O falso feminismo dos medios de comunicación

Santomé Seijas, Pérez Pérez

Fai escasos días que o feminismo vivía unha das súas maiores vitorias. As manifestacións do oito de marzo foron históricas, desbordaron os límites ata agora coñecidos e fixeron ver o poderío dun feminismo insurxente e reivindicativo. Esta folga feminista difundíase nos medios de comunicación convencionais e nas redes sociais, como unha oportunidade de visibilidade para as mulleres na que se viu implicada  gran parte da poboación española (sobre 6 millóns) para acadar unha igualdade que, polo de agora, é inexistente.

3ee26320-da92-44fe-8d85-2e9f63127654

Fonte: elaboración propia

 

 

Como insistiamos na anterior publicación, estas reivindicacións son claves á hora de combater o machismo e, porén, non poden ficar en papel mollado. Aínda que é certo que o compromiso dos medios neste pasado oito de marzo foi insólito, cunha cobertura sorprendente por parte dos principais xornais e canles de comunicación, a  realidade que se esconde tras isto é unha hipocrisía visible en moitos deles. De nada serve unha única xornada de loita contra as desigualdades entre homes e mulleres, se ao día seguinte o machismo segue presente nos propios medios.

Analizando algúns medios, puidemos atopar grandes sorpresas que chocan co carácter feminista que, ao parecer, só amosaron na xornada do Día da Muller, deixando en evidencia que tampouco quedan libres de ataques machistas. Mentres na canle La Sexta, do grupo Atresmedia, contaban como o feminismo saía ás rúas, en Antena3, propiedade da mesma empresa, emitían “La Ruleta de la Suerte”, un programa no que cada día Laura Moure se converte en obxecto e unicamente serve para tocar unha pantalla e lucir un bo aspecto físico cara aos espectadores. Por outra banda, tamén “El Hormiguero”, o programa presentado polo xornalista Pablo Motos, foi motivo de polémica, xa en múltiples ocasións, por emitir actos claramente machistas en directo nos que se sexualizaba ás mulleres entrevistadas.

A programación de Telecinco, do grupo Mediaset, non se queda atrás, pois a popular serie española “La que se avecina” está a ser moi criticada nos últimos anos e non sen razón  polo tratamento dos personaxes femininos. Na serie empregan un vocabulario totalmente ofensivo e denigrante cara ás mulleres, e a pesar disto segue en emisión e non con baixas audiencias, xa que nesta última temporada o share do programa chegou a 24’2%, segundo os datos de audiencias que ofrece Formula TV. Isto demostra que machismo na televisión segue a ser aceptado e a pasar totalmente desapercibido por ser algo moi implantado na nosa sociedade como natural.

Non só no ámbito televisivo salienta unha actitude claramente machista, pois tamén á hora de redactar a información que publican se segue o mesmo patrón. Fai uns meses que Antena 3 Noticias publicaba o seguinte titular “Una joven clava un cuchillo jamonero en la pierna de su novio después de que éste le pegara varios puñetazos”. Realmente o titular debería ser ó revés, e colocar ao home como verdadeiro culpable dos feitos, ou neste caso das consecuencias, xa que se trataba dun acto de defensa persoal por parte da moza.  Outra noticia, moi coñecida pola súa difusión en redes e a polémica que supuxo, foi o caso de “La manada”, onde chegaron a botarlle a culpa á rapaza da súa propia violación. Quixemos destacar este titular, La vida normal de la chica violada en San Fermín: Universidad, viajes y amigas”, onde parece que a vítima ten que manter a súa doenza as vintecatro horas do día, cando o máis recomendable en casos de violencia machista é volver á vida normal.

O que está claro é que todos os medios de comunicación exercen un papel clave e poderoso  na vida de moitas persoas á hora de reforzar, concienciar e transmitir diferentes crenzas, valores e maneiras de ver o mundo, así como educar. Polo tanto, se se continúa a transmitir este tipo de ideas a concepción das mulleres continuará a ser a de inferioridade, sexualizadas e tratadas como un mero obxecto. E se dende o goberno non se implican realmente e dende xa, tampouco avanzamos.

