As lagoas xurisdicionais aplicadas ao mobbing

CORTÉS OUTÓN

 

O pasado e último encontro co noso círculo, producido o xoves 5 de abril, serviu para sacar a relucir temas tan relevantes como as consecuencias máis graves do mobbing; o funcionamento da xustiza respecto aos casos derivados deste problema; as diferenzas entre os casos que xermolan, por unha banda, no ámbito público, e pola outra, no privado; o acoso por razón de sexo, tratado como algo independente do acoso laboral na Universidade de Santiago de Compostela (USC), ou a incidencia da crise e as novas tecnoloxías nesta problemática social.

O alcance do mobbing 

“O acoso en persoas que non poden cambiar de traballo, por razóns económicas ou de calquera outra índole, pode chegar a ser causa de autolesión e incluso desembocar nun suicidio” – así explicou o alcance deste problema a presidenta da Asociación Galega Contra o Acoso Moral, Manuela Zas, á vez que aseguraba que a maioría de casos que rematan nun xulgado van da man dun diagnóstico que ratifica a existencia dun trastorno mixto ansioso-depresivo. Luis Míguez declarou o seguinte: “A miña experiencia na Comisión dime que a maioría dos casos  saen á luz a través do Servizo de Prevención de Riscos, debido á constatación dun estado crítico da saúde dos afectados. A gran maioría adoitan chegar a un trastorno psíquico”.

O liberado sindical Luis Muñiz, tras comparar o sistema dos Departamentos da USC coas taifas de Córdoba do século XII, afirmou contundentemente que na universidade rexe “o feudalismo”. Secundando esta inferencia, Luis Míguez asegurou que se trata dun “problema crónico da universidade, que se vai herdando e obriga a adaptarse aos que chegan de fóra”.

O proceso xurisdicional

O profesor de Dereito Administrativo da USC, Luis Míguez Macho, orientounos a partir dos seus coñecementos en materia de xurisdición laboral, despois de analizar unha nova de El País sobre un caso de presunto acoso laboral dirixido contra un funcionario que estivo un ano e medio sen traballar, a pesar de dispor dun cargo na GIESE . O afectado denuncia neste medio que no Protocolo de actuación contra o acoso laboral da Administración Xeral do Estado aparece como primeira causa “dejar al trabajador de forma continuada sin ocupación efectiva, o incomunicado, sin causa alguna que lo justifique”, unha situación coa que se identifica Luis Muñiz, actual liberado de UGT. Tal como menciona a nova de El País, o caso foi xulgado por un Tribunal Contencioso-Aministrativo, “moito menos sensible que os Xulgados do Social, que prestan maior atención aos dereitos dos traballadores”, segundo L. Míguez. En concordancia con esta afirmación, a presidenta de AGACAM, Manuela Zas, mostrou a súa indignación ante “a inxustiza” que implica que os casos de mobbing se procesen baixo criterios dispares: pola vía contencioso-administrativa para os funcionarios e pola vía social para os traballadores de empresas privadas. Este tipo de lagoas xurisdicionais afectan directamente ao desenlace dos casos que acontecen entre os funcionarios da universidade compostelá, posto que “os seus dereitos non se ven tutelados da mesma maneira que os dereitos dos traballadores que acoden ao Xulgado do Social”, declarou o presidente da Comisión de Avaliación de Conflitos da USC.

No contexto de avaliación e/ou resolución de conflitos laborais, as novas tecnoloxías xogan un papel determinante. Segundo Luis Míguez Macho, son unha arma de dobre fío que, por un lado, extenden o acoso fóra do ámbito laboral, e que, por outro lado, deixan probas que logo poden volverse en contra do acosador.

A incidencia da crise no ámbito público e no privado

Seguindo o curso da reunión,  trazamos un debate sobre a influencia da crise en relación ao acoso laboral no ámbito privado e no ámbito público. Partindo das declaracións de Iñaki Piñuel, un dos maiores expertos en mobbing de España, recollidas por El Mundo, Luis Míguez argumentou que ese aumento do 40% de casos dende a crise non é representativo da realidade universitaria: “Teño dudas de que aquí aumentase o acoso laboral coa crise, xa que ninguén sufriu os ERES ou despidos masivos que tanto afectaron ás empresas privadas”. Pola súa banda, Luis Muñiz aclarou que unha posible secuela da crise económica podería ter que ver coa falta de renovación das plantillas, traducida nunha sobrecarga de traballo para os que continúan na universidade.

 

foto-de-cabecera.jpgO círculo de lectura crítico na reunión do pasado xoves (05/04/2018)

 

Para recalcar as discrepancias que presentan os dous ámbitos – público e privado- L. Miguez alegou que a maioría de casos de acoso laboral producidos en empresas privadas desembocan nun despido improcedente, mentres que os funcionarios corren o risco de someterse a un acoso crónico por posuír un posto fixo do que é moi difícil moverse.

