Artista e activista: sinónimos parciais?

LÓPEZ FERNÁNDEZ E IGLESIAS ANDRADE

Cafetería Recantos

“Hai que distinguir entre o que che dá de comer a nivel artístico, o traballo, e o que alimenta a túa alma, por así dicilo.” Esta é a reposta de Ángel Vidal, fotógrafo e músico, cando lle pedimos unha definición do concepto de activismo creativo.

Iniciamos a conversa na Cafetería Recantos, no corazón de Compostela, tratando de darlle unha acepción clara e colectiva ao concepto de activismo creativo e intentando descubrir, á vez que potenciar, o seu papel na cidade e na sociedade compostelás. “Eu deixaría á marxe do activismo todo o que entendemos por un traballo máis cotián, máis diario, onde non te podes romper moito a cabeza” comenta Pablo Castiñeira, breakdancer e xestor da asociación Vella Escola Cultura Urbana, que frecuenta festivais do campo e traballa con administracións e municipios de toda Galicia. Deiviz Kostoya, pintor e xornalista, sostén que “é imposible escapar dos encargos que che fan, ao fin e ao cabo estanche pagando, pero se es un bo artista nunca deixas de ser activista, pois se alguén te contrata é porque está de acordo co que fas. Se es un artista es un activismo creativo, reflíctelo en todo.”

IMG-20190219-WA0024

Ángel Vidal leva estas formulacións ao ámbito fotográfico: “Non é o mesmo cando vou facer unha sesión de fotos que cando collo a cámara e me vou dar unha volta pola cidade. É totalmente diferente. Na segunda síntome máis activista creativo que na primeira.” Con todo, os cinco asistentes son conscientes de que vivir da arte a día de hoxe é moi difícil, punto de inflexión ao que chegaron na reunión tras a visualización desta nova de El Correo Gallego. Deste xeito, non se pretende restar importancia aos seus traballos rutineiros, xa que segundo di a muralista Xoana Almar, de Cestola na Cachola“contrátante ou saben de ti por traballos anteriores, ti segues a túa liña de traballo dentro da túa liberdade”, algo no que coinciden todos os participantes do círculo.

Mariña Longa, ilustradora coñecida en redes sociais como Queixumes, é aínda nova no mundo artístico. Porén, tiña algo difuso o concepto a definir: “concibía activismo como todo moi social e político, polo que non me vía representada, xa que consideraba que os meus debuxos non tiñan que ver con iso, pero logo estiven pensando que con temas máis persoais e introspectivos, con tópicos sociais, tamén podo espertar algunha inquedanza ou problemática entre a xente e dalgún modo tamén sería activismo.”

Respecto ao seu ámbito laboral, estamos ante un oficio moi recente, sen unha organización concisa e no que nin os propios membros do colectivo se coñecen moitas veces entre si. “É unha profesión relativamente nova e estamos todos un pouco perdidos. Por iso é interesante protestar e reivindicar como colectivo, para protexernos a nivel laboral, xa que co recente boom do muralismo comezas a ver cousas mal organizadas, incluso abuso laboral”, subliña Xoana, reflexión coa que concorda Castiñeira, que engade que “tampouco se sabe ata que punto estamos sobresaturando en moi pouco tempo todo isto, as condicións nas que se fan as cousas.”

Ademais, é un campo moi descoñecido, incluso infravalorado, para un sector importante da poboación. “A xente sabe moi pouco do que quere conseguir cando solicita un proxecto deste tipo. É unha responsabilidade adquirida que nós «eduquemos e asesoremos» os proxectos nas mellores condicións, xa que ás veces por medo ou descoñecemento non se leva a cabo algunha iniciativa. Nós podemos explicar ao público e aos promotores culturais como organizar as cousas de mellor xeito, fagan ou non o proxecto connosco.” Ángel culpa ao “gran descoñecemento existente” desta situación, e Xoana Almar apunta que esta ignorancia se plasma en ocasións cando son contratados para festivais ou por concellos, no seu caso para pintar en vilas ou aldeas e tratar de darlles vida, posto que “a un arquitecto nunca lle din «vamos facer unha chuvia de ideas para que fagas un edificio colaborativo» pero a nós si, con toda a boa intención, pero si.

Neste eido, o círculo de Activismos Creativos conclúe en que a subestimación e o pouco recoñecemento do labor dos artistas para nada axudan ao seu crecemento e á súa libre actividade. Os medios xogan un papel elemental e deberían incluír na súa axenda mediática esta problemática, dándolles voz aos afectados e non limitando só a información artística a promocións e novas de eventos culturais.

A acción

Comezamos neste primeiro encontro a traballar tamén sobre a acción que o círculo levará a cabo, intercambiando ideas e ideando un posible evento no que os muralistas, pintores, músicos, poetas e demais artistas participantes podan dar a coñecer o seu traballo ao público compostelán. A idea é facer carteis e debuxos de distintos recunchos da cidade e difundilos pola mesma, levándoos aos propios lugares que toman como inspiración. A idea é facelo ben acompañados de música ou fotografía. Tamén se propuxo fixar unha data para organizar un evento de cultura na rúa ou nun local santiagués, que inclúa poemas, exposicións e cancións, e que se divulgaría por medio de carteis de deseño propio. Isto son loxicamente as primeiras pinceladas, seguiremos traballando en conxunto para orientar a acción e conseguir o mellor resultado posible.

