O transporte urbano segue sendo precario en Compostela

Álvarez García

Na nosa primeira reunión de círculos tivemos a oportunidade de debater sobre o funcionamento do transporte público de Santiago de Compostela, non só en canto á eficacia do servizo de autobús no centro e arredores da cidade e o nivel de satisfacción das persoas usuarias, senón tamén en canto as propias experiencias vividas polos membros do círculo respecto a este tipo de transporte.

Pese a que o noso obxectivo primordial é falar dunha mobilidade cidadá e en consecuencia da  posibilidade de vivir nas cidades, non hai que esquecer facer unha mención especial ao transporte público e o seu correspondente funcionamento. Dende o último ano en Santiago de Compostela produciuse un certo avance en canto a mobilidade, derivado do Pacto Local de Mobilidade. Un pacto que, aínda que lento nos seus inicios, xa que empezou o proceso de elaboración no ano 2015 e entremedias existiu unha certa reticencia e choque por parte das administracións, agora parece ter máis pulo entre a sociedade, grazas á colaboración das asociacións de veciños, dos empresarios locais e dos taxistas. Unha proposta que ten como principal finalidade servir de guía a toda a cidadanía en aspectos como as novas liñas de transporte público, a regulación do aparcamento ou as obras de reurbanización.

A mobilidade nas cidades é un concepto no que inflúen moito os recursos e os medios que se poñan a disposición para poder desprazarse, tanto por toda a urbe como polos arredores. Santiago de Compostela non é unha cidade deseñada para soportar todo o tráfico que alberga e, aínda que se intente potenciar o uso do autobús co propósito de suprimir o emprego do transporte privado, María Jesús Pérez Piñeiro, representante da asociación Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), reivindica: “o certo é que o autobús segue sen cumprir os requisitos de accesibilidade universal para as persoas discapacitadas usuarias deste servizo”.

 Non debemos esquecer que para que se produza un incremento no uso deste medio de transporte, debe existir una infraestrutura ben organizada que facilite, non que complique, a vida da cidadanía no seu conxunto. En torno a isto, Santiago segue a presentar moitas deficiencias, xa que non existe unha boa sinalización das paradas que indique de forma clara en que lugar e a que hora dispoñemos deste servizo público, e pese a dispoñibilidade dunha aplicación móbil chamada máis bus, na que teoricamente se ofrece unha información actualizada e accesible, este sistema non está preparado para o acceso das persoas que presentan unha discapacidade como a cegueira.

En canto ás rutas

As rutas existentes na actualidade teñen nalgúns casos un itinerario complexo que dificulta a súa comprensión ou execución. Ante esta situación, o Concello de Santiago está a elaborar un novo mapa que mellore a eficacia e fiabilidade do servizo. Un

imx_autobus

Fonte: Concello de Santiago

 

proxecto que foi presentado o pasado novembro por Jorge Duarte, responsable municipal de Espazos Cidadáns, e que non verá a luz ata o ano 2020, cando se adxudique a nova concesión de transporte.

Un método pensado para que as paradas se establezan cada 600 metros, o que non acaba de convencer aos veciños: “Vistalegre, por exemplo, vai a ser unha zona que quede illada coa implantación de paradas cada 600 metros, o que están facendo tampouco axuda nada”, así o reclamaba María Visitación, representante da Asociación de veciños Casco Histórico e membro das reunións de círculos deste grupo de traballo.

Alternativas no transporte

Por outra banda, cómpre reparar nun dos puntos de maior consenso entre os partícipes da primeira reunión. Estamos a falar das frecuencias das liñas de transporte e en consecuencia das rutas que realizan. Debido ao tráfico que se produce nesta urbe, non se cumpren os horarios previstos, polo que o máis habitual é ter que esperar media hora, como mínimo, polo autobús, o que fai que moitas das persoas que estaban dispostas a empregar dito transporte prefiran ir andando, xa que por moi raro que pareza, chegan antes ao destino desexado e aforran tempo, porque recordemos que Santiago é unha cidade que non coñece distancias. Por este motivo “debería haber buses máis pequenos e eléctricos con maiores frecuencias, así se utilizaría máis”, contábanos Xavier Carro, representante da Asociación de veciños As Brañas, durante a pasada reunión. Unha iniciativa que xa se está implantando noutras grandes cidades como Madrid.

