A precariedade no xornalismo: un problema de todos

S1B

Foron tres meses de duro traballo arredor dun tema non precisamente doce:  a precariedade presente na profesión que, en principio, nós mesmos escollemos. Se ben o marco xeral dos problemas tratados xa estaba presente en apuntamentos e lecturas coñecidas, foi a relación directa cos membros do círculo a parte do proxecto que lle achegou verdadeiro valor a este. Non é o mesmo lelo que telo diante.

Como non podía ser doutro xeito, este contacto con profesionais do sector rematou por traer de volta a vella pantasma do “pero iso ten saída?”.  Aproveitando as experiencias persoais (e os agradecidos consellos) dos membros do círculo, decidimos orientar a Acción Final do noso proxecto cara a nós mesmos, estudantes de Xornalismo. O traballo consiste nun manual para sobrevivir á saída ó mercado laboral e, en definitiva, tentar con máis forza e tino a misión imposible que parece ser hoxe ter traballo nun medio.  E vivir con el. E é que a situación non é para nada sinxela. Moitas horas de traballo, pouca remuneración económica. Unhas condicións moi duras que só son aplacadas por unha vocación que debe vir dentro do propio xornalista.

Por suposto, non somos as únicas vítimas. A precariedade laboral da profesión é reflectida de xeito directo na sociedade e, polo tanto, na democracia. Lembremos o especial papel do xornalismo na vida política: os medios deben de actuar de cuarto poder, establecendo un control sobre as institucións. O “can gardián” da vida política.

Porén, os medios de comunicación non se fan eco destes duros momentos para a profesión porque son eles os que, en parte, provocan a situación. Pero só en parte: cos círculos aprendemos que é a propia sociedade a que se dana a si mesma, demandando información de maneira completamente gratuíta, non deixando marxe a estes medios para poder facer xornalismo de calidade. Por isto, debido aos problemas económicos que propicia esta situación, deben apoiarse na publicidade para poder sobrevivir nestes momentos de crise, feito que reduce sensiblemente a independencia e calidade da información que producen.

Obxectivos desta investigación

En primeiro lugar, coñecer o mundo xornalístico para poder valorar as vantaxes e os inconvenientes desta profesión. Doutra banda, entender por que se está vivindo esta crise e, sobre todo, o xeito que ten de afectar á nosa sociedade. Por último, a nosa intención con este manual é que se poida estender xa non só entre os círculos que axudaron á súa creación, senón tamén entre o propio alumnado da facultade de Xornalismo, que debe ter en conta tamén algúns dos consellos recollidos.

Valoración do noso círculo

Durante estes últimos meses, os membros do círculo souberon guiarnos e axudarnos en todo momento na elaboración do contido do noso blog, tanto prestándonos a súa imaxe, como a súa propia valoración, tanto positiva como negativa, desta profesión. Durante todo o proceso, recalcaron a idea de que é necesario achegar esta visibilidade ao resto da sociedade, vítima da escasa cobertura que os medios fan da problemática tratada.

Dentro do marco de recomendacións, foron eles mesmos os que aseguraron que en ningún momento había que ter medo ao fracaso, que tentalo sempre era o máis importante, sobre todo tendo en conta a profesión da que estamos a falar. Comentaron tamén a necesidade de cambiar a imaxe do xornalista, que a día de hoxe, máis que ser visto como un medio para contar a verdade e facilitar o acceso á información, é considerado un inimigo.

En canto á valoración das reunións, todos coincidiron no feito de que foron mesas redondas moi interesantes nas que se trataron multitude de temas relacionados con esta situación precaria, tentando achegar sempre unha visión realista da crise de modelo que está a vivir o xornalismo. Un destes membros, Andrea Pérez, recalcou o feito de que quizais botou de menos xornalistas representantes de medios como a radio ou a televisión, aínda que, en liñas xerais, quixo tamén deixar claro a súa impresión positiva sobre as reunións.

Como conclusión, queremos agradecerlles toda a súa implicación durante os últimos meses a Marcos Mosquera, Gemma Melvido, Andrea Pérez, Carlos Miranda e Xaime Leiro. Foi unha etapa de duro traballo e contacto case diario con eles para que nos puidesen achegar a súa visión. Facilitáronnos moito o noso labor como investigadores, e tamén como futuros xornalistas.

2 comentarios en “A precariedade no xornalismo: un problema de todos

Deixa unha resposta a Marcelo Martínez Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s