Orgullo Crítico: o Pride non mediático

LÓPEZ CARBALLO, PÉREZ DÍAZ

O xoves 22 de marzo tivemos unha reunión co noso círculo na que apareceu un termo do que a meirande parte da sociedade aínda non ten conciencia: o Orgullo Crítico. Isto é un movemento de reivindicación social que busca a non mercantilización e politización do Pride.

Tras unha conversa na que se comentaron aspectos fundamentais relacionados co tratamento mediático do colectivo LGTBI+, abordamos o tema do orgullo e como se cae en certos erros ao mediatizalo. O World Pride é unha manifestación organizada polas institucións, (que ademais conta coa colaboración de empresas de índole privada) co que se busca reivindicar a situación do colectivo e celebrar todo o que levan conseguido ata o momento. Así foi como Alberto Hernández deixou claro que dentro do ambiente festivo sempre hai unha parte de denuncia e crítica social que os medios non mostran á hora informar sobre este feito. É así como diferentes grupos interseccionais que loitan pola diversidade sexual englobando outras loitas (autistas, invidentes…) quedan nun segundo plano mentres chegan ás nosas pantallas imaxes de felicidade, diversión ou persoas disfrutando da festa.

Non obstante, segundo Nacho Núñez, aínda que sexa deste xeito e só se saque unha mínima parte, que isto saia nos medios favorece ó colectivo, pois estase axudando a dar visibilidade, xa que durante eses días aparecen na televisión persoas celebrando todo o que se está a conseguir. O noso círculo sinalaba que os medios se facían eco do morbo do Orgullo LGTBI, ás súas cores e a festa que parece que significa, mentres que detrás de todo isto hai numerosas reivindicacións que buscan sacar á luz temas moi importantes para o colectivo.

Deste modo é como xorde a reivindicación por parte do noso círculo do xa mencionado orgullo crítico. Inma Rodríguez deixou claro que este orgullo non ten que ver co que na actualidade todos coñecemos. É organizado por persoas da rúa, vinculado a actos sociais, concentracións cidadás e diversas accións. Comezou en Madrid e existe noutros puntos da xeografía española pero é precisamente na capital onde está máis formado. Trátase dunha serie de eventos organizados co fin de dar visibilidade á situación que vive o colectivo e sobre todo a ensinar, que é a parte máis necesaria neste momento, segundo todos os membros do noso círculo.

Deste xeito, mediante charlas, visualizacións e talleres trátanse diversos temas como o xénero, as persoas neurodiverxentes, ou a transexualidade entre moitos outros. Teñen como obxectivo facer chegar a todo o mundo a información que semella escasa ou case inexistente nos medios, que son os actuais encargados ofrecer novas á poboación. Ademais, son espazos seguros nos que non se permite a violencia e nos que se procura o respecto recíproco por parte de todos os asistentes.

Cal é a razón, pois, de que este tipo de reivindicación sexa case descoñecida na sociedade actual? Inma Rodríguez considera que o motivo principal reside no feito de que esta cara do orgullo non é institucional e está composta por persoas que adoitan estar en contra do capitalismo porque entenden que isto fomenta a violencia. Incide no feito de que moitas asociacións non aparecen no Pride por non estar ligadas ó ámbito institucional. E son precisamente estes grupos os que conforman o Orgullo Crítico; deixan o ámbito festivo para a noite e tratan de dar voz a todo aquilo que non se coñece, loitando por visibilizar determinadas situacións. Todo isto non aporta nada ás institucións, que o consideran como un acto antisistema, afirma Alberto.

Ademais, Inma remarca o feito de que os medios fan referencia ao orgullo como orgullo gay, deixando á marxe a todas aquelas persoas que aínda que forman parte do colectivo non son gays, polo que resulta moi pouco representativo. Os integrantes do noso círculo reclaman que as xeracións futuras erradiquen esta denominación tan discriminatoria dentro dun colectivo que en moitas situacións xa é discriminado pola sociedade.

