Sergio (@posimental): “Nos medios nótase cando se intenta visibilizar para ben ou para mal”

Hueso Gutiérrez e López Carballo

É imposible non recoñecer o papel que xogan as redes sociais no exercicio das relacións entre as persoas, e sobre todo entre as xeracións máis novas. A información que proporciona Internet á xuventude fai que sexa unha ferramenta clave na súa educación. O colectivo LGTB atopa tamén a súa representación no mundo web.

Sergio, máis coñecido como @posimental nas súas redes sociais como Youtube, Twitter, Instagram, etc. é un estudante de inxeniería que emprega o seu tempo libre dende fai dous anos para realizar vídeoblogs en YouTube nos que narra os seus cambios como FTM (para saber máis sobre este termo visita o noso glosario).

Ata que punto poderías considerar que os medios axudan a visibilizar a situación de miles de persoas novas?

Eu creo que na sociedade actual a xente nova apenas vemos a televisión. Adoitamos buscar máis información vía Internet e eu creo que a televisión como concepto de telexornal que vai informando da aprobación do cambio de nome a menores que antes non e todas esas cousas axuda bastante a visibilizarnos. Pero á súa vez non o considero un medio de tanta axuda como podería ser estar en Internet. Internet é moi global e a xuventude tiramos máis cara a Internet que cara a televisión.

Tras a polémica do autobús de Hazte Oír, a opinión pública comezou a falar e pronunciarse en maior medida sobre o tema, sensibilizando a parte da poboación. Esta campaña política deu visibilización pero, como afectou isto ao colectivo LGTB?

Eu creo que serviu ademais para o que eles precisamente non querían, que era que moita xente que non entendía nada do colectivo saíse a defendernos e vise que estamos aí, que existimos. Eu creo que serviu de boa maneira e que foi dalgún modo unha discriminación positiva.

Analizando titulares da prensa diaria podemos observar como sempre que nunha noticia intervén algunha persoa pertencente ao colectivo semella necesario mencionar que é transexual. Un exemplo disto sería o caso de Cassandra Vera.

O que terían que facer neste caso sería falar sobre o conflito que houbo. Sen embargo converteuse nun reclamo da palabra transexual. Como dixen antes, trátase como se fose un mono de feira. Paréceme un reclamo bastante feo.

Pero cres en parte que serviu para visibilizar ao saír tantas persoas na súa defensa e falarse máis do colectivo?

Si, depende de como o enfoques. Nos medios de comunicación nótase moito cando se intenta visibilizar para ben ou para mal: se pretenden usar un titular para que todo o mundo entre ou queren dar de verdade visibilidade ao colectivo. Eu creo sinceramente que nese sentido non nos visibilizou como deberían ter feito.

“MOITOS MEDIOS QUIXERON DARLLE (AO PRIDE) UN ENFOQUE RETRÓGRADO”

O ano pasado foi o World Pride en Madrid. Algúns membros da comunidade LGTB opinan que a súa cobertura nos medios ensuciou de “celebración” e “festa” a imaxe do colectivo, mentres que outros afirman que foi un método efectivo para fomentar a visibilización deste. Que opinas sobre como abordaron os medios este evento?

Pois eu creo que moitos medios quixeron darlle un enfoque retrógrado, aínda que outros o retransmitiron dunha forma máis axeitada. Pero é que é unha festa. E significa iso, disfrutalo, pasalo ben e ser nós mesmos sen que ninguén nos mire por encima do ombro e celebrar todo o que xa conseguimos. Eu creo que nin a metade de barbaridades que dixeron algúns medios son certas nin nada, sobre todo porque somos unha comunidade moi respetuosa cos demais por todo o que pasamos nós, precisamente.

Ti estarías disposto a cambiar á televisión para chegar a un público máis adulto posto que a xuventude estamos en certo modo máis concienciados?

Non sabería porque sería un pouco sacrificar algunhas cousas por ter outras. Sacrificar algúns dos meus principios para visibilizar máis en canto a televisión. Quizais sería mellor quedarme en Youtube, onde me vería máis xente nova a pesar de que a televisión a ve máis xente maior e iso tamén axuda. Eu no persoal non iría á televisión. Non obstante, tamén chego a persoas adultas. A media de persoas que ven o meu canal é maior de trinta ou corenta anos.

