Javier Pitillas: “O medo a molestar, molesta moito máis”

Pérez Fieiras

Os medios de comunicación como instrumentos de información, divulgación e xeración de opinión, xogan un papel preponderante no proceso de integración das persoas con discapacidade. Así o recollen documentos como a Convención das Nacións Unidas no seu artigo oitavo ou o “Manifiesto para el Comité de apoyo a las personas con discapacidad en los medios audiovisuales” realizado en 2007 polas principais organizacións audiovisuais do país. 

Tratamento de medios e terminoloxía

Cómpre preguntarse por que cando o afectado aparece tralo visor xoga un papel representativo da súa discapacidade e non aparece como persoa que poida efectuar calquera outro traballo sen vinculación a ela. Javier Pitillas Torra promotor de DisCaminoiniciativa que propón un enlace entre discapacidade e o Camiño de Santiago, denuncia o maior erro no que caen os medios de comunicación: situar ás persoas discapacitadas a un nivel diferente das non afectadas. Deste xeito, alude ao tratamento das mesmas: “falarlle a unha persoa cun cerebro esperto e súper intelixente coma se fose un débil mental, ou mesmo comunicarse directamente co seu coidador”. Así mesmo, refírese á terminoloxía utilizada, un terreo moi polémico nas accións que levan consigo unha consecuencia pública: “A sociedade está moito máis preocupada de usar as palabras politicamente correctas do que o están as persoas con diversidade funcional. O medo a molestar, molesta moito máis”.

Aínda que isto parece moi asumido pola conciencia social, existen casos que o poñen en dúbida. Poñemos, por exemplo, esta noticia de La Voz de Galicia que informa dunha nova proposta para os tribunais galegos. Ata o momento a lei esixía que os cidadáns que compoñían os xurados populares non estivesen afectados por unha discapacidade física ou psicolóxica que impedise o desempeño da súa función. O xornalista relata a seguinte frase: La razón es que ahora la ley sólo exige que los miembros del jurado tengan “capacidad suficiente” sin excluír a las personas con discapacidad. Con estas palabras o medio está a reflectir e supoñer máis ben unha minusvalía, pois ningunha limitación visual ou auditiva debería supor unha “incapacidade” á hora de desenvolverse como xurado popular.

Por outra banda, Jonatan Barral Otero, graduado en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, fai fincapé nos factores de noticiabilidade que deben cumprir as noticias á hora de ser publicadas: O tema da accesibilidade salta en medios cando pasa algo, mais, se non pasa, en realidade non debería de ter por que saír. Asegura que lle gustaría unha maior visbilidade sobre os temas de accesibilidade, pero recoñece que estes non poden ser atendidos de non existir un feito que sexa noticia. Porén explica que a outros niveis non está de acordo coa cobertura mediática. É o caso, por exemplo, do mundo dos deportes, onde os discapacitados seguen sen ter unha consideración real por parte dos mesmos. “Aos deportistas discapacitados ségueselles considerando sociedade e non deporte”, afirma.

subir.jpg
Entrevista a Jonatan Barral Otero, xornalista e técnico audiovisual

Accesibilidade física nas cidades galegas

mapa
Guía de Pontevedra para persoas con mobilidade reducida

Como mencionabamos con anterioridade, os medios de comunicación achéganse ó mundo da accesibilidade cando existe un feito noticioso. Deste modo, podemos falar por exemplo da supervisión na accesibilidade de obras urbanas levada a cabo en Pontevedra de man de COGAMI. É coñecido por todos o exemplo desta cidade como a  máis accesible da comunidade, pois conta ademais cunha guía especializada neste sentido. Por outra banda, o exemplo de Lugo está tamén dentro dos máis soados no relativo a límites de mobilidade: rutas urbanas e rurales, patrimonio e transporte público accesible, ratio de taxis adaptados máis alto de Galicia, contedores adaptados, pisos habilitados en réxime de aluguer, etc.  Incluso foi invitada a recibir a Mención Especial dos Premios Europeos de Accesibilidade polo Smart City.

No que se refire a Santiago de Compostela, as evidencias supóñena tamén como unha cidade accesible. Así o presentan tamén algunhas webs e mesmo o ratifican algúns feitos como a posta en marcha dunha aplicación turística que ofrece un percorrido polos puntos accesibles da cidade para persoas con algunha dificultade. Con todo, a accesibilidade de Santiago é cuestionada por moitos cidadáns que sofren dalgunha discapacidade, “Temos chegado a Santiago decenas de veces con cadeiras de rodas e bicicletas adaptadas e non ter problema para circular e chegar ao Obradoiro. Porén, a primeira vez, xa hai uns anos, a persoa coa que iamos non puido abrazar o santo nin baixar á cripta. Non o intentamos de novo.” Destacan sobre todo, como afirma o membro de DisCamino, os impedimentos que supón a denominación da capital como Cidade Patrimonio da Humanidade (como se explica en anteriores artigos – do noso Observatorio).

Porén, Jonatan Barral quixo destacar un servizo como o máis vulnerable na cidade que denomina como  “accesible” de Santiago: o transporte público e as súas sinais acústicas. Na pel dunha persoa con discapacidade visual, os horarios e paradas dos autobuses supoñen un grave problema. Aínda que “a aplicación Maisbus deu un gran paso neste senso” e se están a plantexar alternativas a este inconveniente na Asemblea de Mobilidade do Concello, polo momento é unha materia pendente para a capital.