Ante esta situación atopámonos novamente co claro descoñecemento por parte dos xornalistas. Desta forma descubrimos a unha sociedade que non conta cos medios axeitados para obter información sobre a diversidade sexual e de xénero. O orgullo crítico é un movemento que aínda que descoñecido por moitos, comeza a cobrar cada vez máis forza, pois move a moitas persoas; os membros do noso círculo e nós mesmos non logramos comprender como pode estar tan oculto. Como algo de tanta importancia e cunha finalidade clara de aprendizaxe e educación pode quedar sumido na escuridade dos medios? O noso círculo non logra comprender como pode darse esta situación e considera que é moi necesario comezar a dar visibilidade a este tipo de actividades para que a sociedade medre no coñecemento da diversidade sexual.

15 comentarios en “Orgullo Crítico: o Pride non mediático

  1. A corrixir:
    – 3º parágrafo
    “que os medios se facían eco” (pronome proclítico)
    – 5º parágrafo
    Na primeira oración ou sobra un “que” ou está incompleta
    – 7º parágrafo
    “A pesares” non existe en galego
    – 8º parágrafo
    “como pode darse” (gralla de redacción)

    Gústame

  2. Iglesias Saá- S2A

    Ben é certo o que falades neste post sobre o que dixo Alberto Hernández de que nos medios de comunicación unicamente se amosa o Orgullo Gay dunha maneira festiva. Buscando noticias que non reflexasen ese lado tan festivo deste tema, unicamente atopei esta (http://www.abc.es/espana/castilla-la-mancha/toledo/gente-estilo/abci-manifiesto-motivo-orgullo-lgtbi-cierra-edicion-toledo-entiende-201706291315_noticia.html) que conta como a cidade de Toledo acolleu unha manifestación pacífica no día do Orgullo.
    Tamén é verdade o que dicides sobre que apenas se coñece esta celebración, mais, dende a miña perspectiva, nós, como futuros xornalistas, deberiamos cambiar isto, pois somos os que a máis xente podemos chegar. Buscando noticias que informasen dalgún xeito sobre o por que da celebración do Orgullo no noso país, unicamente atopei a seguinte:
    http://www.abc.es/espana/madrid/abci-orgullo-2017-1978-primer-orgullo-madrid-201706280103_noticia.html
    Nela non se explica por que se segue celebrando todos os anos Orgullo nin que pretenden facer nese día; unicamente explica o motivo desa primeira celebración. A raíz de todo isto, xurdíronme varias cuestións: De que xeito nós, xornalistas do futuro, podemos cambiar isto? Sería interesante para a sociedade publicar este tipo de información sobre as orixes desta celebración para que se fose máis respectuoso con este colectivo?

    Gústame

    1. En canto o que dis de que non atopamos noticias que falen sobre o por qué si Pride, existe unha clara tendencia nos medios a tratar a marcha como algo unicamente festivo e, polo tanto, nunha noticia como é a seguinte, que fala sobre o Orgullo en Madrid en 2017, dedican unhas pequenas liñas a falar do manifesto que se leu e a reivindicación e céntranse noutras cousas que deberían ter unha menor importancia como é a seguridade que se estableceu durante o multitudinario acontecemento, que, aínda que tamén é mencionable, non debería ocupar máis que o feito reivindicativo (http://www.elmundo.es/madrid/2017/07/01/5957b3f622601d3c6a8b4662.html)

      Dende a nosa perspectiva, e tras tratar con noso círculo, chegamos á conclusión de que o principal neste momento e o máis necesario, ademais de dar unha serie de clases e charlas nos institutos coa finalidade de ensinar (necesidade principal), é centrarnos en aportar noticias que mostren a realidade do colectivo neste momento. Unha realidade que amose as necesidades e reclamacións que imperan neste momento e a concienciación de normalizar algo que xa debería estalo. Cómo xa mostramos no post, o orgullo crítico é un concepto case descoñecido para a meirande parte do mundo cando non debería selo e cando se centra más necesidades do colectivo nunha maior medida e deixa a un lado a festividade. Organizando charlas e talleres nos que as persoas poidan entender e tratar de se por na pel daqueles que forman este colectivo, estase dando un paso máis cara esa necesidade imperante neste momento de facer ver a realidade de moitas persoas que seguen sufrindo hoxe en día. Cómo poderás observar, se buscas este concepto de Orgullo Crítico na rede, atoparás moi poucas noticias que non chegan a dar unha idea clara do que é nin de como se forma, ademais de que non existe ningún tipo de promoción ou publicidade:
      https://www.eldiario.es/sociedad/Orgullo-Critico-multitudinaria-World-Pride_0_659334397.html
      https://www.izquierdadiario.es/Orgullo-Critico
      https://www.elespanol.com/espana/20170630/227727275_0.html

