A realidade das mulleres nos medios de comunicación

VILLAVERDE BASTEIRO

O pasado oito de maio, miles de mulleres xornalistas secundaban a folga feminista e uníanse na lectura dun manifesto lanzado días antes coas reivindicacións das profesionais dos medios de comunicación. Entre as denuncias destacaban a brecha salarial, a dificultade de acceso aos postos de poder e o acoso sexual e laboral. Todo isto nunha profesión altamente feminizada, pero na que non se reflicte a representación das mulleres nos postos de responsabilidade. Sobre esta situación falamos con Gemma Malvido, xornalista de La Opinión de A Coruña, Marcos Mosquera, xefe de redacción do mesmo medio e Andrea Pérez, xornalista de La Voz de Galicia.

circi
Reunión con Marcos Mosquera e Andrea Pérez. Fonte: elaboración propia

“Reivindicamos o noso dereito a ocupar postos de poder e responsabilidade”. Así se impulsaba a loita por romper o teito de cristal da profesión no manifesto do 8M, unha situación que se ve reflectida no feito de que hai o dobre de homes que de mulleres en postos directivos dos medios, tal e como se recolle no “Informe Anual da Profesión Xornalística” de 2017. Esta realidade, que se impón tamén, aínda que en menor medida, no número de traballadores con contratos indefinidos, explícase pola antigüidade, pois máis do 40% dos xornalistas contratados contan cun mínimo de 15 anos de experiencia nas empresas. Como di Andrea Pérez, os vínculos creados nos medios tradicionais favorecen a promoción dos homes.

Isto está directamente relacionado coa brecha salarial. Ao estaren os postos directivos masculinizados, perciben salarios maiores e desequilibran a balanza, pois as mulleres ocuparán maioritariamente postos inferiores, nos que practicamente hai paridade. A desigualdade que se impón é a relativa aos postos de responsabilidade, xa que, en palabras de Marcos Mosquera “os salarios van por convenio, igualándose por abaixo”, descartándose así unha discriminación das mulleres cando ocupan os mesmos postos que os homes, polo menos en prensa e radio. É importante facer esta diferenciación, pois na televisión vívese unha situación diferente, ao seren os propios xornalistas os que negocian os contratos, e valorándose factores que van máis aló das aptitudes laborais.

Por outra banda, e en contraposición aos postos de responsabilidade nas empresas, a profesión, a nivel de titulados, preséntase maioritariamente feminina. Estes datos inflúen notablemente á hora de contabilizar o paro, pois ao haber máis mulleres licenciadas en Xornalismo, por cuestións simplemente numéricas, tamén encabezarán as listas de desemprego. Sobre isto, Gemma Malvido considera que outro factor a ter en conta é que os medios buscan caras diferentes, polo que, nalgúns casos, os homes acceden a postos diante de mulleres que están máis preparadas para aportar diversidade.

A televisión: unha perspectiva diferente no trato feminino

Ao ser un medio audiovisual, a televisión pretende manter uns determinados patróns estéticos, para o que se buscan perfís femininos que entren nas marxes que se impoñen. O que se consegue é que se creen uns estereotipos das mulleres, en ocasións ligados á sexualización da súa figura, e que provocan a perda de credibilidade, o que afecta ao seu percorrido laboral. Ao anterior, engádese que a opinión feminina é mínima en faladoiros, debates e espazos de opinión, atentando todo isto contra a Lei de igualdade efectiva entre mulleres e homes, que dispón que “todos os medios de comunicación respectarán a igualdade entre mulleres e homes, evitando calquera forma de discriminación”, e que nos medios de titularidade pública incide na transmisión dunha imaxe “igualitaria, plural e non estereotipada”.

Hai que ter en conta, ademais, o trato que, en ocasións, reciben as xornalistas ao desenvolver o seu traballo. Os casos máis destacados remiten a mulleres que se especializan en ámbitos con tradición masculina e nos que sofren machismo e menosprezo do seu traballo. Situacións que se dan arredor do mundo, a máis recente en Brasil, onde se iniciou o movemento #DeixaElaTrabalhar, pedindo ser respectadas ao exercer o seu oficio, despois de diversos casos de acoso sufridos por reporteiras deportivas. Mais España non é unha excepción e tamén se pode observar machismo en entrevistas e reportaxes, o que para Gemma Malvido resulta desesperanzador e defende que se deben identificar os casos e protestar, pois a dignidade vai por enriba do salario.

