Que zonas son perigosas para a circulación compostelá?

García Vivero

González Figueroa

Contra todo prognóstico, en Santiago de Compostela a porcentaxe de atropelos a peóns e ciclistas aumentou considerablemente do ano 2014 ó 2017 nun 32%. A miúdo, é doado atoparnos con problemas na circulación viaria da cidade, problemas que se ven agravados se esta non conta cunhas vías e unha sinalización adecuadas.

AtopelosCompostela_diegocidras
 

Mapa que recolle os atropelos de gravidade a peóns e ciclistas en Compostela. Fonte: Asociación Cívica Composcleta.

 

En Compostela prodúcense accidentes cunha frecuencia bastante alta. Con todo, os medios non informan deles explicando a súa orixe, polo que estes non poden ser erradicados. Por iso, nós mesmos nos dispuxemos a elaborar unha pequena recolleita sobre cales son os principais puntos conflitivos na cidade compostelá.

Chegar a coñecer estes datos non foi unha tarefa doada. Nos medios de comunicación non se atopan listaxes nin explicacións e o contacto coa policía tampouco serviu de axuda. Dende Seguridade Viaria de Santiago afirman que, actualmente, na cidade non existe ningunha zona perigosa e, de existir, o problema é resolto de inmediato. Pero o certo é que a realidade é ben distinta.

Avenida de Lugo

Captura de pantalla 2018-04-05 a las 21.24.34
Imaxe do lugar onde se produce o perigo na avenida de Lugo. Fonte: Autoría propia.

Un dos principais casos dos que estamos a falar trátase, sen dúbida, da Avenida de Lugo. Dous dos seus sinais, mal situados, son un perigo continuo para os condutores. Aquí dispoñemos de dous carrís para o noso sentido da marcha. Se utilizamos o carril da dereita atopámonos con dúas frechas que indican que este rematará e, pola contra, se utilizamos o da esquerda, e á mesma altura, atopámonos cos vehículos que se incorporan dende a glorieta. Ambos buscan ocupar o carril central ó mesmo tempo, provocando un perigo constante, feito que se solucionaría modificando a situación das frechas de fin de carril.

Á mala sinalización desta avenida súmaselle a mala interpretación dos sinais. Jesús Vilariño, director da Autoescola Santa Eulalia, afirma que isto é debido á pouca formación dos condutores: “Por este carril tes que cederlle o paso ós que se incorporan dende o outro, algo que a xente descoñece”. O mesmo ocorre á saída do túnel á altura da rúa do Hórreo. “Cando tes que incorporarte para logo coller o periférico da SC-20 teñen que cederche o paso, e non cho ceden, pítanche”, apunta.

Rotonda da Galuresa

Captura de pantalla 2018-04-05 a las 21.22.35
 

Imaxe da rotonda de Galuresa. Fonte: Autoría propia.

 

A tan afamada rotonda da Galuresa tamén forma parte da problemática. Trátase dun punto conflitivo, cunha gran cantidade de tráfico e nun espazo estreito no que se conectan tres das principais vías da cidade: a avenida de Romero Donallo, a rúa do Hórreo e un dos accesos ó periférico.  Esta glorieta está destinada a favorecer a circulación facéndoa máis fluída, pero nela atopámonos con varios semáforos que nos impiden que isto se cumpra.

Os principais accidentes que se producen neste punto débense, principalmente, ás colisións laterais e ós alcances, algo que se podería solucionar se estivese ben deseñada. “Había outras moitas opcións para facela, empregando distintos niveis, glorietas amplas, etc”, explica novamente Jesús Vilariño.

Rotonda de Conxo

6ab7b2b9-136d-4aec-868a-0cbc979fb725
 

Imaxe da rotonda de Conxo. Fonte: Autoría propia.

 

A rotonda de Conxo é un problema co que os veciños do barrio levan tempo loitando. Deixando a un lado que a rotonda mantén dividido ao barrio debido á decisión de non humanizala, a súa mala execución e planificación tamén provoca perigos na  circulación. O carril de aceleración que sae do túnel é demasiado curto, o que fai que os vehículos non poidan incorporarse á circulación a unha velocidade correcta. “Se te vas meter nunha vía onde a velocidade é alta, o carril de aceleración ten que ser máis amplo e contar con certa visibilidade’’ explican dende Stop Accidentes, asociación que promove un cambio cultural sobre a seguridade viaria, concienciando a sociedade para reducir a violencia viaria e o seus efectos.

