A bicicleta necesita un plan

Martínez Gómez

Palacios Ferreira

O sinistro do pasado xoves no que unha condutora atropelou mortalmente a un ciclista e feriu a outros nove en Calpdepera (Mallorca) volveu a poñer de manifesto os riscos ós que están expostos nas estradas os colectivos máis vulnerables coma os peóns, os motoristas e, por suposto, os ciclistas. O número de accidentes con bicicletas implicadas duplicouse nas vías interurbanas nos últimos anos: pasou de 1.082 no 2009 a 2.303 no 2016. Ese aumento reproduciuse tamén dentro das cidades, incrementándose de 2.387 a 5.849 no mesmo período. Á súa vez, os datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) revelan que máis de 600 ciclistas faleceron na última década nas estradas españolas.

Sin ¡fnjkesfes

Fonte: Elaboración propia con datos do Anuario Estatístico de Accidentes 2016 da DXT
WNTEKJWL
 

Xaime Leiro. Fonte: Elaboración propia

 

No caso da cidade de Santiago, as cifras non son mellores. No 2017, o número de peóns e ciclistas atropelados aumentou nun 70% con respecto á media dos últimos tres anos. Pero, que explica este incremento? Onde se atopa o problema? Segundo Xaime Leiro, xornalista que informa sobre seguridade viaria, o principal obstáculo para artellar o espazo urbano e lograr a convivencia entre vehículo privado, bicicletas e peóns é a falta “dun modelo de cidade, un modelo global que non quede no anecdótico, senón que trate o problema de raíz”. O Pacto Local pola Mobilidade, aprobado en xaneiro do 2016, pretendía ser o eixo a través do que solventar estas carencias viarias e de mobilidade da capital. Pero o certo é que, ata o de agora, o Concello non foi quen de poñer en marcha a maioría das medidas que recolle o plan estratéxico.

As propostas de Composcleta

Na práctica, son as denuncias da sociedade, realizadas sobre todo a través das organizacións sen ánimo de lucro, as que fomentan os cambios e as melloras no plano da seguranza viaria en Santiago de Compostela. É o caso da Asociación Cívica Composcleta, que traballa dende o 2013 na promoción da bicicleta como transporte urbano e que reivindica condicións seguras para os ciclistas, incorporándose como asesor institucional para a toma de decisións normativas e de infraestruturas.

Sin título
 

Nacho Rodríguez. Fonte: Elaboración propia

 

A súa visión da cidade vertébrase sobre dous piares fundamentais: os cambios urbanísticos e as normas de tráfico. Compostela é unha cidade óptima para a bicicleta, pero foise adaptando progresivamente ós turismos e estes foron coméndolle o terreo a outras formas de desprazamento. “En materia de urbanismo é necesario levar a cabo algunha que outra mellora para facela máis favorable a ciclistas e, nalgunhas zonas, tamén a persoas con mobilidade reducida”, afirma Nacho Rodríguez, socio de Composcleta. Dentro de esta nova planificación da capital, tamén se estuda a viabilidade do carril bici, sen esquecer a condición de cidade histórica de Santiago e que non en todas as rúas hai a amplitude necesaria para construílo. “Eu non estou a favor de facer carrís bici de forma xeneralizada en todas as rúas, porque penso que as bicicletas teñen que ir coma un vehículo máis e non invadir o espazo dos viandantes”, apunta Rodríguez. Pola contra, nas vías máis grandes, coma Avenida de Lugo, ou de moita pendente “hai que buscar unha solución, que pode ser un carril bici ou unha beirarrúa compartida”, engade.

Para Jesús Vilariño, director da Autoescola Santa Eulalia, o problema de convivencia coas bicicletas na capital solucionaríase coa implantación en todo o casco urbano do que se denomina Zona 30. “En cidades onde haxa unha velocidade reducida e onde os condutores non a superen non ten por que haber conflitos”, sostén Vilariño. Ademais, a velocidade incide directamente nas causas e consecuencias dos accidentes. “Está estudado. Cando se impón o criterio Cidade 30, o atropelo ten unhas consecuencias mínimas. Polo tanto, isto é o que hai que corrixir nas zonas nas que hai abundancia de peóns nas rúas. Hai que limitar a velocidade. Todo o demais son parches”, afirma o xornalista Xaime Leiro.

Rutas seguras

Dende a DXT púxose en marcha o novo Plan de Rutas Ciclistas Protexidas, que foi anunciado en xullo do 2017 e contempla un total de 138 rutas para condutores de bicicletas, con máis de 4.600 quilómetros de estrada. 12 destas rutas sitúanse en Galicia, repartidas por distintas zonas. Na provincia de A Coruña, ningúns destes percorridos se achegan ó núcleo urbano de Santiago de Compostela.