No pasado oito de marzo, viamos como Mariano Rajoy e outros líderes políticos portaban un lazo morado e se involucraban co feminismo “para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”. No mes de novembro, o congreso aprobaba un conxunto de 213 medidas para loitar e previr o nivel de machismo máis alto que existe, a violencia de xénero. Como terceira iniciativa, ínstase a “reforzar y ampliar en materia de Educación, los valores igualitarios y la educación afectivo-sexual obligatoria en todos los niveles educativos, fomentando que los mismos se aborden de forma integral”, que, como xa comentamos na anterior publicación, é o elemento clave para erradicar o machismo de todos os ámbitos. Este Pacto de Estado a día de hoxe aínda non conta cos fondos prometidos, concretamente 200 millóns de euros. Non hai data nin financiación. Que máis debe pasar para que reaccionen?

rajoy rtve

Fonte: RTVE

 

Porén, cabe preguntarnos, cando comezarán os medios de comunicación e o estado a asumir a súa responsabilidade como tal e a responder ao chamamento da meirande parte da poboación, para así facer realidade esa igualdade que tanto pregoan. Deben reaccionar ante todo o que está a suceder, pois son eles os que aspiran a promover unha sociedade máis incluínte e equitativa co obxectivo de previr e eliminar as discriminacións de xénero que veñen a darse en todos os niveis da sociedade.

 

15 comentarios en “O falso feminismo dos medios de comunicación

  1. O título do post paréceme bastante axeitado para introducir o tema que tratades. É sabido que os medios de comunicación son escaparates de ideas, o cal supón que o feminismo atopou neles a oportunidade de espallarse, de lograr máis protagonismo e visibilización na sociedade. Non obstante, as ideas que veñen dos medios de comunicación transportan, en moitas ocasións, o machismo das rúas e o dos propios profesionais da información que tratan de compartir a súa mentalidade retrógrada co resto da poboación, sendo pouco conscientes do que realmente supón. O claro reflexo é Pablo Motos, tal como expoñedes no voso post. Pero tamén estaría ben analizar a figura de Arturo Pérez Reverte, entre moitas outras, prestando atención a esta conversa de Twitter na que decidiu cargar contra Margarita Sánchez Romero, quen criticaba na Famelab o feito de que a historia de Adán e Eva fose machista: https://twitter.com/zurita1969/status/856176293922181121/photo/1?ref_src=twsrc%5Etfw&ref_url=https%3A%2F%2Fwww.elespanol.com%2Fsocial%2F20170424%2F210979184_0.html. Pero máis curiosa aínda é a contestación de Miguel Caine, quen alegou que se trataba de humor, para xustificar que a arqueóloga e profesora da Universidade de Granada dixera tal cousa.

    Por outra parte, sería axeitado ter en conta que parte da poboación prefire facer gala dun optimismo ficticio e subxectivo que lastra as posibles conquistas do feminismo. Esta tendencia refléxase nas palabras de Ana Cuartero, quen asegurou en La Sexta Noche que <> ( http://www.lasexta.com/programas/sexta-noche/noticias/ana-cuartero-rechaza-parte-de-las-reivindicaciones-del-8m-tenemos-muchas-ministras-para-decir-que-hay-un-techo-de-cristal_201803105aa4471e0cf2afdd1294490c.html ). Estas declaracións son o claro reflexo dunha visión sesgada e claramente incompleta dunha realidade na que tan so o 33% de ministros son mulleres e na que, cando se reúne o equipo de goberno do partido que rexe o noso país se fala dunha “xuntanza dos barones do PP” ( http://www.elmundo.es/espana/2018/02/06/5a79a60e268e3e80638b4693.html ), aínda que tamén figuren entre os homes Soraya Sáenz de Santamaría ou María Dolores de Cospedal, quen sostivo sobre a folga do 8 de marzo que non era relevante para as mulleres, posicionándose en contra.

