Discriminación lingüística?: A linguaxe inclusiva no colectivo LGTB

GÓMEZ MARIÑAS ; PÉREZ DÍAZ

A pasada semana tivemos a cuarta reunión co noso círculo, na que decidimos falar dun tema moi controvertido, e sobre todo, de gran importancia para o colectivo LGTB: a linguaxe.

Nos últimos anos xurdiron numerosas polémicas arredor do uso da linguaxe e, en concreto, sobre o uso predeterminado dos morfemas de xénero masculino, pois moitas persoas consideraban esta forma de tratamento como algo sexista e discriminatorio. Nestas cuestións lingüísticas, algúns filólogos opinan que hai unha gran confusión, pois debemos diferenciar entre xénero gramatical da palabra, que está representado polo morfema, e sexo da entidade á que se refire a palabra, polo que cando se emprega o masculino, isto abarca nunha realidade ao sexo masculino e feminino. Por outra banda, utilizar por exemplo, todos e todas, como apunta Roi Gómez, membro do círculo, é considerado lingüisticamente unha redundancia, á vez que non deixa de ser unha linguaxe máis ou menos sexista. Entón, que solucións temos? Os membros do noso círculo aportaron diversas opinións acerca do tema.

Inma Rodríguez foi a que tivo máis clara a súa posición en relación a esta cuestión lingüística: ¨Opino que é mester empregar unha linguaxe máis inclusiva. Isto permite a visibilización de realidades que existen e que a linguaxe actual non permite que sexan coñecidas¨.
Desde os organismos oficiais como a RAE ou a RAG non recoñecen este tipo de tratamento inclusivo. A Real Academia Española considera que o masculino é neutro pola evolución do latín. Inma, que é filóloga francesa, comprende este razoamento pero pensa que: ¨Esta  evolución produciuse nunha sociedade machista, sendo a lingua un reflexo desta mesma¨.

As novas formas de tratamento que xurdiron nos últimos anos son diversas: o ¨x¨, ¨@¨ ou o ¨e¨, son algúns dos substitutos para o morfema masculino ¨o¨, nun intento de buscar a inclusión de todos os xéneros, máis aló do feminino e masculino. Por exemplo, o caso do @ é defendido por Teresa Moure, doutora en Lingüística e profesora da USC. Tal e como nos conta Rick Gallego, estudante de filoloxía hispánica, Moure ve no @ tanto ao ¨o¨ como ao ¨a¨, demostrando desta forma a “escala de grises que representa do masculino ao feminino”.

O colectivo LGTB defende unha linguaxe que permita o recoñecemento das diversas identidades sexuais e de xénero. Nacho Núñez pensa que a maior dúbida en relación ao tratamento das persoas sucede sobre todo con aquelas que se definen como xénero non binario: ¨Creo que non se ten en conta á xente de xénero non binario, incluso desde o propio colectivo. Nestes casos opto por preguntarlles con que pronome queren ser tratados, ou usar un xénero neutro como pode ser o ¨e¨. ¨ Inma á súa vez, ten unha opinión semellante á de Nacho, pois opina que en caso de dúbida sempre podes preguntar, e se non tes esa oportunidade, empregar o ¨e¨, que na súa opinión, é apto para calquera xénero.

A linguaxe nos medios
Os medios actúan como intermediarios, ofrecen información ás persoas, e deben ser os primeiros en loitar por traballar e por conseguir que a linguaxe sexa apta para toda a sociedade, sendo inclusiva e sen tender ao sexismo. Isto é o que reivindican en xeral desde o noso círculo: empregar palabras neutras como ¨cidadanía¨, ¨xente¨ ou ¨persoas¨, e cando isto non sexa posible, os nosos membros animan ás novas xeracións de xornalistas e comunicadores a utilizar o xénero neutro, co xa citado ¨e¨ ou no seu defecto o ¨x¨.

Non obstante, a realidade é ben distinta. Na actualidade non resulta doado atopar exemplos de uso destas novas formas de xénero neutro nos medios de comunicación, que si se atopan en redes sociais como Youtube ou Twitter. O feito de que se relegue o uso desta linguaxe inclusiva a contextos máis informais como son estas redes supón que aínda que a sociedade comeza a estar concienciada, o xornalismo quédase a medio camiño. Os medios LGTBIfriendly deberían tentar concienciarse máis, pero tal e como indica Inma, “non están concienciades sobre o xénero ou como tratar á xente. Supoño que non hai unha formación detrás, unha reflexión sobre o que implica”. Na súa opinión unha formación previa dos traballadores dos medios é moi necesaria para non cometer este tipo de erros.

O poder transformador da linguaxe

A linguaxe inclusiva resulta chave para acadar a inclusión dos individuos na sociedade. Segundo Cicilia Peruzzo (profesional dos estudos de comunicación popular, alternativa e comunitaria), algunhas das características da comunidade actual sitúanse na identidade, ó recoñecerse como comunidade e na linguaxe, que fai posible esta inclusión. Como ben apunta Rick: “A linguaxe fai a realidade e o neutro é o máis adecuado para falar dela”; afirmación que tamén defende a Universidade de Sevilla na súa investigación Lenguaje no sexista y barreras a su utilización: “Os estudos culturais destacan como a linguaxe non é un espello independente do mundo, senón o que o constrúe e o configura (Barker y Galasinski, 2001)”.

Como se recolle enAnálisis de la evolución del lenguaje LGTBI en medios nacionales de Imanol Beristain, graduado en Xornalismo, existen iniciativas que reivindican que o xénero gramatical masculino lingüístico non debe englobar a todas as persoas. Tamén indica distintas guías de linguaxe non sexista de universidades como a UNED ou a Autònoma de Barcelona. Na propia Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Oficina de Igualdade de Xénero, pódese acceder a aplicacións como ‘Exeria’, que é unha ferramenta que permite a revisión de termos non inclusivos e ofrece suxerencias para a súa substitución. Outro dos recursos que podemos atopar na USC é o estudo de Manuel Bermúdez Blanco e Alba Cid Fernández sobre a linguaxe non sexista. Por parte do Instituto da Muller do Ministerio de Igualdade atopamos ferramentas como ‘Nombra en red’, similar a ‘Exeria’. Estas iniciativas debuxan un futuro esperanzador. Pero para acadalo temos a responsabilidade de, mediante a linguaxe, construír entre todes unha sociedade na que calquera se sinta engadido.

Bibliografía:

PERUZZO, C. K. (comp) (2002). Comunicación y movimientos populares: ¿cuáles redes? Sao Leopoldo: Universidade do Vale do Rio dos Sinos.

2 comentarios en “Discriminación lingüística?: A linguaxe inclusiva no colectivo LGTB

  1. A corrixir:
    – ‘Entorno’ non existe en galego
    – Non misturar ó / ao no mesmo texto
    – Tentar evitar esa oración-parágrafo
    – 8º parágrafo
    “e na linguaxe” (gralla de redacción, se non a oración resulta confusa)
    – 9º parágrafo
    “a Autònoma de Barcelona” (gralla de acentuación. Acento en catalán, se fose en castelán é o agudo)

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s