      Gústame

      1. Iglesias Saá- S2A

        Tes razón no que dis, Yasmina: precísanse máis charlas de concienciación sobre este tema. Tamén é verdade que os medios debemos amosar máis o Orgullo Crítico. Gustaríame saber a vosa opinión sobre esta nova: https://elpais.com/elpais/2018/01/26/tentaciones/1516973637_463352.html

        Sobre a noticia do manifesto que se leu no Orgullo 2017 en Madrid, na miña opinión é unha decisión medianamente correcta, mais gustaríame que houbese algunha declaración de algún dos asistentes sobre como se senten día a día na sociedade, falando da seguridade -ou da falta da mesma- coa que viven de xeito habitual, e non únicamente nese día e nese lugar concreto. Tampouco deberían, na miña opinión, introducir tanta opinión política, porque ese día non deberían ser eles os protagonistas, se non todas as persoas pertencentes ao colectivo LGTB.

        Tamén me gustaría saber o que opinades sobre o tratamento do titular desta noticia, e da noticia en xeral, https://elpais.com/ccaa/2017/06/28/catalunya/1498647028_431114.html, na que se fala da primeira vez que se celebrou o Orgullo Gay en Barcelona. Deberiamos os medios falar máis a miúdo sobre os inicios dun feito tan importante como o día do Orgullo?

        Gústame

        1. En relación coa túa pregunta en relación coa noticia que compartes con nós, a nosa opinión é clara: aínda que a sociedade avance, aínda seguen existindo grandes problemas para o colectivo LGTB e son moitas as trabas que se lles poñen ao longo da súa vida. Non obstante, no caso que expós, é certo que a aparición dunha nova versión de Operación Triunfo con novos valores e a visibilidade que amosaron ao longo da emisión é un grande paso para a televisión pública. Pero non creo que esa noticia teña moito que ver co tema que estamos tratando no noso post. Sen embargo, é certo que existe un teito de cristal tamén neste ámbito.

          En canto ao que dis das declaracións dalgún asistente, é certo que incluso o noso círculo opina que nos medios existe unha clara ausencia de relatos en primeira persoa, de fontes de primeira man que expoñan a súa situación e o que senten ao longo da súa vida. Para poder atopar información máis concreta e mellor expostas en relación á celebración do Orgullo, invítote a pasar polo medio alternativo LGTB+ ovejarosa.com, no que aparecen noticias tratadas dunha forma axeitada e dende o respecto ao colectivo ao mesmo tempo que viven historias máis persoais como a seguinte: http://ovejarosa.com/92-anos-lleva-30-asistiendo-al-orgullo-cartel-adoro-mis-hijas-lesbianas/

          En referencia á noticia que compartes con nós sobre o Orgullo en Barcelona, é obvio que nos seus titulares vaise buscar unha chamada de atención para o público, pero mentres que non sexa irrespetuoso, non vai supor ningún tipo de problema para o colectivo e a expresión “saír do armario”, sempre que sexa dende o respecto e a educación, é algo permisible. É certo que é necesario coñecer a historia do país e de todo aquilo que supoña un cambio na sociedade, polo que unha noticia deste calibre resulta interesante. Ademais debo remarcar o feito de que fagan referencia a asociación FELGTB e outras que supuxeron un grande paso para o mundo no que vivimos. Non obstante, nalgunhas ocasións resulta máis sinxelo falar do pasado para intentar amosar os avances que vivimos ao longo do tempo en lugar de centrarnos no momento actual e afrontar os problemas que continúan existindo neste momento, como son o as agresións ao colectivo reflectidas por exemplo na seguinte noticia de El Confidencial: https://www.elconfidencial.com/espana/madrid/2017-01-21/agresiones-homofobas-madrid-240-ataques-2016-arcopoli_1319006/

          Gústame

          1. Iglesias Saá- S2A

            Yasmina, tes razón que existe un gran teito de cristal no relativo ao tema LGTB, que inflúe mesmo no entorno laboral dos afectados, tal e como se pode ver nesta noticia de El Comercio: http://www.elcomercio.com/tendencias/lesbianas-denuncian-doble-discriminacion-lgbt.html. Tras ler isto, considero que nós, dende o noso labor de comunicadores na sociedade deberíamos frear isto, pero como facelo?