    Gústame

    1. Pérez Pérez
      Como ben dis, hai unha morea de exemplos nos que, a mentalidade retrógrada da que estás a falar difúndese tanto nas redes sociais, coma nos medios audiovisuais. O difícil sería analizalos todos, ou intentar erradicalos. O exemplo que ti ofreces é a figura do escritor, Arturo Pérez Reverte, do que xa fai tempo coñecemos a súa faceta machista e misóxina, cando no ano 2016 publicaba unha severa crítica contra as mulleres, na súa columna semanal “Patente de corso”. A resposta veu da man, da entón revista dixital “Locas del coño”, quen non podían entender coma unha persoa con coñecementos e cultura coma a súa, podían amparar unha sociedade machista e desigual.
      https://www.nuevamujer.com/actualidad/2016/07/27/dia-que-arturo-perez-reverte-se-gano-odio-mujeres.html

      O outro apunte que estás a expoñer é o feito de que as propias mulleres non defendan a loita feminista. É certo que moitas non chegan a compartir todos os ideais defendidos, pero a realidade é que podemos atopar moitos tipos de feminismos, dependendo da cultura emerxente do lugar. Vou poñer como exemplo o feminismo musulmán, que aínda que podería parecer que non existe, é unha realidade. Nos países de cultura islámica, as mulleres tamén tratan de reivindicar cuestións tan básicas como pode ser a educación. Con isto non quero xustificar a actitude das mulleres que estás a mencionar, pero si apuntar o feito de que existen diversos tipos de feminismos, diversos pensamentos para a defensa da muller, e resulta moi complicado unificar un único pensamento sen atopar trabas no camiño.
      https://lamenteesmaravillosa.com/que-tipos-de-feminismos-existen/

      Gústame

      1. Por desgracia, o nivel cultural dunha persoa, aínda que se trate dun escritor de prestixio, non leva da man o respeto pola igualdade, posto que, se iso fose así, todos os intelectuais da historia serían declarados feministas. O que sí é sorprendente é a cobertura que este tipo de personaxes públicos obteñen por falar de aspectos relativos á muller dende unha hipocrisía insultante, como acontece nesta entrevista ( http://www.lasexta.com/programas/sexta-noche/entrevistas/arturo-perez-reverte-en-espana-no-queremos-ver-al-adversario-convencido-ni-vencido-lo-queremos-ver-exterminado_20161021580a0c350cf24962cbfe806e.html ) realizada en La Sexta Noche, unha cadea na que se dan certas contradicións en materia de feminismo, posto que á hora de respaldar a Folga do 8 de marzo se deixou clara a súa postura a favor. Porén, nunha entrevista recente que se lle fixo a Santiago Segura, de novo en La Sexta Noche, Iñaki López decidiu preguntarlle ao actor que opinaba das críticas que recibiron os presentadores da Gala dos Goya e ambos estaban de acordo en que últimamente os homes se atopaban nunha situación delicada na que tiñan que coidar moito as palabras que un di, expresando a existencia dunha posible falta de liberdade de expresión por culpa do feminismo (https://www.google.es/search?q=entrevista+completa+a+santiago+segura+en+la+sexta+noche&oq=entrevista+completa+a+santiago+segura+en+la+sexta+noche&aqs=chrome..69i57j69i60l3j69i59j69i60.8793j0j4&sourceid=chrome&ie=UTF-8 ).
        Respecto á diversidade que hai dentro do propio movemento feminista, está claro que hai reivindicacións de todo tipo, pero todas deberían ter como fin último a defensa da igualdade. Isto hai que entendelo dentro do contexto de cadaquén e de cada cultura, pois non é o mesmo reivindicar a abolición da brecha salarial en España que reivindicar unha educación igualitaria para nenos e nenas en Irán. Mais, este argumento non garda moita relación co feito de que haxa mulleres que sigan a contribuir á opresión, por formar parte da mesma, tal como recalcou no seu momento a gran Simon de Beavouir (“O opresor non sería tan forte se non tivese cómplices entre os propios oprimidos”) na cita que aparece nese artigo de “La mente es maravillosa” que mencionades.

