S3D
Como xa explicamos na entrada de presentación, o asunto no que queremos afondar nos próximos meses é o “audiovisual participativo”. Tamén se coñece como “audiovisual reivindicativo”, xa que os grupos que se dedican a isto céntranse en temas apenas tratados na prensa. Estes equipos de traballo pretenden dar visibilidade a aqueles conxuntos máis descoñecidos ou desfavorecidos da sociedade, así como mostrar os conflitos sociais que nos rodean e que parecemos querer esquivar.
Pretendemos, dalgún xeito, converternos tamén nun equipo audiovisual participativo por un tempo, xa que eles mesmos son uns descoñecidos para a gran maioría da sociedade. Intentaremos proporcionarvos unha visión persoal sobre o que fan, os recursos que empregan, a xente coa que tratan ou como eles son tratados pola Administración e os medios de comunicación. Por outra banda, tamén resulta un ámbito moi atractivo para nós, estudantes de xornalismo, xa que se trata dunha posible saída laboral no futuro. Por iso será tan interesante analizala a fondo e coñecer os seus pros e contras, tamén como un traballo remunerado.
O audiovisual participativo forma parte da “economía social”, sector económico a medio camiño entre o privado e o público. Tamén coñecido como “terceiro sector”, inclúe cooperativas, organizacións non lucrativas, asociacións caritativas… Estas entidades xorden, principalmente, por intereses concretos das empresas en determinados ámbitos sociais ou de traballo. O seu obxectivo primordial non é o beneficio económico, diferenciándose así das compañías privadas. Buscan ofrecer un servizo aos cidadáns sen ánimo de lucro.
En xeral, trátase de elaborar proxectos audiovisuais, como películas, curtos, vídeos… ilustrando e analizando asuntos que, por algún motivo, se afastan do habitual. Unha das súas particularidades é que dan voz a eses colectivos que a miúdo non a teñen, facéndoos partícipes dos seus traballos. É o caso do Proxecto Máscaras, nado no 2014 co obxectivo de “seguir contando esas realidades posibles que se agochan na tiranía da normalidade”. O seu traballo principal é o curto Máscaras, protagonizado por persoas con discapacidade. Presenta un ton optimista e humorístico do cal o propio presidente da Xunta, Núñez Feijóo, destaca o afán de superación dos seus actores. Amosa unha realidade allea para moitas persoas pero que, por suposto, existe. Como sinala o psicólogo clínico Manuel Calvillo nunha entrada do propio blogue do proxecto, “Máscaras rescata a diversidade do mundo do anormal e o patolóxico para traelo preto e colonizar o cotiá”.
Como xa se mencionou anteriormente, este ámbito laboral é bastante descoñecido malia o seu enorme interese e da súa positividade. Trátase dun sector pouco mediático, precisamente porque os seus traballos xiran arredor de asuntos pouco habituais. Malia todo, ocasionalmente teñen a oportunidade de saír na prensa. De feito, o recoñecemento á película “Campeones” co Goya a Mellor Película e a súa posterior presenza nos medios é, realmente, un galardón ao audiovisual participativo. A súa proposta, aínda que a maior escala e con actores profesionais, ten similitudes por exemplo con “Máscaras”. Máis preto de nós, na web de La Opinión A Coruña vénse falando moito nos últimos días da asociación Down Coruña e da fichaxe dalgún dos seus membros polo programa da TVG “Down Street” e para algúns capítulos da serie “Fontealba”.
Nas reunións que manteñamos co noso Círculo, trataremos de coñecer mellor todo o traballo que hai detrás das cámaras, como é a xente que participa nos seus proxectos, analizar a situación laboral do sector e ver cal é a proxección futura do seu oficio. Non se poden pechar portas a nada e o audiovisual reivindicativo é unha opción para nós moi positiva e seguramente enriquecedora a nivel persoal. Ficade atentos!
Belinchón, Gregorio (13 de xaneiro do 2019). ‘Campeones’ triunfa en los Forqué, los premios de cine de los productores. El País. Recuperado de: https://elpais.com/cultura/2019/01/12/actualidad/1547332180_384809.html
Belinchón, Gregorio (3 de febreiro do 2019). ‘Campeones’ gana el Goya a mejor película en una noche dominada por ‘El reino’. El País. Recuperado de: https://elpais.com/cultura/2019/02/03/actualidad/1549154388_738480.html
De los cortos reivindicativos y el teatro a la Televisión de Galicia (10 de febreiro do 2019). La Opinión. Recuperado de: https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2019/02/10/cortos-reivindicativos-teatro-television-galicia/1374017.html
Ramil, Ana (10 de febreiro do 2019). A Coruña también tiene sus ‘Campeones’. La Opinión. Recuperado de: https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2019/02/10/coruna-campeones/1374018.html
Proxecto Máscaras. Extraído de: http://www.proxectomascaras.com/