Mellorar os ríos destruíndo outro ecosistema, compensa?

S2D

Como xa falamos no noso anterior post, a sociedade non está concienciada co coidado do medio ambiente. A contaminación hídrica ocupa unha segunda plana nos medios de comunicación. É por isto que o Observatorio Cidadán de Comunicación escolleu este tema como punto de partida para a realización deste proxecto, a través do que queremos establecer unha comunicación participativa coa sociedade. Para facelo realidade formamos un círculo de lectura crítica xunto coa Plataforma pola Recuperación do Río Sar, o Club de Sendeirismo Vía Láctea , a Fundación Galicia Sustentable  e a Asociación de Veciños do Río Sarela

Quixemos debater con este grupo as diferentes problemáticas medioambientais esquecidas polos medios de comunicación, facendo principal fincapé no polémico tema da ubicación da nova EDAR de Santiago de Compostela.

Que pasa coa depuradora?

A depuradora é un dos principais problemas da crecente contaminación do río Sar, sendo este un dos ríos máis contaminados de toda Galicia. Pasaron xa máis de dez anos sen solucións, sen que ninguén se preocupase polo deplorable estado no que se atopaba este recurso hídrico. Nos últimos meses, o debate xorde de novo porque remata o tempo para decidirse por unha actuación de construción para EDAR, antes de que a Unión Europea retire os fondos destinados a esta xestión. 

As dúas solucións que se propoñen supoñen un continuo debate no Concello. Por un lado, A Silvouta, onde se localiza a actual depuradora; e por outro lado; O Souto, onde  atendendo a intereses económicos e políticos teñen a idea de ubicar a nova e actualizada EDAR.

Como dixo Luís, representante da Plataforma pola Defensa do Sar, “para poder formar unha opinión sobre o tema, primeiro habería que coñecer ben o sitio”. Por iso, decidimos achegarnos ás zonas de O Souto e de A Silvouta, para ver cal das dúas alternativas melloraría, co mínimo impacto ambiental, a calidade da auga do río Sar.

 

IMG_6659

                                                                    Andaina polo Souto

En A Silvouta atópase a actual depuradora da cidade. Conta cunha maquinaría antiga e cunha tecnoloxía obsoleta o que fai sen dúbida necesario a realización de obras de mellora. Claramente, o lugar non está ben preparado para depurar a cantidade de auga que precisa a capital galega, pero ocupa un espazo que xa está habilitado para cumprir a súa función: refinar as augas sucias de Compostela.

Catro quilómetros máis abaixo, atopamos O Souto, unha paraxe natural onde se atopa gran variedade de vexetación autóctona libre de contaminación. Ten ademais un importante valor patrimonial xa que, próximo á beira do río atopamos petroglifos e unha antiga ponte medieval que precisan ser conservados, pois forman parte da nosa historia.

Despois da andaina pola beira do Sar, non entendiamos a necesidade de trasladar a depuradora ao Souto, posto que implicaría a destrución dun amplo espazo de vexetación e natureza. Como ben nos explicou Luis, o bosque de O Souto é un espazo único en Santiago de Compostela, non hai un bosque igual, polo que non se debería destruír atendendo unicamente a intereses políticos e económicos. Está ben coidar o río pero que non implique descoidar a contorna natural nin danar o ecosistema.

IMG-20180418-WA0034Datos técnicos aportados pola Plataforma de Recuperación do Río Sar

Por outra banda, a Plataforma pola Defensa do Sar proporcionounos un documento realizado por expertos, no cal móstrase claramente que as obras que se realizarían reformando a actual depuradora de A Silvouta (aproximadamente 51.420.379€)  serían moito máis baratas que levar a cabo a construción dunha nova na zona de O Souto (aproximadamente 90.877.675€).

Mais, non soamente iso, posteriormente os costes de explotación tamén serían menores no caso da depuradora de A Silvouta. Cabe salientar que no caso de levarse a cabo unha nova EDAR en O Souto, tamén se terían que expropiar terras e prolongar os condutos eléctricos e de depuración actuais.