Iniciando o paseo diante da Porta Faxeira

Fonte: Composcleta

A Asociación Cívica Composcleta pretende, nun futuro próximo, incorporar a esta rede novos trazados que discorran polo casco histórico da capital. Aínda que actualmente non teñen ningún deseño sobre o papel, o obxectivo é “crear unha ou varias rutas en Santiago seguindo o exemplo doutras cidades españolas”, afirma Nacho Rodríguez. Un dos modelos a seguir é o de Zaragoza, que ofrece ós ciclistas unha gran seguridade á hora de desprazarse dentro da urbe. No seu blog, Composcleta comparte información sobre traxectos que realizan o primeiro domingo de cada mes como actividade lúdica e de concienciación. Nelas, participan ciclistas e moitos nenos. Este tipo de rutas poden servir como patrón para conseguir un deseño máis formal e obter como resultado unha maior seguridade na capital galega.

20170507DomingoenBICI
 

Fonte: Composcleta

 

Estas rutas pasan por case todos os puntos de Compostela, centrándose máis nunhas zonas ou noutras, pero percorrendo toda a cidade. Un exemplo disto é a que partiu da Alameda e que rematou na rúa Escultor Camilo Otero, pasando por zonas coma Sar, Restollal ou Pontepedriña. As asociacións de veciños destes lugares foron explicando ós ciclistas os problemas que lles afectaban. Así mesmo, a última ruta que se realizou transitou por boa parte da cidade, e pasou por numerosos centros educativos, punto importante e que se debe ter en conta á hora de trazar percorridos seguros para os ciclistas.

 

20171203PercorridoDomingoenBICI
Fonte: Composcleta

Que poden facer os xornalistas?

Os medios de comunicación son un actor indispensable para que se produza un cambio social en materia de seguridade viaria e, como tal, deben ir máis alá da simple tarefa de informar. Isto é algo que non ocorre a miúdo. As novas que se publican limítanse a reproducir os datos oficiais, dos que poucas veces se pode extraer algunha aprendizaxe.

No caso das informacións sobre ciclistas, organizacións coma Composcleta denuncian que na maioría das novas se produce unha culpabilización da vítima e se buscan escusas para xustificar o comportamento dos condutores. “É responsabilidade dos medios ofrecer información obxectiva e, polo menos en temas controvertidos coma este, dar as dúas versións dos feitos”, afirma Nacho Rodríguez, integrante desta asociación. A nova de El País é un claro exemplo dos moitos que se poden atopar. Nela responsabilízase dos atropelos ó colectivo que os sofre, atendendo simplemente ás consecuencias e non ás causas do mesmo.

Pero tamén hai excepcións. A recente aprobación da luz intermitente nas bicicletas é un caso paradigmático. A denuncia nos medios por parte dun ciclista acendeu un debate que provocou incluso a rectificación da DXT. “Isto demostra o poder que teñen os medios. Se non se producira esa denuncia, ti cres que se ía normalizar? Non”, sentencia Jesús Vilariño, de Santa Eulalia.

Por iso, é necesario que os medios se sitúen como mediadores, exercendo presión para que as demandas dos colectivos ciclistas se inclúan na axenda política. Dous anos despois da aprobación do Pacto Local e, a pesar das boas intencións iniciais, os prometidos cambios non chegaron e a situación da bicicleta na cidade segue sendo precaria. Precísase da aplicación de moitas medidas para recuperar o tempo perdido.

BIBLIOGRAFÍA:

COMPOSCLETA. Quen somos? Asociación Cívica Composcleta. Recuperado de http://www.composcleta.org/

COMPOSCLETA. (2017). Promoción de la bicicleta como medio de transporte humano. Blog. Asociación Cívica Composcleta. Recuperado de http://composcleta.blogspot.com.es/

CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA. (2016). Pacto Local pola Mobilidade. Santiago de Compostela. Recuperado de http://santiagodecompostela.gal/imxd/noticias/doc/1482927763Pacto_local_pola_mobilidade_sostible.pdf

DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO. (2016). Anuario estadístico de accidentes 2016. Ministerio do Interior. DXT. Recuperado de http://www.dgt.es/Galerias/seguridad-vial/estadisticas-e-indicadores/publicaciones/anuario-estadistico-de-accidentes/Anuario-accidentes-2016.pdf

DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO. (2017). Rutas ciclistas protegidas 2017. Ministerio do Interior. DXT. Recuperado de http://www.dgt.es/Galerias/el-trafico/rutas-ciclistas-seguras/2018/Rutas-ciclistas-protegidas-23-02-2018.pdf

EL CORREO GALLEGO. (2018, 2 de Marzo). Compostela denuncia un aumento do 70% dos atropelos en Santiago. El Correo Gallego. Recuperado de http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/composcleta-denuncia-un-aumento-do-70-dos-atropelos-santiago/idEdicion-2018-03-02/idNoticia-1102695/

