O proceso de mediatización do mobbing

FERNÁNDEZ ROLDÁN

 

O mobbing segue a ser un termo pouco coñecido a día de hoxe. “Os medios de comunicación non levan a cabo o labor de visibilización e sensibilización necesariao para que o problema mingüe”, así o afirmou a presidenta da Asociación en Galicia Contra o Acoso Moral (Agacamt), Mª Manuela Zas, no círculo de lectura crítico do 8 de marzo. <<A única visibilización coa que conta a nosa asociación é a páxina web. En canto á prensa, cando acude a nós, busca casos concretos dos que non lles podemos facilitar os datos>>, manifestou M. Zas reiterando a idea da “mala maneira de facer dos medios”. Pola súa parte, Luis Muñiz, falando dende a súa perspectiva de afectado por temas de mobbing, coincide con Manuela e considera que a prensa trata o tema dunha maneira superficial que parte do sensacionalismo.

Tanto os argumentos de Manuela Zas coma os de Luis Muñiz e Luis Miguez desembocaron nunha conclusión clara: a maioría das pezas xornalísticas sobre mobbing  só abordan casos illados e proporcionan escasa información sobre o tema. O acoso laboral en si mesmo non supón un feito noticiable para os medios se non se proporcionan datos sobre casos individuais e chamativos, de modo que a problemática segue á sombra da cidadanía. Ademais disto, o presidente da Comisión de Análise e Resolución de Conflitos da USC declarou que os únicos casos nos que as vítimas acoden á prensa están relacionados coa escaseza de alternativas para denunciar a súa situación: << Acuden aos medios cando non teñen outra saída porque a organización non reacciona ante a falta de prevención dos conflitos>> (Círculo de lectura, número 1. Declaración de Luis Miguez Macho, 2018. Centro sociocultural das Fontiñas, Santiago de Compostela. 8 de marzo de 2018). A pesar disto, a prensa non deixa de xogar un papel decisivo á hora de impulsar ás institucións, como a USC, para fomentar a creación de organizacións que se encarguen de asistir ás vítimas, xa que, como afirmou Luís Míguez, <<o que non sae nos medios non existe>>.

DSC_0348Círculo de lectura crítico con Luis Miguez, Manuela Zas e Luis Muñiz. (08/03/2018)

A Universidade de Santiago de Compostela conta cun Servizo de Prevención de Riscos que, segundo L. Míguez, é o sistema máis efectivo para previr o mobbing e cortalo de raíz. Pola súa contra, Manuela Zas e Luis Muñiz  consideran que os casos de acoso laboral non deberían ser tratados pola administración da USC porque, ao ser un órgano pertenecente á propia institución, podería primar o interese de non dar unha mala imaxe do seu entorno laboral de cara ao público.

A prensa debería ter un papel fundamental no proceso de prevención, pero os artigos que atopamos nos xornais están máis orientados a detectar as actuacións ligadas ao mobbing cunha serie de tips. Este artigo de Marie Claire (12/09/2017) informa da seguinte maneira: “se te sintes acosado, cunha gran presión psicolóxica, atemorizado no traballo é ora de que remates con esta situación”. Porén, os organismos encargados de tratar os casos de mobbing, ás veces, se atopan coa dificultade de establecer os límites entre unha mala relación laboral, que xa de por sí ocasiona problemas no entorno das traballadoras, e unha verdadeira situación de acoso. Por tal motivo, o xornalismo debería comezar por deixar claro o concepto de acoso laboral, baseado na persecución psicolóxica e/ou física reiterada por parte dun presunto agresor cara a unha vítima.

Cabe destacar que, cando un traballador da USC é consciente de que está a sufrir unha situación de acoso no traballo, o proceso de denuncia comeza polo Protocolo de denuncias da Universidade de Compostela. Este protocolo pasa en primeiro lugar pola Comisión de Análise e Resolución de Conflitos da USC e esta fai unha avaliación preliminar para determinar se se trata dun caso de auténtico mobbing ou, no caso contrario, desbotar a acusación inicial. Deseguido, o Reitor da Universidade podería abrir un expediente disciplinario que, en casos como o de Luis Muñiz, non se chegan a resolver. O presidente da Comisión de Análise de Conflitos da USC recoñeceu que <<chegada a última fase do proceso burocrático, a problemática adoita quedar no aire por falta de probas, en moitos casos>> (Círculo de lectura crítico, número 1. Declaración de Luis Miguez Macho, 2018. Centro sociocultural das Fontiñas, Santiago de Compostela. 8 de marzo de 2018).