Actualmente, obsérvanse percepcións contrarias en torno á mobilidade da zona. Así, por un lado o xornal La Voz de Galicia informou recentemente sobre as queixas dos veciños de Milladoiro pola comunicación inexistente e polos sinais de tráfico que prohiben o uso da bicicleta así como circular a pé pola calzada que comunica este núcleo con Santiago. Doutra banda, algúns veciños de Santiago alegan estar mellor comunicados co pobo veciño que con certos puntos da propia cidade. Así nolo contaba María Visitación: “Eu teño ido ao fisioterapeuta a Milladoiro e cada 20 minutos teño autobuses, sen embargo, se queres ir ata Casas Novas, tes que esperar unha hora polo autobús e o fin de semana xa non dispós do servizo”.

A precariedade que padece Compostela polo funcionamento do autobús é unha das súas materias pendentes. Por este motivo, non estaría de máis prestar atención ás reivindicacións veciñais e valorar ideas como as que propuxo Xavier Carro: “Tería máis lóxica que funcionara como o metro, é dicir, que cun único billete poidas cambiar de autobús a través duns puntos de conexións”. Deste xeito melloraríanse as frecuencias e os problemas de comunicación porque, como reivindicou María Jesús, “Quitando algunhas modificacións, as liñas son moi semellantes ás que había cando vin aquí no ano 2000”.

Material bibliográfico empleado: 

Luz verde do Pleno ao Pacto Local pola Mobilidade. (2017). Recuperado del sitio de Concello de Santiago: http://www.santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?id_nova=15537

García, Carmela. (2017, 27 de novembro). CA retrasa hasta 2020 sus promesas de cambio para el transporte urbano. El Correo Gallego. Recuperado de http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/ca-retrasa-2020-sus-promesas-cambio-transporte-urbano/idEdicion-2017-11-22/idNoticia-1085717/

Imaxe. Recuperado del sitio de Concello de Santiago: http://www.santiagodecompostela.gal/turismo/interior.php?txt=t_mobilidade&lg=cas

 

 

 

12 comentarios en “O transporte urbano segue sendo precario en Compostela

  1. A corrixir:
    – 2º parágrafo
    “en Santiago de Compostela produciuse” (pronome enclítico)
    – 3º parágrafo
    “usuarias deste servizo” (contracción preposición + demostrativo)
    – 4º parágrafo
    “uso deste medio” (contracción preposición + demostrativo)
    – 6º parágrafo
    “cómpre reparar nun” (gralla de acentuación, acento diacrítico)
    “entre os partícipes” (gralla de acentuación)
    “se utilizaría máis” (gralla de acentuación)
    – 8º parágrafo
    “prestar atención ás reivindicacións” (gralla de acentuación, contracción a + artigo)
    “moi semellantes ás que” (gralla de acentuación, contracción a + artigo)

    Gústame

  2. Fátima Fernández

    Paréceme moi importante a inclusión de reivindicacións como a de María Jesús Pérez Piñeiro, que tratan o tema da accesibilidade para as persoas con discapacidade. Así como o posterior apuntamento que realizades acerca das deficiencias para a inclusión das persoas cunha discapacidade visual. Recentemente realicei unha reportaxe con persoas invidentes e o tema que estades a tratar foi unha das queixas que máis se repetiu. Por isto, considero de grande utilidade que lle esteades a dar visibilidade.

    Por outra parte, o tema que estades a tratar resúltame tremendamente interesante, pois tócame de cerca. Aínda que como estudante compostelá son consciente das deficiencias que aínda existen no plano do transporte urbano da cidade, como persoa que vive nas aforas de Santiago, debo dicir que isto é só a punta do iceberg. Un dos oito principios xerais que o Pacto Local de Mobilidade que mencionades establece é, e cito textualmente: “O dereito a unha cidade inclusiva e accesible”. Sen embargo, isto está bastante lonxe da realidade. No post falades da problemática da frecuencia das liñas, e mesmo mencionades o caso de O Milladoiro, pero quizais sería interesante que mencionásedes tamén a situación xeral dos municipios limítrofes á capital (Boqueixón, Vedra, Touro, Vila de Cruces…), pois son os máis prexudicados neste tema. Sen ir máis lonxe, cabe mencionar o feito de que só existen autobuses que comuniquen a cidade con estes puntos ata as 19:00 da tarde. Este é un problema que afecta a moita xente e, non obstante, bastante abandonado polos medios, polo que podería ser un punto a tratar interesante.