A dixitalización en relación coa igualdade

Coas plataformas dixitais de información, aparecen novas posibilidades de ascenso das mulleres. O que parecía un futuro, xa é un presente, e neste novo ámbito cobran importancia as competencias dixitais dos xornalistas, polo que as mulleres xa comezan a alcanzar postos cunha maior responsabilidade editorial. Porén, a remuneración non é paralela á que se recibe en medios convencionais por desenvolver un traballo semellante, mais son o nicho do mercado laboral no que se producen os maiores avances na loita pola igualdade entre homes e mulleres nos medios de comunicación. O número de mulleres con cargos de responsabilidade neste ámbito triplica o dos medios convencionais, pois, como apunta Gemma Malvido, “é unha competición en igualdade de condicións”.

BIBLIOGRAFÍA:

(2007). Ley Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para la igualdad efectiva de mujeres y hombres. Boletín Oficial del Estado. Madrid: 23 de marzo. Recuperado de: https://www.boe.es/boe/dias/2007/03/23/pdfs/A12611-12645.pdf

De-Miguel, Roberto; Hanitzsch, Thomas; Parratt, Sonia e Berganza, Rosa (2017). Mujeres periodistas en España: Análisis de las características sociodemográficas y de la brecha de género, en El profesional de la información. Nº3. P.497-506. Recuperado de: https://recyt.fecyt.es/index.php/EPI/article/view/58736

Diario Crítico (7 de marzo de 2018). La FAPE denuncia la ausencia de mujeres al frente de los medios de comunicación. Diariocrítico. Recuperado de: https://www.diariocritico.com/nacional/fape-denuncia-ausencia-mujeres-liderazgo-medios-de-comunicacion-huelga-8-m

Espectador, El. (30 de marzo de 2018). Periodistas brasileñas contra el acoso: “Soy reportera, soy mujer y merezco ser respetada”. El Espectador. Recuperado de: https://www.elespectador.com/entretenimiento/medios/periodistas-brasilenas-contra-el-acoso-soy-reportera-soy-mujer-y-merezco-ser-respetada-articulo-747411

Europa Press (5 de marzo de 2018). La FAPE y la APM se suman al movimiento de #LasPeriodistasParamos en defensa de los derechos de la mujer. Epsocial.es. Recuperado de: www.europapress.es/epsocial/igualdad/noticia-fape-apm-suman-movimiento-lasperiodistasparamos-defensa-derechos-mujer-20180305164235.html

González Romero, Claudia (12 de abril de 2018). Cinco errores machistas que suelen cometer los periodistas. Lavozdelsur.es. Recuperado de: https://www.lavozdelsur.es/cinco-errores-machistas-que-suelen-cometer-periodistas

Nacional, El (7 de marzo de 2018). Las mujeres periodistas denuncian acoso y piden más presencia a las tertulias. Elnacional.cat. Recuperado de: https://www.elnacional.cat/es/sociedad/mujeres-periodistas-acoso-manifiesto_245784_102.html

PR Noticias (30 de enero de 2018). ¿Existe brecha salarial en el periodismo? Prnoticias. Recuperado de: https://prnoticias.com/periodismo/periodismo-pr/20167083-brecha-salarial-periodismo

Sexta, La (8 de marzo de 2018). Miles de mujeres periodistas paran en la huelga feminista 8M: “Los espacios de opinión y tertulia están masculinizados”. Lasexta.com. Recuperado de: http://www.lasexta.com/noticias/sociedad/miles-de-mujeres-periodistas-paran-en-la-huelga-feminista-8m-los-espacios-de-opinion-y-tertulia-estan-masculinizados_201803085aa14e6c0cf23f53ffbe0982.html

Sexta, La (22 de marzo de 2018). Habla la periodista que sufrió la respuesta machista de Muntari: “Debería contestar igual a mujeres y a hombres”. Lasexta.com. Recuperado de: http://www.lasexta.com/noticias/deportes/futbol/habla-la-periodista-que-sufrio-la-respuesta-machista-de-muntari-deberia-contestar-igual-a-mujeres-que-a-hombres_201803225ab3d2c10cf208bc13d6e48c.html

VV.AA. (2018). Más de 8.000 mujeres firman nuestro manifiesto para el 8M. Las periodistas paramos. Recuperado de: https://lasperiodistasparamos.wordpress.com/