En referencia ao ámbito xurídico, cada vez son máis as sentenzas favorables ás vítimas de acoso laboral. Nesta nova de El correo gallego (07/12/2008) pódese observar que, no 2006, o 2% das sentenzas por acoso laboral foron favorables ás vítimas, mentres que no  ano 2016 foron un 10% dos traballadores denunciantes os que obtiveron a razón xurídica. Dende a perspectiva de Luís Míguez, este incremento de veredictos finais favorables aos traballadores pode deberse a unha maior formación dos xuíces sobre o mobbing, mais afirma que <<aínda queda moito camiño por percorrer no tema do acoso laboral e da súa concienciación entre a poboación>>.

En definitiva, o acoso laboral é un problema do que a cidadanía aínda non está concienciada, debido á ausencia dun tratamento axeitado e suficiente por parte dos medios. Despois de contrastar opinións co círculo de lectura, concluímos que os medios de comunicación son necesarios para sensibilizar sobre o tema, non só á poboación, senón a todos os órganos directivos que se encargan de avaliar estes casos, así como para desenvolver o proceso xudicial. A realidade coa que se atopan as traballadoras da USC á hora de denunciar unha situación deste tipo está directamente ligada a esta falta de mediatización, pois son poucas as denuncias que chegan ao Reitor da Universidade e que, finalmente, logran abrir un expediente para que o caso sexa debidamente xulgado.

CITAS E BIBLIOGRAFÍA:

-Círculo de lectura crítica, número 1. Declaracións de Luís Miguel Muñiz, Mª Manuela Zas e Luis Míguez (2018), Fernández Roldán, M., S1A Mobbing. Centro sociocultural das Fontiñas. 8 de marzo de 2018. Santiago de Compostela:Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC).

-Servizo de Prevención de Riscos da USC. Recuperado de: http://www.usc.es/es/servizos/sprl/

– Servizo de Saúde de Traballo da USC. Recuperado de:              http://www.usc.es/gl/servizos/sprl/svsaude/

– POSE,T. (12 de setembro, 2017). Cómo detectar el acoso laboral. Marie Claire. Recuperado de:

https://www.marie-claire.es/planeta-mujer/denuncia/articulo/como-detectar-el-acoso-laboral-391493308298.

-USC (20 de decembro de 2004)Protocolo de Prevención e Resolución de Procesos de Acoso Psicolóxico nas Relacións Laborais. Recuperado de:    http://www.usc.es/gl/normativa/prevencion/protoacosopsicoloxico.html.

-HERMIDA, P. (7 de febrero de 2008). Más de 400 gallegos denuncian al año que sufren acoso laboral. El Correo Gallego. Recuperado de:

http://www.elcorreogallego.es/tema-del-dia/ecg/400-gallegos-denuncian-ano-sufren- acoso-laboral/idEdicion-2008-12-07/idNoticia-373268/

16 comentarios en “O proceso de mediatización do mobbing

  1. Canda menos o post rescata páxinas que difícilmente se atopan á vista. Doutra parte creo que novas fontes poideran proporcionar, en post vindeiros, máis e maior información sobre o tema. Animo a que iso poidase materializar.

    Liked by 1 person

  2. A Universidade de Santiago de Compostela conta cunha serie de servizos que son, en realidade, baleiros institucionais.
    Por exemplo: a mencionada Comisión de Análise e Resolución de Conflitos da USC. Como se di no post, en moitos casos as problemáticas adoitan quedarse no aire por falta de probas. Neste sentido non se estaría ofrecendo un servizo útil para as vítimas.
    Outro exemplo de baleiro é a Oficina de Igualdade de Xénero da USC (OIX). Establecer contacto coa Oficina é un asunto complicado. Non adoitan coller as chamadas. E as súas funcións semellan máis ven limitadas.
    ¿Non deberían ser todos estes organismos ben coñecidos pola comunidade universitaria? ¿Non deberíamos ver reflexados na prensa os seus logros no sentido da axuda que puido recibir alguén?