            No relativo á páxina web que me suxeriches, considero que é unha excelente páxina onde se loita pola igualdade deste colectivo, mais é unha das poucas que contén información sobre o tema sen que sexa un blog persoal das persoas afectadas, como o seguinte que indico a continuación: http://libertadeigualdadlgbt.blogspot.com.es.
            Ao meu parecer, paréceme incrible que os que traballamos nos medios vivamos nunha especie de “burbulla” onde non nos damos conta destes detalles á hora de dar información, os cales nos servirían para denunciar dunha maneira máis eficaz este problema da sociedade. Que credes vós desta reflexión?

            Por último, gustaríame remarcar a necesidade que os medios teñen de denunciar esas agresións a este colectivo das que ti ben falas, mais na miña opinión non hai que ser tan tallante como dis. Os medios de comunicación debemos alternar a información do que supoñía antes pertencer ao colectivo LGTB diferenciándoo cos problemas de agora, para así concienciar ás persoas de que, neste pouco tempo de loita, conseguíronse moitas cousas, aínda que quedan outras moitas por conseguir.

            Gústame

            1. Sobre a noticia que compartes, estás introducíndote nun ámbito complicado, posto que no caso das mulleres lesbianas atopan unha dobre discriminación posto que o sistema patriarcal no que se basea a nosa sociedade introduce unhas trabas xa ás mulleres só polo feito de selo e un maior obstáculo ao tratarse de persoas que se senten atraídas por outras do seu mesmo sexo. O noso labor de comunicadores é frear isto, como ti dis, pero non é tan sinxelo. Para conseguir frear isto ten que cambiar a sociedade na que nos sustentamos e ten que cambiar a mentalidade de toda a xente que conforman o noso país. Reitero pois a necesidade de educar e facer ver a todo o mundo cal é a realidade destas persoas. Comparto contigo unha noticia sobre o Informe anual sobre Dereitos LGTB en Europa e como que mostra como en 2017 baixamos a novena posición: https://www.dosmanzanas.com/2017/05/informe-anual-sobre-derechos-lgtb-en-europa-malta-vuelve-a-encabezar-la-clasificacion-mientras-que-espana-baja-hasta-la-9a-posicion.html

              Existen moitos blogs dedicados a transmitir a historia persoal de membros do colectivo coa intención de axudar a alguén e son moitas as persoas que recorren a este tipo de blogs para intentar atoparse un pouco a si mesmos. De feito, unha plataforma que funciona moi ben neste aspecto é Youtube, xa que os membros do noso círculo coinciden en que é a súa principal fonte de información (principalmente as persoas transexuais), en lugar dos xornais ou a televisión. Invítote a pasarte pola canle de Sergio FTM, na que conta a súa transición (https://www.youtube.com/channel/UCXq4NfDb1imdDSHWJc4MZJw). De feito, tivemos unha entrevista con el que tamén está subida como un post a este blog e recoméndote botarlle unha ollada.

              No caso dos medios, como xa dixen nun primeiro momento, é moi necesario contar a historia pasada para entender o presente e intentar non cometer os mesmos erros nun futuro. Obviamente é necesario tamén ser conscientes de todo o conseguido ata agora. Pero o que non se pode permitir é que este colectivo teña que seguir sufrindo acoso, degradacións, burlas e incluso violencia física por falta de información, educación e empatía.