        Liked by 1 person

        1. Ulloa Peteiro
          O que dis sobre a hipocrisía coa que se leva a cabo a materia do feminismo en La Sexta Noche reflexa, sen lugar a dúbidas, o que pretendemos denunciar co título do post. Aínda que se ben é certo que este programa contradi as manifestacións feministas que provocaron o auxe mediático do 8 de marzo, considero oportuno destacar a presenza de Santiago Segura, actor coñecido por dar vida ao personaxe máis machista da historia do cine español, no episodio que estás a mencionar. Cómpre saber que é a mesma persoa que nunha entrevista concedida a El Mundo declaraba que “non é o mesmo ser un sobón que un acosador”, o que dende logo deixa moito que desexar en canto a feminismo se refire. Por se iso fose pouco, Santiago Segura tamén está relacionado con outros acontecementos como a inclusión na cinta doméstica da película Torrente 2 dun extra que contén o casting de varias aspirantes ás que se lles pediu que amosaran os peitos por requerimento do papel, vídeo que acabou aloxándose en páxinas de contido pornográfico.( https://www.elespanol.com/cultura/cine/20180322/casting-machista-santiago-segura-acabo-paginas-porno/293970974_0.html ) Por estes motivos non é de extrañar que esta figura pública reivindique “unha posible falta de liberdade de expresión dos homes por culpa do feminismo”.
          Respecto ao feito de que existan mulleres que continúan contribuíndo á opresión non che quito razón. É evidente a existencia dun sector feminino que renega da discriminación en diversos ámbitos que, aínda no 2018, seguen a sufrir as mulleres. Isto refléxase, por exemplo, no manifesto publicado en El País e asinado por 28 dirixentes e exdirixentes do PP, C’s e UPyD contra o feminismo, aludindo que pretende “fomentar unha guerra de sexos que nos degrada e nos afasta dun futuro compartido”. Podes consultar a noticia aquí: https://www.eldiario.es/rastreador/PP-Ciudadanos-UpyD-publica-manifiesto-mujeres-feminismo_6_747235274.html
          Por outra parte, considero necesario destacar que en ocasións esas declaracións procedentes de mulleres son reprimidas por outras mulleres de relevancia pública concienciadas co feminismo e por tanto coa igualdade. Refírome, por exemplo, ao caso da contestación de Manuela Carmena a Inés Arrimadas nun debate sobre o feminismo en El Objetivo de La Sexta, resposta que foi aplaudida polo público o que reflexa que, aínda que queda moito camiño por recorrer, estamos avanzando. A súa resposta podes consultala aquí: https://www.huffingtonpost.es/2018/03/05/el-elegante-hachazo-de-carmena-despues-de-que-arrimadas-no-dejara-de-mirarse-el-ombligo-al-hablar-de-feminismo_a_23377129/

          Liked by 1 person

  2. Non estou aquí para enmendar a plana a ninguén, pero o comentario que fai de que a ficción non pode transmitir e prender estereotipos de calquera tipo, analise como analise vostede, é unha falacia. Demostrada. Pode seguir a pista dunha vella serie de televisión brasileira, un tremendo éxito naquel país, ” Malú muller” que, precisamente, foi un fito respecto diso, desactivando estreotipos machistas e patriarcais. Por certo, no blog para argumentar é preciso aportar (un enlace que poida probar o que di). Grazas.