    Bibliografía:
    -Oficina de Igualdade de Xénero: http://www.usc.es/es/servizos/oix/
    -O proceso de mediatización do mobbing: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2018/03/16/o-proceso-de-mediatizacion-do-mobbing/

    Gústame

    1. O sistema de Resolución de Conflitos da USC actúa de forma interna, é dicir, encárgase de avaliar e intentar solucionar os problemas dos traballadores e traballadoras da propia empresa. Desta forma, os organismos de carácter resolutivo son coñecidos polos traballadores da Universidade de Santiago de Compostela pero non se dan a coñecer entre a cidadanía, precisamente, porque á propia Universidade non lle interesa facer públicos os problemas que pode ter a empresa a nivel interno por medo a que se deixe mal a súa imaxe como organización.
      Por outra parte, sí que sería interesante que apareceran na prensa os seus logros e así informar á poboación sobre esta situación pero os datos das presuntas vítimas e acosadores non se poden facer públicas pola Lei de Protección de Datos.

      Bibliografía:
      -Axencia Española de Protección de Datos. Recuperado de: http://www.agpd.es/portalwebAGPD/canaldocumentacion/legislacion/estatal/index-ides-idphp.php

      Gústame

      1. Entendo o procedemento levado a cabo pola Universidade de Santiago. Porén, un posicionamento xusto a favor dos afectados non provocaría unha mala imaxe, senón que se mostrarían os engranaxes funcionantes do sistema universitario.
        Unha vez máis reitero que ditos engranaxes quedaron atascados e que os problemas da comunidade universitaria poderían verse acumulados impedindo un bo funcionamento. ¿A quen acudimos a pedir axuda?.
        Por outra banda, cando falo dos logras na prensa deste tipo de accións, non me refiro a amosar nomes de persoas , senón dos organismos, o cal non prohíbe a Lei de Protección de Datos: http://www.agpd.es/portalwebAGPD/canaldocumentacion/legislacion/estatal/index-ides-idphp.php
        Estaría ben ver publicados balances de conflitos resoltos cada ano, grazas a mediación da Universidade. Deste xeito a súa presenza quedaría clara sen necesidade de violar ningunha lei.
        Visitando a páxina do Valedor da Comunidade Universitaria, só atopamos unha páxina de contacto cun enlace á mesma páxina na que xa estamos e unha breve descrición: http://www.usc.es/gl/goberno/valedor/
        En comparación, se entramos no Tribunal de Garantía da Universidade de Vigo: https://www.uvigo.gal/uvigo_es/organizacion/organos/tribunal_garantias, atopamos ata sete apartados útiles, entre eles as memorias de logros anteriores.

        Gústame

        1. Un dos principais problemas no caso de ‘mobbing’ na USC é o feito de que sexa un tema moi restrinxido á hora de indagar información polo tema, coma ti tis, da Lei de Proteccion de Datos. Na actualidade, os medios de comunicación buscan chamar a atención ou buscar novas de ‘sucesos’, deixando así de lado o obxectivo fundamental do xornalismo que consiste en informar e formar á sociedade. Dificilmente poderemos informar dun suceso de acoso se non sabemos o que é. Os medios de comunicación deberían centrarse en informar sobre o tema para formar á poboación dun tema que aínda segue a ser unha incógnita por boa parte da cidadanía.
          A información das páxinas web é moi limitada como no caso da de Prevención de Riscos http://www.usc.es/gl/servizos/sprl/ na que atopamos no inicio unha breve explicación de tres liñas que explica en que consiste o seu servizo. Para que un traballador saiba o que ten que facer debe ser informado no seu contrato de traballo, ademais de recibir varios cuestionarios que varían moito duns a outros para detectar o ‘mobbing’.http://www.usc.es/gl/normativa/prevencion/protoacosopsicoloxico.html. Desta maneira, a USC non leva unha boa iniciativa informativa no ámbito do acoso laboral.

