Puntos negros por contaminación nos ríos de Santiago de Compostela

Ferreiro Rodríguez

Fernández Calviño

Galicia é coñecida como “a terra dos mil ríos”, converténdose nun exemplo de diversidade e riqueza fluvial para o mundo. Sen embargo, a pesar desta riqueza fluvial, os nosos ríos non están coidados.  Dos 59 puntos negros destacados por contaminación nos ríos de España, 21 atópanse na comunidade galega. Temos unha rede hidrográfica tremendamente abundante e vivimos de costas a ela.

Santiago de Compostela posúe un importante patrimonio fluvial: ao norte sitúanse os vales do río Sarela e Corvo, e ao sur o val do río Sar. Ambos ríos que percorren parte da cidade están gravemente prexudicados por mor da contaminación dende fai moitos anos, sendo o  Sar un dos máis contaminados de toda Galicia.

O Concello non se preocupa por coidar a calidade das augas fluviais de Santiago. Sen embargo, existen asociacións veciñais como a Asociación de Veciños do Río Sarela que buscan mellorar os ecosistemas locais e coidar a imaxe dos barrios máis periféricos de Santiago por onde pasan os ríos. John, representante desta asociación, cóntanos que zonas como o Pazo de San Lourenzo ou o Barrio de Galeras forman parte dos puntos negros contaminados de Santiago. Nestas zonas atopamos frecuentemente  cascadas de lixo con restos de papel hixiénico, compresas e desperdicios.

O problema do Sarela son as augas residuais que saen da parte de Galeras”, explícanos John. Neste enclave compostelán estaba ubicado un vello hospital que no pasado vertía medicamentos á canle do río e desfacíase das placas de radiografías nel. Sumado a isto, na actualidade todas as augas fecais das vivendas do barrio verten directamente ao caudal. A riqueza natural deste entorno vese maltrata ante a falta de responsabilidades para afrontar un problema de fácil solución: A instalación e mantemento dunha planta de tratamento de augas residuais.

Por outra banda, tamén resulta chamativo que non se coide o entorno natural de Santiago de Compostela ao tratarse dunha capital internacional coñecida en todo o mundo polo Camiño de Santiago. Milleiros de persoas percorren cada ano a contorna do Pazo de San Lourenzo, sendo este un enclave no camiño dado que aquí comeza a andaina dos peregrinos cara a Finisterre. Manuel, representante do Club de Sendeirismo Vía Láctea reflexiona: “A imaxe que damos ao mundo con este escaparate de contaminación fluvial é unha auténtica vergoña”.

Pero, onde está realmente o problema, nos ríos ou na xente? A sociedade ten que tomar conciencia da súa realidade global e a educación medioambiental debe ser o punto de partida para a restauración fluvial.

IMG5881shadowilluminator
 

Paseo fluvial do Sarela. Fonte: Asociación de veciños do río Sarela.

 

Por que é importante a restauración dos nosos ríos?

Os ríos son para a terra como as arterias, veas e capilares para o noso corpo. Ao igual que o noso sistema circulatorio rega os nosos tecidos e órganos manténdoos vivos e en funcionamento, os ríos irrigan o territorio mantendo a vida e os procesos naturais nel. Polo que da mesma maneira que se contaminamos a nosa sangue os nosos órganos veranse dañados, se contaminamos un río ou alteramos o seu caudal estaremos afectando a todo o territorio da súa conca. Coas nosas accións destruímos a diversidade e alteramos o equilibrio dos ecosistemas impedindo moitos procesos naturais.

Luís, representante da Plataforma en defensa do río Sar, indica que o noso reto debería consistir en recuperar e restaurar todos os tramos fluviais posibles para restituír a maior cantidade das súas funcións naturais: “A maior parte dos nosos ríos atópanse en mal estado. É precisa a restauración fluvial para incrementar a nosa calidade de vida, eliminando os puntos negros para aproveitarnos de todos os servizos ecosistémicos”.

Entre os servizos ecosistémicos dos ríos que indicaba Luís, hai servizos de abastecemento que obtemos de forma directa, como a auga que bebemos, regadíos, medicinas, biodiversidade, etc… Tamén existen servizos de regulación que obtemos de forma indirecta, como por exemplo a recarga de acuíferos, fertilidade, control da erosión ou a prevención de inundacións, entre outros. Finalmente recibimos dos ríos os servizos ecosistémicos culturais, como os coñecementos científicos e a educación ambiental. “A recuperación fluvial é importante para que os ríos aporten os servizos ambientais e hidrolóxicos que son imprescindibles para a saúde humana”, pensa Luís.