Tras o caso de Alejandro P.E., protagonista dun reality que conta a vida dun transexual, houbo un sector da comunidade que comezou un movemento en redes sociais co hashtag  #nonosrepresentas. Ti opinas que é un bo representante?

A min sinceramente non me representa basicamente porque non é o feito do que fixo senón onde. E con isto como ben dixeches, trátase dunha persoa pública que ten moitos seguidores, que agora está na televisión… Se unha persoa dun colectivo invisibilizado se fai pública, as persoas que non coñecen este colectivo van coller esa imaxe, sexa boa ou mala e vannos etiquetar a nós sexamos ou non, así. Cando es unha persoa pública tes que coidar un pouco máis o que vas dicir, que levas por diante ao facelo, se te van ver nenos, se van seguir o teu exemplo…

Poderiamos falar entón da importancia da educación nunha sociedade na que predomina a desinformación. Cal cres que podería ser unha solución para que se comece a coñecer máis sobre o colectivo?

A educación é o máis importante. É fundamental formar á xuventude porque moitas persoas maiores descoñecen porque na súa infancia ou adolescencia non se lles informou. Unha das formas para intentar cambiar isto sería mediante algunha clase no instituto, algunha charla para informar de que existimos e de que non somos como se nos pinta en moitas ocasións, como monstros. Hai que ensinar a como actuar se estás nunha situación determinada. Ademais, se o visibilizamos nos institutos, non queda aí. Os rapaces vanllo contar ás súas familias e estas correrán a voz e irán informándose. Se o fas na televisión ou en charlas tamén pode servir, pero cando unha persoa xa ten o seu criterio formado e decide non informarse sobre isto é tan sinxelo como apagar a televisión ou non ir á charla.

9 comentarios en “Sergio (@posimental): “Nos medios nótase cando se intenta visibilizar para ben ou para mal”

  1. A corrixir:
    – 2º parágrafo
    “o seu tempo libre” (gralla de redacción)
    – 3º parágrafo
    Cara ao final da segunda oración semella faltar información
    “cara a Internet que cara á televisión” (estrutura cara a + artigo)
    – 5º parágrafo
    “trátase como se fose” (pronome enclítico)
    – 9º parágrafo
    “se te van ver” (ir + inf)

    Gústame

  2. Como ben dicides, o público ao que se dirixen as redes sociais é aos mozos, onde a grande maioría comparte unhas opinións similares e é unha xeración máis concienciada co colectivo LGTB. Con todo, a televisión ou os xornais parecen estar catalogados para xente máis maior que se pode sorprender máis ante os cambios sociais.

    Ten razón Sergio cando comenta o das charlas nas escolas e institutos, xa que todos recibimos unha charla sobre educación sexual, pero non sobre outros temas sobre os que quizais a xente non teña tanta información como, por exemplo, o colectivo LGTB. É moi probable que en cada escola ou instituto haxa rapaces que precisen alzar a voz e ninguén lles axuda a iso, o que pode provocar que estes sufran “bullying”. Estas charlas axudarían a normalizar a situación e que iso non derivara nunha catástrofe como o suicidio dun rapaz, poño o exemplo de Alan, un mozo transexual de 17 anos que foi acosado nos dous institutos nos que estivo (https://elpais.com/ccaa/2015/12/28/catalunya/1451308256_838761.html, http://www.elmundo.es/sociedad/2015/12/30/5682ca5322601d8c0f8b4632.html) e finalmente acabou coa súa vida.

    Sorprende que non se conciencie á poboación e, sobre todo, aos nenos cando segundo un estudo da FELGTB, máis da metade dos mozos homosexuais sofren acoso escolar por orientación sexual, sendo alta a porcentaxe de casos de transexuais. Algo que permanece invisible na maioría dos casos porque arredor do 55% dos enquisados, afirmou sufrir algún tipo de violencia psíquica ou física no eido educativo e un 47% ideou o suicidio (http://www.lasexta.com/noticias/sociedad/mas-mitad-jovenes-homosexuales-sufre-acoso-escolar-espana_20151230572b579e6584a8e744e3d514.html).

    En canto ao Día do Orgullo, España debería seguir o exemplo dos Países Baixos. O ano pasado tiven a oportunidade de desfrutar do Día do Orgullo Gay que se celebra o primeiro sábado de agosto. Este día festéxase con actuacións en plena praza Dam, fronte ao Palacio, con barcos decorados que percorren as canles e todo iso anúnciase mediante carteis e mesmo os medios falan diso. Aquí en España, non existe un día propio para celebrar este Orgullo e cando unha “drag queen” súbese a unha carroza para celebrar o día de Reis, a sociedade ponse en contra (https://elpais.com/ccaa/2018/01/02/madrid/1514892934_071563.html).