          Gústame

  3. A corrixir:
    – 1º parágrafo
    “que o problema mingüe” (gralla de redacción)
    “” para citas, prescindir do guión posterior
    – 2º parágrafo
    “laboral en si mesmo” (gralla de acentuación)
    “acoden aos medios” (empregar a forma correcta do verbo acudir)
    – 3º parágrafo
    “e cortalo de raíz” (gralla de acentuación)
    “e Luis Muñiz consideran que” (non separar cunha coma o suxeito do verbo)
    A parte final da última oración semella estar incompleta
    – 4º parágrafo
    O CD de “detectalos” non se corresponde con nada da oración
    ‘Atoxigado’ non existe en galego
    ‘Acarrear’ non existe en galego
    “persecución psicolóxica e/ou física” (non incluír só a barra)
    – 5º parágrafo
    “adoita quedar no aire” (non é un verbo pronominal)

    Gústame

  4. A visibilización e sensibilización do mobbing non se produce por parte dos medios porque como di no post, os medios so acoden a cubrir feitos moi concretos. Esto podería producirse polo mero feito de que os medios buscan o morbo, é dicir que nós como consumidores de información prestamos máis atención a un problema concreto ( neste caso pola morbosidade), que a un problema conxunto, como é o caso.
    https://www.sanitas.es/sanitas/seguros/es/particulares/biblioteca-de-salud/psicologia/prepro_080014.html
    Por iso é moito máis fácil que os medios só cubran certas chamadas de atención, casos concretos que os espectadores podamos “dixerir” fácilmente pero que se nos olvide dúas horas despois.
    Unha vez dito isto podemos concluir polo tanto que entramos nun bucle respecto a este tema. É dicir: os medios non sacan o tema porque non nos interesa a nós, como consumidores, pola falta educacional existente na sociedade, unha ignorancia que nos fai preferir ser cegos ante certos tema para así poder continuar coa nosa propia tranquilidade.Como os medios non sacan o tema e a sociedade non aprende a actuar ante el, as persoas que sofren mobbing non denuncian ( por múltiples motivos, como por exemplo a posible perda do traballo), polo que as institucións non poden actuar e prodúcese polo tanto un inmovilismo.
    http://www.eleconomista.es/gestion-empresarial/noticias/715314/08/08/Mobbing-a-nivel-social.html
    Reitero unha vez máis a posición particular de que é o conxunto da sociedade o que debe dar o paso do cambio. Na maioría dos post que se publican no blog estase a falar dun problema de medios: que non cubren certos temas, que tratan a información de maneira sensacionalista… cando creo que o problema fundamental recae sobre a sociedade como colectivo, que dá por boa información deste tipo, que a fai súa e a acepta sin cuestionala.
    Por último, centrándonos na USC: http://firgoa.usc.es/drupal/node/31797 .
    A pesar das cifras ( que considero alarmantes), no post fálase de que moitas veces non se denuncian este tipo de actitudes e de que se o acosado o fai, moitas veces esas denuncias acaban quedando no aire por falta de probas, o que transmite unha falta de seguridade bastante grave para aquelas persoas que piodan ter en mente denuncialo. Sen que ninguén se ofenda e aínda que non estemos a falar do mesmo, é un pouco o que pasaba fai uns anos ( por non meterme xa na actualidade), no caso da violencia de xénero.
    O acosado ten medo, avisa, denuncia, pero ninguén actúa.

    Gústame

  5. Un posicionamento xusto a favor dos afectados non provocaría unha mala imaxe da Universidade, estou de acordo. O que suporía unha mala imaxe da USC como organismo e entidade sería quizais que se demostrase o feito de que moi poucas
    denuncias se solucionan a prol dos traballadores da USC, sendo xustas as resolucións xudiciais ou non poderían utilizarse como noticias sensacionalistas á vista da sociedade.
    Para pedir axuda, os traballadores da Universidade teñen que acudir ó Servizo de Prevención de Riscos da USC. O problema principal co que se atopan os traballadores é que en gran parte dos casos a entidade unicamente chega a actuar cando o acoso deriva nunha enfermidade, xa sexa psicolóxica ou física.
    Por outra parte, si que sería efectivo publicar a través dos medios de comunicación os datos estadísticos en relación ós balances que se rexistran de ‘mobbing’ na Universidade. Ademais de iso, penso que o obxectivo principal da prensa debería centrarse en informar á cidadanía sobre como detetar acoso, a onde acudir…é dicir, ferramentas de concienciación, de prevención e de actuación ao igual que se está a facer actualmente con outros temas como é o caso da violencia machista que está a recibir moita cobertura mediática.

