Na nosa man está cambiar as estatísticas

S2A

A concienciación é a chave fundamental para conseguir unha boa seguridade viaria. Xeralmente, os valores sociais e de convivencia que cremos coñecer perfectamente mudan na maior parte da cidadanía á hora de conducir un vehículo. Por iso, a concienciación neste tema ten que estar presente en toda a sociedade e dende idades temperás. Así teríase unha base que, co paso do tempo, se iría ampliando e fortalecendo. Deste xeito, evitaríanse moitos dos problemas que vemos día a día e que poñen en perigo a seguridade de todos.

Por este motivo, e co consenso e axuda do noso círculo, decidimos realizar un vídeo que amosa a realidade sobre este aspecto. O obxectivo é intentar chegar ó maior número de persoas posibles para que reflexionen sobre os erros que cometen acotío e conseguir un cambio na súa actitude. Cremos que o importante é que a cidadanía se decate da relevancia que teñen as normas e o seu cumprimento, algo que, sen dúbida, se pode conseguir con proxectos deste tipo.

No vídeo vense comportamentos que incumpren as normas de seguridade viaria: cruzar en vermello, vehículos aparcados en dobre fila, o uso do móbil mentres se conduce, etc. Ademais, falamos con peóns e condutores sobre estas malas condutas. A maioría dos peóns admiten que cruzan en vermello, alegando que moitas veces o fan por présa. Os condutores, pola súa banda, tamén recoñecen algúns erros que fan a miúdo, como mirar o móbil ou fumar. Tamén observamos nesta peza outros problemas que se dan en Santiago de Compostela, como os excesos de velocidade ou a presenza de vehículos en zonas peonís. Por último, o vídeo conclúe coa análise da falta de educación viaria que se debería recibir dende nenos, recalcando que a concienciación é a base da que debemos partir.

Educación e reeducación viaria

A educación viaria é o camiño que debemos seguir para lograr unas vías seguras para peóns, ciclistas e condutores. A educación é a base de calquera sociedade avanzada, e aínda máis se falamos de seguridade viaria. Se saímos á rúa dar un paseo, collemos o coche, a moto, a bicicleta ou calquera transporte público é moi probable que polo menos vexamos algunha infracción. Na maioría dos casos considerámolas simples distraccións ou actitudes que non teñen maior repercusión, mais non é así. Estas accións dan a coñecer todas as eivas dunha educación viaria impartida dun xeito precario ou mesmo inexistente na maioría das xeracións.

A medida que fomos investigando no tema atopámonos con campañas, actividades e mesmo materias sobre o tema. Cremos que, pouco a pouco, se lle van dando ás novas xeracións as ferramentas necesarias para entender o funcionamento das vías e respectar as normas, é dicir, saber os seus dereitos, pero tamén os seus deberes. Aínda así, cremos que nesta franxa de idade hai que seguir traballando para que a ensinanza non sexa anecdótica e cale verdadeiramente.

Nos adultos e maiores é onde nos atopamos máis problemas. Moitos deles non recibiron máis instrucións que as da autoescola cando sacaron o permiso de conducir, no caso de telo. Non se produce unha actualización de coñecementos. Isto, sumado á falsa seguridade que se adquire cos anos, fai que sexan o grupo con máis carencias e que máis infraccións cometa.

Poder camiñar ou circular por unhas vías realmente seguras só se conseguirá cando o total da cidadanía estea educada. Para isto temos que poñer todos os nosos esforzos nos pequenos da casa para educar e nos maiores para reeducar.

IMG_6682
Última reunión de círculos de seguridade viaria. Fonte: autoría propia.

Materia pendente

Para concluír co noso proxecto, gustaríanos deixar clara a importancia que teñen unhas infraestruturas seguras que permitan unha correcta convivencia de todos os usuarios das vías. Se algo puidemos extraer tras traballar a fondo este tema, é que en Santiago de Compostela existen multitude de lugares que presentan perigos para a seguridade viaria. Sinalizacións confusas e incorrectas, vías en mal estado, zonas cunha velocidade inapropiada, ausencia de carrís bicis… Estes son os problemas que teñen ós veciños da capital galega en constante protesta e os que nin os responsables do goberno nin os medios tratan de atallar.  Sobre todo, chaman a atención puntos moi conflitivos coma a rotonda da Galuresa, a rúa de San Pedro ou a Avenida de Lugo, onde os problemas se repiten día tras día sen poñer ningún tipo de solución.