    Gústame

    1. Como ben reflictes no teu comentario, son moitos os casos dos mozos que sofren actualmente acoso e que se atopan nunha clara situación de desigualdade fronte ao resto da sociedade. Esta información debería chegar a todo tipo de audiencias, dende os máis pequenos ata os adultos. Aínda que agora a xuventude mostre unha preferencia pola rede, a televisión e os xornais seguen sendo empregados tamén por este grupo social, e atopamos unha elevada cantidade de xornais en liña que son lidos por un amplo número de persoas de curta idade fronte ao que se pensa. Para deixar isto máis claro invítote a observar o Informe de Xuventude en España no que se amosa como usar o ordenador ou ver a televisión atópase entre as actividades que máis realiza a xuventude e como compran xornais en maior medida que películas ou discos de música: http://www.injuve.es/sites/default/files/2017/24/publicaciones/informe-juventud-2016.pdf

      Tal e como amosa a entrevista, Sergio coincide co noso círculo coa necesidade de ensinar e concienciar á sociedade, e iso é, en parte, traballo dos xornalistas. Para isto é necesario que nós mesmos tamén contemos cunha preparación. A plataforma FELGTB que nomeas, deseñou unha guía de boas prácticas para os medios de comunicación, posto que en moitos casos somos os xornalistas os que caemos en certos erros de tratamento informativo, e deste xeito non se pode chegar a concienciar dunha forma eficaz: http://www.felgtb.org/temas/bisexualidad/documentacion/i/329/257/guia-de-buenas-practicas-para-medios-de-comunicacion

      Non obstante, en canto ao qué dis do orgullo e como deberíamos imitar o modelo dos Países Baixos, quero realizar un matiz. Vivir o Pride como unha celebración é algo que actualmente está en auxe posto que son moitas as melloras e os logros conseguidos polo colectivo e é necesario celebralo. Pero, aínda así, son os medios os que deberían deixar este ámbito a un segundo plano e primar a causa que, finalmente reside nesta celebración e a converte na manifestación que xurdiu no ano 1969.
      Os medios no noso país amosan o Pride e mesmo o anuncian, pero céntranse no ámbito festivo e non na manifestación e en todo o que se reclama. Anímote a ler o noso post sobre o Orgullo Crítico, o non mediático, posto que afonda no que se procura con este tipo de manifestacións: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2018/04/03/orgullo-critico-o-pride-non-mediatico/

      Gústame

      1. Todos os periodistas deberían ler a guía de boas prácticas para os medios de comunicación da plataforma FELGTB que achegaches no teu comentario. Ollando nos medios para comprobar se estes cumprían con algunhas das recomendacións da FELGTB, atopei esta nova que tanto El Mundo coma El Periódico titulan ben xa que falan de que unha muller matou a outra, sen embargo, El Mediterráneo titula “Una lesbiana mata a su novia en Barcelona”: http://www.elmundo.es/sociedad/2017/04/16/58f393eee5fdea234c8b45ed.html, https://www.elperiodico.com/es/barcelona/20170416/una-mujer-muere-asesinada-por-su-pareja-en-el-raval-5975768, https://www.mediterraneodigital.com/sucesos-espana/ultimas-noticias-sucesos-espana/se2/una-lesbiana-mata-a-su-novia-en-barcelona.html. El País fai o mesmo con outra nova dunha muller que mata ao seu violador, pero especifican que é lesbiana no seu titular (https://elpais.com/internacional/2017/06/08/argentina/1496945706_982556.html).

        El Mediterráneo non é a primeira vez que publica unha nova deste estilo. O sábado pasado, mentres lía Twitter, saíume no inicio un fío de persoas que falaban sobre esta nova https://www.mediterraneodigital.com/gente-y-tv/ultimas-noticias-gente-y-tv/mundo-reality/un-gay-mata-a-su-novio-a-martillazos.html. En primeiro lugar, o titular xa non é nada acertado “Un gay mata a su novio a martillazos”, eu non vexo novas que digan “un hetero mata a súa moza” e o peor é a portada que empregan, dous homes mantendo relacións sexuais. A fotografía pode dar a entender aos lectores que ser gay significa caer na luxuria e que ten que ver o sexo coa morte. Ademais, no tweet facían a pregunta “¿Violencia machista?”. Tras isto, entrei no perfil de Twitter deste diario e comprobei que fan moitas mofas as “feminazis”, aos comunistas, aos sudamericanos ós que chegan a chamar “sudacas” nos seus titulares, etc.