              Gústame

  3. O descoñecemento do colectivo LGTBI por parte da sociedade é innegable, pero en parte é debido á desinformación que predominou ata fai unhas décadas no caso de España, onde a primeira manifestación polo dereitos deste colectivo se produciu no 1977. Porén, as novas plataformas tecnolóxicas, redes sociais e medios de comunicación da era dixital, sostidos de xeito independiente en materia de presións institucionais ou económicas, promoven cada vez máis a necesidade de recoñecemento deste colectivo LGTBI, aínda moi vulnerable (https://www.eldiario.es/sociedad/TRIVIA-sabes-colectivo-LGTBI_0_657235215.html )
    Resulta moi interesante que sinaledes o papel das institucións no marco do Orgullo Crítico, posto que este movemento queda á marxe das pretensións dos organismos públicos por estar sustentadas nun sistema que o propio movemento rexeita, que ven a ser o capitalismo.
    Ademais, é realmente necesario, tal como explicades, reflexionar sobre as actitudes discriminatorias internas e externas ao colectivo LGTBI, actitudes que se materializan en gran cantidade de novas, actos e produtos do mercado, estes últimos interesados en vender unha imaxe moi concreta do colectivo baseada en homes gays, brancos e esaxeradamente metrosexuais, algo que non fai xustiza ás lesbianas, transexuais, bisexuais, poliamorosos, intersexuais, asexuais e demais homes homosexuais que non se identifican con ese rol.
    A relevancia de movementos como o Orgullo Crítico é innegable, posto que dinamizan e dirixen as reivindacións de todo o colectivo seguindo unha senda comprometida con causas sociais tan necesarias como o feminismo ou a loita contra o racismo.
    O labor dos medios de comunicación á ora de retratar á realidade do colectivo é claramente insuficiente, algo que debería ser obxecto de reforma a través das políticas das institucións que subvenvcionan a certos periódicos, TV, radios, etc. para integrar unha maior cantidade de información relativa ao colectivo LGTBI, posto que a presenza deste tipo de información é ridícula (http://defensadelpublico.gob.ar/solo-el-007-de-las-noticias-relevadas-abordan-la-tematica-lgbt/ )

    Gústame

    1. Gustoume moitísimo e pareceume moi interesante, á vez que revelador, o enlace que engades do trivia elaborado por eldiario.es sobre canto sabemos sobre o colectivo LGTB. Chamoume moito a atención as respostas a preguntas como a das “terapias de reconversión”, que teñen como obxectivo modificar a orientación sexual cara a heterosexualidade, só estean prohibidas nalgunhas comunidades autónomas.

      Esta práctica, ademais de extremadamente lgtb-fóbica, é moi conservadora, e puiden observar que é defendida por webs cristianas como catholic.net (http://es.catholic.net/op/articulos/20221/sanar-la-homosexualidad-terapia-reparativa.html#) que publica artigos sobre a mesma. Sen embargo, aínda queda esperanza e en blogs como cristianosgays.com (http://www.cristianosgays.com/tags/terapias-de-reconversion/) vemos varios artigos sobre noticias en contra desta práctica. O feito de que en pleno 2018 aínda se permita nalgunhas comunidades españolas parece vergoñoso, a pesar de que hai xa tres anos que comezou a prohibirse en EE.UU (https://www.eldiario.es/sociedad/conversion-homosexuales-prohibir-EEUU-Espana_0_395461241.html), e os psicólogos declararan en numerosas ocasións os perigos que se derivan desta práctica, como llegar a ser causa dun suicidio (https://www.redaccionmedica.com/secciones/otras-profesiones/rechazo-total-de-los-psicologos-a-las-terapias-de-conversion-homosexual–4869).

      Sen dúbida os medios deberían preocuparse máis por informar sobre isto, xa que os principais medios manteñen un silencio bastante xeneralizado ao respecto, o que tamén se explica co artigo que sinalas sobre a escasa representación do colectivo LGTBI nas noticias relevantes. De feito, declaracións tan homófobas como a de Ana Botella, que se indica no trivia que enlazaches, axudan tamén a explicar a escasa atención que presta a opinión pública á loita contra a LGTBIfobia e a necesidade que teñen os organizadores de movementos como o Orgullo Crítico de traballar ao marxe das institucións. Así enténdese tamén que España nos últimos anos experimentara un descenso nos postos de defensa do colectivo a nivel global (http://www.felgtb.org/temas/internacional/noticias/i/13803/324/espana-sigue-perdiendo-liderazgo-en-la-defensa-de-los-derechos-lgtbi).
      Desgraciadamente, observatorios como o Observatorio Español contra a LGTBIfobia (www.stoplgbtfobia.org/) aínda son moi necesarios.