Estas carencias puidémolas coñecer de preto grazas á presenza de afectados no noso círculo. Luis Matos, representante da asociación de veciños de Conxo, denunciou ante nós a situación que atravesa o seu barrio, onde unha rotonda mal deseñada dificulta e pon en perigo a circulación. Segundo el, todos estes problemas son sempre resultado dunha mala planificación e de plans de goberno para intentar aforrar diñeiro. ‘’Nós, dende un principio, denunciámolo como unha decisión inapropiada (…) Actualmente, dende o punto de vista estrutural xa non hai nada que facer se non é unha solución completa’’, afirma Matos.

IMG_5994
Galuresa, unha das zonas más peligrosas para a circulación Compostelá. Fonte: autoría propia.

 

Un plan para Santiago

Para que se poida reducir esta cantidade de zonas perigosas, é necesario levar a cabo unha serie de medidas que garantan unha circulación segura. Nos debates co círculo, chegamos á conclusión de que o mellor modelo para a cidade é a implantación das zonas 30, sobre todo naqueles puntos onde a intensidade do tráfico é alta e na contorna de colexios, escolas e parques.

Os lugares con abundante tránsito peonil, ciclistas e vehículos pesados tamén se verían beneficiados coas zonas 30. Ademais, Santiago trátase dunha cidade que destaca por ser moi chuviosa. Coa calzada mollada, a distancia de freado aumenta, e rebaixando a velocidade máxima de circulación favoreceríase a redución de accidentes. Isto conseguiríase non só co uso de sinais que indiquen dita velocidade, senón cun acondicionamento (lombos, pasos peonís elevados…) e nun contexto axeitados. “Trátase de buscar a convivencia nesta zona co sinal de zona 30 e obrigar cunha barreira física ós condutores dos vehículos a frear”, explica Jeanne Picard dende Stop Accidentes.

Ademais, no resto dos casos, a sinalización debe ser precisa, algo que en moitos lugares da cidade non ocorre. “Eu creo que a xente debería estar sempre ben informada. Moitas veces non saben nin que significan os sinais”, explica Jesús Vilariño. Tamén é importante reducir esta sinalización nos casos nos que sexa excesiva, algo que se produce habitualmente en Santiago. “O importante é colocar os menos sinais posibles e que sexan claros’’, concluía de novo Vilariño. A presenza no noso círculo de especialistas na materia como Jeanne Piccard, de Stop Accidentes, ou Jesús Vilariño, da Autoescola Santa Eulalia, foi de gran axuda para coñecer e entender cales son as medidas máis correctas para erradicar este tipo de problemas.

Para mudar a situación actual tamén habería que apostar por un bo transporte público, aumentando a frecuencia e as liñas de buses e mellorando as rutas que permiten o desprazamento a pé. Para isto, hai que concienciar á cidadanía, xa que Santiago, ó tratarse dunha cidade pequena, un percorrido andando é na maioría dos casos moito máis viable que en coche. “A xente non é consciente de canto pode tardar en chegar a un sitio a pé, hai que darlle datos e animalos a que o fagan”, apunta Vilariño.

O tratamento informativo da seguridade viaria

A seguridade viaria é un sistema tan complexo que require a participación activa de todos os axentes sociais para cambiar os patróns de comportamento actuais. Os valores que inculcan as familias e a educación formal cumpren, como se dixo anteriormente, un papel capital. Con todo, hoxe en día, a cantidade de horas que as persoas dedicamos ós medios de comunicación fan que este actor se volva esencial como foco de difusión e concienciación a este respecto. Neste sentido, é fundamental que o xornalismo reflexione sobre o seu rol, xa que ten unha importante función social que debe exercer con responsabilidade. Del depende a transmisión de información á cidadanía con rapidez e rigor.

Así, o noso traballo quixo chamar a atención sobre as eivas no tratamento informativo da seguridade viaria. Con frecuencia, as informacións falan de números e non de persoas, o que dificulta a percepción da magnitude do problema. Estes exemplos de Cope e eldiario.es son da  pasada fin de semana: unha nova de axencia é reproducida polos medios de todo o país, sen contextualización, sen nomes, sen historia. “En seguridade viaria está a noticia do número de falecidos, vale. Pero para min é moito máis importante contar as cousas, facer unha reportaxe”, explica Jeanne Picard. A asociación da que forma parte, Stop Accidentes, elaborou no año 2008 un Código Deontolóxico que intenta evitar este tipo de tratamentos superfluos e que sería recomendable que coñecesen todos os xornalistas. Non obstante, tamén puidemos comprobar que se deron certas melloras e que, nalgúns casos puntuais, os medios implícanse e tratan de concienciar. La Voz de Galicia ou TVE son algúns deles.

