A mobilidade en Santiago: carreira de obstáculos

TOUCEDA ANELLO

Abordaremos a temática da mobilidade en Compostela dende tres puntos de vista: a accesibilidade, o transporte urbano e os problemas do tráfico. Coas nosas achegas pretendemos amosar as carencias da vía publica e as dificultades que estas supoñen para os cidadáns na súa vida cotiá. Asemade, buscamos dar a coñecer os obstáculos aos que certos colectivos teñen que enfrontarse polo mal estado da mesma.


Na nosa primeira reunión, falaremos dos impedimentos que teñen as persoas con mobilidade reducida nunha cidade como Santiago de Compostela. Ao formar parte da rede de localidades Patrimonio da Humanidade, son moitas as materias pendentes en accesibilidade no casco histórico e os seus arredores: rúas demasiado estreitas, pasos de peóns non adaptados, pavimento irregular…

Na segunda xuntanza, o tema a tratar será o transporte urbano da cidade. A rede de bus público non se atopa preparada para satisfacer as necesidades de todos os cidadáns: as paradas nos propios autobuses non están anunciadas acústica e visualmente, os apeadeiros non contan co espazo suficiente como para que os vehículos poidan estacionar correctamente, algunhas veces non están nin sinalizados, etc. A falta de frecuencias das liñas e a non adaptación dos horarios ás esixencias reais da cidadanía agravan esta situación.

No último encontro abordaremos a problemática do tráfico en Compostela, como por exemplo as conxestións que se producen nos centros educativos ao comezo e remate das clases, xa que coinciden as persoas que se dirixen ao seu posto de traballo con aquelas que levan aos seus fillos ás escolas. Neste aspecto, destacan rúas como Virxe da Cerca, San Roque ou a zona do Ensanche, onde a situación se agrava xa que son áreas que, de por si, xa soportan unha gran intensidade de tráfico. As ambulancias tamén sofren as consecuencias destes estancamentos, que lles dificultan o paso, impedindo nalgúns casos que cheguen puntuais aos seus destinos, con todas as consecuencias que isto implica.

No relativo aos medios de comunicación, a mobilidade acostuma ser un tema que non adoita estar presente neles e, cando o está, é relegada a un segundo plano. Os xornais locais só se fan eco deste tipo de noticias cando xa proveñen doutras fontes (comunicados do Concello, queixas veciñais…). Nas pequenas cidades como Compostela, parece non haber un interese por parte da poboación en estar informada sobre mobilidade. En cambio, nas grandes urbes, isto non acontece. Neste sentido, as noticias relacionadas coa mobilidade tratan asuntos illados, esquecendo que a problemática existente na localidade é xeral. Desta forma, ao integrar cada problema de maneira fragmentada, non se fai eco nos medios da real necesidade de cambio.

O noso obxectivo final é amosar as liñas nas que debe desenvolverse a mobilidade urbana e rural, na contorna de Santiago de Compostela, para satisfacer as necesidades dos cidadáns. Co fin de facer visibles as carencias do transporte e da vía pública, expoñemos as ideas para a acción: unha audioguía para os autobuses, sinalizar as paradas que non o estean, o deseño dunha aplicación móbil con todas as paradas de buses, un vídeo amosando as dificultades ás que se enfronta unha persoa con mobilidade reducida… Estamos pendentes de que xurdan novas ideas durante as reunións do Círculo.

Até o de agora, os colaboradores e colaboradoras co Círculo de Mobilidade:

  • Ana Balboa, presidenta da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca (AMICO).
  • Algún membro ou membra —aínda non sabemos quen— da CONGAPA (Confederación Gallega de Asociaciones de Padres y Madres de Alumnos).
  • Álvaro García, tesoureiro de AMICO.
  • Coro González, vicepresidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza, do barrio de San Pedro.
  • Ánxela López, presidenta de VIGalicia.
  • María Moreno Berguer, xefa do Servizo de Mobilidade e Seguridade Cidadá do Concello de Santiago.
  • Miguel Pazos Otón, experto en mobilidade.
  • Suso Vilariño, director de formación de Autoescuela Santa Eulalia.
  • De cara ás vindeiras reunións, é probable que poidamos contar coa colaboración de máis fontes.

 

Material empregado:

Gómez, S., Rodeiro, N. (4 de setembro de 2017). O bus urbano desconcerta aos turistas. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2017/09/04/bus-urbano-desconcierta-turistas/0003_201709S4C3992.htm

Oliveira, A. (22 de outubro de 2017). Media hora en Virxe da Cerca: cientos de coches, 33 buses y tan solo 13 bicis. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/media-hora-virxe-da-cerca-cientos-coches-33-buses-tan-solo-13-bicis/idEdicion-2017-10-22/idNoticia-1079178

Redacción (25 de setembro de 2018). A Confederación Galega de Minusválidos chama a atención sobre os problemas de accesibilidade para moverse en cadeira de rodas polas cidades. TVG. Recuperado de http://www.crtvg.es/informativos/a-confederacion-galega-de-minusvalidos-chama-a-atencion-sobre-os-problemas-de-accesibilidade-para-moverse-en-cadeira-de-rodas-polas-cidades-3915735

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.