Que exista a opción dunha nova EDAR en O Souto implica ademais de destruír un gran ecosistema, unha perda de tempo e esforzo tendo en conta que xa existe unha depuradora que se pode ampliar. É moito máis fácil remodelar a actual EDAR para que teña a capacidade suficiente de abastecemento á cidade. Luís é moi rotundo e sentencia: “ninguén entende o proxecto de construción en O Souto, a non ser que vexamos diñeiro de por medio”.

Jhon: “Como asociación o voso proxecto parécenos de gran impacto.”

As impresións dos membros do grupo de lectura crítica, tras finalizar o proxecto, foron moi boas. Tras varias reunións e unha última andaina como acción final decidimos preguntarlles que lles parecera o conxunto da nosa iniciativa. Todos eles coincidiron nun mesmo punto: a importancia de que as facultades impulsen aos seus alumnos a levar a cabo este tipo de prácticas.

Así, Luís Matos, representante da Plataforma pola recuperación do río Sar, afirmou o seguinte: “Paréceme moi importante que unha universidade pública e seria como a USC dea cabida a este tipo de prácticas onde se dan a coñecer problemáticas que moita xente ignora, algunhas das cales, como é a do caso medioambiental, non se poden tolerar”. Estas declaración foron secundadas por Manuel González, representante do Club de Sendeirismo Vía Láctea: “Que se mostre este tipo de interese pola situación dos ríos e da depuradora é de agradecer”.

Así mesmo, Marcos Pérez, da Asociación Galicia Sustentable, pide ás persoas que estamos na universidade “algo máis de transgresión e novas formas de ver os problemas de sempre”. Parécelle de vital importancia que as cousas comecen a mudar dende abaixo, dende a forza estudantil.

A Jon, representante da Asociación de Veciños do Río Sarela, encantoulle o proxecto realizado: “Paréceme marabilloso. Eu como presidente dunha asociación sempre estou a favor de actividades que reúnan á xente para falar daqueles temas nos que existen baleiros a nivel municipal e estatal, e máis aún, se neles está presente o papel dos medios, xa que estes son imprescindibles á hora de levar a cabo calquera proceso democrático”.

Jon tamén destacou a fluidez e a profesionalidade coa que o grupo fixera o traballo. “Os obxectivos e a forma de levar o proxecto a cabo estaban moi ben marcados. A vosa forma de traballar, o voso trato e as vosas preguntas en concreto, a nós, como asociación, parécennos moi correctas e moi profesionais”.

Para o grupo o traballo resultou inmensamente enriquecedor, pois puidemos abrir os ollos a unha realidade da que non eramos en absoluto conscientes, a pesar do preto que nos toca. Co blog intentamos aportar o noso gran de area ao coidado do medio ambiente, facéndonos eco das súas necesidades.

2 comentarios en “Mellorar os ríos destruíndo outro ecosistema, compensa?

  1. A corrixir:
    – 1º parágrafo
    “é por isto que” (gralla de acentuación)
    – 2º parágrafo
    “problemáticas medioambientais” (gralla de redacción)
    – 3º parágrafo
    “sen que ninguén se preocupase” (empregar a forma correcta do imperfecto de subxuntivo do verbo ‘preocuparse’)
    – 4º parágrafo
    “Por un lado, A Silvouta, onde […] actual depuradora; por outro lado, O Souto, onde” (colocar de xeito pertinente os punto e coma)
    – 6º parágrafo
    “A Silvouta atópase” (gralla de acentuación)
    – 8º parágrafo
    “non entendiamos a” (gralla de acentuación, a 4ª persoa de imperfecto é grave)
    “como ben nos explicou” (pronome proclítico)
    “Está ben coidar” (gralla de acentuación)
    ‘Entorno’ non existe en galego
    – 9º parágrafo
    “a Plataforma pola Defensa do Sar proporcionounos” (non separar mediante unha coma o suxeito do verbo)
    – 10º parágrafo
    ‘Custes’ non é a forma correcta en galego
    – 11º parágrafo
    “Luís é moi rotundo” (gralla de acentuación)
    – 13º parágrafo
    “como a USC dea cabida” (empregar a forma correcta do presente de subxuntivo do verbo ‘dar’)
    “o caso medioambiental” (gralla de redacción)
    – 16º parágrafo
    “A vosa forma de traballar, o voso trato” (estrutura artigo + posesivo)
    – 17º parágrafo
    “A pesares” non é a forma correcta en galego

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s