5 comentarios en “A realidade das mulleres nos medios de comunicación

  1. PRADA NÚÑEZ
    É un tema moi interesante o que se trata neste post, ademáis de porque esta situación afecta a miles de xornalistas no noso país, porque conta con tres fontes que dan unha visión interna da profesión e deste problema.
    Respecto ao punto que se centra na televisión, é interesante analizar o tema do que se lle chama “mulleres floreiro”. Como ben se fala neste post, na televisión búscase un perfil determinado, e no caso das mulleres é un perfil totalmente sexualizado. Un claro exemplo de muller floreiro é o do programa de Antena 3 “La ruleta de la suerte”. Na actualidade é Laura Moure a que lle da volta ás letras nos paneis deste programa, pero as mulleres que pasaron por ese programa facían o mesmo traballo exactamente. Todas esas mulleres cun perfil determinado, xoven, delgada, guapa… que o que fai é darlle a volta ás letras e bailar as cancións que resolven nos paneis.
    Por outra banda, no caso de mulleres que se especializan en ámbitos que tradicionalmente estaban cubertos por homes, xeralmente mesmo os espectadores trátanas como se non souberan do tema ou desprestíxianas. Un claro exemplo disto foi o caso de Sara Carbonero no mundial de fútbol de Sudáfrica, que por dar respostas cortas sobre o campo a Manu Carreño (que sempre lle contestaba con un Gracias Sara), esa coletilla covertiuse en TT na rede social Twitter.

    – (2014, 19 de decembro). Laura Moure, el nuevo fichaje de ‘La Ruleta’: una mujer de videojuego. Vertele. Recuperado de http://vertele.eldiario.es/verteletv/actualidad/Laura-Moure-fichaje-Ruleta-videojuego_0_1639636048.html

    – Jabonero, D. (2012, 19 de xuño). “Gracias Sara”: la red se mofa de Carbonero. Vanitatis. Recuperado de https://www.vanitatis.elconfidencial.com/noticias/2012-06-19/gracias-sara-la-red-se-mofa-de-carbonero_254478/

    Gústame

    1. Está claro que hai uns criterios estéticos no ámbito televisivo, no que, como destacas, a muller queda reducida a un simple “floreiro”. É por iso polo que tamén se dificulta a súa labor, pois unha vez se achegan aos 40, deixan de ter interese para a cadea; é dicir, prima a estética sobre a calidade a nivel laboral.
      De aí que se continúe nunha situación de desigualdade na televisión. Hai homes con diversidade de perfís, e o feito de que se fagan maiores apórtalles máis credibilidade, ao teren unha maior experiencia no sector. No caso das mulleres, a situación é a contraria, non se aportan mulleres de diferentes medidas ou idades, pois, como comentaba Marcos Mosquera nunha reunión co noso grupo, as canas que fan interesantes aos homes ás mulleres fanas vellas. E unha muller maior, independentemente das súas capacidades, ou simplemente deixa de traballar, ou queda relegada a programas cun público de maior idade.
      Mais esta situación repítese na maioría dos ámbitos audiovisuais, como son o cine e a publicidade. En cine, por exemplo, ademais de que a súa presenza é escasa, a imaxe hipersexualizada da muller segue presente e con ela, polo tanto, a mentalidade de que importa mais unha figura provocativa para atraer ao público que as dotes artísticas.
      Coa actual concienciación sobre a discriminación á que están sometidas as mulleres, semella necesario que acaden postos de responsabilidade nos medios. Pode ser a maneira de rematar con esas costumes de antano, dando unha imaxe completamente nova da muller no audiovisual e valorándose as súas capacidades, non a súa imaxe. Quizais non se consiga un cambio tan drástico en pouco tempo, mais con dedicación e coa axuda do compromiso social que hai hoxe coa busca da igualdade entre homes e mulleres, pode crearse un futuro máis esperanzador para as mulleres.

