S1A
O colectivo LGTBI (lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais), sendo un dos grupos sociais máis fortes, segue a sufrir en ocasións un trato discriminatorio. Os medios de comunicación funcionan como unha fonte de coñecemento para a cidadanía, e adoitan contribuír á integración do colectivo. Porén, ás veces os xornalistas máis alá de axudar o único que fan é prexudicar mediante a banalización da súa situación, a un grupo social que agora atopa novas dificultades.
O grupo S1A analizará as diferentes problemáticas relacionadas co colectivo LGTBI e o tratamento que recibe nos medios de comunicación. Partindo disto, podemos identificar diferentes aspectos que trataremos de analizar: a necesidade dunha mellor educación sexual, a linguaxe inclusiva nos medios de comunicación, o tratamento do colectivo transexual e intersexual (moito máis problemático que, por exemplo, o do colectivo gay), a pansexualidade e a súa cuestionada existencia, e se Galiza está inserida na onda LGTBIfriendly, é dicir, se hai un movemento en prol dos dereitos LGTBI en Galiza e se isto se reflicte nos medios de comunicación. A análise destes aspectos vaise levar a cabo nas diferentes reunións que manteremos no seo do círculo.
En base a todos eses aspectos dos que queremos falar e queremos analizar, temos unha serie de fitos e obxectivos marcados para este proxecto. O primeiro é o de obter unha visión interxeracional da problemática. Para facermos unha análise completa sobre o tratamento do colectivo nos medios, é preciso falar con persoas de diferentes xeracións. Estas persoas compartirán as súas experiencias e os seus diferentes puntos de vista.
O segundo que queremos lograr é unha análise nova sobre o problema. Hai milleiros de análises e exemplos do mal tratamento que as persoas LGTBI reciben nos medios de comunicación, pero poucos sobre Galiza. Comparando o movemento LGTBI co impacto das súas iniciativas nos medios, ou como se fala do colectivo (linguaxe inclusiva), poderemos ter unha idea integral de en que contorna nos movemos.
O terceiro e último é a xeración dunha serie de solucións aos problemas que aparezan nas reunións en relación ao tema. Non só queremos analizar como se trata ao colectivo nos medios, senón propoñer vías alternativas para facelo mellor.
Para o deseño do círculo, en base aos obxectivos e a todos eses temas dos que queremos falar, elaboramos unha listaxe de perfís que nos serían útiles para as reunións:
-
- Estudantes. Visión nova, revolucionaria, sobre o papel do colectivo en sociedade.
- Asociacións de pais de nenos pertencentes ao colectivo. Como se debería educar aos nenos para evitar que nun futuro se discrimine?
- Asociacións políticas e sociais. Preguntarémoslles como queren que sexa a sociedade do futuro e sobre a promoción da tolerancia e a non discriminación.
- Xornalistas. Visión do papel do xornalismo e compromisos de futuro coas problemáticas do colectivo.
No ámbito dos medios de comunicación, o emprego de linguaxe inclusiva é esencial para non caer na discriminación cara as persoas pola súa condición mental ou pola súa orientación sexual, que é o tema que nos ocupa. Por iso manexaremos unha serie de termos que, desde o punto de vista da comunicación interpersoal e comunitaria, nos axudarán a analizar as diferentes problemáticas ás que se enfronta o colectivo.
A acción consistirá nunha mesa redonda na que os participantes do círculo terán a oportunidade de compartir a súa opinión con outros profesionais. A xornada estará aberta ó público e tamén será gravada co fin de facer un vídeo resumo e obter con el maior difusión a través de Internet.