    Gústame

  3. A corrixir:
    – 2º parágrafo
    “canles de comunicación, a realidade” (non é preciso o uso dun punto e coma)
    “o machismo segue presente” (gralla de redacción)
    – 3º parágrafo
    “aspecto físico cara aos espectadores” (estrutura cara a + artigo)
    – 4º parágrafo
    “e denigrante cara ás mulleres” (estrutura cara a + artigo)
    – 5º parágrafo
    “a botarlle a culpa” (uso do verbo botar)
    – 8º parágrafo
    “esa igualdade que tanto pregoan” (empregar a forma correcta do verbo pregoar)

    Gústame

  4. Prada Núñez
    Este post trata un tema moi interesante e de moita actualidade nestes momentos. Agora o feminismo leva consigo un “postureo” que está chegando a uns límites insospeitbeis. No día 8 de marzo todas as televisións fixeron eco do tema da igualdade e outros puntos que se reivindicaban nas mobilizacións acontecidas durante toda a xornada. Chamou a atención a cobertura que fixo TVE, en concreto La 1 nos seus informativos dese día, xa que ninguén esperaba que adicaran tanto tempo ao tema. Recurro ao tema do “postureo”, porque ao día seguinte non adicaron nin 5 minutos do informativo a este tema, xa que o día de tratalo xa pasara. Outras canles como La Sexta, por exemplo, seguíronlle dando importancia a medida que pasaban os días. Hai que ter presente este tema todos os días do ano e non só un día para quedar ben diante da audiencia, xa que é un problema que afecta os 365 do ano ás mulleres. Lucía Méndez, xornalista de El Mundo, tamén fixo referencia ao termo “postureo” no feminismo nun debate celebrado en Madrid sobre o Día Internacional da Muller: http://www.bolsamania.com/noticias/tv-series-cine/periodistas-esperan-que-el-8m-permanezca-en-el-tiempo-y-no-se-quede-en-un-grito-femenino-que-esta-sonando-muy-fuerte–3174255.html
    Por outra banda, en canto aos titulares, os medios non teñen coidado co vocabulario que utilizan e como tratan a información. O resultado son titulares machistas. O Diario Público fixo un ránking dos dez titulares de prensa máis machistas e como os usuarios de Twitter os corrixían: http://www.publico.es/tremending/2017/12/11/machismo-una-mujer-con-coraje-de-hombre-los-tuiteros-corrigen-los-diez-titulares-de-prensa-mas-machistas/

    -Europa Press (2018, 6 de marzo). Periodistas esperan que el 8M permanezca en el tiempo y no se quede en “un grito femenino que está sonando muy fuerte”. Bolsamanía. Recuperado de http://www.bolsamania.com/noticias/tv-series-cine/periodistas-esperan-que-el-8m-permanezca-en-el-tiempo-y-no-se-quede-en-un-grito-femenino-que-esta-sonando-muy-fuerte–3174255.html
    – (2017, 11 de decembro). ¿”Una mujer con coraje de hombre”?: los tuiteros corrigen los diez titulares de prensa más machistas. Público. Recuperado de http://www.publico.es/tremending/2017/12/11/machismo-una-mujer-con-coraje-de-hombre-los-tuiteros-corrigen-los-diez-titulares-de-prensa-mas-machistas/

