Santiago, a necesidade dun turismo baseado no benestar cidadán

Lezcano González

Sempre entendín Santiago como un lugar turístico. Cando tiñamos o privilexio de ser estudantes na cidade, adoitabamos dicir: “vin un día no verán e non coñecía a ninguén, todo estaba cheo de guiris!”. Parecía que xa non nos facía moita gracia a presenza de estranxeiros nos nosos espazos cando os estudantes marchabamos. É evidente que a estacionalidade era moito máis acusada entón. Era o final dos 80 e principios dos 90. Aínda podiamos mercar nas tendas “de toda a vida”: na mercería, nun par de boas librarías,  en tendas de roupa ou de ultramarinos, na clásica panadaría das dúas señoras da esquina da Rúa Nova, ou na tenda de cirios. A vida mesma, moi real.

Co paso dos anos e coa perspectiva actual de vivir noutro lugar, pero tamén de volver de vez en cando a Compostela, fomos quen de coñecer a progresiva transformación das principais rúas do casco histórico nun conxunto de establecementos, uns máis afortunados ca outros, postos ao servizo dos turistas. Tamén comprobamos que estes últimos cada vez son máis numerosos e están máis presentes ao longo do ano, feito que agora parece encher de malestar á cidadanía.

Cantos composteláns vivirán agora da actividade turística directa ou indirectamente? Ese é un dato que interesaría coñecer con detalle. Igual nos sorprendería. É probable que deixásemos de pensar en liberar Santiago de turistas.

Outra pregunta que podemos facernos é: está caendo a cidade nun nada desexable monocultivo turístico? Polo menos nas partes máis céntricas do casco antigo é probable… e perigoso.

Conste que Santiago se desenvolveu grazas a iso, á necesidade de satisfacer ás xentes que a ela se desprazaban para venerar unhas reliquias. Hoxe segue a ser así, aínda que esa xa non é a única nin principal motivación. Ao longo da historia houbo moitos momentos de masificación aos que houbo que se adaptar.

Estamos, pois, nun deses momentos, coas características e problemas propios da nosa época. O principal: o perigo de que Santiago gañe en turistas, pero  perda toda a autenticidade de “lugar no que vive xente”, no que hai vida real e cotiá.

Iso é o que cómpre protexer, aos propios habitantes e o seu benestar, pero sen esquecer que son eles mesmos os que, na maior parte dos casos viven do turismo. Hai uns anos chegabamos cada curso a Santiago uns 50.000 estudantes que duplicabamos a poboación. Hoxe eses estudantes redúcense a menos da metade. A cambio, viñeron e veñen turistas, incluso máis. Non foi unha mala alternativa para a economía da cidade.

A promoción foi un factor clave, pero igual hoxe  cómpre  pensar e actuar doutro xeito: menos promoción e máis xestión, menos querer bater récords, como se empeñan en sinalar dende a  Administración, menos cantidade, polo tanto, e máis calidade (que non quere dicir luxo), mellor atención ao visitante, pero sobre todo a unha cidadanía que ha ser a protagonista, ela e o seu benestar. Se a xente que vive en Compostela está satisfeita, o turismo tamén o estará. Pero nesa orde, non á inversa. Vixiar o cumprimento de normativas, adaptarse aos novos tempos, pero sen que isto signifique que uns paguen impostos a costa dos outros, ou que triunfe a economía somerxida. En ocasións as cousas parecen difíciles de cambiar, pero quen nos ía dicir que iamos ver desaparecer os autobuses aparcados en batería da praza do Obradoiro? Que os visitantes afaríanse a deixar os seus coches fóra do casco histórico e camiñar cara aos lugares de interese? Que íamos deixar de fumar dentro dos locais? Parecía imposible conseguilo, pero non foi así.

Para rematar, teño un especial interese en defender o bo facer de moitos profesionais do turismo,  moitos deles  posuidores dunha excelente formación, que teñen que ocupar postos precarios  ou marchar fóra. Aproveitemos a oportunidade de traballar con esas persoas, para outras persoas, nas condicións que merecen.

En definitiva. Santiago quere turismo, si. A cidadanía precisa vivir nun lugar amable, que satisfaga as súas necesidades, que poida desenvolver a súa vida con dignidade, seguridade e tranquilidade. Iso é, ou debería ser, o primeiro. Se a cidadanía ve cumpridos estes aspectos, tamén o verá o turismo que chegue.

María Elvira Lezcano González, colaboradora do grupo S2C: Turismo, é profesora de turismo na Universidade de A Coruña.

2 comentarios en “Santiago, a necesidade dun turismo baseado no benestar cidadán

  1. A corrixir:
    – 1º parágrafo
    “era o final” (concordancia do verbo co suxeito en singular)
    – 5º parágrafo
    “que Santiago se desenvolveu” (pronome
    – 8º parágrafo
    “pero nesa orde” (concordancia do demostrativo co substantivo en feminino)
    – 10º parágrafo
    “que poida desenvolver” (empregar a forma correcta do presente de subxuntivo do verbo ‘poder’)

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s