      Gústame

      1. ORIENTACIÓN SEXUAL EGODISTÓNICA: definida pola Organización Mundial da Saúde como unha desorde na que a orientación sexual non está en dúbida, pero o individuo desexa que fose diferente porque o asocia con trastornos psicolóxicos ou de comportamento.
        Este é o verdadeiro trastorno que sofren as vítimas das terapias de reconversión, un método de tortura máis sutil que os que se utilizaban na Inquisición, pero igual de malintencionado, posto que busca anular a personalidade e incluso parte da fisioloxía humana, obrigando ás persoas que se someten a este tipo de “terapias” a inxerir ata 8 pastillas diarias baixo un tratamento de 480€ mensuais, tal e como asegura o asesor do Colegio Oficial de Psicólogos de Madrid, Juan Manuel Peris, na nova de el diario.es que enlazades (https://www.eldiario.es/sociedad/conversion-homosexuales-prohibir-EEUU-Espana_0_395461241.html ).

        Moitos homosexuais, bisexuais e demais membros do colectivo LGTBI+ presentan unha orientación sexual egodistónica, algo que se ve reflexado no personaxe de Bruno (da serie Merlí, de TV3), un rapaz homosexual que, aínda que sería aceptado polos seus compañeiros e o seu pai, profesor de filosofía e protagonista da serie, non se atreve a manifestar a súa propia orientación sexual. Merlí supón un favor para as novas xeracións, que precisan ser educadas nun entorno inclusivo e adaptado á diversidade sexual existente no mundo real (http://www.lasexta.com/series/merli/mejores-momentos/merli-os-considerais-mas-machos-que-un-gay_201606305775902d6584a859c76de28e.html ). E, como parte dunha evolución na concepción do colectivo LGTBI aparece Oliver, quen, tal e como menciona unha nova de La Vanguardia (http://www.lavanguardia.com/series/20151203/30574055148/merli-tv3-heteronormatividad-oliver-bruno.html), representa a loita contra a heteronormatividade.

        En canto á necesidade de plataformas alternativas ás institucións é innegable que sexan necesarias como contrapoderes, pero algo que vai implícito na súa condición de ser é, por desgracia, o pouco alcance co que contan para concienciar á poboación , precisamente por non tratarse de organizacións institucionais. Porén, tamén as hai pertencentes ao Estado e que cumpren unha función relevante e necesaria para lograr máis e mellores dereitos para o colectivo LGTBI, como poder ser a Federación Estatal de Gais, Transexuales e Bisexuales, que lanzan proxectos como este (https://www.youtube.com/watch?v=SySWkIDw6Vk#action=share ) para facer máis visible, a través de testimonios de varios moz@s, as estratexias que todos eles levaron a cabo para enfrontarse á crúa realidade de ser rexeitados polas familias, profesores e incluso verse ameazados por colectivos violentos como os neonazis a través das redes sociais.

        Gústame

        1. Paréceme moi importante sinalar as graves consecuencias da lgtbifobia, máis aló de todo o que implica este odio e discriminación, que son a aparición de enfermidades mentais como a depresión, ansiedade e mesmo tendencias suicidas, como se indica no artigo de eldiario.es do que falamos. O odio que reciben a persoas do colectivo LGTBI simplemente pola súa orientación sexual ou pola súa identidade de xénero distinta á cisheteronorma son inadmisibles. Fai un par de meses tiñamos o último caso dun rapaz trans que decidiu suicidarse debido a toda a discriminación que sufría a diario. (https://www.20minutos.es/noticia/3263889/0/joven-transexual-ekai-suicidio-ondarroa/). Na mesma noticia recóllense declaracións da asociación de menores trans Chrysallis Euskal Herria, nas que indicaban que a situación é alarmante, e que catro ou cinco membros desta organización atópanse nunha situación tan complicada que mesmo teñen que se tratar con antidepresivos. Desgraciadamente aínda queda camino por percorrer na loita contra a lgtbifobia, polo que entre todas e todos temos que traballar para erradicala, por exemplo mediante denuncias, que como explica o Observatorio Español contra a lgtbifobia é chave para acabar con estas situacións (http://www.stoplgbtfobia.org/lgbtfobia/por-que-es-importante-denunciar/).

