Forza e voz para as comunidades e medios alternativos

S3D

O pasado Martes día 17 tivo lugar a octava xornada de debates da iniciativa Filosofía a pé de rúa, consistente nun debate sobre a cultura hexemónica. O acto tivo lugar no Airas Nunes Café e interviron como poñentes Diego Horschovski, da revista Lume; a Charo López, de Novas da Galiza; Mario Vilariño, de Balea Cultural; e Toni España, de Radio CampusCulturae. Mike B. moderou o debate, aberto a todo aquel que acudise ao evento. Con isto, dabamos por rematada unha experiencia sen ningún tipo de dúbida moi positiva e interesante para nós.

Cando nos involucramos neste proxecto, o noso coñecemento sobre a situación e a capacidade de organización deste tipo de iniciativas contrahexemónicas e alternativas era moito menor, polo que só por ese motivo xa pagou a pena o esforzo precisado. Ademais, a totalidade do grupo estivo moi implicada e comprometida co proxecto e iso facilitou todas as tarefas necesarias para que esta iniciativa tivese a difusión que merece.

A acción

Para comezar,  os nosos colaboradores fixeron unha primeira intervención duns 4 minutos, contextualizando e explicando o debate ao público. De tal forma, Diego explicou e definiu contrahexemonía dende unha visión filosófica, Mario encargouse das ofertas de arte e cultura alternativa, Charo expuxo a forma de desenvolverse dos medios alternativos e Toni falou de todo o que se considera alternativo e abriu un pouco o debate sobre ese concepto.

IMG_2267
Os colaboradores explicando as súas ideas

Unha vez rematadas esas primeiras intervencións, o evento avanzou cara á capacidade que teñen os medios alternativos para ser iniciativas contrahexemónicas e ir en contra da linguaxe establecida e da axenda mediática. Partindo desta base, un membro do público fixo unha pregunta relativa a se os medios alternativos terían poder para competir nalgún momento contra xornais como La Voz de Galicia, que por alusións foi respostada por Charo. Como conclusión podemos sacamos en limpo que para todo medio de comunicación é necesario ter poder e deixar de asumir este tipo de iniciativas como minoritarias polo simple feito de ser consideradas alternativas, contrahexemónicas. Por exemplo, como dixeron os expertos, que AtresMedia pase a ser alternativo e que medios como Balea ou O Salto se convirtan en mainstream.

Posteriormente, varios membros do grupo fixeron algunhas intervencións opinando sobre o termo mainstream. Neste apartado podemos dicir que existen moitos puntos de vista sobre o que nos medios de comunicación se cataloga con deste xeito, pero que existe unha gran corrente que defende que só se converten en mainstream aquelas iniciativas que van a favor da cultura hexemónica dominante. A raíz da exclusión dos medios alternativos da axenda mediática por afastarse da linguaxe establecida ou das preocupacións ético-sociais (como por exemplo o feminismo, ou non falar en chave estatal ao cubrir noticias)  estas iniciativas contrahexemónicas quedan relegadas a seguir coidando moito a forma de traballar e a mensaxe que se oferta, de tal forma que, nalgún momento, a súa mensaxe chegue ao mainstream.

IMG_2259
O público fixo numerosas preguntas aos expertos

No debate falouse tamén da necesidade de organización, xa que é a ordenación social a única forma de transformar as condicións materiais e estructurais, ademais de que tan só dese xeito as novas xeracións terán conciencia de que ás veces é necesario baixarse da liña que nos marca a cultura dominante e abrirse a novos puntos de vista e de actuación. Por último, o debate deu paso a temas de financiación e dos medios de comunicación como negocio. Voces do público deixaron clara a súa posición, manifestando que as persoas que traballan neste tipo de iniciativas alternativas moitas veces e sen ningún tipo de remuneración teñen unha forma de traballar moito máis comprometida que os medios de comunicación de masas, ademais de contrastaren fontes con máis rigor e teren maior preocupación pola calidade da información ofertada.

A verdade é que as nosas sensacións ao saír do Airas Nunes foron moi positivas. Pensamos que para ambas partes foi unha experiencia positiva e que o público (pese a que moitos fosen habituais deste tipo de debates) estivo bastante participativo. Ademais, para nós foi, como xa comentamos, o colofón final a unha notable experiencia na que deprendimos moito sobre a realidade da situación dos medios e comunidades alternativas e que, con total seguridade, vainos servir de moito para o noso futuro como xornalistas.

Impresións do círculo

Durante estes últimos meses colaboramos continuadamente co noso círculo. Non só nos encontros nos que debatemos sobre distintos temas que afectaban ou interesaban ao tema do proxecto, senón tamén mediante unha constante retroalimentación, facilitando a difusión destes medios e iniciativas e recibindo o seu apoio e recursos de distintas formas.

Remitíndonos ás palabras de Diego Horschovski, codirector da Revista Lume, “neste proxecto aprendemos todos”, sendo un intercambio non só entre Observatorio Cidadán e o noso círculo, senón tamén entre os propios medios, fomentando un ambiente instructivo e de cooperación. “O xornalismo ten que ser comprometido” engadía Diego, recalcando a actitude do proxecto e do grupo en todo momento. Jessyca Ocampo, creadora do Mapa do Medo, definiu a iniciativa como unha idea “realmente enriquecedora” por darlle a oportunidade de ver o modo de traballar doutros medios alternativos e compartir experiencias con eles. “Repetiría sen dúbida”, afirma Ocampo.

Segundo a opinión dos nosos colaboradores, Carmen Conde (profesora de teatro, cómica, guionista e creadora do micro aberto Serpes na Cachola) e Mario Vilariño (codirector de Balea Cultural), a experiencia foi moi gratificante, ata o punto de contar con Mario como poñente na nosa acción final. “A acción transgrede o que é o propio traballo. Ademais de que puidemos dialogar uns medios cos outros, no debate fomos quen de falar con persoas anónimas que se achegan e lles interesa o tema, tecendo unha rede máis aló do teórico”.

Para nós, son importantes as sensacións do círculo respecto ao proxecto e ditas sensacións non difiren moito do que sacamos en claro. Polo tanto, no grupo de traballo quedamos satisfeitos con todo o proceso en xeral. Máis aló de comprender a teoría sobre estes medios, consideramos que o traballo foi beneficioso para o noso círculo, axudándolle a darse a coñecer mediante as nosas publicacións e o debate aberto final. Está claro que os medios alternativos son unha opción de futuro para todos nós, sendo un raio de luz para os estudantes de xornalismo nun panorama profesional cada vez máis negro. Esperamos seguir deprendendo e traballando este tema ao longo da nosa formación.

2 comentarios en “Forza e voz para as comunidades e medios alternativos

  1. A corrixir:
    – 2º parágrafo
    “que este proxecto tivese” (empregar a forma correcta do imperfecto de subxuntivo do verbo ‘ter’)
    – 4º parágrafo
    “avanzou cara á capacidade” (estrutura cara a +)
    “da linguaxe establecida” (concordancia do artigo co substantivo en feminino; gralla de redacción)
    – 5º parágrafo
    “da linguaxe establecida” (concordancia do artigo co substantivo en feminino)

    Gústame

Deixa unha resposta a Andrés Vázquez Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s