As dificultades de financiamento para os medios alternativos e comunitarios en Galicia

PÉREZ LOJO; VÁZQUEZ MARTÍNEZ

Os medios alternativos, debido a súa construción e concepción, xeran un espazo de libre participación social, cumprindo un papel importante para o exercicio pleno da democracia comunicacional. As dificultades económicas que levan consigo o autofinanciamento ou a dependencia financeira por contidos ou por subscricións, súmanse á morea de restricións que se adoitan impor a nivel estatal sobre este tema. O último exemplo, o expediente sancionador a Cuac FM imposto pola Xunta de Galicia despois de 21 anos de emisión.

O certo é que moitas destas iniciativas van en contra da cultura dominante dos medios de comunicación tradicionais. Estes naceron sen ánimo de lucro, só como medio para garantir o exercicio do dereito á comunicación e liberdade de expresión, como é o caso de Cuac. Porén, iso non quita que para levar a cabo os obxectivos que pretenden (que adoitan estar relacionados con cuestións de responsabilidade social e cultural, como no caso da revista Lume co seu compromiso pola filosofía ou de Novas da Galiza, coa educación en feminismo e co idioma galego), precisen dunha fonte de ingresos importante, que moitas veces custa moito conseguila.

Moitos dos problemas que comentaban as nosas fontes eran asuntos de financiamento. Novas da Galiza presentaba un sistema de financiamento baseado nos subscritores e Lume estaba autofinanciada polos propios autores. Deste xeito, a comunidade financia e faise dona do medio, pois evidentemente este depende dos fondos que recibe. Isto pode suceder en todo tipo de medios, pero máis aínda nos alternativos e comunitarios.

As formas máis tradicionais de gañar cartos dos medios alternativos é o método de Novas da Galiza e Lume: a subscrición do seu público, que paga polos servizos para poder acceder a eles, e o autofinaciamento dos propios colaboradores. Esta é a tese que defendeu María Limón, presidenta da Rede Española de Medios Comunitarios, durante o Segundo Congreso Internacional sobre Movimientos Sociales y TIC Move.net. Limón vai máis lonxe aínda e declara que a vella forma de financiamento dos medios comunitarios está hoxe totalmente presente nos medios dixitais, como é o caso de ctxt.es, que se financia practicamente de forma íntegra a través das subscripcións

Outro dos participantes neste congreso foi Gumersindo Lafuente, xornalista de eldiario.es, que tamén nos deixou ideas para ter en conta. Baixo o seu punto de vista, os medios comunitarios e alternativos teñen que saber encontrar “o equilibrio” con respecto á comunidade á que pertencen. De tódolos xeitos, Lafuente advirte que isto non debe significar a perda da liña editorial, pois o medio debe seguir defendendo as súas ideas, máis aló do que lle pida a súa comunidade. Quizais este é un problema menor para moitos medios alternativos, pois a súa comunidade está absolutamente convencida do que o medio-voceiro di.

Anteriormente comentabamos, a través das palabras de María Limón, o feito de que os medios hexemónicos comecen a copiar estratexias dos pequenos medios comunitarios. Isto é algo que deixa en evidencia que o sistema está aprendendo das novas formas de comunicación, unha moi boa noticia para os medios alternativos e para toda a sociedade en xeral, porque isto significa que os medios de comunicación de masas avanzan e non fican parados en vellas premisas que poden quedar obsoletas.

Debido á súa gran difusión, os medios hexemónicos chaman a atención das empresas para publicitar os seus produtos, facendo que isto supoña unha gran fonte de nas súas casas. Pola contra, os medios alternativos non teñen tanto impacto, polo que conseguir financiamento resulta unha tarefa máis fatídica para eles. Mais non só as marcas, senón que as fontes das que adoitan provir as axudas (como por exemplo o Goberno) non apostan por este tipo de iniciativas, xa que non acaban de confiar plenamente nelas para realizar a súa inversión.

Bibliografía

La ReMC apoya a CUAC FM y suscribe su desacuerdo por el expediente sancionador de la Xunta. (2017). Red de Medios Comunitarios. Recuperado de https://medioscomunitarios.net/2017/10/la-remc-apoya-cuac-fm-suscribe-desacuerdo-expediente-sancionador-la-xunta/

Los medios digitales emulan a los comunitarios en su financiación. (2017). Red de Medios Comunitarios. Recuperado de https://medioscomunitarios.net/2017/10/los-medios-digitales-emulan-los-comunitarios-financiacion/

(2018, 9 de xaneiro). El pago por suscripción, el futuro de los medios online. Marketingdirecto. Recuperado de https://www.marketingdirecto.com/digital-general/digital/pago-suscripcion-futuro-los-medios-online

7 comentarios en “As dificultades de financiamento para os medios alternativos e comunitarios en Galicia

  1. É contradictorio, se non se atopa unha fonte que o corrobore (non vexo ningún enlace ou cita no texto; ningunha declaración de Limón ou de Lafuente- terán oportunidade quizáis en abril cando a ReMC se reúna na Coruña- falar de medios sen ánimo de lucro e de financiamento, ou equiparar o marqueteo dos medios online coas prácticas de rede social humana dos medios alternativos ou comunitarios. Non é substancial falar de financiamento nos medios comunitarios desde unha visión das empresas informativas e de entretemento. Compre documentarse ben, buscar fontes axeitadas e non mesturar allo con bugallo. Por favor, revisen e muden o máis axiña posible.