    Bibliografía:
    http://www.usc.es/gl/servizos/sprl/
    http://www.usc.es/gl/servizos/sprl/svsaude/

    Gústame

    1. Creo que a USC xa quedou bastante en evidencia dicindo que a pesar das denuncias, no proceso final moitas destas quedan no aire por falta de probas.
      Como dicía no anterior comentario, estamos ante un problema en bucle, xa que obviamente, podemos chegar a restarlle credibilidade a un traballador que denuncia pero non ten probas.
      Tería probas se ó mellor algún compañeiro se atrevese a falar, por exemplo, pero o problema e que os acosados teñen moi pouca protección, incluso cando chegan ó final do proceso e logran gañar… qué lles espera despois? Un despido? E se esto ocorre, qué poden facer?
      Ademáis disto, moitos acosados non saben a donde acudir, como tampouco saben a que medidas se poden acoller: https://www.iberley.es/temas/extincion-contrato-voluntad-trabajador-acoso-laboral-mobbing-13701
      https://loentiendo.com/mobbing-acoso-laboral-como-defenderse/
      Outra afirmación que tamén deixa bastante en evidencia a USC ( pero non só esta institución actúa así), é que só se actúa cando a situación do conflicto derivou nun problema máis grave e persoal como pode ser un depresión, etc. Nin se quera as medidas das que presumen son medidas de prevención.
      https://www.ucm.es/data/cont/media/www/pag-30022/patologias%20emergente%20mobbing.pdf
      Por último mencionar que os problemas que se poidan ter no traballo non teñen porque ser soamente Mobbing, se non que existen outros conceptos como o Burnout, explicado por Juan José Díaz Franco no enlace anterior.
      O síndrome Burnout, que literalmente significa queimado ou fundido, é un tipo de estrés laboral, un estado de esgotamento físico, emocional ou mental que ten consecuencias na autoestima, e está caracterizado por un proceso paulatino, polo cal as persoas perden interés nas tarefas, o sentido de responsabilidade e poden hasta chegar a profundas depresións.

      Gústame

      1. Efectivamente, os medios buscan morbosidade nas súas novas porque os consumidores demandan ese tipo de información. En moitos casos información sensacionalista que non transmite unha mensaxe clara á sociedade. Dende esta perspectiva do ámbito xornalístico, poderiamos dicir que os medios non están a realizar ben o seu traballo ou, polo menos, non están a cumprir a ética
        laboral. http://fape.es/ As funcións principais dun xornalista son a de informar e formar e no tema do acoso laboral, os medios non se encargan nin de informar nin de formar, senón unicamente de entreter, que aínda que si que é unha característica do xornalismo non podemos esquecer o obxectivo principal da profesión, e máis cando estamos a falar dun problema que afecta a unha sociedade na área laboral.
        o problema fundamental no tema de ‘mobbing’ nos medios de comunicación atópase no feito de que os medios trátano como un tema de entretemento ou de sucesos en lugar de informarnos sobre el e contarnos unha realidade actual.

        Por outra parte, os compañeiros de traballo dun suposto traballador acosado si que poderían contar como testemuñas no súa denuncia. De feito, estas testemuñas son moi importantes no proceso xudicial, o cal en ocacións supón un problema pola coacción que pode existir por parte da testemuña debido ó medo de perder o seu posto de traballo ou gañar un mal status. Porén, os teléfonos móbiles son na actualidade o aparello máis empregado para conseguir probas, xa sexa a través de audios ou vídeos.
        Ademais disto, as sancións por acoso laboral son moi diversas dependendo dos casos, pero na maior parte deles en caso de que se demostre xudicialmente ese acoso, a persoa acosadora sería despedida do seu posto de traballo. https://www.rubenaguilar-abogados.com/acoso-laboral-ii-como-se-prueba-en-juicio-indemnizaciones-y-posibles-sanciones-que-le-pueden-imponer-al-acosador/

        Por último, comentar que o síndrome de Burnout que significa como ben dis “queimado ou ferido” pode resultar perigoso á hora de detectar se estamos diante dun verdadeiro caso de ‘mobbing’ ou, se pola contra, estamos diante dun traballador “queimado” por outros motivos persoais por exemplo. O problema principal do ‘mobbing’ en si mesmo reside na dificultade para demostrar ou detectar o acoso.https://psicologiaymente.net/organizaciones/burnout-sindrome-del-quemado

