A saúde mental no cinema

Casteleiro Suárez

O cinema é un medio de comunicación masivo. Debido ás imaxes e ó son, conta cunha riqueza narrativa capaz de provocar no público un impacto comunicacional superior ó doutros medios. Constitúese como unha linguaxe, comunicativa e estética, e non é un sistema de signos homoxéneo. A maiores, cabe destacar a súa diversidade de opcións, xa que é posible atopar contido de infinidade de temas e adaptado a case todos os grupos de idade.

Porén, o seu cariz como medio de comunicación non é en absoluto xornalístico, non se debe á verdade. Por esta razón, emprégase, ás veces, como un instrumento. Trala vitoria dos comunistas na Revolución Rusa, Lenin pronunciaba a súa famosa frase “De todas as artes, o cinema é para nós a máis importante”. Con isto, quería dicir que naquela época o cinema era o medio de comunicación máis eficaz para a formación das masas, xa que case o 80% do pobo ruso era analfabeto. Hoxe en día, o cinema segue sendo un medio eficaz e un importante complemento na educación da sociedade, xa que pode servir como elemento visibilizador de realidades estigmatizadas. A saúde mental é unha delas.

As enfermidades mentais teñen cabida no sétimo arte. Existe unha gran filmoteca que recolle dende obras mestras como Alguien voló sobre el nido del cuco [1] ata pezas ofensivas para o colectivo como Toc Toc [2]. Todas elas relatan, mellor ou peor, unha realidade coa que convivimos, descoñecida para a maioría dos que non a padecen.

O perigo reside en que o tratamento destas enfermidades na gran pantalla pode ter un dobre fío. Podemos ver unha película na que se mostra ou, mellor dito, se achega ó espectador ó que realmente é ter unha enfermidade mental, pero tamén podemos atoparnos con filmes que estigmatizan e caricaturizan ós doentes e incluso películas que crean unha imaxe terrorífica deles. Neste sentido a desestigmatización dos enfermos mentais na sociedade enfróntase á liberdade de expresión. É posible a súa convivencia, pero en moitos casos ambos intereses entran en conflito.

En 1999 vía a luz Inocencia Interrumpida, un filme que pasaba desapercibido ó ter que compartir carteleira con Salvar al soldado Ryan ou Gladiator, pero que trascendeu con calma no tempo ata ser considerado hoxe unha peza de culto, historia do pop. Na película, a Sussana Kaysen diagnostícanlle un trastorno da personalidade, polo que tanto o seu médico como os seus pais deciden internala nun centro psiquiátrico. Alí coñecerá a un grupo de rapazas con outras enfermidades mentais, xunto ás que tentará entenderse a si mesma e escapar da súa propia mente.

O filme, a maiores da súa forza estética, posúe unha interesante reflexión sobre os límites da cordura. Cuestiona o concepto de loucura en relación ó significado que se lle atribúe nas diferentes épocas e graos de educación da sociedade. No expediente médico de Sussana aparece clasificada como doenza a promiscuidade. A protagonista pregúntase nunha conversación coa personaxe que interpreta Angelina Jolie: “¿Cantos tíos teño que tirarme para ser catalogada de promiscua? ¿Cinco, dez, vinte? ¿Cantas mulleres tería que tirarse un tío para ser encerrado por promiscuo?”.

É dicir, critica a confusión dunha enfermidade real coa promiscuidade. Non é un caso illado: a sociedade banaliza e emprega palabras como “enfermo” para referirse a case calquera alteración da norma. No caso da película, é unha esaxeración, xa que ela está encerrada nun psiquiátrico. Porén, coas palabras, a sociedade encerra en psiquiátricos á xente tódolos días.

No último círculo do grupo de Saúde Mental puidemos falar cos membros con esquizofrenia e TOC da Asociación Andaina Pro Saúde Mental. Eloy afirmaba que non está ben denominar esquizofrénico a alguén que non o é, xa que o colectivo que si padece esta enfermidade pode verse prexudicado por unha mala interpretación da súa doenza.

Máis referido ó cinema, Kiko opinaba que o día que un enfermo mental protagonice un filme sobre saúde mental estarán ben representados. Valora os dotes interpretativos de, por exemplo, Danny DeVito en Alguien voló sobre el nido del cuco, pero di que para chegar a amosar o que se sinte, a visión da vida que se posúe, ten que facelo un actor que o comprenda plenamente.

Por último, falamos do matiz que os directores adoitan dar ás películas desta temática. Na maioría dos casos a ambientación é triste ou caótica. Eloy critica este aspecto, e afirma que a súa vida non é así, que “aquí rímos moito”.

En definitiva, o cinema é un medio de comunicación, polo que cómpre aproveitar a súa función formadora e reformadora para adquirir os coñecementos axeitados e aprendermos a vivir en sociedade.


[1] Película de 1975 dirixida por Milos Forman, gañadora de 5 Óscars.

[2]Película española dirixida por Vicente Villanueva que obtivo críticas negativas pola caricaturización da enfermidade TOC.

Imaxe destacada: Angelina Jolie en Inocencia Interrumpida (1999).                         