EL MUNDO. (2018, 5 de Abril). Un coche de gran cilindrada arrolla a un grupo de ciclistas en Capdepera. El Mundo. Recuperado de http://www.elmundo.es/baleares/2018/04/05/5ac5f89046163f15128b457e.html

EL PAÍS. (2013, 19 de Novembro). La mitad de los ciclistas muertos no llevaba casco. El País. Recuperado de https://politica.elpais.com/politica/2013/11/19/actualidad/1384884989_464502.html

EUROPA PRESS. (2018, 6 de Marzo). Serrano (DGT) firma una instrucción para aclarar que las bicis pueden llevar luces intermitentes si no deslumbran. Europa Press. Recuperado de http://www.europapress.es/sociedad/noticia-serrano-dgt-firma-instruccion-aclarar-bicis-pueden-llevar-luces-intermitentes-si-no-deslumbran-20180306183655.html

ZARAGOZA EN BICI. (2018). Tu ruta segura. Zaragoza en bici. Recuperado de https://zaragozaenbici.es/ruta-segura/

6 comentarios en “A bicicleta necesita un plan

  1. Cristóbal Lauda Durán – Mobilidade.
    A bicicleta é un medio de transporte que debería usarse máis, debido ás súas múltiples vantaxes; non contamina, é un medio de transporte económico e bo para a saúde. A pesar de todo isto, España é un dos países europeos que menos utiliza a bicicleta, con Dinamarca e os Países Baixos en cabeza ( http://www.europapress.es/sociedad/noticia-dia-mundial-bicicleta-uso-bicicleta-espana-europa-20160419113858.html ). Cremos que a razón principal para o uso reducido que se fai deste medio é o medo ao tráfico, algo que se solucionaría cunha mellor educación viaria, tanto a transeúntes como a condutores. A formación en centros de ensinanza secundaria podería ser unha boa idea, ademais de aumentar a formación en autoescolas.
    En canto ao carril bici, parécenos unha boa idea ata certo punto. En Sevilla funcionou moi ben e converteuse na cidade española máis segura para ir en bicicleta, un modelo que queren copiar en EEUU (http://elcorreoweb.es/sevilla/nueva-york-quiere-importar-el-modelo-de-bicicletas-de-sevilla-YB4065166 ). Porén, hai moitos ciclistas que non queren carril bici xa que a maioría están mal feitos e poñen en perigo a ciclistas, condutores e viandantes (https://www.ciclosfera.com/nueve-cosas-odian-ciclistas-urbanos/).
    Outro asunto que nos gustaría comentar é a volta do aluguer de bicicletas públicas a Santiago (https://www.ciclosfera.com/bicicleta-publica-santiago-de-compostela/ ). Estimamos que é una boa idea pero que se debería promocionar o seu uso en lugar do vehículo particular sobre todo no verán, cando fai bo tempo.

    Gústame

  2. Cristóbal, coincido contigo en que a bicicleta é un medio de transporte que deberiamos ter máis en conta, por todas as vantaxes que xa ti mesmo comentaches. O seu uso é moi reducido en España, precisamente, pola falta de seguridade. Se, en xeral, a educación viaria fose mellor, os condutores circularían con moito máis cuidado e os ciclistas non estarían sometidos a tantos perigos nin sentirían un temor constante. Respecto á noticia que compartiches, é certo que nalgúns países teñen moito máis normalizado o uso da bicicleta, como en Holanda ou nos países do norte de Europa. Isto débese á formación que alí teñen sobre este tema, moito máis ampla que en España. O modelo por excelencia é Suecia, país no que hai menos falecidos por accidentes de tráfico, tal e como observamos nesta notica: https://elpais.com/internacional/2014/03/14/actualidad/1394801691_932977.html. Cres que, nun futuro, España chegará ao nivel no que se atopa Suecia actualmente?
    O tema do carril bici pode ser viable nalgúns puntos, mais non en todos. Está ben implantalos en certas zonas moi concretas, porén, o ideal sería unha convivencia o suficientemente boa entre vehículos, ciclistas, peóns, etc., para que todos puidesen sentirse seguros á hora de circular ou camiñar polas rúas. Unha boa solución podería ser implantar zonas 30 nos centros das cidades, que evitarían moitos accidentes. Que opinas desta medida?
    Por último, creo que a implantación do aluguer de bicicletas públicas na cidade de Santiago pode ser unha moi boa opción, pero debe facerse ben. Primeiro, habería que realizar unha boa promoción desto, para que a xente se enterase e se animase a facer uso das mesmas. Tamén é importante pensar moi ben nas zonas nas que se poderían colocar, para que este servizo non fracase. Investigando atopei unha noticia na que se fala de destrozos a bicicletas públicas e de aluguer en Granada por parte dos usuarios, ademais de roubos das mesmas: http://www.granadahoy.com/granada/bicicletas-alquiler-destrozos-lanzamientos-Genil_0_1196580661.html Cres que esto tamén se debe á falta de concienciación cidadá? Creo que a educación viaria é moi necesaria para evitar este tipo de incidentes e tamén para que os concellos se animen a implantar os alugueres de bicicletas, que nos beneficiaría a todos.

