A información sobre saúde mental

Cabo Vázquez

As enfermidades mentais sempre foron un tema tabú na nosa sociedade.  O feito de sufrir unha foi, historicamente, visto como un motivo de vergoña.  Ninguén quere falar sobre elas e a maioría das persoas non reacciona ata que algún ser querido ou elas mesmas se ven afectadas por unha doenza deste estilo. Porque é así, todos temos posibilidades de sufrir algún tipo de enfermidade mental ao longo da nosa vida. En España, un 9% da poboación sofre algunha e supoñen arredor do 40% das enfermidades crónicas diagnosticadas.

Atopámonos ante un importante problema de saúde pública ante o cal a xente prefire pechar os ollos e rezar por non padecer os síntomas da esquizofrenia, do trastorno de personalidade ou da depresión. Non estamos informados, esa é a realidade. Ben é certo que si existe unha lixeira mellora na información dada polos medios de comunicación e podemos atopar novas que falan sobre os mitos das enfermidades mentais. Porén, son tremendamente escasas e insuficientes. Na sociedade actual seguimos observando os prexuízos que xera, por exemplo, o feito de padecer esquizofrenia.

Isto puidémolo comprobar ao viaxar ata Dodro, na nosa segunda reunión co círculo, despois de escoitar as vivencias de membros con esquizofrenia da Asociación Andaina Pro Saúde Mental. Kiko, un dos participantes no círculo, sinalaba que cando estudaba si sentía esa discriminación, palpable na mirada do resto dos seus compañeiros de clase. Fran, con esquizofrenia dende o seu paso polo exército, quixo destacar a importancia que ten o feito de previr para evitar casos de acoso escolar a nenos que sofren enfermidades mentais. Foi unha palabra que repetiu constantemente no seu discurso, salientando o papel clave dos medios e das escolas no proceso de socialización. E que, á fin e ao cabo, todo se basea na educación recibida. Fran tamén sinalou, ao igual que Kiko, o pouco tempo que se adica nas canles públicas ás persoas coma eles.

Discutimos arredor do tratamento que fai a prensa sobre a saúde mental e chegamos á conclusión de que a información é totalmente insuficiente e está mal dada. “Fálase, pero ata certo punto. Estase a falar moito de fútbol, do Parlamento… Eu enténdoo, pero gustaríame que dunha certa hora a outra existise un espazo para persoas coma nós, para que a xente o vexa e as persoas con enfermidades mentais se sintan apoiadas”, sinalaba Kiko.

É evidente que os medios teñen gran responsabilidade á hora de crear o estigma e os prexuízos que existen contra as persoas con enfermidades mentais. Isto é debido a que a maioría das veces, cando aparece unha nova relacionada con elas é porque alguén realizou un acto violento ou agresivo, como poden ser asasinatos, matanzas ou pelexas. Así nace o mito, esa crenza de que as persoas con esquizofrenia son persoas perigosas e imprevisibles. A realidade é que, segundo datos de 2009 dun estudo publicado pola revista especializada Acta Psychiatrica Scandinavica, só un 5% dos pacientes con esquizofrenia realizou algunha vez un acto violento. Ademais, maioría dos que si se comportaron de forma agresiva xa o fixeran antes de padecer a doenza. Queda claro: a enfermidade mental non te volve agresivo sempre e cando sexa tratada de forma correcta.

“No ámbito da violencia de xénero, por exemplo, cando un home mata a unha muller sempre se di que o fai porque ten unha enfermidade mental e iso non é verdade. Entón é unha información mal dada. O mesmo pasa con persoas que mataron: sempre o relacionan con enfermidades como depresión, esquizofrenia… E iso é mentira. Hoxe en día estades coa vosa medicación, tedes unha vida totalmente normalizada e estades perfectamente”, sinalaba Angy, traballadora da Asociación Andaina, claramente en desacordo e moi crítica co tratamento que realizan os medios.

Fran mostrouse especialmente crítico cos medios, xa que segundo o seu punto de vista dáse unha imaxe demasiado amable dos médicos e de todo o relacionado coas enfermidades mentais na televisión e nos xornais. A prensa non fala de todo o que debería falar, manipula a realidade e non amosa os problemas que realmente teñen as persoas con doenzas mentais. Precisamente, o país español ten moito que mellorar no ámbito da medicina e os servizos dados a estas persoas.  Segundo datos de 2015, España conta con 10,5 psiquiatras por cada 100.000 habitantes. Suíza, por exemplo, ten cinco veces máis e outros como Francia e Alemaña, máis do dobre. Un dato moi pobre, xa que a intervención psicolóxica é tres veces más eficaz que o tratamento que reciben os pacientes habitualmente en atención primaria.

Ao final todo deriva no mesmo, o estigma, limitando aos afectados no alcance das súas metas na vida, implicando peores relacións persoais, tendo menos oportunidades no ámbito laboral e un maior illamento social. Unha discriminación máis grave que a propia doenza, difícil de levar para persoas que teñen abondo co feito de convivir día tras día cunha enfermidade mental. A prensa non axuda, dándolle tremenda importancia aos casos nos que os enfermos actúan de forma agresiva buscando sempre esa morbosidade que atraia máis lectores. Inclusive, como dicía Angy, “os xornalistas vinculan de forma errónea calquera crime ás enfermidades mentais”.  Por non falar de que cada vez que se empregan termos clínicos psiquiátricos son utilizados como adxectivos pexorativos, como relacionar paranoico con desconfiado ou esquizofrénico con incoherente.

Unha realidade ben triste na que o único importante é vender. A solución podería estar nas propostas dos membros do noso círculo, como a creación dun espazo exclusivo nos medios (sexa televisión ou xornais) para dar voz ás persoas con enfermidades mentais coñecendo máis sobre elas e as propias doenzas, evitando así todo tipo de mitos e estereotipos aínda presentes na sociedade. Os medios de comunicación son clave no proceso de socialización e ata o momento están axudando a crear una imaxe prexudicial para todas as persoas con doenzas mentais. Hai que cambialo.

Un comentario en “A información sobre saúde mental

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s