        Precisamente, esta nova lévanos a outra https://www.mediterraneodigital.com/sexo/s2/un-cura-gay-cuelga-los-habitos-por-un-modelo-rumano-le-pone-un-piso-y-ahora-esta-compuesto-y-sin-novio.html. Se o titular xa é sorprendente, o seu contido aínda máis. Para referirse ao ex cura empregan a palabra “abuelo”, ademais din que “si somos creyentes, podemos decir que estamos ante un caso evidente de justicia divina”, outro exemplo máis de que este medio trata ao colectivo LGTB como persoas ás que lles pode a luxuria.

        Paréceme incrible que un periodismo deste tipo, siga existindo no século XXI e que non se faga nada para que este medio de comunicación peche as súas portas. Hai cousas moito menos graves que tiveron a súa correspondente sanción. Que opinades vos de todo isto?

        Gústame

        1. Con respecto ao que dis no primeiro parágrafo do teu comentario, o desexado sería que todos os medios seguisen as pautas que a plataforma FELGTB creou coa fin de establecer unhas pautas común baseadas no respecto e na educación en relación co colectivo. Non obstante, é obvio que isto non é así tal e como reflictes nos teus exemplos de noticias de mal uso. Por desgraza, este mal facer repítese constantemente e moitas noticias presentan as características que ti mencionas ou tratan como noticia aspectos que se atopan moi fora de lugar como é o caso das seguintes publicacións do xornal dixital El Mundo. Nestas, trátase de como persoas heterosexuais e homosexuais “xa” poden ser amigos (http://www.elmundo.es/yodona/lifestyle/2017/01/14/587513a6e2704ef8708b464c.html) ou dos motivos polo que o home homosexual é mellor amigo (http://www.elmundo.es/yodona/lifestyle/2016/07/01/57752fcee5fdead4748b45a3.html). Como poderás observar, son exemplos reais de contido “xornalístico” que se atopa moi lonxe do que FELGTB intenta transmitir.

          Como ben dis, non é a primeira vez que un xornal como Mediterráneo trata ao colectivo con mofas e dende a falta total de respecto. Un exemplo claro é o caso de Conchita Wurrst, que gañou Eurovisión. Por culpa dunhas ameazas da súa exparella, viuse na obriga de facer público o feito de que tiña VIH. Ben, pois este medio publicou esta “noticia” co seguinte titular: “Conchita Wurst, la mujer barbuda, confiesa que tiene VIH” (https://www.mediterraneodigital.com/gente-y-tv/ultimas-noticias-gente-y-tv/prensa/conchita-wurst-la-mujer-barbuda-confiesa-que-tiene-vih.html). Sen embargo, Mediterráneo considérase un medio politicamente incorrecto, tal e como expresa na súa cabeceira e, aínda que non sexa ningunha escusa, paréceme moito máis preocupante que medios como El País, ABC ou El Mundo caian neste tipo de erros ao contar con moita desinformación e falta de interese no bo facer e dende o noso grupo valoramos moito a necesidade de educar a quen escribe as noticias e a quen as recibe para que ningunha persoa teña que recibir un tratamento inadecuado ou facer fronte a unha imaxe pública que se atope moi lonxe da realidade.

          Gústame

  3. A pesar de atoparnos en pleno século XXI a sociedade parece que aínda non avanzou o suficiente. A estigmatización de diversos temas está presente nunha cidadanía influída polos medios de comunicación. O LGTB é un deses temas. As persoas que pertencen a este colectivo enfróntanse ao estigma e a discriminación na súa vida cotiá.

