É moito máis que a Catedral e o Camiño

S2C

Cando comezamos a traballar co tema do turismo, houbo unha cousa que os membros do círculo nos fixeron saber dende o principio e que influíu en nós: o turismo que se estaba a facer en Santiago non era todo o favorable que podía ser.

Semella que Santiago só é Catedral e Camiño. E non é así. O que trae consigo este pensamento é a masificación que se dá en determinados puntos e en determinados meses do ano. Isto fai que o turismo non sexa unha actividade regular todos os meses. É todo dende abril ata outubro fundamentalmente e os meses do inverno quedan menos masificados.

A existencia de axencias de viaxes cos seus paquetes turísticos – xa preparados e que conteñen de todo – fan difícil a loita contra este modelo turístico, que sobre todo atrae a persoas de idades máis avanzadas.

Un modelo de turismo sostible é posible en Santiago. E con sostible referímonos tanto á economía do propio sector como que favoreza ao comercio ou sector hosteleiro da cidade. Santiago non aproveita todas as súas oportunidades e habería que saber coordinalas, adaptarse ao século no que vive e atraer a novas xeracións que non se centren tanto no turismo relixioso e cultural, xa que cada vez máis a xente máis nova apártase disto.

O que buscamos cando imos de viaxe non é – na maioría das ocasións – levarnos un bonito recordo dos monumentos e edificios que hai no noso destino, senón poder levarnos as nosas propias experiencias. E por iso sacamos adiante unha ruta alternativa a través dos sentidos, que sería complementaria á visita da Catedral, posto que vela é necesario pero, hai máis.

A ruta dos sentidos

A ruta consta de cinco puntos aos que ir e en cada un deles o turista/peregrino podería levarse consigo unha experiencia a través do sentido que se potencie nese lugar. Para o olfacto, escollemos dar un paseo pola rúa Carme de Abaixo, para respirar a natureza galega; para o tacto, realizar un curso de elaboración de pan na panadería La Bulanxerí; para a visión, pasar a tarde na Cidade da Cultura e agardar aos atardeceres no Gaiás; para o gusto, realizar a ruta París-Dakar, para probar cuncas de Ribeiro e non centrarse tanto na gastronomía, que é máis coñecida; e para potenciar o oído, ir de foliada á noitiña, por exemplo, á Casa das Crechas.

Acollida da proposta por parte do círculo e dos turistas

Esta actividade foi ben vista dende o círculo, posto que eles mesmos foron os que nos indicaron que Santiago era máis que a Catedral. Ademais, con esta ruta percorreríase Santiago enteiro, coñecendo un pouco cada zona da cidade.

Marcos Pombo e Carlos Piñón foron as persoas que máis nos comentaron a necesidade de ter outra alternativa, algo para lograr que a xente non pensase que Santiago se vía nun día e nada máis. A nosa ruta pareceulles unha moi boa idea, posto que para eles calquera proposta innovadora e non feita antes en Santiago sería un punto de atracción que conseguiría mover a máis xente. Para Mavi Lezcano, profesora de turismo na UDC, a idea pareceulle tamén correcta pero ela sería un pouco máis creativa á hora de vendelo.

Cando realizamos o último círculo sobre o turismo no comercio e na educación, Manuel Noceda, estudante do ciclo de formación profesional de Guía, información e asistencia turística resaltou que esta iniciativa lle parecía moi interesante, máis incluso que o que el ve na clase e que podería atraer a outro tipo de xente. Yago García e Eva Tato seguiron na mesma liña, posto que como Yago explicou, o Camiño de Santiago e a Catedral son unha oportunidade de negocio evidente, pero tampouco vai durar sempre e habería que ir mellorando as iniciativas.

ruta 2
 

Puntos principais da nosa proposta da Ruta dos sentidos

 

Para repartilo, centrámonos no punto neurálxico do turismo santiagués: a Praza do Obradoiro e arredores.

