Prendan o xornalismo!

ALCAYDE DANS

A eucaliptización mediática anda a desecar o oficio máis fermoso do mundo.

Isto de aquí podería ser un titular dunha crónica debedora do realismo máxico máis biolóxico. O eucaliptal mediático é un lugar onde se reproduce coma agresiva pandemia a mesma voz desecante da conformidade cotiá. Iso, a conformidade cotiá, é un dos primeiros síntomas de que a árbore predadora do xornalismo empobrecido anda a chuchar do mundo das ideas para volvelo uniforme. A praga prende no mesmo discurso dunha única liña editorial reproducida polos grandes medios; e só é o comezo, os biólogos da comunicación teñen ante si unha selva.

Ante a mass media desertizada morren na lei do máis forte os xermolos independentes e os pensamentos autóctonos; a eucaliptización deste oficio -polo de artesán e sacrificado- aniquila a singularidade a adaptabilidade da flora osixenadora que é a prensa nunha sociedade libre. A prensa exerce de lingua de toxos e flores, mais nas rotativas non é tempo de lírica. Un problema coma a devaluación e precariedade do xornalismo, esa boca de toxos e flores, relaxa as alarmas da conciencia, os signos naturais dunha cidadanía crítica e ben informada. Con menos xornalistas, con menos medios, con menos inversión, perdemos profesionalidade, respecto ao lector ou espectador, prestixio, credibilidade, voz. Perdemos capacidade de reacción cando os condutores da indignación, os sementadores da crítica ao poder, son condescendentes a este a cambio de pequenos apliques ao seu barco que fai augas de proa a popa con débedas.

Un despotismo consentido de márketing informativo. O resultado? Unha lingua de herba seca, unha desmemoria coma pobo, coma colectivo, coma alicerce de conciencias da cousa pública defraudadas polos poderes que foron elixidos para facer 1000 primaveras con ela.

Cunha prensa debilitada con financiamento dependente na súa maior parte de fondos buitre, grandes conglomerados de accionistas e empresas de dudosa fama provócase no que se le, escoita e ve do medio de comunicación en cuestión un certo pensamento de celulosa: lixeiro, adoctrinado, ao vaivén, de usar e tirar na compra-venda de dereitos públicos e conquistas sociais. Midamos o valor desta perda, a fraga comunicativa que é en si un xornal, unha televisión, un novo medio en internet, unha revista, un blog, unha emisora de radio, todos os que conforman o ecosistema da democracia osixenada para que algúns con responsabilidade non se esquezan diso das 1000 primaveras. Moitas delas adoitan quedar no papel mollado, moi acorde co pensamento de celulosa.

A perda de pluralidade e masa crítica leva consigo tamén a precariedade dos propios traballadores e traballadoras. Ven o círculo vicioso? O xornalismo de liña caduca e pensamento romo, mercado, premia o chute informativo ata límites tóxicos no contador do clickbait e as visitas, relaxa con uniformidade e saturación a interpretación dos feitos do xornalismo comprometido coa palabra. As fake news, a posverdade (revelación, chámase mentira) son consecuencia e síntoma da mesma realidade á que nos enfrontamos os profesionais da información.

Habería que recuperar o valor das palabras, coma Hessel no seu “Indignádevos!”: democracia, dereitos humanos, dignidade, indignación. Indignar as palabras, revolucionar os textos, recuperar ese san xesto de tomar conciencia de que un ou unha está defraudado e que hai que tomar outro camiño. Se o xornalismo non remove a terra é que perdeu a confianza en atopar algo e deixou de iluminar sendeiros.

O xornalismo debe indignarse e indignar con el á sociedade adormecida no statu quo conformista e empobrecedor para a supervivencia do propio oficio e do medio ambiente democrático: desprecarizarse para desprecarizar o resto, recuperar a ilusión, recuperar dignidade para poder defendela e transmitila. Diminúen cada ano postos de xornalistas en grandes medios, moitos deles cun capital humano de calidade considerable, dos que os seus directivos falan do “novo xornalismo” e a necesidade de “adaptarse” -fermosa palabra, exemplo das que lle envileceron o significado- nos almorzos do Ritz ou Palace e a sombra da tesoira paseando entre café e cruasán.

Son moitas raíces de eucaliptal que hai que desprender.

A precariedade laboral é consecuencia da idea da información coma ben prescindible. A noticia explicada debe ser rescatada pola prensa. Só o xornalismo pode salvar ao xornalismo volvendo á súa razón básica: a xénese do pensamento en circulación dun país activo.

Axitar o ecosistema coas preguntas, as verbas prendedoras que dan de si novas realidades posibles.

Desbotar a idea da imposibilidade da utopía na que nos ten instalado o réxime dos mundos pararelos e a posverdade.

Frear a eucaliptización, xerar cultura de pensamento, rexenerar o chan queimado dos que moitos andan xa a parcelar e deseñar o solar da resignación.

Prendede o xornalismo!