          Por outra banda, paréceme máis que necesario unha maior representación do colectivo nas series e películas, como a que comentas de Merlí. Dela gustaríame destacar a seguinte frase: “Se o sistema educativo fomentara o respeto á diversidade sexual desde pequenos, isto non pasaría”, en referencia á homofobia sufrida por Bruno. A sociedade por sorte está a cambiar, e series de éxito internacional como Sense 8 tamén engadiron personaxes homosexuais, ou Orange Is The New Black, co persoaxe da moza trans, excelentemente interpretado por Laverne Cox. A meirande parte do inicio desta representación comezou nos 90 e nos 2000, como indica o estudo de Viacom, citado neste artigo de fueradeseries.com (https://fueradeseries.com/lo-que-las-series-pueden-hacer-por-la-visibilidad-lgtbi-de52061ad4a0). Sen dúbida, unha maior visibilización do colectivo, tamén mediante proxectos como o que indicas da FELGTB, é un gran paso adiante para acadar o obxectivo dunha sociedade na que non teña cabida a lgtbifobia.

          Gústame

  4. Piñeiro Maneiro
    Non tiña nin idea de que o feito de non querer politizar e mercantilizar o Orgullo se denominaba ‘Orgullo crítico’. Paréceme unha postura bastante interesante, cando menos, debido a que hoxe en día o ‘Orgullo’ acolle a moitas persoas que non son conscientes do que conleva e do que ten conseguido o colectivo LGTBI+. Dende a miña persoa, non é a primeira vez que observo a individuos do meu redor acudir ó Orgullo somentes polo festa que hai -o único que reflicten os medios de comunicación-. Penso que o que tratan de facer os medios de comunicación ao non facer referencia á loita xa habida polos dereitos dos integrantes do colectivo vén dada porque tratan de negala. Iso explicaría que, como comentan neste post as miñas compañeiras, a existencia de “terapias de conversión” nun Estado no que supostamente nin se discrimina por razóns de personalidade nin sexualidade. Penso que, incluso ás veces, este asunto é agarrado polos máis poderosos e por instrumentos estatais como coartada do ‘liberais’ que son e do ‘progresista’ que se volveu España. Por iso penso que movementos coma o Orgullo Crítico son necesarios para a sociedade: para dar conta da realidade que sofre este movemento e difundir o que os medios de comunicación non son quen de expresar.
    No que concirne ao merchandising que se fai do ‘Orgullo’, penso que sucede ao igual que co feminismo. Ámbolos dous se converteron en movementos sociais que, debido á forza coa que se moven e actúan, foron tomados por diversas multinacionais para proporcionar ao mundo consumidor un producto co cal pensan que están reivindicando determinada causa. Preocúpame que suceda coma en Nova York, onde Ali Kriegsman -entre outras-, fundou o que se considera hoxe coma ‘templo feminista’. Alí, podemos atopar diversos productos froito do merchandising feminista xa que é “un lugar onde cada centímetro é utilizado para apoiar e celebrar voces femininas”.
    BIBLIOGRAFÍA
    – Bollero, David (2017, 16 de xuño). Realidad LGTBI: visibilicemos la hipocresía. [online] publico.es. [Consultado el 17 de abril del 2018] Recuperado de: http://blogs.publico.es/david-bollero/2017/06/12/orgullo-lgtbi/
    – Redacción (2017, 15 de febrero). Bulletin Broads, el templo del ‘merchandising’ feminista por el que deseamos ir a Nueva York. Vogue. [Consultado el 18 de abril del 2018] Recuperado de: http://www.vogue.es/moda/news/articulos/tienda-feminista-bulletin-broads-nueva-york-marcas-modas-accesorios-ali-kriegsman-alana-branston/33043

    Gústame

    1. Como comentas, moita xente descoñece a existencia dun grupo dentro do propio colectivo LGTB que está en desacordo con algunhas das liñas que está a seguir a organización do evento do Pride. Con este post pretendimos iso, dar a coñecer unha realidade que non se ve, e que incluso os medios non sacan á luz. Se che apetece ampliar a información sobre o tema deixoche un artigo que me pareceu bastante interesante: http://www.corrienteroja.net/la-mercantilizacion-del-dia-del-orgullo-lgtbiq-es-un-paso-adelante-en-la-lucha-por-nuestra-liberacion/