6 comentarios en “A saúde mental no cinema

  1. Como ben dis no post, o cinema é un medio de comunicación e, como consecuencia, actúa cunha función formadora e reformadora na sociedade. Desta maneira, o tema da saúde mental afecta especialmente á visibilización que se fai á sociedade destes colectivos. Actualmente, podemos ver como no mundo do cine o tema de saúde mental está de moda e as personaxes que aparecen nas películas con algún tipo de trastorno terminan convertíndose en iconos culturais, en moitos casos. Con isto o que se consigue non é visibilizar aos grupos con enfermidades mentais e a súa realidade, senón dar un perfil cargado de prexuízos e tópicos sobre os enfermos mentais. No libro de Beatriz Vera Poseck,https://www.ciencia-ficcion.com/limites/lm0205.htm a autora quéixase da frivolidade coa que se tratan no cine os síntomas das enfermidades mentais e que moi poucos casos se atinxen á realidade. Na miña opinión, o cinema debería tratar o tema das enfermidades mentais con máis respecto e honestidade porque, aínda que se trate dun ámbito creativo, están a dar unha mensaxe equivocada e distorsionada á cidadanía.
    Por outra parte, en películas como Inocencia Interrumpida, podemos ver a un grupo de mulleres con diferentes enfermidades mentais e en todos os casos vemos a persoas incapaces de ter un comportamento normal, a pesar da medicación. Non se axusta á realidade, xa que unha persoa esquizofrénica por exemplo, pode levar unha vida normal se está suxeito a un tratamento médico axeitado. Como cres que debería abordar o cinema estes aspectos?http://cadenaser.com/programa/2015/03/06/hoy_por_hoy/1425640259_468965.html
    Por último, gustaríame recalcar que os medios de comunicación tamén pecan en ocasións de utilizar este tema para chamar a atención ou dar unha imaxe estereotipada dos enfermos mentaishttp://www.abc.es/toledo/20141224/abci-joven-esquizofrenico-mata-padres-201412240904.html e aí se atopa realmente o problema, cando os medios de comunicación en si mesmos non aboran ben o tema de saúde mental.

    Gústame

    1. Concordo co plantexamento inicial que fas, o cinema, na maioría das ocasión, non axuda a desestigmatizar, senón a provocar unha imaxe da saúde mental errónea.
      É necesario respecto e honestidade para tratar a saúde mental no cinema, pero ¿E a liberdade de expresión? ¿Hai solución a este conflito de intereses?.
      En Inocencia Interrumpida, efectivamente vemos un grupo de mulleres incapaces de ter un comportamento normal, pero por outra banda tamén vemos a un persoal sanitario cuxa única función é medicar ás pacientes, sen ningún tipo de atención, causando así unha reacción rebelde por parte das protagonistas. Polo que puidemos observar nas visitas a Andaina Pro Saúde Mental http://andainaprsm.blogspot.com.es/ (Dodro), non só é importante a medicación, senón tamén o tratamento humano http://www.cop.es/colegiados/ca00088/pag7.htm .
      Os medios de comunicación deberían levar a cabo este tratamento para a cobertura da saúde mental: humanidade.

      Gústame

  2. A liberdade de expresión é un Dereito Fundamental , e no cine, ao igual que noutros ámbitos é imprescidible. É certo que poderiamos debater sobre a liberdade de expresión no cine e a fiabilidade ou honestidade coa que se tratan certos temas. Porén, aínda que a liberdade de expresión sexa fundamental na sociedade, o certo é que a fase de información é previa, é dicir, non somos libres de decidir ou de elixir se non coñecemos todos os camiños posibles. O mesmo pasa neste caso, se non nos informamos adecuadamente sobre algo dificilmente poderemos tratar o tema.
    Con respecto á película Inocencia Interrumpida, o persoal sanitario encárgase efectivamente da medicación das enfermas, tratando pouco o tema humanitario e psicolóxico como é o caso de http://feafesgalicia.org/ . No caso de Andaina Pro Saúde Mental, como tratan de axudar aos enfermos neste ámbito, tendo en conta que é un horario reducido?
    Por último, gustaríame comentar que os medios de comunicación cometen o mesmo fallo que se produce no cinema: a falta de informarse, que non de información, sobre o tema producíndose así un fallo no proceso informativo formativo.http://fape.es/home/codigo-deontologico/

    Gústame

    1. É certo que a fase de información é previa, aínda así, podemos elixir crear unha obra sen informarnos previamente, ou aínda tendo toda a información na nosa man, elixir facer unha parodia, continuaríamos estando amparados polo artículo 20 da Constitución http://www.derechoshumanos.net/constitucion/articulo20CE.htm . Ademais, cómpre ter coidado á hora de pedir censura, pois nós mesmos poderíamos vernos perxudicados por ela.
      Por outra banda, é certo que o horario de Andaina Pro Saúde Mental é de mañá, porén, tamén realizan outro tipo de actividades como viaxes ou asistencia a eventos sociais e deportivos (teñen un equipo de fútbol xunto con outra asociación de Santiago).
      Nese tempo están entretidos, fan compañeiros, asisten a talleres http://andainaprsm.blogspot.com.es/search/label/Reuniones , teatro, e algúns deles teñen un emprego no que fan sidra e compota. En definitiva: interactúan con outras persoas.
      É certo que existe un erro no proceso informativo, formativo, e por qué non: reformativo. É preciso informarse, escoitar e mirar ós ollos.

      Gústame

Deixa unha resposta a Patricia Casteleiro Suárez Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s