    Gústame

    1. Respecto ao que comentas sobre o “postureo”, estou totalmente de acordo con que actualmente existen moitos abandeirados do feminismo que, ou ben o empregan para fins políticos, ou ben porque comezan a decatarse da importancia que está a ter e de que non poden ficar fóra do movemento –independentemente de que o defendan ou non-. Sen ir máis lonxe, nun principio o mesmo presidente do goberno, Mariano Rajoy, amosaba unha posición de indiferenza ante a cuestión da brecha salarial: “No nos metamos en eso”, afirmou nunhas declaracións en Onda Cero segundo unha noticia de El País.
      Non obstante, un tempo despois, cando se decatou de que as manifestacións eran algo histórico e que a súa oposición podía ser algo perigoso para o partido, mudou a súa opinión. Entón, pasou a amosar o seu apoio á folga como ben narra nesta noticia a redacción de El Huffington Post: https://www.huffingtonpost.es/2018/03/07/rajoy-dice-ahora-que-apoya-la-huelga-feminista-y-angels-barcelo-plantea-una-pregunta-que-muchas-se-hacen_a_23379098/ . O mesmo ocorre cos distintos medios de comunicación dos que falabamos, ben a Sexta ou TVE, que realizaron un gran seguimento malia despois contradicirse coas súas accións.
      Por outra banda, os titulares machistas como ben comentas, por desgraza, non son o único gran erro dos medios. Outro exemplo do machismo que chegan a reflectir é, na meirande parte dos medios de comunicación, a consideración que fan da violencia de xénero coma se fose simplemente un suceso máis. Por exemplo, o crime de Diana Quer, se ben é certo que finalmente foi considerada vítima de violencia de xénero, nun primeiro momento só se contabilizou como homicidio e non coma un acto puramente machista, a pesar de ser máis que obvio que foi asasinada polo simple feito de ser muller.
      BIBLIOGRAFÍA
      Redacción. (2018, 7 de marzo) Rajoy dice ahora que apoya la huelga feminista y Àngels Barceló plantea una pregunta que muchas se hacen. (2018). El Huffington Post. [Consultado el 12 abril del 2018]. Recuperado de: https://www.huffingtonpost.es/2018/03/07/rajoy-dice-ahora-que-apoya-la-huelga-feminista-y-angels-barcelo-plantea-una-pregunta-que-muchas-se-hacen_a_23379098/
      Redacción. (2018, 24 de enero). Rajoy sobre la desigualdad salarial entre hombres y mujeres: “No nos metamos ahora en eso”. [online] EL PAÍS. [Consultado el 12 de abril de 2018]. Recuperado de: https://politica.elpais.com/politica/2018/01/24/actualidad/1516788286_292558.html
      Remacha, B. (2018, 10 de marzo). Por qué el asesinato de Diana Quer se juzga como homicidio y no como feminicidio. (2018). eldiario.es. [Consultado el 12 de abril de 2018]. Recuperado de: https://www.eldiario.es/sociedad/asesinato-Diana-Quer-homicidio-feminicidio_0_741926482.html

      Gústame

      1. Respecto ao exemplo de Mariano Rajoy, tamén se puideron ver outros casos dese “postureo” noutros partidos como por exemplo en Ciudadanos. Non apoiaron a folga pero despois os seus membros colgáronse o lazo morado. No diario Público.es fixeron un artículo moi interesante sobre o que dicía Ciudadanos antes do 8M e o que dice despois do seu éxito: http://www.publico.es/tremending/2018/03/10/lo-que-decia-ciudadanos-antes-del-8-m-y-lo-que-dice-despues-de-su-exito/

        Por outra banda, o que apuntabas de Diana Quer, en xeral o tratamento deste caso por parte dos medios foi detestable. Os medios analizaron como vestía Diana, as súas relacións, o uso das redes sociais, con quen andaba a nai, que problemas tiña a súa irmá… Incluso ás veces chegouse a culpar a algún dos pais ou a ela mesma da súa morte. O tratamento deste caso tamén foi machista e ademáis foi avivado polos medios. Foi un tratamento inadmisible.