      En relación ó tema do merchandising estou moi dacordo contigo; penso que a mercantilización dos movementos sociais, e máis coma os deste tipo, é un erro, pois provoca que a loita e as reivindicacións queden relegadas a un segundo plano, mentres que o que se fai viral é a éstetica, a festa e o ¨producto¨ que se creou a partir disto. Moitas persoas do colectivo senten que os seus desreitos están vulnerados cando os actos de loita e reivindicación se converten nunha festa promocionada por grandes empresas, convertindo nun producto publicitario un día, ó do Orgullo, no que deberían reivindicarse as cousas doutro modo. O Orgullo crítico loita contra todo isto, rexeitando todo ó festivo en que se converteu un día de reivindicación e visibilización do colectivo. Nesta noticia do xornal ¨El Español¨, falan de todo isto que te comento: https://www.elespanol.com/espana/20170630/227727275_0.html

      Gústame

      1. Piñeiro Maneiro
        Apoio, entón, o voso pretexto de querer dar voz a este movemento. Así pois, sendo os medios de comunicación os encargados de dar a coñecer aquilo relevante para o pobo, este último descoñece case plenamente este movemento. Resultoume bastante interesante o artigo que compartes para ampliar a formación xa que non era consciente da directa relación que todo isto tiña co capitalismo. Acto seguido, para confirmar as miñas dúbidas de se algún medio de comunicación tiña cuberto algunha noticia sobre este movemento, busquei entre os diarios máis lidos pola poboación pero non din atopado nada. Somentes, en eldiario.es dan visibilidade a este movemento. Paréceme bastante cuestionable na súa forma de tratar a información que o asunto do merchandising feito, unha das principais demandas de cambio e de maior importancia, atopa voz despois de moitos máis datos que, quizais, non teñen a mesma relevancia.
        Estou totalmente dacordo coa incompatibilidade que estableces entre estética e causa social. Así pois, á hora de defender unha causa social prevalece antes a intervención e mobilización que a estética levada a cabo, e moito menos cando isto vai ser o beneficio de quen non a apoia.
        Neste enlace compártoche un enlace no cal verás un artigo de El País no que fala dos complementos imprescindibles para o Orgullo: https://elpais.com/elpais/2017/06/22/escaparate/1498150834_880289.html . Acaso son necesarios complementos para acudir a tal evento? Levar infinita cantidade de símbolos ou complementos representativos determina a túa contribución á causa?
        BIBLIOGRAFÍA
        – Borraz, M. (2017, 28 de xuño). Un Orgullo Crítico multitudinario planta cara al World Pride para reivindicar el “espíritu combativo” LGTBI. eldiario.es [Consultado el 18 de abril del 2018] Recuperado de: https://www.eldiario.es/sociedad/Orgullo-Critico-multitudinaria-World-Pride_0_659334397.html

        Gústame

        1. Como parece que estamos bastante dacordo en xeral, paso directamente a responder á túa pregunta: O artigo pareceume interesante como amante da moda que son, pero quizais non era adecuado para o tema do que se falaba. Podería ser perfectamente un post sobre o que debes levar a calquer festival, mentres que do que se trataba era o día do Pride, que debería ser unha festa bastante máis seria, onde a reivindicación e a loita fosen os protagonistas. Quizais paréceme un artigo frívolo nese sentido, pois dáse unha imaxe un tanto equivocada do Orgullo, provocando así que moitas persoas pensen que é un día de festa sin máis.

          Aproveito para enlazar todo isto cun artigo moi interesante que atopei no que se fala de como este día estase a converter nun acto comercial co que as empresas petenden gañar diñeiro, deixando a un lado a loita polos dereitos. Tamén fala sobre a discriminación dentro do colectivo ás mulleres bisexuais ou lesbianas, que non tiveron representación no Pride de Madrid 2017; vese como dentro dun colectivo que busca a reivindicación tamén atopamos unha estructura un tanto patriarcal e machista, pois por exemplo coñecemos o Pride como Orgullo Gay, cando hai moitas máis identidades dentro do colectivo. Este é o enlace: https://www.elplural.com/sociedad/2017/06/27/polemica-en-el-world-pride-el-orgullo-es-un-evento-de-gays-musculados-con-pasta

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s