Ter voz no que contamos

Fátima Frieiro Santaya (colaboradora)

A finais dos anos 60, un grupo de mulleres que traballaban na revista norteamericana Newsweek organizáronse para esixir que os seus artigos, aqueles que elas investigaban e documentaban, fosen asinados co seu nome e apelidos. Tradicionalmente as mulleres tiñan vetado o seu protagonismo nas primeiras planas dos medios de comunicación, facendo un traballo sucio para os seus compañeiros homes, que eran os que levaban o aplauso do público. Elas investigaban, eles asinaban. A súa historia foi contada por unha desas xornalistas valentes, Lynn Povich, e foron elas as que sentaron as bases dunha loita que, hoxe, máis de 50 anos despois, segue vixente en redaccións de todo o mundo.

O certo é que as mulleres supoñen a día de hoxe o 80 % das estudantes de Xornalismo, somos o 80 % das redaccións de medios de comunicación, unha porcentaxe que vai en aumento. Pola contra, apenas ocupamos postos directivos. Nas seccións de opinión dos xornais son eles os que falan, nas televisións son eles os que dirixen e nós as que acompañamos. Nas tertulias as voces femininas seguimos a ser claramente minoritarias e nas rodas de prensa aínda temos que escoitar cousas como “te contesto porque eres mujer”. Como se ser muller tivese que ver con ser bo ou mal xornalista.

Estes días, a raíz da Folga de Mulleres do 8 de marzo algúns compañeiros de traballo sorprendíanse de que reivindicáramos non ser acosadas, non ser tratadas como obxectos ou simplemente poder ser escoitadas. “Acaso iso non está superado xa?”, dicían. Non os culpo. Acaso un castelanfalante pode entender a discriminación que sofre un galegofalante en determinados ambientes urbanos? E é máis… Acaso un blanco pode entender o concepto de racismo como o entende unha persoa negra? Claramente non.

Máis dunha década de oficio ensinoume que esta é unha das profesións menos solidarias do mundo. Nos peores momentos da crise económica a maioría (homes e mulleres) mirabamos a outro lado mentres aí ao lado se pechaban xornais, televisións, radios ou os expedientes de regulación de emprego levaban por diante redaccións enteiras. Segue pasando. Por iso que 5.200 xornalistas de toda España, a gran maioría totalmente descoñecidas entre nós, lográramos mobilizarnos cun grupo de Telegram como única vía de contacto, elaborar un manifesto conxunto e facer trending topic o hashtag #asxornalistasparamos durante cinco días seguidos implica que algo queda en nós daquelas compañeiras da Newsweek.

cardrollok
Fuente: http://www.lasperiodistasparamos.wordpress.com

Algúns sociólogos falan de que estamos a vivir a terceira “revolución feminista” e é certo que é a primeira vez en anos que o concepto “feminismo” é obxecto de debates na sobremesa e, o máis importante, nos medios. Aquelas xornalistas da Newsweek loitaban para que o seu nome aparecese nos seus artigos. Hoxe temos nome e apelidos, pero queremos tamén ter voz sobre o que neles contamos. E para iso, a loita aínda acaba de empezar. A directora de cine Leticia Dolera di no seu libro Morder la manzana que “a revolución será feminista o no será”. Eu penso que a revolución é agora, en presente, e que a nós nos corresponde reivindicar o noso lugar na historia e, como non, no xornalismo.

5 comentarios en “Ter voz no que contamos

  1. Cumpfran cos criterios de deseño do blog. Melloren esta colaboración. Precisamos algún enlace e unha mellor xustificación do texto. Saúde.

    Gústame

  2. PÉREZ LOJO
    Non só existe unha opción posible para acabar co teito de cristal. Neste artigo do diario Público danse moitas outras solucións alternativas a este problema: https://www.google.es/amp/m.publico.es/economia/romper-techo-cristal.html/amp
    Estas poden ser algunhas tales coma a axuda no empoderamento das mulleres ou garantir o acceso á súa educación.
    Un dos maiores inconvintes aos que se enfrontan as mulleres á hora de seren contratadas é o peso da maternidade. Moitas delas, pese a non querer ter fillos, son discriminadas fronte aos varóns pola posibilidade se que estas poidan quedar embarazadas nalgún momento. Neste caso, cómpre reafirmar, que non son as mulleres as quen deban loitar contra a súa natureza, senón que é a sociedade a que debe deixar de desprestixiar e infravalorar as mulleres polo feito de querer ser ou non nais.

    Gústame

    1. É innegable o feito de que, como ben dis, a muller está discriminada incluso á hora de acceder a un posto de baixa responsabilidade. Ninguén pode negar que a moitas mulleres se lles ten preguntado: “Tes pensado quedar embarazada?”. Feitos coma este non fan máis que contribuir á opresión da muller no ámbito laboral aínda máis. Agora ben, no momento no que unha muller intenta acceder aos postos de alto cargo, vese con multitude de trabas ás que, polo feito de ser home, non tería que enfrontarse. En ningún caso se debe culpabilizar á vítima, neste caso a muller, e menos en casos tan claros coma estes. A maternidade é, sen dúbida, un dos maiores problemas cos que se encontra unha muller que pretende ascender nunha empresa. Xa que ti aportas unha serie de solucións, a min gustaríame explicar ben cal é a esencia do problema. Disto falaron en eldiario.es:

      Conde, I. (2015, 16 de diciembre). ¿Cómo son los ‘techos de cristal’ en España? eldiario.es. Recuperado de https://www.eldiario.es/zonacritica/Techos-Cristal-Espana_6_463413688.html

      Liked by 1 person

      1. PÉREZ LOJO
        Por outra banda gustaríame recalcar que, o exemplo da maternidade pese a ser determinante non é exclusivo. Este dato é outro dos moitos condicionantes que oprimen as mulleres a diario, que carentes de xustificación aparente, supoñen un peso brutal para todas as traballadoras. O patriarcado xustifica este tipo de cuestións e encargase de normalizalas, e é neste punto onde entran en xogo a importancia das asociacións e colectivos feministas. Estas cobran un papel vital na erradicación da violencia e derivados do patriarcado. Por isto só deixando atrás un sistema opresor, as mulleres seremos consideradas iguais de capaces. https://www.eldiario.es/lapalmaahora/sociedad/patriarcado-sistema-oprime-mujeres_0_492400925.html

        Gústame

        1. Sen dúbida algunha, os colectivos e asociacións feministas son a base das loitas e de tódolos éxitos acadados desde o inicio do movemento. Sen embargo, gustaríame especificar que non son os únicos que aportan contido e dan apoio á loita. Cada vez máis, a función de empresas privadas e institucións son claves para visibilizar e potenciar o feminismo nos medios e na conciencia da sociedade. É innegable o rol publicitario e de difusión dos entes privados na actualidade, e é algo que se vai a incrementar cada vez máis no tempo. Moitas empresas, por pór un exemplo, como LaSexta, apoiaron e fomentaron a folga feminista do #8M. Un xesto que parece insignificante, é en realidade algo máis importante, cun trasfondo moito máis valioso que moitas manifestacións e protestas; sen desmerecelas, por suposto. Deixo un enlace no que falan da importancia das empresas e das consecuencias da súa falta de implicación.

          BIBLIOGRAFÍA:
          Marte, B. (2017, 2 de noviembre). Si tu empresa no hace nada por las mujeres, no estás haciendo un buen trabajo. The Amaranta. Recuperado de https://theamaranta.com/work/si-tu-empresa-no-hace-nada-por-las-mujeres-no-estas-haciendo-un-buen-trabajo

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s