        Gústame

        1. No caso de cómo os medios tratan o tema do mobbing o máis preocupante non é só que traten un tema tan serio como un tema de “entretemento”, se non que en moitos casos o tema é tratado coma un espectáculo, por exemplo no titular desta noticia: https://politica.elpais.com/politica/2018/04/10/actualidad/1523374536_264876.html
          Ese titular claramente pretende chamar a atención do lector, pero non considero que o faga dunha maneira positiva, se non que o tema pasa a ser espectáculo, o que unha vez máis da lugar a unha falsa imaxe do mobbing.
          Esa nova é do xornal “El País”,un dos principais xornais españois, quén parece enorgullecerse de contar cunha “sección” on-line sobre acoso…. pero,¿a qué prezo?
          Outro tipo de titular que aparece con frecuencia nos medios en referente ó tema a tratar é deste tipo: https://www.20minutos.es/noticia/132055/0/acoso/laboral/jefa/
          Como todo xornalista sabe, o titular é o reclamo necesario para que os consumidores merquen o xornal ou permanezan na páxina web de turno.
          Neste caso o xornal “20 minutos” decideu que dunha demanda por acoso laboral o máis significativo e, polo tanto o que debería ir no titular, é que o acosado vai gañar X euros por denunciar.
          Aínda que este é un dato que se pode perfectamente mencionar ó longo da noticia, non é o que o publico debe recordar da mesma, se non que deberían recordar como é posible denunciar por sufrir acoso e gañar.
          Unha proba máis de cómo priman os intereses económicos no xornalismo.
          En canto ó tema das testemuñas, obviamente son moi beneficiosas para probar casos de acoso, pero sexamos realistas: se nin sequera as víctimas directas do acoso se sinten seguras para denunciar, cómo crees que se sinten as testemuñas? Ou qué visión crees que teñen as testemuñas sobre o que pode pasar se colaboran na denuncia?
          É un tema complexo.

          Gústame

  6. Efectivamente o que non sae nos medios non existe, e como sae e moi importante para concienciar á poboación. Os medios de comunicación como ben indicades tratan este tipo de problemáticas tendendo ao sensacionalismo e non fan a labor necesaria para que mingüe o problema. Sen embargo, que a cidadanía non estea concienciada sobre o acoso laboral non é unicamente culpa da prensa, xa que por parte das institución públicas hai unha falta de actividades que promovan á reflexión e a concienciación. Por outra banda si que é certo que a prensa ten a capacidade de crear a denominada presión mediática, grazas á cal non se esquecen certos casos. Tamén destaca en certo modo, como nos últimos anos o acoso a menores ou bullying está máis presente na prensa e grazas a isto comeza a ser un problema visible e búscanse máis solucións. Sen embargo o acoso laboral aínda non chegou a este punto.
    Indicades tamén que as publicacións relacionadas con como detectar o acoso laboral non son o que necesita a sociedade. Considero que non é a única información que debe ter a cidadanía, pero si que é importante por que con elas compañeiros, persoas do entorno ou mesmo a propia vítima poden darse conta do problema e fomentar deste xeito as denuncias.
    http://www.aios.es/es/Acoso-Laboral-Como-identificar-y-que-debo-hacer
    Coincido tamén en que os casos de mobbing non deberían ser tratados en ningún caso desde un organismo dentro da propia institución ou empresa, xa que esta nunca pode actuar de maneira imparcial.
    Por último, considero de especial relevancia que a maior porcentaxe de casos de acoso se de entre os funcionarios debido a inexistencia de mecanismos de despido. Esta situación paréceme de gran gravidade debido a falta de protección dos propios empregados da administración pública.
    http://www.diariodeibiza.es/pitiuses-balears/2017/05/30/alcaraz-declara-presunto-delito-acoso/919323.html