    Gústame

  2. A corrixir:
    – “Financiación” non existe en galego
    – 1º parágrafo
    “os medios alternativos, debido […] concepción, xeran” (as comas delimitan a aclaración)
    – 3º parágrafo
    Na primeira oración, mudar suxeito ou verbo para que concorden
    – 6º parágrafo
    “debido á súa gran difusión, os medios” (a coma delimita a aclaración)

    Gústame

  3. Santomé Seijas
    Paréceme moi acertado falar sobre as dificultades de financiamento que teñen os medios alternativos, pois é o principal problema co que contan á hora de desenvolverse e darse a coñecer á poboación. Como apuntades, é curiosa a facilidade que ten o goberno para poñer trabas á hora de que un novo medio non lineal nin convencional comece a tomar partido, como é o caso da radio comunitaria Cuac FM. Asemade, tamén ten a mesma facilidade para conceder ostentosas subvencións aos grandes medios convencionais, o que fai pór en perigo significativamente a pluralidade de voces no panorama galego e a independencia comunicativa. Na seguinte ligazón podedes ver as diferenzas nas axudas da Xunta aos distintos medios privados galegos: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/68603-xunta-entregou-millon-euros-corporacion-voz-galicia-nun-dia

    O feito de que os medios alternativos non sexan apoiados significa que son vistos coma un inimigo e non espertan interés, pois son molestos para os poderes públicos e económico pero, isto tamén implica que van por bo camiño. Evidentemente, toda esta problemática para autofinanciarse provoca unha merma na calidade, polo que, como ben explicades, o apoio da audiencia mediante o sistema de subscriptores é esencial para estes medios alternativos. Este tamén é o caso de O Salto, un xornal que se define coma “un medio democrático, de propiedad colectiva, descentralizado y financiado por la gente, no por grandes corporaciones”. Aquí vos deixo máis información sobre o mesmo: https://saltamos.net/que-es-el-salto/ .

    Gústame

    1. Os enlaces que adxuntas son moi acertados neste caso e a problemática tan recente de Cuac FM (http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2018/02/27/xunta-descarta-sancionar-cuac-fm/1267150.html) unha traba para os medios comunitarios sempre silenciados polos que máis mandan.
      Este artigo https://www.google.es/amp/s/www.pagina12.com.ar/amp/65013-medios-comunitarios-contra-las-cuerdas, no que se fala da deplorable situación destes medios alternativos, explica de forma doada a problemática da financiación dos mesmos.
      Dende ReMC, fan tamén un chamamento para que mellore a situación dos 200 medios comunitarios que compoñen o panorama nacional español http://www.medioscomunitarios.net/IMG/pdf/documento_tecnico_remc.pdf; entre as súas reivindicación atópanse a eliminación de obstáculos que dificulten a creación e desenvolvemento dos medios comunitarios, o cumprimento por parte do goberno dos mandatos da Lei Xeral Audiovisual, a fin das sancións contra emisoras ás que se lle impide acceder a licencias e medidas de apoio e fomento aos diversos tipos de medios de comunicación comunitarios.

      Gústame

      1. Santomé Seijas
        Evidentemente o goberno debe cumprir as súas propias leis, e con isto refírome á Lei Xeral da Comunicación Audiovisual de 2010 que mencionas, na que se obriga a “implementar unha regulación específica para os medios comunitarios e sen ánimo de lucro”, que ata o de agora non está a ser desenvolvida correctamente e que seguen a contar con varias trabas, pois por exemplo a lexislación actual non lles permite emitir publicidade, unha vía fundamental de financiación.

        Creo que este tipo de medios son esenciais como contrainformación e como garante dunha sociedade democrática e participativa, sobre todo agora coas redes sociais e, máis aínda, en épocas de crise cando moitos temas poden ser ocultados da axenda mediática. Penso que este artigo publicado en Eldiario.es define bastante ben as funcións e importancia dos medios comunitarios: https://www.eldiario.es/andalucia/Medios-comunicacion-comunitarios-sirven_0_322667970.html

        BIBLIOGRAFÍA
        – España (2010). Ley 7/2010, de 31 de marzo, General de la Comunicación Audiovisual. Boletín Oficial del Estado. Recuperado de: https://www.boe.es/buscar/pdf/2010/BOE-A-2010-5292-consolidado.pdf

        Gústame

        1. Efectivamente, tanto ese artigo do diario.es coma os apuntamentos do Observatorio Cidadán de Comunicación (https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/apuntamentos/) deixan claro o que son estes medios comunitarios cos que traballamos neste proxecto.
          Aínda que en España estes medios están obtendo moitas negativas e trabas, seguen loitando por un xornalismo de calidade sen dirixencias de institucións gubernamentais.
          Nestes tempos que corren máis que nunca precisamos uns medios xornalísticos de calidade, democráticos e honestos como son os medios comunitarios. Este artigo expón estas ideas das que falo http://www.doraltimes.com/la-importancia-de-un-medio-de-comunicacion-comunitario/.

          Gústame

Deixa unha resposta a Andrés Vázquez Cancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.