    Por último, fixeime en que abarcades a problemática dos autobuses en canto a horarios e frecuencia das liñas, pero non comentades nada acerca do propio estado dos autobuses. Compártovos aquí un enlace de La Voz de Galicia que versa sobre estas deficiencias e que me parece que podería ser de utilidade para o voso análise: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/arzua/2018/01/18/concesionaria-transporte-solvento-75-325-deficiencias-autobuses/0003_201801S18C5991.htm

    Gústame

    1. Ana Álvarez

      Unha rede de transportes inclusiva e accesible debería ser o obxectivo primordial de calquera cidade, pero como todos sabemos, na maioría dos casos dista bastante de ser así. Respecto ás comunicacións con municipios próximos a Santiago de Compostela, cabe dicir que fai uns meses a principal empresa de transporte urbano de Santiago, máis coñecida baixo o nome de TUSSA, realizou á presentación da nova rede de transporte urbano, co obxectivo de aumentar o número de liñas e desta forma poder dar cobertura a diversas parroquias do rural: http://www.tussa.org/web/actualidade/nova.php?id=552&lg=cas

      En relación co estado dos autobuses non só hai que facer mención a elementos relacionados coa mecánica, seguridade e rodas, senón que é importante ser conscientes de que moitos dos autobuses que circulan por Santiago de Compostela e arredores son de segunda man, o que entre outras cousas, fomenta a contaminación e aumenta o risco de que algún deles teña un fallo motor cos consecuentes prexuízos para os usuarios, como ocorreu fai uns meses na estrada xeral que comunica Santiago de Compostela con Bertamiráns.

      Gústame

      1. Fátima Fernández

        Desde logo esa nova rede de transporte urbano, a pesar de que non será ata o ano 2020 cando funcione de xeito definitivo, supón un gran avance e un halo de esperanza para moitos. Relacionado co que comentas sobre a necesidade dunha rede de transportes máis inclusiva, así como co que dis posteriormente sobre a contaminación, cabe sinalar que a comezos do mes pasado se produciu outro gran avance neste terreo. Este avance consistía nunha modificación no transporte urbano que implicaba, a parte dunha mellora nas liñas, un autobús máis accesible e menos contaminante: https://las4esquinas.com/el-autobus-urbano-anade-mas-paradas-en-san-miguel-fuente-mora-y-en-la-quinta/.

        Así mesmo, xa en novembro do ano pasado e, con motivo da Semana Europea da Mobilidade, o Concello levou a cabo unha serie de actos de concienciación que tiñan como un dos seus obxectivos principais a revisión da rede de transporte urbano. Isto implicaba a introdución de melloras nos autobuses, novos servizos e mesmo unha liña central con vehículos híbridos. Déixoche por aquí o enlace á noticia por se queres ler máis sobre o tema: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2017/09/20/concello-ultima-modelo-transporte-urbano-sostenible/0003_201709S20C2991.htm

        Non debemos esquecer ademais que, aínda que como ti apuntas, moitos dos autobuses producen uns niveis de contaminación maiores debido a que son de segunda man, non deixan de ser unha alternativa moito máis favorecedora para o medio ambiente que os coches. É moi necesario levar a cabo un maior número de campañas de concienciación, sen embargo, tal e como estamos vendo, actualmente a oferta aínda non é o suficientemente boa para esta concienciación por parte da xente. Por isto, considero que este tipo de actos fomentando o transporte público a través de melloras teñen unha grande importancia.

        Gústame

        1. Álvarez García

          Fomentar o transporte público co obxectivo de diminuír a utilización do vehículo privado é moi importante, tal e como reivindicas. Con respecto ao aumento de autobuses (moitos de segunda man) en Santiago de Compostela, aínda que é unha opción máis favorable que o emprego do coche, non debemos esquecer que emiten grandes cantidades de gases nocivos, ao tratarse de vehículos que xa levan bastante tempo en circulación. De feito, é tal a contaminación que producen, que en cidades como Madrid, implantaron a principios de ano unha iniciativa na que os vehículos vellos non poderían circular en zonas como por exemplo, a transcorrida M30. https://elpais.com/ccaa/2018/01/30/madrid/1517310502_355100.html

          Existen outro tipo de alternativas que non só mellorarían a mobilidade en Santiago, senón que contribuirían a coidar o medio ambiente. Estou a falar da implantación de autobuses eléctricos, un medio de transporte idóneo nunha urbe pequena como Compostela, xa que podería realizar os recorridos das rutas sen ter que estar pendente da carga. En Madrid xa están cinco autobuses deste estilo en circulación, cunha autonomía de 200 quilómetros. https://movilidadelectrica.com/la-emt-adquiere-15-autobuses-electricos-irizar-i2e/

          Dende o noso punto de vista, Compostela é unha cidade que se presta a un transporte pequeno (debido ao tamaño das estradas) e eléctrico (dado os itinerarios das rutas de transporte).