Sen dúbida, o maior reclamo por parte das persoas que sofren dalgún tipo de discapacidade é que non só as institucións, senón a propia sociedade, procure a garantía dos seus dereitos. Afectados como os membros de DisCamino foron sempre ubicados nun escano inferior ao resto debido ás etiquetas de “invulnerable” que se coloca a maioría dominante. Así o comenta Pitillas: “existe unha actitude paternalista e lastimeira da sociedade ademais dun enorme descoñecemento de como tratar ás persoas que non se moven igual ca ti pero que si pensan e senten parecido”. Porén, non esquecen que eses “costumbrismos sociais” van sendo superados e que, como apunta o xornalista Barral Otero: “tamén existen momentos nos que a xente esquece a túa situación”.

 

6 comentarios en “Javier Pitillas: “O medo a molestar, molesta moito máis”

  1. A corrixir:
    – 1º parágrafo
    “principais organizacións audiovisuais” (gralla de redacción)
    – 3º parágrafo
    “poñemos, por exemplo, esta noticia” (as dúas comas para delimitar a aclaración ou directamente ningunha)
    “o xornalista relata” (non separar cunha coma o suxeito do verbo)
    “e supoñer máis ben” (acentuación do adverbio)
    – 4º parágrafo
    “temas de accesibilidade, pero” (colocar ben a coma)
    – 5º parágrafo
    “como mencionabamos” (a 4ª persoa do pretérito imperfecto é grave)
    – 8º parágrafo
    “é que non só as institucións, senón a propia sociedade,” (mudar as comas para unha maior énfase)

    Gústame

  2. É certo que moitas veces a cidadanía trata de maneira diferente ás persoas con discapacidade. Isto podería ser debido a certos estereotipos establecidos na sociedade en torno ao ámbito da accesibilidade, así como a diversos pensamentos erróneos que fan crer á poboación que estas persoas non poden desenvolver unha vida con normalidade nin pensar e sentir igual ca o resto.

    En moitas ocasións, si sería necesario un maior tratamento da accesibilidade nos medios. O exemplo dos deportes parécenos moi axeitado, posto que moitas veces vémonos na obriga de consultar portais específicos para poder ler noticias deste tema en relación coas persoas discapacitadas ( http://www.feddf.es/noticias.html ). Á súa vez, isto provoca unha separación entre o que a poboación considera “deportes” e “deportes de persoas discapacitadas”. A unificación é un elemento clave para que a cidadanía trate a todos por igual, situación que na nosa opinión non é difícil acadar se se conta coa axuda de ámbitos como o dos medios de comunicación, que condicionan diariamente a maneira na que a cidadanía ve o mundo

    Gústame

    1. Certo é, como ben mencionábamos no texto, que os medios de comunicación conforman un elemento fundamental na opinión pública. Polo tanto, recalco no que dis para referirme a estes como un poder fundamental á hora de cambiar as cousas. Se ben é certo que a mera publicación de información referida a persoas con discapacidade é discriminatoria se non existe un fundamento (un evento, por exemplo), a forma na que os medios dan cabida a este grupo social é incorrecta.

      É o caso tamén dos deportes como estas a destacar, mais sen embargo, eu faría máis fincapé na forma e non tanto na cantidade de información o una canle na que se emite. A unificación é clave, pois non é correcta a separación que mencionas referida ao deporte por unha banda e o “deporte de persoas con dicapacidade”. Porén, son os roles e estereotipos creados a través desta información “sobremeritada” os que crean unha vulnerabilidade e danan a imaxe e a vida destas persoas (https://elpais.com/internacional/2018/04/19/mundo_global/1524154768_503744.html).

      Gústame

      1. Estamos totalmente dacordo niso, é dicir, a separación que os medios de comunicación realizan non é a correcta. Pero por desgraza trátase da mesma separación que se fai día a día durante a nosa vida cotiá, precisamente en moitas ocasións co tema das barreiras arquitectónicas. Resulta incríble que a día de hoxe, por exemplo, todavía teña que existir un mapa de metro en Madrid á parte para as persoas con movilidade reducida, xa que non todas as paradas dispoñen dos sistemas necesarios para a circulación das mesmas ( https://www.planometromadrid.org/mapas-metro/plano-metro-madrid-accesible-2018-01.png ).

        Velaquí temos outro exemplo, relacionado cos xogos Paralímpicos fronte aos Olímpicos ( https://as.com/masdeporte/2018/04/18/polideportivo/1524065005_908962.html ). Consiste nunha queixa de discriminación por parte do tratamento das marcas a un evento con respecto ao outro.

        Gústame

        1. Porén, non é necesario ir ata Madrid para observar estar barreiras e esta separación (http://www.visit-pontevedra.com/esp/25/232/pontevedra+monumental+accesible.html , http://periodico.laciudadaccesible.com/tecnologia/item/7228-santiago-de-compostela-estrena-una-app-turistica-accesible ). Na propia capital galega, Santiago de Compostela, pasamos día a día por zonas non accesibles sen ser practicamente conscientes disto. Esta falta de descoñecemento motiva, así mesmo, a existencia das mesmas, pois non existe unha loita conxunta para cambiar esta realidade. De aí que a separación da que estás a falar inflúa en tódolos ámbitos da vida das personas, promulgándose nos medios de comunicación. Non se trata só da existencia de ditas barreiras arquitectónicas senón que, como vimos nalgúns dos nosos post, as barreiras e trabas exténdense a moitos outros ámbitos da vida cotiá das persoas como son a maternidade, a sexualidade ou a comunicación.

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s