Pero os problemas da famosa rotonda non rematan aí. Se entras nesta accedendo pola estrada que vén dende o Milladoiro, atópaste con indicadores de ceda o paso á dereita e á esquerda de xeito simultáneo, o que dificulta unha condución segura para os vehículos. Partidos políticos como o BNG e tamén os veciños de Conxo demandan que se corrixa a construción. “O feito é que se creou unha infraestrutura totalmente deficitaria que provoca accidentes, e o único factor que pode explicar isto é preservar intereses particulares e individuais’’ explica Luís Matos, presidente da Asociación de Veciños Doutor Maceira de Conxo.

Polígono do Tambre

No polígono do Tambre a sinalización é un dos principais problemas que mostran que é precisa unha mellora. Na Avenida Camilo José Cela SC-20, atopámonos cun sinal de cambio de carril innecesario, provocando retencións e colisións por alcance. A entrada dende a N-550 termina nun stop que dificulta o acceso á vía que chega dende a SC-20, chea de fochancas. Ademais, as súas mini rotondas aumentan a perigosidade. Os atascos aquí son habituais nas horas puntas. Saír ou entrar ó comezo e ó remate da xornada é case imposible.

Rúa Entrerríos

Captura de pantalla 2018-04-05 a las 21.23.17
 

Imaxe final da rúa Entrerríos. Fonte: Autoría propia.

 

A rúa de Entrerríos é outro punto onde a mala sinalización e o pouco respecto desta por parte dos condutores poñen en perigo a vida de máis de un. No seu cruce con Galeras atópase un sinal de stop que non acostuma a ser respectado polos condutores, xa que este precede a un semáforo cunha frecha amarela intermitente.

“Como te deteñas no stop, os de atrás danche seguro. O que máis chama a atención é que os condutores protestan porque te detés, polo que son descoñecedores de que hai que respectar este stop’’ explica Jesús Vilariño. Polo que vemos, non só depende da correcta sinalización destas zonas, se non que moitos accidentes tamén veñen dados por un mal entendemento da circulación viaria por parte dos condutores.  

Outros puntos conflitivos: Rotonda de Santa Marta e rúa de San Pedro

Captura de pantalla 2018-04-05 a las 21.23.46
 

Imaxe entrada cara a rúa San Pedro. Fonte: Autoría Propia.

 

A rotonda de Santa Marta tamén é un punto onde a mala iluminación e sinalización existente na zona provoca problemas, sobre todo á saída da rotonda, onde se atopa un paso de cebra. Os vehículos collen certa velocidade ó saír da rotonda e atópanse de súpeto cun paso de cebra que causa que os peóns estean en perigo. “Ás veces eu, como peón, teño que frear e deixar que os coches pasen. E outras son os vehículos os que teñen que pegar unha freada’’ engade Nacho Rodríguez, da Asociación Cívica Composcleta.

O mesmo pasa coa rúa de San Pedro. Trátase dunha rúa peonil, que só permite o acceso a residentes e peóns. Porén, isto non se cumpre e é habitual que os vehículos accedan á zona.  Tendo en conta a súa estreiteza e que, en teoría, é unha zona onde priman os peóns, os atropelos e as colisións laterais prodúcense facilmente. A mala sinalización da zona tamén provoca que os coches se introduzan na rúa sen decatarse de que está prohibido. “Hai que dicirlle á xente que non pode xirar á dereita. Xiras á dereita e atopas o sinal, cando  xa estás nela’’, engade Jesús Vilariño.