          Gústame

  3. En canto ao tema dos servizos de autobús urbano en Santiago de Compostela, estou de acordo con vós na maioría dos puntos que tocades. En primeiro lugar, falades das persoas con discapacidades. É certo que nesta cidade o acceso para eles aos distintos buses urbanos é inexistente. Paréceme incrible que a día de hoxe sigan existindo este tipo de trabas. Porén, nalgunhas cidades estanse facendo xa cambios debido ás denuncias dos usuarios. Na seguinte noticia, publicada por La Voz de Galicia, vemos como está a situación nas distintas cidades galegas e que, a pesares dos avances que houbo, todavía seguen existindo problemas: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/arzua/2018/01/18/concesionaria-transporte-solvento-75-325-deficiencias-autobuses/0003_201801S18C5991.htm. Que clase de medidas se poderían implantar para facilitar o acceso dos discapacitados aos buses urbanos?
    Tamén comentades neste post que a aplicación para móbiles máis bus é imposible de empregar para algúns discapacitados. En canto á aplicación en si, ademais desa, ten outras carencias, e non funciona ben de todo. Resulta bastante útil á hora de buscar as distintas paradas na cidade e tamén para coñecer as diferentes rutas dos autobuses. Porén, os horarios que nos facilita a aplicación en moi raras ocasións coinciden coa realidade, o cal é bastante frustrante para guiarse respecto a canto tempo lle queda ao seguinte bus. Credes que é importante facer algún cambio neste aspecto?
    Respecto ás rutas, persoalmente, non vexo demasiados problemas nelas. Quizais o aspecto máis negativo é o feito de que as fins de semana se diminúa tanto o servizo de autobuses, chegando a pasar cada un con case unha hora de diferenza e, incluso, algunhas liñas desaparecen durante as fins de semana. Tamén creo que implantar paradas cada 600 metros é un erro, deixando illadas moitas zonas, tal e como xa comentades no post.
    Para rematar, gustaríame facer unha proposta que xa existe noutras cidades dende fai tempo, e que quizais en Santiago de Compostela podería funcionar. Vedes viable a implantación dun autobús urbano nocturno? Nalgunhas cidades xa o hai dende fai anos, e creo que nesta podería ser unha boa opción. Aquí vos deixo unha noticia sobre isto: https://www.20minutos.es/noticia/392952/0/buho/noche/gijon/

    Gústame

    1. Ana Álvarez García

      Está claro que é importante manter una aplicación que estea en constante actualización e que poida ser empregada por toda a cidadanía, incluídas as persoas con discapacidade. Este obxectivo esixe unha remodelación, xa que ás veces, o seu uso, máis que una vantaxe, parece un inconveniente.

      Respecto a implantación dun autobús nocturno temos que dicir que si o vemos totalmente viable, e máis nunha cidade universitaria como é Santiago de Compostela. De feito, en Vigo dende o pasado mes de febreiro implantouse un servizo nocturno que permite ás mulleres solicitar paradas que non están incluídas no itinerario. Ten tres propósitos destacables dende o noso punto de vista. Por unha parte, reducir o número de persoas que collen o automóbil despois de saír de festa, diminuír o custo ao non ter que coller un taxi e finalmente, proporcionarlles ás mulleres maior seguridade á hora de volver a casa, o que non está de máis, dada a recente inseguridade que está a sufrir o colectivo feminino: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2018/04/08/volver-casa-encarece-autobus-nocturno/0003_201804O8C1992.htm