        – Asuar Gallego, B. (2018, 10 de marzo). Lo que decía Ciudadanos antes del 8-M y lo que dice después de su éxito. Público. Recuperado de http://www.publico.es/tremending/2018/03/10/lo-que-decia-ciudadanos-antes-del-8-m-y-lo-que-dice-despues-de-su-exito/

        -Plaza Casares, S. e Regueiro, P. (2018, 2 de xaneiro). Diez titulares con los que los medios culparon a Diana Quer de la desaparición de Diana Quer. El Salto. Recuperado de https://www.elsaltodiario.com/violencia-machista/diez-titulares-con-los-que-los-medios-culparon-a-diana-quer-de-la-desaparicion-de-diana-quer

        Gústame

        1. Santomé Seijas
          Está claro que o tratamento que, en moitas ocasións, realizan os medios de comunicación é totalmente inadmisible. Tanto no caso de Diana Quer, como no de La Manada, por exemplo, pódese ver como se cuestionou dende o primeiro momento ás vítimas, cando estabamos ante casos de violencia machista moi evidentes. “La vida normal de la chica violada en San Fermín” podiamos ler nun titular de El Español. Esta situación sempre vai dificultar que, no caso dunha agresión ou violación, a vítima teña temor a denunciar e se sinta culpable do sucedido, o que é realmente alarmante.

          Tamén no caso do neno Gabriel, puidemos ver como o machismo -e tamén o racismo- volvía aparecer nas redes e tamén nunha localidade sevillana, onde lincharon un boneco de Ana Julia, a asasina do rapaz. Durante a queima do mesmo, escoitáronse frases vexatorias e misóxinas, amosando o seu odio simplemente polo feito de ser muller e de raza negra, o que é totalmente independente da súa maldade. Ademais houbo moitos outros crimes terribles contra cativos, e isto non ocorreu cos seus asasinos. É obvio que os medios deberían ter máis conciencia, pois modifican considerablemente a imaxe das mulleres.

          BIBLIOGRAFÍA:
          – Ramírez, C. (2017, 20 de noviembre). El caso de “La Manada”, cuando se culpa a la víctima y no al agresor. El Huffington Post. Recuperado de
          https://www.huffingtonpost.es/2017/11/17/el-caso-de-la-manada-cuando-se-juzga-a-la-victima-y-no-al-agresor_a_23280812/

          – Ricou, J. (2018, 13 de marzo). Inmigrante, mujer y negra, las etiquetas que confunden solidaridad con racismo en redes. La Vanguardia. Recuperado de

          http://www.lavanguardia.com/sucesos/20180313/441487916587/gabriel-cruz-ana-julia-quezada-redes-racismo-machismo.html

          Gústame

  5. Un post de moito interese que consegue concienciar ao lector sobre a televisión machista que consumimos. Moitos son os casos nos que unha cadea non cambia a súa programación para cubrir unha información de última hora ou o suficientemente relevante como para mudar o establecido. Recordemos o pasado 18 de Outubro: Tve emitía o novo programa de Carlos Herrera e unha película mentres Galicia e Asturias estaban a vivir un dos peores incendios forestais. Pola súa parte, TVG, optaba por unha serie e un especial sobre Catalunya. Tan só interrumpeu a súa emisión para retransmitir a declaración de Feijóo.
    Voltando ao machismo nos medios, botei en falta o caso da prensa deportiva. Moitos son os xornais que deixan nun segundo plano os méritos profesionais das deportistas para centrarse no seus físicos. Déixovos unha enlace con numerosos exemplos de titulares desta índole: http://blogs.publico.es/strambotic/2017/07/titulares-machistas/ Unha información moi consumida pola sociedade española tal e como vemos nesta tabla https://es.statista.com/estadisticas/476795/periodicos-diarios-mas-leidos-en-espana/. O Marca, que encabeza a lista de xornais máis leídos no 2017, publicaba tweets altamente machistas durante as Olimpíadas De Río. Aquí un exemplo de cómo se referían á porteira de balonmán de Angola: https://twitter.com/pacofierro75/status/763672343658893312