Sen embargo, non todo vale. Restaurar non é axardinar, nin urbanizar, nin maquillar: “restaurar é rehabilitar eliminando os impactos na natureza que xeran os seres humanos logrando naturalidade, funcionalidade, dinamismo e diversidade”, conclúe John. O representante da Asociación de Veciños do Sarela coñece o paseo fluvial deste río dende fai moitos anos, afirma que despois da súa inauguración no ano 2008, non viu ningunha mellora na calidade nas augas, senón todo o contrario: “Sufriu un importante deterioro co paso do tempo do que ninguén se preocupou nin tivo en conta a necesidade de mantemento”. O Sarela é a ruta etnográfica máis importante de Santiago, pero semella esquecida.

John é consciente de que estes barrios de Santiago, marcados coma puntos negros, pasan a unha segunda plana para o Concello e non se teñen en conta as necesidades dos seus habitantes. “Os ríos son semiurbáns, se estiveran no centro da cidade o Concello tería unha visión completamente distinta”, declara. Esta situación é un claro exemplo da ausencia dunha sociedade comprometida: en dez anos ningunha institución, nin tampouco a prensa, amosou signos de preocupación de cara ao entorno natural do Sarela. Como indica Manuel, hai asuntos máis sensacionalistas e chamativos de cara ao público que a contaminación fluvial.

O problema real é a falta de comunicación e interese por parte das institución públicas. As persoas que viven no centro da cidade non teñen conciencia da situación na que se atopan os ríos. Como di Marcos, representante da Fundación Galicia Sustentable. “Se vives na Plaza Roxa, non te ves reflexado na realidade medioambiental.  A xente non pon en valor que o río está en Santiago, moitos composteláns non pasaron nunca por alí”. A solución máis inmediata pasa por comezar a formar e a informar á sociedade e non ver os problemas de contaminación fluvial como algo alleo . Os problemas dos ríos non son os problemas doutras persoas, son problemas de todos nós.

 

10 comentarios en “Puntos negros por contaminación nos ríos de Santiago de Compostela

  1. A corrixir:
    as citas entre “” (normas APA)
    – 1º parágrafo
    “‘terra dos mil ríos’, converténdose” (separar con coma unha oración da outra)
    – 2º parágrafo
    “ao norte sitúanse” (gralla de redacción)
    – 3º parágrafo
    “compresas e desperdicios” (non é precisa a coma ao final da enumeración)
    – 4º parágrafo
    “á canle do río” (substantivo feminino)
    – 6º parágrafo
    “pero, onde está” (a coma delimita o inicio da pregunta)
    – 10º parágrafo
    “que xeran os seres humanos” (gralla de acentuación)
    “da augas, senón todo o contrario” (o punto é coma non é necesario)
    – 11º parágrafo
    “sociedade comprometida: en dez anos” (os dous puntos dan paso ao exemplo)
    “Sarela. Como indica Manuel” (semellan dúas oracións, sendo necesario un punto)

    Gústame

  2. Sen dúbida é unha vergoña ver como estamos a acabar cun dos elementos máis característicos de toda Galicia sen que as autoridades estean a facer nada por frear esta realidade.

    Ben é sabido que tanto o río Sar como o Sarela destacan dende fai moito tempo pola súa pésima situación. Nesta noticia, datada do 2006, xa podiamos ler que a contaminación dos seus canles se convertera nun episodio recorrente, algo non moi distinto á actualidade; e é que hoxe en día séguese a loitar contra isto. Mesmo nos comentarios da nova podemos ler opinións de veciños que o critican: “Pues eso, un paseo precioso pero totalmente abandonado, un río en estado crítico que apesta a mierda y desperdicios, pero el ayuntamiento mira para otro lado, como siempre”.

    (http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/alertan-vertidos-sufren-santiago-rios-sar-sarela/idEdicion-2006-09-11/idNoticia-82314/)

    Nesta noticia do 2016, dez anos despois, parece que nada cambiou. Un estudo no que foi partícipe a USC advirte sobre a elevada contaminación do río Sar, nesta ocasión, causada pola aparición de altas dosis de medicamentos como o ibuprofeno e atenolol nas súas augas. Tamén pesticidas, policíclicos sintéticos, cromo, magnesio, cinc e derivados de plásticos moi daniños para os humanos. Isto, como podemos ver, chega a provocar incluso deformacións na súa fauna fluvial, sometida a altos niveis de estrés.