    Aínda que son coma o resto de persoas, vénse limitados nos seus dereitos como se non fosen parte da mesma sociedade. Se ben nos últimos anos a comunidade LGTB logrou cambios significativos na súa loita pola igualdade de dereitos parece que se lle resta importancia o tema cando en realidade ten moitísima.
    Como ben decides ao inicio do voso post, as redes sociais son un lugar onde estamos acostumados a vivir e que, por tanto, xoga un papel moi importante nas nosas vidas. Para min o colectivo LGTB topou en internet un espazo de denuncia, de busca dunha sociedade que tende a estigmatizar todo o diferente e que aquelo que non se axusta ao estándares. Neste artigo de eldiario.es podemos ver como a tecnoloxía axudou a este colectivo https://www.eldiario.es/tecnologia/tecnologia-ayudado-colectivo-LGTB-sociedad_0_531597490.html
    O que si que é certo é que o tema segue tendo lagoas nos medios de comunicación. Si que é verdade que a relación entre medios e colectivo mellorou bastante nos últimos anos deixando atrás varios estereotipos, sen embargo como di Sergio na vosa entrevista, a algúns aínda lles costa informar dunha forma axeitada e adoptan enfoques retrógrados nas informacións sobre temas relacionados co colectivo.
    Como o voso entrevistado, penso que a educación é o máis importante e por tanto deberíase integrar máis este tema nas escolas xa que moitas veces chegan a existir casos de bullying polo simple feito de que un rapaz ou unha rapaza teña uns gustos diferentes, déixoche un enlace onde se fala sobre este tema http://cadenaser.com/programa/2018/03/27/contigo_dentro/1522134108_762043.html . Ademais como di Sergio os pequenos contaríano na casa facendo que os seus país tamén se integren nestas información e poidan mudar a súa visión baseándose nuns coñecementos básicos

    Gústame

    1. Ben é certo, como dis no teu comentario que este colectivo atopou un amplo espazo de denuncia coas novas tecnoloxías e que a relación entre medios e colectivo mellorou considerablemente co paso dos anos. Non obstante, cando falamos co noso círculo atopámonos con que na realidade actual, para poder atopar unha información non sesgada e falta do sensacionalismo que dirixe aos medios neste momento e sobre este tema, temos que acudir a noticias de medios propiamente LGTB+ como son dosmanzanas.com ou ovejarosa.com. Realmente resulta triste pensar que para poder atopar información ben tratada teñamos que acudir a medios alternativos e non podamos confiar nas principais cabeceiras do noso país.

      Un exemplo dunha noticia relativamente recente é o caso de Portugal e a aprobación da autodeterminación de xénero a partir dos 16 anos. Mentres que nestes medios alternativos aparece en primeira páxina e cunha explicación clara e concisa na que calquera persoa podería entender a situación (https://www.dosmanzanas.com/2018/04/portugal-aprueba-la-autodeterminacion-de-genero-a-partir-de-los-16-anos-y-se-situa-en-el-grupo-de-paises-mas-avanzados-en-esta-materia.html), El País dedica un espazo mínimo na súa versión dixital a falar deste caso sen facer ver que se trata dunha mellora que converte ao país de Portugal nun dos máis avanzados en cuestión de xénero e tratamento ao colectivo (https://elpais.com/internacional/2018/04/13/actualidad/1523621121_367379.html) .

      Tal e como dis, a tecnoloxía axudou a fomentar unha maior visibilidade para o colectivo. Sen embargo, tamén son moitos os casos de acoso que se atopan na rede na actualidade. Así é como o Observatorio contra a Homofobia denuncia no seguinte artigo as novas formas de discriminación que atopamos contra o colectivo: https://www.eldiario.es/catalunya/discriminaciones-colectivo-LGTB-nuevas-formas_0_237977292.html. Ademais,coincido na necesidade de facer da educación a base da integración. Tal e como amosa Público requírese a formación dos puntos claves da sociedade para concienciar e evitar a mala formación nos sectores tanto colectivos como individuais (http://www.publico.es/sociedad/delitos-odio-arcopoli-denuncia-cifras.html)

      Gústame

      1. Paréceme moi triste que teñamos que acudir a medios alternativos para informarnos sobre temas como este que está tan presente na sociedade actual. A vez, paréceme unha labor moi ben elaborada por parte de eses medios, pois a maioría non terán todos os recursos necesarios e aínda así son capaces de sacar mellores novas que as principais cabeceiras do noso país.