Dende a nosa posición de futuros xornalistas, decatámonos de que é importante manter o contacto coas persoas e comunidades afectadas nos diferentes temas a tratar. As nosas metodoloxías deben basearse na investigación e na reflexión intentando producir cambios na sociedade.

BIBLIOGRAFÍA:

EFE. (2018, 16 de abril). Trece muertos, 5 de ellos motoristas, en accidentes de tráfico del fin de semana. COPE. Recuperado de http://www.cope.es/noticias/sociedad/trece-muertos-ellos-motoristas-accidentes-trafico-del-fin-semana_196653

EFE. (2018, 16 de abril). Trece muertos, 5 de ellos motoristas, en los accidentes de tráfico del fin de semana. El Diario. Recuperado de https://www.eldiario.es/sociedad/Trece-muertos-motoristas-accidentes-trafico_0_761524085.html

MANUEL PAN, J. (2018, 18 de marzo). Los niños, siempre en su sillita. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/extravozon/2018/03/16/ninos-siempre-sillita/00031521204343479724435.htm

PRENSA RTVE. (2018, 24 de marzo). ‘Crónicas’ analiza la educación y seguridad vial para los ciclistas. RTVE. Recuperado de http://www.rtve.es/rtve/20180324/cronicas-analiza-educacion-seguridad-vial-para-ciclistas/1702240.shtml

SANMARTÍN, G. (2017, Outubro). Galicia lleva la educación vial a secundaria. Revista DGT. Recuperado de http://revista.dgt.es/Galerias/educacion-formacion/reportajes/2017/N-242-43-SEG-VIAL-EN-GALICIA-c.pdf

STOP ACCIDENTES. (2008, 3 de junio). Código deontológico para los Medios de Comunicación. STOP Accidentes. Recuperado de https://stopaccidentes.org/uploads/REIVINDICACIONES/codigo_deontologico.pdf

5 comentarios en “Na nosa man está cambiar as estatísticas

  1. PÉREZ LOJO
    Gustaríame destacar a diferenza desta acción co resto de políticas de concienciación sobre a seguridade vial. A gran maioría dos vídeos que lanza a DGT, trátanse de imaxes moi impactantes que buscan un resultado inmediato, normalmente a través da violencia:

    Pola contra neste caso o que se busca é concienciar doutra forma. A maioría dos peóns e condutores pensan que os seus erros non son o suficientemente relevantes ou graves, polo tanto ao facérense estas preguntas a persoa reflexiona sobre a súa propia circulación.
    O perigo fronte a unha condución temeraria xa se coñece grazas ás inciativas mencionadas anteriormente, mais neste caso o que se pretende é incitar a reflexión. Neste caso, toma unha importancia relevante a concienciación da sociedade, quen debe estar informada sobre os riscos que se toman cada vez que por exemplo cruzamos en vermello.

    Gústame

    1. Como ti ben dis, moitas destas campañas de tráfico buscan concienciar á xente dunha maneira moi violenta, con imaxes moi impactantes cara ó espectador. Pero tamén é verdade que anuncios como o que ti mesma compartiches teñen un impacto bastante notorio, aínda que non son de todo recomendables, pois moitas de estas campañas poden chegar a ferir a sensibilidade de calquera. Un exemplo que recordo moi ben é un anuncio de tráfico feito en Nova Zelanda, tras as típicas saídas desenfreadas de coches nas vacacións de verán: https://www.youtube.com/watch?v=BcamVr5z6rk

      Finalmente, gustaríame incluír esta páxina da DXT, onde podes observar moitos materiais sobre educación viaria, pero enfocado para a capacidade de comprensión dos máis cativos. Con iniciativas como estas amósannos que non é necesario levar a cabo unha campaña tan impactante para deixar marca nas persoas: http://www.dgt.es/es/seguridad-vial/educacion-vial/recursos-didacticos/infancia/

      Gústame

      1. PÉREZ LOJO
        En relación cos máis cativos é precisamente polo que estas campañas deben ter, aínda que impacto, imaxes menos sensibles. Non hai que olvidar que malia que eles si infrinxan en ocasióna as normas viais, na maioría dos casos isto ven dado por parte dos adultos. A educación que un neno recibe é moi importante para o seu desenrolo persoal. Por isto é tan relevante que ademáis dos máis pequenos, sexan os adultos os concienciados, xa que ao fin e ao cabo son de eles de quenes reproducen os seus comportamentose e polo tanto son a educación que recibe.

        https://www.fundacionmapfre.org/fundacion/es_es/educa-tu-mundo/seguridad-vial-prevencion/

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s