    (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2016/02/21/detectan-altas-dosis-ibuprofeno-sustancias-aguas-sar/0003_201602S21C1992.htm)

    Pero é que na actualidade seguimos nas mesmas, “El mal olor y la suciedad campan en el Sar río abajo de Silvouta”, di o titular desta nova. (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/02/21/mal-olor-suciedad-campan-sar-rio-abajo-silvouta/0003_201802S21C1997.htm). Nela explicase como os restos de papeis e outros residuos xa forman parte da súa paisaxe, incluso nunha das marxes do río hai un vehículo depositado no fondo dun terraplén. Nesta podemos ler como o río se atopa nunha situación moi grave, cunha depuradora sen capacidade para depurar as augas fecais que acaban contaminando a súa canle. (http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/sar-contaminado-pasar-edar-silvouta/idEdicion-2018-04-03/idNoticia-1108052/)

    Os veciños xa non o aguantan máis, neste artigo de opinión publicado este mesmo mes vémolo claramente. “Seguimos en la misma situación que cuando hace ya dos décadas saltaron todas las alarmas por la situación en la que se encontraba el río Sar y los daños que se estaban produciendo en el medioambiente no solo de Santiago, sino en el de todos los municipios situados aguas abajo. Pero nada se ha avanzado”, “el Sar va camino de entrar en el Guinnes de la contaminación” e “urge una solución ya, porque el Sar y la salud de todos no puede esperar”, comenta un deles. (http://www.elcorreogallego.es/opinion/la-quinta/ecg/hace-falta-solucion/idEdicion-2018-04-03/idNoticia-1108094/)

    Gústame

    1. Moitas grazas pola información que aportaches, estou completamente de acordo nas túas reflexións, o Sar chegou xa a unha situación límite e é urxente proceder a súa recuperación. Lamentablemente, unha das principais causas do estado deplorable no que se atopan as augas deste recurso hídrico é a ausencia dunha depuradora eficiente.

      A agrupación política Compostela aberta, logo de tres anos durmido e deixando pasar o tempo, esperta agora para que Santiago non perda un verxel de cartos no caso de que a Unión Europea retire as axudas que financiarían o 60% da obra para a construción dunha nova EDAR. A proposta que presenta o partido do Goberno semella a máis amable e respectuosa con medioambiente: http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/raxoi-quere-manter-edar-na-silvouta/idEdicion-2018-03-16/idNoticia-1105363/. Sen embargo, o Partido Popular segue pondo trabas e dándolle voltas ao axunto pedindo a nova construción dunha planta depuradora en O Souto.

      A construción no Souto costaría 90 millóns de euros e ampliar a de A Silvouta a penas 51 millóns. Diso non falan os populares, e tampouco de escarallar un bosque único en Compostela: http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/patrimonio-obvio-souto/idEdicion-2018-01-02/idNoticia-1092091/ . O que tería que facer Agustín Hernández é falar cos responsables do seu partido para convencer á Xunta e ao Ministerio que xunto co Concello se poñan a traballar da man par ampliar A Silvouta e devolver a riqueza natural ao río. Empregar a tecnoloxía máis avanzada é a opción que permitiría que a depuradora non cheire e non faga danos aos veciños. Tempo hai para conservar o Souto, tempo hai para facer unha obra como é debido, tempo hai…

      Unha vez solucionado o problema da depuración das augas, as accións deben centrarse na concienciación cidadán, pois o descoñecemento da situación do Sar que ti tan ben describes é patente na poboación. Gravamos un vídeo no que pedíamos aos habitantes de Santiago que nos contasen se pensaban se os ríos estaban ou non contaminados, e esta foi a súa resposta: https://www.youtube.com/watch?v=_dmL3ZDNFRg

      Parece que as nosas xeracións xa están completamente perdidas e contaminadas, se non se crea consciencia e respecto dende nenos logo é moi difícil acadalos. Nós vivimos de costas aos ríos, como se o problema fose de outros e non da sociedade en conxunto.