Zonas propensas a inundacións

Existen tamén zonas onde os problemas chegan co mal tempo. En Santiago, a chuvia é un factor que hai que ter moi presente e, se non existe un correcto sistema de sumidoiros nas estradas, isto pode provocar problemas serios. Algo que, segundo Nacho Rodríguez, de Composcleta, pasa moito en rúas como Frei Rosendo Salvado ou no polígono do Tambre. Esta última é unha situación que chama especialmente a atención pola gravidade que alcanza. ‘’No polígono do Tambre é algo que pasa sempre, cando cae gran cantidade de auga prodúcense fortes inundacións. É hora de poñer remedio, porque dende logo que algo falla’’, engade Jesús Vilariño ao respecto.

dav dav

Imaxes da Avenida do Burgo das Nacións e da rúa dos Pelamios do pasado tres de abril. Fonte: Autoría propia.

Mapa

 

BIBLIOGRAFÍA:

AUTOESCUELA SANTA EULALIA. (2016). Blog. Autoescuela Santa Eulalia. Recuperado de https://www.aesantaeulalia.com/blog/ 

COMPOSCLETA. Quen somos? Asociación Cívica Composcleta. Recuperado de http://www.composcleta.org/ 

EL CORREO GALLEGO. (2017, 7 de Decembro). Varios coches implicados en un accidente en Conxo. El Correo Gallego. Recuperado de http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/varios-coches-implicados-un-accidente-conxo/idEdicion-2017-12-07/idNoticia-1088584/

EL CORREO GALLEGO. (2018, 5 de Abril). A vueltas con la obra de la rotonda de Conxo. El Correo Gallego. Recuperado de http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/vueltas-obra-rotonda-conxo/idEdicion-2018-04-05/idNoticia-1108467/ 

EP. (2017, 28 de Agosto). Calles inundadas, semáforos averiados y vehículos bloqueados por la tormenta que afectó a Santiago. El Correo Gallego. Recuperado de http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/calles-inundadas-semaforos-averiados-vehiculos-bloqueados-tormenta-afecto-santiago/idEdicion-2017-08-28/idNoticia-1070962/

MOSTEIRO, M. e CAPEÁNS, J. (2017, 29 de Agosto). Una tromba de agua atrapa varios vehículos en el polígono del Tambre. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2017/08/29/tromba-agua-atrapa-varios-vehiculos-poligono-tambre/0003_201708S29C1994.htm

RODRÍGUEZ, M. (2018, 16 de Xaneiro). Críticas al diseño de la rotonda de Conxo. El Correo Gallego. Recuperado de http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/criticas-diseno-rotonda-conxo/idEdicion-2018-01-16/idNoticia-1094412 

STOP ACCIDENTES. Conócenos. Asociación de víctimas de accidentes de tráfico en Galicia. STOP Accidentes. Recuperado de https://stopaccidentes.org/conocenos/asociacion-seguridad-vial/galicia/gmx-niv29.htm 

8 comentarios en “Que zonas son perigosas para a circulación compostelá?

  1. O post é suculento e claro. Agás nos dous párrafos trala primeira imaxe que rematan igual. A editora ten que estar máis atenta. Corrección e revisión de grallas en todo o texto, por si acaso. Grazas

    Gústame

  2. A corrixir:
    – 5º parágrafo
    O final do parágrafo é identico o final do anterior
    – 9º parágrafo
    “accidentes, e o único factor” (mellor unha coma para non partir tan drasticamente a oración)
    – 11º parágrafo
    “amarela intermitente” (gralla de redacción)
    – 13º parágrafo
    xustificar o parágrafo
    – 14º parágrafo
    O final do parágrafo é identico ao final do anterior