    Gústame

    1. O ámbito deportivo é para min un mundo a parte, xa polo feito de que resulta practicamente imposible atopar una xornalista que presente as novas deportivas polo seu coñecemento e gusto do sector, e non pola súa aparencia física. Isto dentro do mundo da comunicación.
      Se analizamos, polo tanto, os tópicos ofensivos que sofren as deportistas de forma habitual, tales como “marimacho”, “bollera”… dámonos de conta que, aínda hai sectores, coma neste caso o deportivo, con moitísimo retraso en temas de igualdade. A loita debe chegar a todos por igual, por isto, estanse a crear campañas en contra dos estereotipos machistas do mundo deportivo. Xa son moitas as atletas que se incorporaron a este iniciativa de loita e defensa do feminismo, pero continúan ocupando un segundo plano nas cabeceiras deportivas.
      BIBLIOGRAFÍA:
      Sánchez, J. (2018, 22 de enero). La campaña de las deportistas españolas contra el machismo: “Ningún deporte es de hombres”. El Mundo. (Consultado el 20 de abril de 2018). Recuperado de:
      http://www.elmundo.es/deportes/mas-deporte/2018/01/22/5a64e71f468aeb3c3b8b465c.html
      Sierra, S. (2016, 18 de agosto). Las mujeres y el deporte, el machismo que no cesa. Huffpost. (Consultado el 20 de abril de 2018). Recuperado de:
      https://www.huffingtonpost.es/sonia-sierra/las-mujeres-y-el-deporte-_b_11562150.html

      Gústame

      1. A frase na que dis que moitas xornalistas presentan novas deportivas pola súa aparencia física en vez de polo seu coñecemento, podería dar lugar a un amplo debate entre a sociedade. Por desgraza, esto non só ocorre nos medios adicados aos deportes. ¿ É preciso ter o título en xornalista para exercer como tal? Moitas das caras das presentadoras ás que estamos acostumados a ver na televisión non teñen a “correspondente” carreira universitaria. É o caso de Sara Carbonero, Angels Barceló, á que lle falta unha asignatura para ter o título ou Ana Blanco, presentadora dos informativos da televisión pública durante dezaoito anos. Non obstante, no considero que esta “oportunidade” ao mundo do xornalismo sen ter tes uns estudos ás costas se lle presente só ás mulleres. Destaquemos o exemplo do coñecido locutor Carlos Herrera, que na rama na que se licenciou foi mediciña.

        BIBLIOGRAFÍA:
        Fernández, J. ( 2012, 14 de Setembro). Carles Francino, Ángels Barceló o Ana Blanco tampoco son licenciados en periodismo. Vanitatis. ( Consultado o 20 de Abril de 2018). Recuperado de: https://www.vanitatis.elconfidencial.com/television/2012-09-14/carles-francino-angels-barcelo-o-ana-blanco-tampoco-son-licenciados-en-periodismo_516137/

        Gústame

        1. O que estás a comentar é unha verdade amarga para os estudantes de xornalismo, pero atópase fora do tema que nos estamos a tratar. Con respecto ás mencións que fixeches, Sara Carbonero ou Ana Blanco, atrévome a engadir a Cristina Pedroche, a quen non mencionaches no teu comentario. Resúltame un exemplo bastante significativo no que estás a reivindicar, sobre todo, polo feito de que esta presentadora aparece en moitas ocasións recoñecida como icono feminista nos medios, cando, dende o meu punto de vista, é outra vítima máis de estereotipos e canonees sociais. Con esta presentadora atopámonos a dous bandas, xa que podes atopar artigos nos que defenden a súa actitude falsamente igualitaria, e outros nos que critican xustamente a súa vontade sometida aos medios. Déixovos polo tanto un dos arquivos dos que estou a falar.
          BIBLIOGRAFÍA.
          El Plural. (2018, 2 de enero) Pedroche no representa feminismo, sino sexismo caro y sofisticado. (Consultado el 20 de abril de 2018). Recuperado de:
          https://www.elplural.com/comunicacion/2018/01/02/pedroche-no-representa-feminismo-sino-sexismo-caro-y-sofisticado

          Gústame

Deixa unha resposta a rrrescogitans Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s