      Gústame

      1. Respecto ao tema da aplicación móbil, coincido contigo: é necesario unha remodelación da mesma para que sexa útil para todos. Como se podería adaptar a aplicación para o uso das persoas, por exemplo, invidentes? Deixo un enlace que atopei na web que dá varias opcións para este tema. Podería ser eficaz empregar algunha destas para un cambio da aplicación máis bus: https://www.xatakandroid.com/aplicaciones-android/accesibilidad-en-android-21-aplicaciones-para-personas-invidentes
        Por outra banda, en canto á implantación dus servizo de autobuses urbanos nocturnos en Santiago de Compostela, vese que coincidimos en que sería boa idea. Logo de ler a noticia que compartiches, isto fíxome pensar na crecente inseguridade que temos as mulleres nas rúas e tamén no transporte público. Os autobuses urbanos non son os únicos que entran en xogo neste asunto, senón tamén, por exemplo, os taxis. No seguinte enlace podemos ler unha noticia que fala precisamente disto: http://www.elmundo.es/internacional/2018/01/05/5a4f761722601d18388b4686.html. Nela, infórmase da posta en liberdade dun taxista que abusou sexualmente de ata 12 mulleres. Que medidas poderiamos tomar fronte a este tipo de casos caso para que a mobilidade chegue a ser máis segura e non se repitan situacións coma esta?

        Gústame

        1. Álvarez García

          Igual non deberíamos buscar só a solución nos autobuses. É certo que o taxi a día de hoxe é un método de transporte caro, que a xente non emprega a diario (por norma xeral). De todos modos, a implantación dun autobús nocturno non sería a solución definitiva para poder arranxar o problema, xa que a demanda fronte a oferta estaría descompensada e afectaría economicamente a todos os taxistas, que recordemos, son autónomos.

          Por este motivo, é importante renovar e crear alternativas de transporte. Para que sexa máis barato e seguro (evitando deste xeito incidentes como os que comentabas dos taxistas coas mulleres) nas grandes cidades están a crear alternativas que dende o noso punto de vista serían moi viables nunha cidade como Santiago. Estou a falar dunha idea que se está a implantar en Madrid, polo cal o taxi xa se pode considerar un medio de transporte colectivo (compartindo carreira) entre persoas descoñecidas sempre e cando se reserve o servizo mediante unha aplicación móbil (aplicacións que como reivindicabamos anteriormente, deben ser mudadas para que as poida empregar todo o mundo). https://elpais.com/ccaa/2018/03/13/madrid/1520960812_604417.html

          Gústame

          1. Ana, tes razón no de que unha implantación de servizo de autobuses nocturnos sería prexudicial para os taxistas, xa que, probablemente, o número de persoas que empregarían un taxi podendo escoller a opción dun autobús, sería moi reducido. Isto débese, principalmente, ás elevadas tarifas que cobran os taxistas, o cal é comprensible dende o punto de vista deles, mais moitas persoas non teñen suficientes recursos como para poder pagarse un taxi a miúdo. Por iso mesmo, moita xente opta por outras opcións, como os servizos de Uber ou Cabify. Precisamente, os taxistas realizaron folgas contra esta nova competencia, que ofrecen os mesmos servizos ca os taxis, pero economicamente resultan máis rentables: https://elpais.com/economia/2017/11/28/actualidad/1511891704_468822.html

            Respecto á noticia que compartiches, opino que é unha boa opción: o feito de compartir taxi reduciría os costes dos pasaxeiros e tamén axudaría ós taxistas, que actualmente están a ter problemas debido á falta de ingresos que obteñen dos seus servizos. Investigando na rede atopei esta nova da semana pasada, na que Cabify pretende reunir a taxistas, políticos e outras entidades relacionadas coa mobilidade para buscar solucións de forma conxunta: https://elpais.com/ccaa/2018/04/06/madrid/1523023256_109816.html Credes que conseguirán chegar a un acordo firme para resolver os problemas relacionados coa mobilidade entre todos?

            Gústame

            1. Álvarez García

              Dende o noso punto de vista creemos que é difícil poder chegar a unha solución conxunta. Sen embargo, esta mesma mañá o Tribunal Supremo examina unha normativa na que se establece unha proporción de 30 taxistas en circulación por cada licencia de vehículos con condutor, é dicir, o VTC, máis coñecido por ser o sistema empregado por empresas como Uber o Cabify. Unha revisión cuxo principal obxectivo é examinar se dito sistema atenta contra a lei de unidade de mercado. http://www.abc.es/economia/abci-gobierno-estudia-como-proteger-taxi-avance-uber-y-cabify-201804162128_noticia.html

              Quizás esta normativa é o primeiro paso para intentar acadar unha sintonía entre ambos servizos e deste modo, frear a loita existente entre os seus traballadores, que nalgunha ocasión, xa derivou en agresións físicas: http://www.elmundo.es/economia/2018/02/19/5a8ad07b268e3e5e6f8b4747.html

              Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s