O acoso por razón de sexo

En canto ao acoso por razón de xénero, os tres integrantes do círculo afirmaron non ter constancia de desigualdades entre homes e mulleres no caso da universidade da capital galega. Porén, no caso de Luis Míguez, isto podería deberse ao feito de que os casos de acoso sexual ou por razón de sexo se traten nun Comité de Avaliación distinto ao que el pertence. En relación a esa distinción, Manuela contestou que establecer categorías dentro da violencia facilita a súa detección. “Porén, na vida real non todo é tan sinxelo, porque os casos de mobbing poden levar implícito o machismo”.

Do mesmo xeito que existe o acoso sexual, acollido sistematicamente polos medios de comunicación polo seu forte impacto, existen actitudes que perpetúan a misoxinia no ámbito laboral, mais non se lle concede gran relevancia por tratarse de micromachismos ou comportamentos gravemente sutís que chegan a pasar desapercibidos, tal como destaca esta nova de eldiario.es .

En resposta á cuestión de cómo os medios deberían plantarlle cara ao acoso laboral, Luis Míguez remarca a necesidade de seguir o exemplo do tratamento informativo sobre a violencia de xénero, “un tema do que informan, forman, rematan coa obsolescencia da linguaxe, etc.”- subliñou o presidente da Comisión de Avaliación de Conflitos.

REFERENCIAS E BIBLIOGRAFÍA:

  • Círculo de lectura crítica, número 3. Declaracións de Luis Miguel Muñiz, Luis Míguez Macho e Manuela Zas (2018), Cortés Outón, L., S1A Mobbing, Sala da Facultade de Dereito da USC. 05/04/2018. Santiago de Compostela: Observatorio Cidadán de Comunicación (OCC).

5 comentarios en “As lagoas xurisdicionais aplicadas ao mobbing

  1. A corrixir:
    ‘Xurisdiccional’ non é a forma correcta en galego
    – 1º parágrafo
    ‘Xermolar’ non é un verbo pronominal
    – 2º parágrafo
    “cambiar de traballo” (nesta frase non é verbo pronominal)
    – 4º parágrafo
    ‘Xurisdicción’ non é a forma correcta en galego
    “o caso foi xulgado” (forma correcta do verbo xulgar)
    A atribución da cita no texto non é correcta; o guión tras a cita é innecesario
    ‘Xurisdiccionais’ non é a forma correcta en galego
    – 5º parágrafo
    “son unha arma” (concordancia do indefinido co substantivo feminino)
    – 6º parágrafo
    ‘Plantexar’ non existe en galego
    ‘Hostigamento’ non existe en galego
    – 9º parágrafo
    “acollido sistematicamente” (gralla de acentuación)

    Liked by 1 person

  2. Dende o meu punto de vista o mobbing é un problema que, desgraciadamente, creo que está moito máis presente na sociedade do que pensamos. De feito, é por culpa dos medios de comunicación polo que non nos chegan novas sobre o trema, como se o acoso laboral non tivera grandes consecuencias, tanto económicas e sociais como psicolóxicas, como ben está no post.
    De todos os xeitos, tamén creo que se está a visibilizar máis o problema últimamente grazas a que moitos dos afectados ben a trévense a denunciar ou ben danse de conta de que o son, porque quizais antes veíanse máis normal estas prácticas.
    Con respecto ao machismo no ámbito laboral, que tamén é unha forma de mobbing, penso que é aínda moito mas grave, e hai máis casos de acoso laboral a mulleres que a homes. http://www.publico.es/economia/victima-violencia-machista-victima-precariedad.html
    De feito, recomendo un estudo que analiza o acoso laboral dentro da poboación española do que se poden sacar conclusións moi boas: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5300533

    Gústame

    1. Como ben dis, o acoso laboral afecta de xeito evidente a gran parte da sociedade, directa ou indirectamente e, ao problema que de por sí supón, hai que engadirlle a falta de concienciación imperante sobre o mesmo, traducida nunha actitude tendente a non denunciar, como acontece, por exemplo, con certos casos de violencia machista. Esta actitude ten unha explicación: o medo -totalmente xustificado- a que non pague a pena denunciar pola ausencia de implicación por parte dos que teñen a potestade para arranxar a situación, que adoitan ser as institucións. No caso da USC, por exemplo, existe un protocolo (http://www.usc.es/export9/sites/webinstitucional/gl/web/descargas/PROTOCOLO-DE-ACTUACION-FRONTE-AO-ACOSO-PSICOLOXICO.pdf ) que, segundo expertos como Luis Míguez Macho non resulta efectivo en materia de prevención, concienciación nin protección da vítima.