    Gústame

  7. Como ben dis, non é unicamente labor dos medios informar sobre acoso laboral, en que consiste, como actuar diante deste problema…no caso da USC a información que dá a través das súas páxinas web é precaria e irrelevante. Non nos achegan información que realmente sexa útil para os traballadores. Ademais, na Normativa da Universidade de Santiago de Compostela http://www.usc.es/gl/normativa/normas_xerais/contespanda.html recoñecen como un dereito e obriga o feito de informar ós membros da USC sobre este tipo de problemáticas, por exemplo a través de charlas. Porén, non houbo ningún tipo de charla incentivada pola USC que tratara o tema do acoso laboral. Isto lévanos a cuestionarnos o por que desta carencia informativa. A resposta podería atoparse no feito de que non lles interesa demasiado manter informados ós membros da USC sobre este tema para evitar un posible aumento dos casos de denuncia.
    Por outra parte, a maior parte dos casos de ‘mobbing’ na Universidade dáse entre funcionarios que contan con postos fixos na Administración e que, en moitas ocasións, son utilizados por compañeiros para exercer presión sobre os seus compañeiros e conseguir unha dimisión voluntaria. Desta maneira, tamén se demostra como as vítimas de acoso laboral non son unicamente persoas de carácter “débil” como adoita dicirse, senón que tamén se trata de persoas con cargos importantes que poden espertar en moitos casos unha gran competitividade por parte dos demais compañeiros. http://www.usc.es/es/normativa/pas/conveniocolectivo.html

    Gústame

    1. As charlas poden ser unha boa forma de informar, niso estamos de acordo, pero aínda que non as organice a USC si que hai organismos que encárganse de convocar este tipo de actos. https://www.agacamt.es/noticias/ Tamén, dis que falta información, pero que tipo de información votades en falta? Coincido en que a falta de información, non so na USC, interesa xa que deste xeito o número de denuncias é menor.

      Por outro lado, estamos de acordo en que a competitividade é unha causa de acoso laboral, pero na administración pública debería diminuírse a mesma pola forma de acceso aos cargos. Como considerades que pode reducirse o acoso laboral nos traballadores que non poden ser despedidos? Que medidas deben tomarse ante este tipo de casos?
      https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2003/02/26/sindicatos-policia-local-piden-relevo-oficial-jefe/0003_1517319.htm
      https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2002/10/25/sergas-enfrenta-denuncia-acoso-laboral/0003_1292384.htm
      https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2002/12/18/bibliotecaria-naron-denuncia-concello-acoso-laboral-pide-juez-rescinda-contrato/0003_1379259.htm

      Gústame

  8. Como ben dis, a parte da USC hai outros organismos e asociacións que si que se encargan de organizar charlas ou xornadas para falar sobre o tema do acoso laboral,pero o exemplo da Asociación Agacamt tócanos de préto porque Manuela Zas, a presidenta da Asociación, forma parte do noso Círculo. Ela mesma nos dixo que a asociación se fianciaba co diñeiro dos propios socios, que todos eles son vítimas de ‘mobbing’ ou familiares de vítimas. Desta maneira, as charlas que poidan levar a cabo realízanas dunha maneira altruísta e sen contar con financiación pública, polo que consideramos que estas xornadas non son promovidas polos organismos públicos, entre eles pola USC.
    Por outra parte, dicimos que falta información necesaria para que o tema do ‘mobbing’ sexa coñecido por todos os traballadores e que así, un traballador sexa consciente da súa situación e da actuación que debe levar a cabo no caso de sufrir acoso. Os medios de comunicación, polo de agora como xa dixen, non se encargan de visibilizar o tema, senón de publicar sucesos morbosos e incluso irónicos ou humorísticos sobre o tema.https://www.elperiodico.com/es/sucesos-y-tribunales/20171126/condenado-un-guardia-civil-que-pregunto-a-una-subordinada-si-llevaba-bragas-6450497 como é o caso deste tipo de noticias.
    Por último, considero que para reducir o acoso laboral en ámbitos laborais como o da USC no que se trata de casos de traballadores que non poden ser despedidos o tema complícase. Unha solución podería ser cambiare desbotar o sistema vertical e a dedo que hai actualmente, xa que en caso de denuncia, a última decisión de se é certo ou non, é tomada polo Reitor da Universidade. Polo de agora, diante deste tipo de casos debemos pasar por varios departamentos da USC, como explicamos no post, e en última instancia esperar a que o Reitor de o visto bo.http://www.usc.es/gl/goberno/reitoria/

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s