      Gústame

      1. Está claro que a política vai ser sempre política. En vez de acabar dunha vez por todas co problema os mandamáis céntranse nos seus intereses e en poñer trabas ás posibles solucións en lugar de buscar o axeitado para todos. (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/03/27/pp-propone-ubicar-souto-depuradora-tecnologia-ca-plantea-silvouta/0003_201803S27C3991.htm)

        A mellor opción ata a data é, como ben dis, o uso da tecnoloxía para mellorar e ampliar A Silvouta. Esta trátase dunha proposta do departamento de Inxeniería Química da USC baseada na utilización granular aerobia para construir a depuradora en tres fases diferenciais e sen interrumpir o correcto funcionamento das instalacións actuais. (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/04/08/noriega-reitera-ante-acuaes-mejor-propuesta-edar-silvouta/0003_201804S8C3991.htm)

        A poboación debe ser coñecedora do que en cada momento está a acontecer respecto a este tema, e os seus veciños e afectados, sobre todo. A parte, ademais de ter os seus ríos nesas pésimas condicións non deberían sufrir a inoperancia dos políticos. Nesta nova vemos como o retraso da Edar pódelles incluso costar 11.500 euros a cada veciño, algo vergoñento. (http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/retraso-edar-puede-costar-1-500-euros-cada-vecino/idEdicion-2018-04-11/idNoticia-1109500/)

        Sen dúbida a concienciación é primordial para evitar que isto se repita nun futuro. O vídeo é unha moi boa idea onde ver con claridade cal é o nivel de coñecemento dos santiagueses e santiaguesas, moitos descoñecen que está a pasar e este trátase dun problema que debería estar completamente á orde do día.

        Gústame

        1. Como ben apuntas ninguén chega a entender como unha paraxe natural de tal riqueza como é O Souto puidera chegar a destruírse polos meros intereses económicos duns poucos. É verdade que o hai que poñer fin aos vertidos directos que contaminan o principal río da cidade, mais compensa mellorar un recurso medio ambiental destruíndo outro sistema?

          Indica Víctor Furelos, neste artigo de opinión para El Correo Gallego que, http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/arte-esconder-bolina-non-mellor-depuradora-do-souto/idEdicion-2018-04-15/idNoticia-1110166/ os únicos que amosaron o seu desgusto e abriron os ollos a moito do que ía suceder foron os veciños de Framil, Costoia, Quistiláns, co apoio importantísimo da Plataforma pola Recuperación do Río Sar con Suso Noya ó fronte, e a incorporación despois, grazas a súa presión, de todo os grupos políticos de Ames. http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/politicos-tecnicos-vecinos-ames-edar-do-souto/idEdicion-2017-11-09/idNoticia-1082723/ . Todas estas persoas coñecen a contorna e saben do importante que é conservar e preservar un bosque único e cheo de vestixios da historia da humanidade. Non é así no caso dos políticos, os cales viven na ignorancia das cidades e nin se molestan en visitar e coñecer o lugar.

          É aquí onde a concienciación e a información daba polos medios ocupa un lugar de relevancia, en xeral os medios de comunicación sempre buscan sacar información sensacionalista, é dicir, imaxes de ríos con augas marróns, plásticos, catástrofes, etc. cando o que en realidade debería saír á luz é a degradación do bosque de ribeira e de todo o ecosistema en conxunto, que se atopa nunha grave situación por mor da contaminación do Sar.

          Entre os principais contaminantes dos ríos atópanse, por exemplo, os hidrocarburos: https://es.wikipedia.org/wiki/Hidrocarburo. Se un río está moi contaminado, por exemplo, de metais pesados os peixes inxeriranos, canto máis grande é o peixe maior será a cantidade de metais inxeridos, e este continuará na cadea alimentaria ata nos. Estes metais non poden ser eliminados fácilmente polo organismo e son moi perxudiciais para os seres vivos: https://www.masterambiental.com.br/noticias/poluicao/as-consequencias-dos-metais-pesados-na-agua/

          É por todo isto que a actuación en Santiago de Compostela debe de chegar canto antes, iso si, seleccionar aquela alternativa que supoña o menor impacto ambiental para o medio e para as persoas.

          Gústame

  3. A contaminación das augas, agora mesmo, é unha realidade da que pouco se fala. Sorpréndeme ver que en ríos tan próximos a unha cidade poida existir tal nivel de polución nas augas. O que boto de menos neste post son os efectos perxudiciais da auga contaminada para as persoas, pero atopei un post nun blog moi interesante ao respecto: http://plenilunia.com/prevencion/efectos-del-agua-contaminada-en-tu-salud/1444/

    Poden ocasionar, a longo prazo, cancros e enfermidades dixestivas perigosas. O certo é que abusamos da auga porue é un recurso hídrico importante nestas terras, pero noutros lugares non, polo que o problema é aínda peor. https://www.ecoticias.com/medio-ambiente/111290/rios-espanoles-contaminados
    https://magnet.xataka.com/en-diez-minutos/asi-es-el-atlas-de-la-espana-toxica-la-geografia-de-la-contaminacion-en-nuestro-pais
    E iso, sumado a que noutras zonas explotan aínda máis a auga sen teren a suficiente, é un factor moi grave.