      Respecto ao labor dos medios de comunicación, responsables tamén da evolución do problema, é certo que hai unha desidia que provoca que non se trate o problema como debera. É curioso que case todas as novas que saíron á luz sobre o tema se publicasen no 2004 ( https://elpais.com/tag/acoso_laboral/a/6 ), ano no que se produciu un “boom informativo e formativo” relacionado co acoso laboral, tal e como comenta Ángeles López Cabarcos na entrevista do noso último post (https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2018/04/16/ma-a-lopez-cabarcos-no-2004-ganouse-unha-batalla-e-perderonse-outras/ ).

      O machismo implica certo acoso e, ao producirse no ámbito laboral, claramente se trata de mobbing. Iñaki Piñuel, un dos psicólogos que máis investigou este tema, fala neste artigo ( http://acosopsicologico.com/moobing-maternal/ ) do acoso psicolóxico existente contra as mulleres embarazadas, unha das tantas manifestacións de misoxinia no ámbito laboral, e reflexa o alcance desta problemática con datos como o de que o 8% das traballadoras acosadas refiren como causa principal de mobbing a súa maternidade.

      O estudo do que falas resulta revelador: afirma que si hai distinción de xénero nos casos de mobbing, tanto pola maior cantidade de vítimas femeninas como polas diferencias entre homes e mulleres ao enfrentarse a un caso dese tipo (unha delas sería que as mulleres solicitan axuda en maior medida, algo que pode significar unha menor estigmatización por parte das mulleres á hora de expresar unha situación de vulnerabilidade). Tamén é curioso que o estudo resalte xustamente as lagoas presentes na xurisdición española, que non conta nin sequera cunha definición propia e adaptada do mobbing.

      Gústame

  3. Paréceme interesante o tema dos protocolos, xa que nun primeiro momento pode dar a impresión de que deberían funcionar, pero como ben dicides, a realidade é completamente outra. É curioso, porque dende a Xunta tamén promoven un (https://www.xunta.gal/prevencion-de-riscos-laborais/protocolo-de-acoso-laboral?langId=es_ES).
    Pola outra banda, a pesar da boa intención que poden ter estes protocolos, opino que non é a forma adecuada de abordar o problema, ademáis de que os resultados non son favorecedores. Penso que o problema é cousa da sociedade e da educación que recibe. Porque este tema redúcese a unha cousa: respecto, e este ten que ser ensinado dende pequeno, por iso creo que o cambio real de tendencia en referencia ao mobbing not vai ser dun día para outro.
    Ademáis, como se está a facer co machismo agora (https://www.elperiodico.com/es/sociedad/20171124/educacion-machismo-violencia-mujeres-se-aprende-6447037), e é que, como dixéramos, ten moito que ver co mobbing, o acoso laboral tamén ten que ser tratado dende pequenos. Isto resultaría moito máis efectivo que calquera protocolo.

    Gústame

    1. Ademais do protocolo da Xunta de Galicia, tamén existe un protocolo nacional e outros protocolos elaborados por sindicatos como UGT (http://www.ugtbalears.com/es/PRL/Psicosociologia/Protocolos/Protocolo%20de%20acoso%20Laboral.pdf ) -no caso deste último, o caderno informativo aporta un enfoque distinto e bastante centrado na prevención de riscos. Non hai que esquecer que os protocolos son recursos que non deixan de depender da aplicación que se lles de e, no caso da Universidade de Santiago de Compostela, nós decatámonos, ao contrastar as distintas visións con varios expertos no tema, que parte dos dereitos e medidas que figuran no documento non se están a cumprir, como sería o compromiso de organizar actos divulgativos e formativos sobre o acoso laboral para sensibilizar á xente, principalmente aos estudantes universitarios, que aínda están en proceso de maduración. Porén, sería preciso educar dende edades moito máis temperás para que directamente non houbese acoso na idade adulta, nin bullying dentro do entorno dos pequenos, que ao fin e o cabo son dúas condutas que presentan numerosas semellanzas, por non dicir que unha conduta é a consecuencia directa da outra, tal como o explica nesta carta ao director unha lectora de elPeriódico (https://www.elperiodico.com/es/entre-todos/participacion/del-acoso-escolar-acoso-laboral-52421) ou esta nova de El País (https://elpais.com/diario/2009/10/15/catalunya/1255568844_850215.html ).

      É evidente a necesidade de educar en base á tolerancia, o respeto e a aceptación das diferenzas sen menospreciar a ninguén, pero aínda queda moito por facer para crear unha conciencia real e comprometida coa loita contra o acoso escolar e o acoso laboral. Con todo, de cando en vez surxen iniciativas como “Atrapados” (http://www.antena3.com/noticias/sociedad/atrapados-iniciativa-bullying-que-pone-piel-victima-acoso-escolar_201711195a11d3c50cf2018c197adf71.html ) que conseguen dar un paso adiante en favor da causa.

      Gústame

Deixa unha resposta a Cecilia Doforno Nóvoa Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s