trasladar a prensa online cara o mundo de pago sexa máis lento e de aparición máis tardía que outros, pero eso non quere decir que sexa peor nin que teña que espertar a preocupación dentro do sector.

    Como ben se deixa ver na peza que expoñedes, “só” o 9% dos lectores pagan pola prensa que len na rede, pero ese porcentaxe supera con creces aos dos datos dos anos anteriores. De feito, según o “Estudio de uso y actividades de consumo de contenidos digitales”, o aumento deste tipo de mercado aumenta exponencialmente dende o 2011. Nese primeiro ano, só o 1.9% da poboación estaba disposta a pagar por este tipo de consumo e, no 2016 (último ano que se estudou nese proxecto), o 4.9% da poboación aceptou desembolsar diñeiro para conseguir estes servizos. Estos datos, aplicados aos que se expoñen no post, indican que o crecemento nos últimos 6 anos non é tan pesimista como se fai ver.

    Quizáis nos estamos precipitando e criticamos este mercado por ser máis tardío e lento que outro, como pode ser o exemplo da música. Pero, dende o meu punto de vista, debemos deixar evolucionar o negocio que, como os datos reflexan, segue un camiño ascendente.

    Documentos utilizados:
    Infolibre. El consumo de prensa digital de pago aumenta un 157% en cinco años. https://www.infolibre.es/noticias/medios/2017/07/31/el_consumo_prensa_digital_pago_aumenta_casi_158_cinco_anos_68227_1027.html

    Estudio de uso y actitudes de consumo de contenidos digitales. http://www.ontsi.red.es/ontsi/sites/ontsi/files/Uso%20y%20actitudes%20de%20consumo%20de%20contenidos%20digitales.%20Julio%202017.pdf

    Gústame

    1. Se ben é certo que hai un incremento na porcentaxe de cidadáns suscritos ós medios online, os ingresos derivados destes pagos dificilmente sosteñen o actual modelo de negocio. Así o relata a editora xefa de The Gardian no artigo que deixo ó final. Porén, cómpre sinalar antes que a incapacidade dos medios de nutrirse exclusivamente dos seus lectores deriva na adopción de outros métodos de financiamento: a publicidade e as subvencións. Ambos os dous esquemas deixan ós medios nunha posición máis proclive ó intrusismo dos seus “mecenas”, feito que pon en xogo a Liberdade de Prensa e o fin social do xornalismo.

      Medialab.press. The Guardian alerta: el actual modelo es insostenible sin cobrar. Dispoñible en: https://medialab.press/the-guardian-alerta-actual-modelo-la-prensa-insostenible-sin-cobrar/

      Gústame

      1. Xa que falan dos suscritores online, que pensan vostedes da decisión da Comisión de Comunicación Federal dos EE.UU. que muda o acceso a internet? Como vai afectar iso ao financiamento, e subseguintemente ao traballo intelectual (periodístico), online?
        Grazas.

        Gústame

        1. En principio, non deixaría de ser unha noticia positiva, partindo da premisa de que o Estado reduce a súa regulación (e polo tanto o seu control) sobre a rede. Aínda que boa parte dos argumentos contra a desregulación da Neutralidade da Rede se centran no tema das distintas velocidades, persoalmente atopo máis preocupante a posibilidade que terán as empresas de telecomunicacións de bloquear o acceso ós portais que desexen. Isto podería derivar nunha experiencia case totalitaria se, por exemplo, bloqueasen a páxina web dun xornal alternativo que ofrecese información máis alá dos medios achegados ás institucións.
          Nun mercado de verdadeira libre competencia, se un provedor de internet decidise impedir ós seus usuarios o acceso a unha páxina, xurdiría outra empresa que aproveitaría esa oportunidade para recabar os clientes descontentos da primeira. O problema é que nos EEUU tan só existen 17 empresas capaces de prover estes servicios. Por que? Porque para ofrecerlos é preciso unha licencia da propia FCC: a eliminación da Neutralidade da Rede abre a porta a un panorama orwelliano pero non pola liberalización do sector, senón porque esta é parcial. Un paso moi importante para a conformación dun esquema de medios alternativos sería a desregulación completa da rede.

          https://www.fcc.gov/consumers/guides/acerca-de-la-fcc

          Gústame

          1. Máis que unha noticia positiva, eu diría que é un arma de dobre fío, xa que non pode ser que todas as compañías saian beneficiadas despois dunha medida de semexante calibre.
            Eu sí que penso que o principal problema é o plan de impoñer diferentes tarifas e velocidades a determinados servicios de man das teleoperadoras principais de Estados Unidos, xa que vai ser unha gran barreira para os medios máis pequenos e que tratan de impoñer uns novos modelos de comunicación.
            Por exemplo, si traemos o caso aquí: este observatorio non podería competir con grandes plataformas de información que existen dende máis tempo e que teñen unha capacidade monetaria maior. Probablemente, os servicios de acceso a esta páxina serían, ou máis lentos, ou máis caros ou de menor calidade, polo que o público mudaría cara outros medios máis poderosos e, quizáis, con uns intereses xornalísticos distintos aos que temos neste blog.

            Aquí deixo un enlace cun vídeo que me serviu de axuda e que, ao meu parecer, explica a situación á que fago referencia con claridade: https://www.xataka.com/legislacion-y-derechos/golpe-a-la-neutralidad-de-la-red-en-eeuu-que-cambia-con-la-nueva-ley-y-como-nos-afecta-a-nosotros-desde-fuera

            Gústame

Deixa unha resposta a iagocodesido Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s