Pódense defender os dereitos animais sen ser antiespecista?

Vidal Fiuza

No anterior post, contactaramos cunha activista polos dereitos dos animais chamada Lucía Cebreiro para falar dos mitos veganos e tamén para tratar de explicar de que se trata o antiespecismo. Deste xeito, puidemos concluír que o especismo é a tendencia de tratar aos animais coma se fosen inferiores só por motivos de intelixencia, crendo que isto danos razóns para poder explotalos. Por outra banda, tamén vimos que hai persoas que teñen estas capacidades propias dos seres humanos reducidas por diversos motivos, e que por isto non os excluímos como facemos co resto de seres vivos. O antiespecismo é a corrente que se enfronta a estas ideas e defende que todos os seres vivos temos os mesmos dereitos e somos iguais, polo que non hai xustificación pola cal os humanos poidamos pornos por enriba do resto.

A parte de concretar que é o antiespecismo, tamén nos adentráramos tema do veganismo, tratando de desmentir os mitos máis comúns: en realidade, utilízanse máis recursos para producir un quilogramo de carne que un de verduras, as dietas veganas si son sanas e non teñen por qué ser máis caras que as omnívoras… Ademáis, os medios de comunicación non dan a cobertura necesaria ao antiespecismo e non tratan en profundidade o tema animal.

En contrapartida a todo isto, Carme Seoane, Jonatan Barral e Óscar Moure, integrantes do círculo, non comparten de todo este ideal antiespecista: todos están de acordo en que hai que facer unha clara diferenciación entre ecoloxistas e animalistas. Carme exemplifica cos gatos: “os gatos son un gran problema porque exterminan un montón de especies, por iso hai que controlalos”. Jonatan apunta que, neste caso, os ecoloxistas si defenderían un control de poboación, por exemplo, para manter o equilibro no ecosistema, mentres que os animalistas, amparándose na liberdade animal, non intervirían. Jonatan, que é posuidor dun can guía, non cre que estes animais, cando teñen a función de axudar aos seres humanos, estén explotados. É máis, hai moitas tarefas que só poden desempeñar eles: “a ver como sacaríamos a un rapaz de debaixo de dous metros de materiais sen o olfacto dun can”, afirma.

Óscar comenta que as ideas dos antiespecistas e animalistas non son malas, pero que a forma de levalas á práctica non é adecuada. Baseándose na experiencia persoal, non cre que as protectoras caninas deban recoller aos cans soltos de maneira gratuíta, porque desta forma os organismos públicos despreocúpanse: “se agora eu comezo a cobrarlle ao concello cada can que recollo, eles preocuparíanse de facer un censo de todos os animais domésticos e habería multas máis severas. Esta é a forma de que descenda de verdade o abandono, pero como lle dis ti a unha asociación animalista que pare de recoller cans?”.

DSC_0130
Óscar Moure, adestrador e criador

Con respecto do veganismo, ningún dos membros defende esta corrente, pero si que coinciden en que hay que transformar a industria cárnica. “Hai que aceptar que existen animais que son para comer, pero por suposto que hai que evitar un sofremento innecesario nos animais”, apunta Carme. Pola súa parte, Óscar tamén coincide: “temos que procurar que no seu tempo de vida ata que son sacrificados, os animais vivan o mellor posible”. De todos os xeitos, a veterinaria tamén aproveita para criticar a todos eses veganos que queren trasladar a súa dieta ás súas mascotas: “a nosa clínica teñennos chegado gatos enfermos porque non comen o que deben. O gato é estritamente carnívoro. Non son coma os cans, que son omnívoros”. Ademais, como adestrador, puntualiza que moitas veces recibe críticas porque os seus adestramentos non son “positivos”, como moitas empresas fan agora: “eu sei como teño que facer meu traballo. A un can non lle vai quedar trauma porque lle digas que non”. Jonatan, neste tema, engade que “aos nenos decímolles que non. Cos cans ten que ser o mesmo”.

Por último, tamén se tratou o tema dos medios de comunicación, aínda que eles teñen unha opinión algo diferente á exposta no anterior post. Con motivo do recente accidente do camión que transportaba elefantes de circo, Jonatan botaba en falta que, debido quizáis á procura do sensacionalismo, as noticias non estiveran tan ben enfocadas como deberían: “xa sabemos que un dos elefantes faleceu pero, que causou o accidente? Como se atopa o condutor?”. Aproveitando o tema, Óscar afirma que o problema non é precisamente o uso de animais nos circos, senón que sexan animais salvaxes, sacados do seu hábitat natural, os que se utilicen. Se os espectáculos fosen con cans como os da policía, di Jonatan, non habería ningún problema.

En resumo, pode existir unha defensa dos dereitos animais tamén válida sen considerarse antiespecista ou animalista. Sempre vai haber conflito, pero hai argumentos para todos os gustos. De todos os xeitos, todos os membros do círculo coinciden en que hai que mudar as cousas, tanto como pode ser na industria cárnica como no exemplo dos circos, pero que moitas veces unha defensa cega destes dereitos pode ter consecuencias aínda peores.

2 comentarios en “Pódense defender os dereitos animais sen ser antiespecista?

  1. A corrixir:
    – 1º parágrafo
    “anterior post, contactaramos” (gralla de acentuación, a 4ª persoa do pluscuamperfecto é grave)
    “puidemos concluír” (gralla de acentuación)
    “coma se fosen” (empregar a forma correcta do imperfecto de subxuntivo do verbo ‘ser’)
    Repítese na mesma oración ‘seres humanos’
    – 2º parágrafo
    “tamén nos adentramos” (pronome proclítico)
    – 3º parágrafo
    “que só poden” (gralla de acentuación)
    ‘Escombro’ ten outro significado en galego
    – 4º parágrafo
    “de maneira gratuíta” (gralla de acentuación)
    – 5º parágrafo
    “a nós á clínica téñennos chegado” (gralla de acentuación; pronome enclítico; gralla de redacción)
    – 6º parágrafo
    “os espectáculos fosen con” (empregar a forma correcta do imperfecto de subxuntivo do verbo ‘ser’)
    ‘Inconvinte’ non é a forma correcta en galego
    – 7º parágrafo
    “sen considerarse antiespecista” (gralla de redacción)
    “en que hai que” (gralla de redacción)

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s