    Gústame

  3. É ben certo que son numerosas as zonas e os puntos conflitivos en Santiago de Compostela no que a seguridade viaria se refire. Estes son máis si falamos do casco antigo onde as rúas son peonís e as escasas zonas dispoñibles para vehículos son de sentido único. Non obstante gustaríame aportar algunhas áreas a ter en conta en vindeiros post ou simplemente deixar constancia da súa existencia.
    É o caso da xa mencionada rotonda de Galuresa. Neste sentido direi que esta problemática quizais se disolvería se en lugar de dous carrís esta glorieta constara de máis espazo para circular posto que, no caso de tratarse dun autobús, a incorporación á algunha das saídas podería quedar taponada ate que o semáforo correspondente se abrira.
    Ao mesmo tempo no tramo que conecta a rúa Romero Donallo coa SC-20 existe un semáforo co seu correspondente paso de peóns, neste caso o problema non é exclusivamente dos vehículos que por ela circulan, senón que os peóns non respetan as sinais polo que en moitas ocasións se teñen producido numerosos sustos. https://www.google.es/maps/@42.8698209,8.5484827,3a,90y,261.33h,80.71t/data=!3m6!1e1!3m4!1spiGN2e4pqZKjkP_fv1GpQ!2e0!7i13312!8i6656
    Outro punto conflitivo non mencionado no post é Fontiñas; concretamente o acceso dende San Lázaro. Trátase dun tramo no que está situada unha pequena rotonda a través da cal podes acceder tanto á rúa do Valiño no caso de continuar pola primeira saída, ou á rúa de París continuando pola segunda. Neste tramo destaca unha considerada inclinación e aparición de pasos de peóns en cada unha das saídas. O problema reside en que, debido á inclinación, costa visualizar a aparición dos pasos e polo tanto tamén dos viandantes. https://www.google.es/maps/@42.8860798,8.5238507,128a,35y,45t/data=!3m1!1e3
    Mencionades tamén o director dunha autoescola de Santiago, Jesús Vilariño, polo que imaxino que falaría dende as experiencias de alumnos en formación. Cómpre salientar que esta urbanización dentro da cidade é das máis complicadas á hora de examinarse. O exceso de pasos de peóns e de viandantes cruzando dificulta a circulación. A todo isto hai que engadirlle a escasa visualización en determinados cruces. Un claro exemplo sería o túnel de Área Central. Este dá lugar a un cruce que permite, ben incorporarse á rúa de Berlín atravesando a rúa de Lisboa ou ben continuar pola segunda. A dificultade reside en que a rúa posúe unha inclinación ascendente considerable e remata en paso de peóns. Ademais a existencia de arboredo non permite visualizar con facilidade a circulación dos vehículos pola rúa principal impedindo así a circulación. https://www.google.es/maps/@42.8824706,-8.5292522,77a,35y,45.04t/data=!3m1!1e3

    Gústame

  4. Concha Caneiro Losada. Mobilidade (S1C).
    Unha vez máis os medios son responsables da desinformación que sufrimos os cidadáns en moitos casos, un deles, este do que están a falar as nosas compañeiras e compañeiros; a falta de seguridade viaria nas estradas, rotondas e cruces de Santiago de Compostela.
    A gran cantidade de accidentes que están a acontecer na cidade; ben pola mala sinalización ou polo mal entendemento da mesma, débense a eses puntos que se sinalan no post anterior. Non só é que existan as colisións entre coches, senón que se pon en perigo a vida de peóns e ciclistas. Por exemplo, esta nova de Galicia Press ( https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/998466/composcleta-pide-alcalde-santiago-apoyo-reducir-accidentes-ciclistas ) amosa a necesidade de apoio que están a ter as asociacións como Composcleta por parte das institucións públicas, pois no 2017 aumentou un 2,9% o número de ciclistas falecidos. As entidades públicas son quen de tomar partido nesta problemática ou desenténdense dos asuntos de seguridade viaria?
    Por outra banda, analizando os lugares aos que se fai referencia como puntos de perigosidade vial, a mala sinalización mézcrase coa cantidade excesiva de tráfico que existe en Santiago, coas condicións climatolóxicas e, na súa minoría, coa ignorancia das normas de circulación por parte dalgúns condutores. Neste enlace (https://elpais.com/elpais/2017/08/29/videos/1504020750_233789.html) podemos ver como o Polígono de Tambre é propenso ás inundacións, dunha forma esaxerada, facendo que a seguridade viaria, mobilidade e accesibilidade sexan foco de debate en diversas asociacións e entidades que loitan pola protección e o benestar da sociedade.
    En definitiva, por que non se pon fin a estes desperfectos para unha maior comodidade e seguridade? As reivindicacións de determinados colectivos non chegan a ser suficientes se non camiñan con medios de comunicación e institucións públicas. Estas últimas deberían tomar partido e loitar por acadar unha seguridade viaria real, facilidades de acceso e mobilidade na cidade.

    Gústame

    1. Os medios, como ben dis, prefiren mirar cara outro lado e ignorar a problemática da
      seguridade viaria. Como apuntamos no post, se se dedicasen a difundir que zonas son
      perigosas para a circulación e por que, moitos accidentes poderían terse evitados.