      BIBLIOGRAFÍA:
      Redacción (8 de febreiro de 2018). Mujeres que hacen activismo machista. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/cultura/cine/Laura-Mulvey-mujer-trozo-carne_0_654434689.html
      Zas Marcos (15 de xuño de 2017). La teoría que explica por qué Hollywood trata a la mujer como un trozo de carne. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/zonacritica/barbijaputa-maria_jamardo-activismo_machista_6_738136201.html

      Gústame

      1. Un claro caso onde se pode observar esa diferencia de idade e perfil que interesa de cada xénero é a publicidade. Fixándonos sobre todo en anuncios de colonias, nalgúns que saen parellas, o home é moito maior que a muller. Outro exemplo tamén é o de Nespresso, onde sempre adoita saír George Clooney, un home relativamente maior, sen un físico escultórico e co pelo cheo de canas. Iso por non falar dos anuncios que fan as mulleres e fan os homes. As mulleres adoitan facer publicidade de produtos de limpeza e similares, mentres os homes fan anuncios de negocios, de deporte, etc. En “enfemenino” analizan publicidade sexista de diferentes anos: https://www.enfemenino.com/feminismo/publicidad-sexista-s2045119.html
        De cara ao futuro é certo que se debe seguir coa concienciación, pero non concienciación para quedar ben, concienciación real. O machismo está estigmatizado na sociedade e débense saber diferenciar comportamentos que son machistas e comportamentos que non o son. En Eldiario.es fixéronlle unha entrevista a “Barbijaputa”, columnista e twittera, a cal presentou o seu libro “Machismo: ocho pasos para quitártelo de encima”: https://www.eldiario.es/cultura/entrevistas/Barbijaputa-libro-conciencia-feminista_0_610339688.html
        -González, C. Publicidad sexista: anuncios de antes y ahora que no te dejarán indiferente. Enfemenino. Recuperado de https://www.enfemenino.com/feminismo/publicidad-sexista-s2045119.html
        -Zas Marcos, M (2017, 12 de febrero). “Yo también fui una machirula y otras mujeres despertaron mi conciencia feminista”. Eldiario.es. Recuperado de https://www.eldiario.es/cultura/entrevistas/Barbijaputa-libro-conciencia-feminista_0_610339688.html

        Gústame

        1. Sen dúbida algunha, a publicidade é un dos soportes que máis se vencellou ao machismo dende os seus comezos. A muller é tratada coma un obxecto que, en moitos casos, posuída por un home, submisa. Esa era a cara que amosaba a publicidade, mais, recentemente, ao haber unha maior implicación na causa feminista e na rotura da desigualdade entre mulleres e homes, parece que se vai evolucionando.
          Porén, se ben xa non hai unha parte masiva da publicidade de corte machista, aínda se pode observar de maneira máis disimulada; hai que prestar máis atención, mais existe. Como ben comentas, séguese asociando a imaxe da muller ao coidado do fogar e non se presentan todos os perfís de mulleres, cando si ocorre no caso dos homes. É por iso que o Club de Creativos lanzou o proxecto “Over”, que pretende rachar coa imaxe secundaria e incluso asociada a “clichés” sexuais da muller na publicidade.
          É importante coidar o ámbito publicitario, pois son técnicas e recursos de persuasión das persoas. E, se afondamos máis, tamén é unha ferramenta de transmisión ideolóxica, inflúe amplamente no pensamento social sobre determinados temas, impón patróns a seguir; é un obxecto cunha transcendencia social enorme. Polo tanto, se se difunden contidos que menosprezan á muller, directa ou indirectamente, haberá sectores da sociedade que se vexan influenciados e que tamén o fagan.
          Mais, se valoramos isto, a publicidade é un medio que pode ser enormemente eficaz á hora de inculcarlle á poboación o respecto e a igualdade real entre homes e mulleres. É unha das ferramentas esenciais no cambio de mentalidade da poboación e tería impacto en todos os medios, especialmente nos audiovisuais, que é onde máis discriminación se contempla. Hai que coñecer cales son os recursos óptimos na loita pola igualdade e empregalos de forma masiva, e a publicidade é un deles.

          BIBLIOGRAFÍA:
          Redacción (24 de marzo de 2018). El c de c quiere acabar con los estereotipos de la mujer en publicidad con OVER. Marketingdirecto.com. Recuperado de: https://www.marketingdirecto.com/marketing-general/publicidad/el-c-de-c-quiere-acabar-con-los-estereotipos-de-la-mujer-en-publicidad-con-over
          Redacción (28 de febreiro de 2017). Publicidad y mujer, ¿realmente ha cambiado algo? Prnoticias. Recuperado de: https://prnoticias.com/comunicacion/20160703-publicidad-y-mujer
          Walzer, Alejandra e Lomas, Carlos (2005). Mujeres y publicidad: del consumo de objetos a objetos del consumo. Mujeres en Red. Recuperado de: http://www.mujeresenred.net/spip.php?article694

          Gústame

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.