        Por outra parte gustaríame falar do atraso que vivimos en España. Non foi ata febreiro deste ano cando o Congreso aceptou a reforma da lei de identidade de xénero (https://www.dosmanzanas.com/2018/02/la-mesa-del-congreso-permite-por-fin-el-avance-de-las-futuras-leyes-de-igualdad-lgtbi-y-de-reforma-de-la-ley-de-identidad-de-genero.html)

        Como dis as redes, por desgracia, son tamén en moitos casos lugares onde abunda a homofobia. Por sorte cada vez son menos. Ademais, diversas iniciativas están a aparecer con fin de apoiar a este colectivo como por exemplo a de Facebook, que lanzou unha guía de apoio, especialmente para os máis xoves, co obxectivo de espertar conciencias, impulsar un ambiente de empatía na rede e frear a LGBTfobia (http://www.abc.es/tecnologia/redes/abci-facebook-alia-colectivo-lgtb-para-fomentar-respeto-y-tolerancia-201606291059_noticia.html)

        Aínda que queda moito camiño por percorrer, hai unha batalla que a comunidade LGBT está a gañar. En series, películas e premios a visibilidade da diversidade sexual é cada vez máis notable.
        O ano pasado, Moonlight, unha película que conta a historia dun rapaz afroamericano que descubre a súa homosexualidade mentres trata de sobrevivir nun entorno hostil e doloroso, (https://www.20minutos.es/noticia/2955960/0/critica-moonlight-drama-homosexualidad-oscar/#xtor=AD-15&xts=467263) gañou o Óscar a “Mellor película”, un feito que, para min, é un gran avance. Fai apenas unha década, a comunidade LGBT era invisible na pantalla, salvo aqueles personaxes caricaturizados que eran motivo de burla. Agora, cada vez máis, podemos ver a persoas deste entorno mostrando a súa condición sexual e sentíndose orgullosas dela. Un exemplo foi o discurso que Javier Calvo deu na entrega dos premios Feroz onde animou a todo o mundo, pero sobre todo aos nenos e nenas, a non ter medo a recoñecer a súa condición sexual (http://www.lavanguardia.com/gente/20180123/44231089315/javier-calvo-emocionante-discurso-premios-feroz-la-llamada-operacion-triunfo.html)

        Gústame

        1. É certo que a labor destes medios é moi importante para todo o colectivo LGTB+, pero tamén resulta entristecedor que teñan que depender unicamente das noticias que estes publican sen poder atopar información cun bo tratamento nas cabeceiras más destacadas na actualidade. Como ben dis, estes medios non contan co financiamento que poden atopar outros xornais como El País, ABC, El Mundo… e o fundamental e atopar un espazo nestas grandes cabeceiras para a información tan necesaria en relación co colectivo.

          En canto á noticia que compartes da reforma da lei de identidade de xénero, si é certo que no noso país atopámonos aínda moi lonxe en canto a dereitos e lexislación, a pesar de que se segue loitando por mellorar a situación e pouco a pouco imos mellorando neste aspecto. Invítote pois, a pasar pola seguinte artigo da asociación Chrysallis que recolle toda a información en relación á lexislación específica neste ámbito por Comunidade Autónoma: http://chrysallis.org.es/informacion/legislacion-especifica/

          As redes sociais, como xa mencionamos en diversas ocasións, son unha arma de dobre fío e serven para aportar unha elevada visibilidade ao colectivo pero ao mesmo tempo poden tamén facer medrar o acoso cara a estas persoas. Comparto contigo o seguinte artigo da BBC sobre a forza da rede tanto positiva como negativamente: http://www.bbc.com/mundo/noticias/2012/07/120719_sociedad_internet_comunidad_gay_bd. Non obstante, todos os membros do noso círculo coinciden en que aínda que sexa un lugar de moitas críticas, plataformas en liña como Youtube, principalmente, axudan en grande medida a coñecer o que ocorre nunha primeira persoa.

          Na actualidade está crecendo a un ritmo moi elevado o activismo sobre este colectivo e a súa normalización en series, películas e programas de televisión. Un bo exemplo sería tamén a introdución de varios profesores homosexuais na televisión pública nun programa con tanto éxito como Operación Triunfo, que finalizou recentemente a súa emisión. Sen embargo, non ocorre o mesmo cos transexuais ou os bisexuais, que dentro do colectivo continúan atopándose nunha situación de maior discriminación tanto no ámbito lexislativo como no diario. De feito, nesta mesma televisión pública, un dos poucos documentais que atopamos que trate sobre a transexualidade é El sexo sentido (http://www.rtve.es/alacarta/videos/documentos-tv/documentos-tv-sexo-sentido/2616594/)

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s