Xian Lois Alcayde Dans, colaborador do grupo S1B: Xornalismo e Precariedade Laboral, escribe en Sermos Galicia. É Coordinador de comunicación en CUAC FM.

19 comentarios en “Prendan o xornalismo!

  1. Vaia¡ parece que o Sr. Alcayde Dans (Don Xián), descoñece a existencia do gonipterus scutellatus, e mesmo do patasson. Mágoa, tan preto que está da solución bio-mediática e da súa extinción, polas súas querencias (hai que decilo) terceirosectoristas. Tá ben. Grazas.

    Gústame

    1. Sr. Alcayde, que eu saiba os vagalumes tamén son coleópteros, ao igual que os gorgulhos do eucalipto (o gunipterus). Reprodúcense nas lameiras e nas brañas, por contra do que fala vostede dos que califica coma vermes (non son tal) que nacen, medran e morren nesta praga de árbore tan produtivos ao capital especulativo. En todo caso a metáfora está clara para quen queira ver. Ás costas dos eucaliptos hai moita fauna que chucha (coma os vampiros de Castelao), que vai apodrecéndoos, que vai mermando as capacidades onde se podería exercer xornalismo. E, ao mellor, era cuestión de ver (xa que hai arela, e tanta luz e esperanza nas súas verbas) se o xornalismo poidera ter lugar no seo das comunidades, e se iso sería xornalismo ou talvez outra cousa. Un pracer sempre.

      Gústame

      1. Andan as xaulas detrás dos paxaros!

        Grazas por ver luz e esperanza nas miñas verbas, ben e certo que no xornalismo deberian agromar mais vagalumes e menos coleópteros perniciosos. Ogallá no xornalismo unha primavera de vagalumes, cada vez hai mais xente tentando matalos.

        Un pracer!

        Liked by 1 person

          1. Metaforizando con carga real. Lea o Luzes deste marzo, as gaiolas andan detrás dos paxaros. Un saúdo de parte dos terceirosectoristas de CUAC FM.
            Sempre polo sol! 😉

            Gústame

                1. Aquí o media fellow. Non se perda na densidade, que hai que saír a flote. Doutra banda alégrame que na USC haxa xente que coñeza de bioloxía, éche moi útil no ecosistema da selva radiofónica. Polo sol! 😉

                  Liked by 1 person

                  1. Non hai como provocar nesto da comunicación que de seguido medran os guinchos, jajajajajaj Ben o sabe meu amigo o Mariano como podo ser (coñece ao animal), Saúde pra CUAC FM, mil cen anos máis que nos collan calv@s a tod@s

                    Gústame

                    1. Certo que as formas poden non ser as ortodoxas (é curioso que esta xeración apele tanto ás formas), pero canda menos enchémoslle de comentarios ó post, e, a verdade, non sei se estarán moi agradecidos, pero eu estou satisfeito de xerar un pequeno confronto que deixe o camiño pragado de vagalumes e de dúbidas por resolver. Saúde.

                      Gústame

  2. A corrixir:
    – 1º parágrafo
    “onde se reproduce [a mesma voz] (concordancia do verbo co suxeito en singular)
    “teñen ante si” (gralla de acentuación)
    – 2º parágrafo
    “mais nas rotativas” (gralla de acentuación)
    ‘Lacra’ non existe en galego
    “respecto ao lector” (gralla de redacción)
    “son condescendentes” (gralla de redacción)
    – 3º parágrafo
    ‘Almeiro’ non existe en galego
    – 4º parágrafo
    ‘Blogue’ non é a forma correcta en galego
    – 5º parágrafo
    “conleva tamén a perda” (gralla de acentuación)
    – 7º parágrafo
    ‘Laurel’ non existe en galego
    “os seus directivos” (gralla de redacción)
    – 9º parágrafo
    ‘Almeiro’ non existe en galego
    – 10º parágrafo
    “dan de si” (gralla de acentuación)

    Gústame

  3. Aaaaaaa!!!!! “terceirosectoristas” de CUAC FM Nooooo!!!! por favor, nooooo!!!!! Me muero muerta!!!!!. Cuac FM identifícase co movemento de medios comunitarios. Identifícase e comparte os principios e valores do movemento: liberdade de acceso, ausencia de lucro, crítica social e servizo á comunidade. Apoiamos e revindicamos a pluralidade mediática -sempre e cando veña acompañada dunha responsabilidade do xornalista e dos medios cara a sociedade- e apoiamos ao terceiro sector da comunicación, mais somos algo diferentes ao terceiro sector, somos parte dun movemento internacional que loita pola defensa do dereito á liberdade de expresión e comunicación mediatizada (que diria Cheval), de empoderamento democrático e mediático (que diría Kaplún) e de reivindicación da propiedade dos medios para a cidadanía (Javi Garcia) e, finalmente, ferramentas de alfabetización mediática (Lema-Blanco). Apertas!

    Gústame

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.