A acollida do proxecto na rúa foi moi boa. Tanto turistas como excursionistas mostráronse moi receptivos coa nosa proposta, atopándoa útil e interesante. Mostrándose en líneas xerais dispostos a coñecer os puntos da cidade que a nosa ruta recomendaba. A proposta amósase como unha alternativa ó modelo tradicional turístico. Atraendo non só a excursionistas, que estarían dispostos a pasaren máis dun día na cidade se se lles ofertasen propostas como a nosa. Senón tamén logrando que os peregrinos que chegan a Compostela a través do Camiño estivesen dispostos a quedar na cidade uns días máis. Na nosa saída ás rúas atopámonos cunha rapaza que nos contou que chegara a tarde anterior a Compostela rematando o camiño e ó non saber moi ben que facer unha vez na cidade, pasou a mañá na praza do Obradoiro esperando para recoller a súa mochila en correos e marchar ao aeroporto. Confesou que de coñecer con anterioridade a nosa proposta tería realizado a nosa ruta. Outra das vantaxes que remarcaron os turistas foi que se trataba dunha alternativa moi accesible.


Valoración do círculo

Por outro lado, damos a coñecer como valorou o noso círculo a actividade realizada polo grupo dentro do Observatorio Cidadán de Comunicación. Fixemos esta pregunta aos participantes que máis activos estiveron nas reunións. Neste caso, a Carlos Piñón, responsable comercial do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e responsable do sitio web www.santiagoturismo.es, a Olga María Cárcamo, membro de Acción Universitaria, a Marcos Pombo, presidente da Asociación de Veciños Casco Histórico e a Jose Ángel Blanco, presidente da asociación de Comerciantes e Empresarios Compostela Monumental.

En primeiro lugar, Olga María Cárcamo afirmou que é importante que se trate a temática do turismo porque é algo que se consome directamente, xa que ao final realízanse actividades que dependen do panorama turístico como pode ser a gastronomía. A continuación, Marcos Pombo comentou que é esencial que en proxectos coma o noso traten estes aspectos, pois a importancia dos mesmos na economía compostelana é moi grande. Ademais, calquera que visite a cidade quere coñecer como está funcionando e para iso, o xornalismo de investigación é vital.

Na mesma liña, Carlos Piñón explicou que a cidade de Santiago está en continuo cambio e que existan investigacións para ir mostrando como funciona debe ser fundamental. Por último, José Ángel Blanco sentenciou afirmando que se hai xornalistas especializados en economía, tamén os pode haber no turismo.

Conclusión

Para rematar os posts realizados polo S2C, que tiveron a temática do turismo, concluímos afirmando que se mostraron as particularidades do panorama turístico compostelano. Puxemos en escena, durante os círculos, entrevistas e nos artigos, o que a actualidade foi dando a coñecer.

Primeiro, mostrar problemas coas taxas, que tratamos no segundo post, ter debate durante os círculos con noticias como as vivendas turísticas ou o proxecto do Xacobeo 2021, e ir xerando alternativas para a aceptación dun modelo sostible con entrevistas a diferentes asociacións ou a membros do noso círculo, complementados coa Acción Final.

Pensamos que durante este proxecto dentro do Observatorio de Comunicación se cuestionou a situación dos medios de comunicación e do xornalismo dentro do turismo. A importancia é elevada, pois como futuros xornalistas debemos coñecer como se tratan as dinámicas nos medios como La Voz de Galicia ou El Correo Gallego e poñer en escena as súas carencias.

En definitiva, cuestionamos unha suma de factores que compoñen algo complexo como é o turismo en Santiago de Compostela. Demostramos que existen problemas, solucións e que o futuro seguirá con aspectos polémicos sobre a actividade turística, tanto a nivel institucional como de pequenos comercios debido á ausencia de renovacións do modelo existente.

Para todo isto cobrou gran importancia o poder compartir voz con colaboradores cuxas visións non adoitan estar presentes nos medios de comunicación pero que coñecen e conviven con moitos dos pros e contras que o sector do turismo carrexa na cidade de Compostela. Este tipo de comunicación e o poder tratar directamente con fontes de primeira man foi moi interesante para o tratamento da materia.

 

2 comentarios en “É moito máis que a Catedral e o Camiño

  1. A corrixir:
    – 5º parágrafo
    “cando vamos de viaxe non é” (non separar cunha coma o suxeito do verbo)
    – 7º parágrafo
    ‘Recorrer’ ten outro significado en galego
    – 11º parágrafo
    “se se lles ofertasen” (concordancia do pronome con CI en plural)
    – 19º parágrafo
    Separar o parágrafo do anterior
    ‘Soer/Soler’ non existe en galego

    Liked by 1 person

Deixa unha resposta a Laura López Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s