    Gústame

    1. Moitas grazas polo interesante artigo que enlazache acerca dos principais contaminantes das aguas fluviais. Como ben sabes a auga é o recurso responsable da posibilidade de desenvolvemento das distintas formas de vida: vexetais, animais e humanas. Sendo, por desgracia, un dos principais problemas mundiais as deficiencias en saneamento. O último informe das Nacións Unidas sobre o desenrolo dos recursos hídricos no mundo revela que case o oitenta por cento dos postos de traballo que constitúen a forza laboral mundial depende do aceso a un suministro adecuado de auga, contando tamén, os servizos relacionados como o saneamento. Aquí comparto o enlace por se queres botarlle unha ollada: http://unesdoc.unesco.org/images/0024/002441/244103s.pdf

      A auga é necesaria para cultivar e procesar alimentos, tamén brinda enerxía á industria co obxecto de satisfacer a unha poboación en constante crecemento. Non chegamos a entender como os problemas dunha fonte de vida tan importante para a cidade de Santiago poden ser obviados. A xestión inadecuada das augas residuais urbanas, industriais e agrícolas, leva a que a auga que beben centos de millóns de persoas véxase perigosamente contaminada ou polucionada químicamente. A contaminación da auga tamén provoca que parte dos ecosistemas acuáticos terminen desaparecendo pola rápida proliferación de algas invasoras que se nutren de todos os nutrientes que lles proporcionan os residuos. Ante isto, comparto un enlace con dez consellos para intentar pór o noso gran de area na conservación dos recursos hídricos. http://www.fandelagua.com/10-estrategias-para-proteger-el-agua/

      Gústame

      1. É incrible a cantidade de auga que utilizamos os humanos. Se tantos postos de traballo dependen disto, o normal é que tentemos coidar a auga como un recurso que finalmente se esgota. O certo é que levamos consumindo, polo ciclo da auga, a mesma auga que tomaban xa os dinosaurios; pero agora, estamos a contaminala de xeito que xa non serve para o seu consumo. En canto á antigüidade da auga: http://blog.sarga.es/?p=54

        Como ti comentas, os consellos para facer sostible o consumo de auga pasan por moitas cousas coma o aforro, pero cabe destacar outra das liñas de desgaste da auga que tratamos, por exemplo, no meu grupo. A industria gandeira a grande escala consume moita auga, tanto en regadíos para os animais como na propia alimentación dos mesmos. E ademáis, tamén se utiliza para desbotar as deposicións dos animais.
        Un artigo ao respecto: http://www.hazteveg.com/p/951/el-agua-y-la-ganaderia

        Un saúdo, moi bo post!

        Gústame

        1. É moi revelador o último artigo pois descoñecía o feito de que a agricultura usara o 70% das fontes de auga doce. Si que era consciente da contaminación por actividades primarias, pois en Galicia déronse casos https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/587941/rios-gallegos-sufren-1200-puntos-vertidos-contaminantes, pero non pensaba que as cifras fosen tan elevadas.

          Postos a enumerar as causas da contaminación hídrica, cabe engadir á lista a deforestación da zona de ribeira. Isto produce que os chans nesas zonas vólvanse vulnerables. Á súa vez, se lle agregamos que a pavimentación non permite o paso ás filtracións de augas fluviais cando chove, o ecosistema vese seriamente prexudicado. http://www.gciencia.com/medioambiental/informe-rios-degradadas/ Un estudo feito por 400 voluntarios de ADEGA, a través da iniciativa Proxecto Ríos, revelaba que un 24% dos ríos estudados presentaban un estado de degradación moi preocupante nas súas ribeiras. Hai ,en definitiva, que empezar a tomar medidas para a mellora desta situación Co obxectivo de manter as augas fluviais nun bo estado de calidade, a recuperación dos bosques de ribeira é un dos grandes retos que a ecoloxía ten por diante.

          De novo, moitas grazas pola súa implicación e interese no tema, un saúdo!

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s