David contra Goliat

Estévez Fernández

Vivimos nun mundo egoísta. Cadaquén preocúpase pola súa propia comodidade e pecha os ollos ante as inxustizas e as desgrazas alleas. Cando vemos un problema social que debería ser responsabilidade de todos non facemos nada por evitalo, como cando nos atopamos cunha persoa que ten algún problema de saúde mental. Facemos como se nada e deixámonos levar polas ideas que nos ensinan nos periódicos, na escola, no núcleo familiar e no resto de axentes sociais.  Non somos capaces de empatizar.

Asociamos enfermidade mental coa xente que non se sabe expresar ben, que é agresiva ou que parece que está no seu mundo. Trátase dun conxunto de prexuízos que xiran ao noso redor e non nos deixan ver a realidade.  Para moitos, o único xeito de decatarse de que están equivocados é no momento no que lles afecta de pleno, cando alguén próximo sofre o mesmo. Ás veces necesitamos vivir a realidade desta xente, porque non sabemos o que é ata que o sentimos.

Porén, o que fan os medios é xerar medos, xa que o colectivo dos enfermos mentais é o máis vulnerable e resulta moi fácil beneficiarse grazas a él. E tamén é moito máis complicado que se xunte por unha causa común, a diferenza doutros colectivos que si poden defenderse e adicarse á loita polo recoñecemento dos seus dereitos porque non teñen tanto do que preocuparse. Aos enfermos mentais xa lles chega con loitar por eles mesmos. Por iso son os que máis axuda  necesitan.

Por este motivo xorden asociacións como Andaina, coa que tivemos a sorte de traballar ao longo deste proxecto. Angy, unha das persoas que está máis preto dos enfermos, explica como é o tecido social no que viven comentando que hai varios tipos de asociacións dependendo de como se enfrontan á enfermidade de cada paciente: “Hai algunhas que tratan os enfermos como se tiveran habilidades superiores. Adozan moito o problema, tratándoo coma se fose unha virtude, unha habilidade especial, e non fan máis que enxalzalos, creando así unha relación de dependencia entre o enfermo e a asociación e non conseguindo o fin principal, que é a emancipación do paciente, a procura da maior autosuficiencia posible”.

Pola contra, existen asociacións  neutras, como é o caso de Andaina: “Dende aquí loitamos por eles. Sabemos cales son as súas limitacións e intentamos potencialos facendo tarefas que se lles dean ben, para conseguir a súa motivación. Queremos facilitar que se alguén ten unha paixón dende aquí poida cumprila. Que a alguén lle encanta pintar, pois que pinte”. A situación dos enfermos mellora cando ingresan en asociacións deste tipo: “Temos xente na asociación que estivo sen saír da casa por medo ou vergoña máis de seis anos.  Non  quero imaxinar como estarían os pacientes sen o apoio de Andaina e, claro está, dos seus familiares”.

Angy fai unha observación moi interesante na que mostra que o problema social non está na  enfermidade en si: “Ao longo da  historia houbo grandes pensadores e personaxes importantes que tiveron enfermidades mentais.  Aínda que viviran hai 100 ou 200 anos, a súa condición famosa ou artística pasaba por alto calquera problema de saúde. Van Gogh, por exemplo, era esquizofrénico, pero como era un pintor soberbio ninguén o discriminaba polas súas condicións”.

Dende Andaina Pro Saúde Mental buscan a reinserción social e laboral dos seus usuarios. O centro acólleos polas mañás e alí rin, conversan e pasan o tempo, facendo actividades baixo a lei suprema de que ninguén é máis que ninguén. Para Angy, iso é fundamental: “É preciso que non haxa egos. Teñen que funcionar coma un equipo”. Tamén nos comenta as dificultades polas que atravesan os enfermos e as súas familias co panorama político e social actual: “As axudas que dá o goberno só están centradas en abaratar o custo dos medicamentos”. Para ela, o sistema sanitario non se achega ás peticións do colectivo: “Si, a medicación é esencial, pero nin moito menos suficiente. Precisan tamén psicólogos e, nomeadamente, comprensión. Non médicos e hospitais”.

Tamén resalta o problema á hora de buscar traballo e vivir dun xeito normal. Estas persoas son diferentes pero teñen as mesmas aptitudes ca os demais e por iso mesmo precisan dunha adaptación no traballo ou un método diferente para poder aprender un oficio. Angy mostra desesperación en canto a este tema: “Cando un individuo non responde do mesmo xeito ca os demais apártano. Non interesa tirar del cara adiante”.

Aquí é cando a sociedade é a culpable, tal e como dicía Siniestro Total nunha das súas cancións. Os prexuízos lanzados polos medios e os axentes sociais fan que a xente xulgue sen coñecer.  Non podemos ser obxectivos na nosa concepción sobre os enfermos mentais se mantemos as ideas preconcibidas. Se temos o prexuízo de que ao atoparnos cun enfermo mental poñemos en perigo a nosa vida, por moi tolerantes que sexamos imos ter reticencias á hora de tratar con estas persoas.

E eles son os máis desfavorecidos. Cando escoitamos as historias dos pacientes de Andaina observamos a crueldade do ser humano cando se atopa con cousas que non comprende.  Eloy, un dos usuarios de Andaina, di que el non sabía nin que padecía unha enfermidade mental: “Por aquel entón era un tema tabú. Eu era consciente de que algo en min non funcionaba como era debido, pero non llo contei a ninguén por medo”.

A primeira vez que o expresou mandárono a un centro psiquiátrico: “Alí atábante coma se foses un animal, coma se supuxeses un perigo para a xente do teu arredor. Recordo que conviviamos persoas coma min, pero tamén xente de tódalas calañas, como drogadictos e alcohólicos,  que ao mellor nin sequera eran enfermos de verdade”. Neste relato coincide Fran, que viviu unha experiencia similar. Kiko tamén recorda o trato recibido polos demais no seu pasado: “Cando sufrín o segundo derrame ningún médico daba nada por min. Tivo que ser un estudante de medicina o que se preocupou e me deu sacado cara adiante”.

É coma a loita de David contra Goliat. O rapaz era feble pero grazas á súa valentía e intelixencia conseguiu vencer o xigante Goliat, que semellaba moi poderoso. Nós tamén podemos vencer os monstros dos nosos días. Temos que xuntar a coraxe colectiva e lanzarnos contra os medos que nos rodean dun xeito exhaustivo. Temos que aproveitar a arrogancia de Goliat.

2 comentarios en “David contra Goliat

  1. A corrixir:
    – 3º parágrafo
    “é moito máis complicado” (gralla de acentuación)
    – 11º parágrafo
    ‘Calaña’ non existe en galego. Pode quedar así se se indica con cursiva, se non haino que mudar
    “sacado cara adiante” (con algúns adverbios non é preciso o ‘a’)
    – 12º parágrafo
    ‘Endeble’ non existe en galego

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s