      Composcleta trátase dunha asociación que conforma o noso Círculo e, sen dúbida,
      reivindica condicións seguras para os ciclistas na cidade (http://composcleta.blogspot.com.es/search/label/propuestas). Como vemos no mapa
      cedido pola mesma, vense recollidos os atrápelos de gravidade a peóns e ciclistas en
      Compostela, que aumentaron do 2014 ó 2017 nun 32%. A maior concentración de
      accidentes atopámola no ensanche da cidade, dato moi curioso se temos en costa que
      este foi construído á cidade a posteriori. A súa formulación non foi o adecuada e é a
      causante de ditos atropelos.

      O primeiro dos acontecidos neste ano, como non, tivo lugar aquí. Un peón foi arrolado na rúa República do Salvador e tivo que ser hospitalizado con lesións leves.
      (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2018/01/04/primer-atropello- ano-registro-ensanche/0003_201801S4C3993.htm). E nesta nova, do pasado marzo, vemos como unpeón sufriu un atropelo na confluencia das rúas Doutor Teixeiro e República Arxentina.Coma sempre, non se explica cal foi o motivo causante de dito feito.(http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/herido-un- peaton-sufrir- un-atropello- cruzaba-un-paso- cebra/idEdicion-2018- 03-21/idNoticia- 1106085/)

      As institucións non parecen amosar demasiada preocupación ó respecto, a pesar de que os accidentes de tráfico son unha das principais causas de morte na actualidade. Haberá que agardar para ver se isto toma, por fin, un rumbo mellor.

      Gústame

      1. Concha Caneiro Losada. Mobilidade (S1C).
        Como ben dis María, hai que agardar para ver se esta problemática toma un rumbo mellor, pero tamén hai que seguir loitando para conseguir voz, tal e como dixo Carme Mayugo o pasado 12 de abril na clase de Comunicación Interpersonal, na que poidemos charlar e debatir con ela.
        Composcleta loita por erradicar estes problemas que, sin dúbida algunha, son perigosos. Nesta loita é de supor que esta asociación acudirá aos medios de comunicación para traballar por unha seguridade viaria como tal, pero, que resposta recibe Composcleta dos medios?
        As noticias sobre este tipo de accidentes amósanse en medios de comunicación a miúdo, pero a información non é clara e deixa moitas cuestións sen respostar. Por exemplo, nesta noticia de Europapress (http://www.europapress.es/galicia/noticia-herido-ciclista-accidente-coche-santiago-peaton-cruzaba-dos-vehiculos-santa-comba-20180109100648.html) non se aportan datos do motivo do accidente e tan só se empregan dous parágrafos escasos para cubrir o feito, mentres que o resto da noticia fala doutros casos similares acontecidos noutras localidades. É correcto isto? Mentres a vida de moitas persoas se pon en xogo, os medios de comunicación e as institucións públicas miran cara outro lado.

        Gústame

        1. Totalmente de acordo Concha.

          Nacho Rodríguez, membro desta asociación e do noso círculo, comentounos que nota en falla que os medios ofrezan unha información obxectiva e que, canto menos en temas controvertidos, nos proporcionen varias versións sobre o feito. “Muchas veces depende también de a quién los medios inviten para hablar, o a quién quieran dar cobertura”.

          Nos medios podemos atopar novas sobre a súa actividade, aínda que, na miña opinión, non as suficientes. Esta noticia é do Correo Gallego e fálanos da súa pretensión por reformar o Código Penal en materia de tráfico. Para Nacho este trátase dun medio “muy bicifóbico”. (http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/asociacion-composcleta-pedira-apoyo-ayuntamiento-santiago/idEdicion-2018-02-01/idNoticia-1097572/)

          Informar dun xeito tan insuficiente dende logo que non é o correcto, nin moito menos. Isto é algo que hai que cambiar dende xa, porque informar é formar e é algo que coa seguridade viaria non estamos a ver. Así nolo explicou Jeanne Picard dende Stop Accidentes: “al fin y al cabo comunicar es educar. Yo estoy absolutamente convencida de que la comunicación es educación”.

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s