    Gústame

    1. Creo que o feito de que Suecia sexa o país con menos accidentes de tráfico está directamente vinculado ao gran compromiso que teñen coa seguridade viaria. A chamada “Visión Cero”, resúltanos moi interesante e o seu lema “ningunha morte por accidente de tráfico é moralmente aceptable” é algo que moita xente debería ter presente. Neste vídeo se explica todo: https://www.youtube.com/watch?v=PdSpzj2RDvo. Creo que o problema principal é a falta de preocupación da cidadanía sobre este tema, a pesar de lanzar campañas de concienciación, como por exemplo esta de Ponle Freno http://compromiso.atresmedia.com/ponlefreno/campanas/ciclistas/ponle-freno-lanza-una-nueva-campana-ante-la-necesidad-de-extremar-precauciones-entre-ciclistas-y-conductores_20170517591c0c180cf285e33517f131.html. Ditas campañas non teñen a repercusión suficiente. O pasado 2017 faleceron 44 ciclistas nas estradas, fronte ás 33 vítimas de 2016 (http://www.dgt.es/Galerias/prensa/2018/01/Presentacion-balance-siniestralidad-2017-completo..pdf).
      A proposta da implantación da Zona 30 é moi boa opción, non só para previr accidentes, senón tamén para que a poboación deixe de usar o vehículo particular e se decante polo transporte urbano. Pontevedra foi a primeira cidade galega en poñer en marcha as Zonas 30, e recibiu o premio internacional Cidades que Camiñan por iso (http://www.ciudadesquecaminan.org/premios/).
      Granada non é a única cidade con problemas de vandalismo nas súas bicicletas públicas. O concello de Madrid vai incorporar un millar de velocípedes debido aos roubos e ataques que hai dende o 2010 (http://www.lasexta.com/noticias/sociedad/vandalismo-ahoga-servicios-bicicletas-publicas-ciudades-espanolas_201508125724aa6b4beb28d44600c850.html ). Isto non cremos que sexa unha cuestión de seguridade viaria, é unha falta grave de comportamento cívico. Poderíase solucionar poñendo algún tipo de vixilancia nos puntos de aluguer e multar aos que cometan este tipo de actos.

      Gústame

      1. A “Visión Cero” paréceme unha idea moi a ter en conta e que perfectamente se podería e debería aplicar aquí en España, para poder reducir o número de mortes por sinistros viarios a cero. Por outra banda, as campañas como “Ponle Freno” quizais deberían enfocarse doutro xeito e ser máis impactantes. A DXT lanzou fai pouco unha campaña que si considero que impresiona bastante e que pode funcionar: http://revista.dgt.es/es/multimedia/video/2018/03MARZO/0320el-hombre-de-cristal.shtml#.Wti7MIhubIU Creo que, como ti dis, a cuestión está na concienciación das persoas. Porén, para chegar a isto, pódese empezar dende os medios de comunicación, que teñen precisamente ese poder para informar e formar a toda a sociedade.
        Respecto ás zonas 30, é certo que son unha boa idea e que Pontevedra é un bo modelo disto. En Santiago estanse a implantar xa algunhas zonas 30 incluso 20 pola zona do ensanche, co cal é un avance para a seguridade viaria da cidade, sobre todo para os ciclistas e os peóns, que normalmente transitan estes lugares de Compostela.
        Finalmente, en canto ao tema do vandalismo, é certo que non ten unha relación directa coa seguridade viaria, mais ao fin e ao cabo ambos problemas se solucionan con educación e reeducación, un inflúe ao outro e viceversa. Volvendo ao xa dito, o modelo sueco poderíase aplicar aquí, para así conseguir este obxectivo de concienciar á sociedade. Por último, mencionar que hoxe en Barcelona celebrouse o día Mundial da Bicicleta, co motivo de promover o seu uso, o cal me parece unha boa idea para fomentar o emprego deste medio de transporte de xeito máis habitual, o cal disfruta de múltiples vantaxes: https://www.elperiodico.com/es/motor/noticias/actualidad/movilidad/barcelona-celebra-el-dia-mundial-de-la-bicicleta-6769634.

        Gústame

Deixa unha resposta a Mónica Palacios Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s