 

Nesta conversa interviñeron:

  • Ángel Vidal, fotógrafo e músico.
  • Xoana Almar, muralista e pintora da cooperativa Cestola na Cachola.
  • Mariña Longa, ilustradora.
  • Pablo Castiñeira, breakdancer, xestor e fundador de Vella Escola Cultura Urbana.
  • Deiviz Kostoya, pintor e xornalista.

11 comentarios en “Artista e activista: sinónimos parciais?

  1. JORGE VIDAL

    Opino que o plano activista e o artístico sempre van da man na traxectoria dun artista. Non penso que se poida dar unha diferenciación, na práctica, de ambos conceptos, como establece Pablo Castiñeira, e que a indicación de Deiviz Kostoya se axusta máis á realidade dicindo que se alguén te contrata é porque está de acorodo co que transmites. Vexo o activismo como o ideario que sempre se atopa no transfondo dun contido artístico e que se trata, ó fin e ó cabo, do que xenera o engagement co público que ten o artista.

    A arte é unha narrativa máis, outro medio de comunicación para facer chegar ideas, protestas ou inquedanzas do artista en concreto. Como di Sonja Brünzels, autora do manual A guerrilla da Comunicación, trátase de crear un espazo onde cousas imposibles que nos gustaría que acontecesen se fixesen posibles. Exemplo claro disto sería por exemplo a creación e difusión, no centro da cidade de Nova York, dun falso New York Times dun futuro 4 de xullo de 2009 no que as súas noticias eran as dunha utopía, como “Remata a guerra de Iraq” na portada. Ou o movemento “Prêt a revolter” levado a cabo por Aviv Kruglanski onde activismo, protección e arte se mesturaron no contexto das protestas contra o Banco Mundial de Barcelona (2001). Tratábanse de traxes festivos, cheos de coridos variados e reforzados contra as violencias policiais par así loitar doblemente: contra os abusos das autoridades e contra a difusión demonizada que puideran facer os medios. A Infernal Noise Brigade tamén constitúe outra metodoloxía de comunicar utilizando de medio a arte, xa que poñían banda sonora ós movementos de protesta nacentes para mover e inspirar á xente. Como establece un dos seus iniciadores Grey Filastine: “Tratábase de ser a gasolina para o lume”.

    Aínda que os exemplos anteriores se desen en marcos de protestas explícitas, isto non quita que se dea noutras formas de arte máis cotiás. A ideoloxía e a arte teñen relación polo mero feito de que a segunda se trata dunha forma de expresión da cultura do artista. Cultura que se relaciona cos ideais, os gustos, os pensamentos… A arte, en todas as súas expresións, é o vehículo do ideario.

    Ligazóns:

    – Arte e ideología. La tinta de la historia. Recuperado de: https://latintadelahistoria.wordpress.com/arte-e-ideologia/
    – Paco Gómez e Fátima Ramas (productores) e María Pallier (directora) (2010). Metrópolis – Arte e Activismo. España: RTVE.
    – (12 de novembro de 2008). Una falsa edición de ‘The New York Times’ anuncia en su portada el fin de la guerra de Irak. El País. Recuperado de: https://elpais.com/internacional/2008/11/12/actualidad/1226444423_850215.html

    Gústame

    1. Está claro que existe unha diversidade de opinións con respecto a este campo. Pode ser que o plano activista e artístico vaian unidos na traxectoria dun artista, sen existir ningún tipo de diferencia noutros ámbitos. Non obstante, hai artistas que non se senten igual de activistas cando están traballando que cando expresan o seu arte por si soa. Creo que deberíamos facer unha distinción entre aqueles que consideran a súa forma de expresarse artisticamente e os que se dedican a isto simplemente porque si. Non todos o senten da mesma maneira e menos, por exemplo, cando calquera pode coller unha cámara de fotos créndose que sabe utilizala e que pode facer unha sesión de fotos, pero realmente non. Está ben que a xente se interese polo mundo artístico, pero unha vez que teñamos a ferramenta temos que buscar a maneira de saber utilizala, e para iso contamos cos profesionais artísticos, para que nos eduquen e nos asesoren.

      A esencia en si da arte, desde os seus inicios, foi o de comunicar. Toda obra de arte ten un contido e un medio de expresión. En 1925, Ernest Kris escribiu que o estudo da arte é parte do estudo da comunicación, pois sempre hai un emisor, un receptor e unha mensaxe. Cada artista ten unha idea que quere transmitir aínda que tamén, como di o fotógrafo Carlos López García, ten que recoller outros puntos de vista e formas de pensar que son diferentes aos nosos, pero que son igual de válidos ou incluso máis.

      Porén, creo que a arte atópase nun momento crítico onde non todo o mundo a valora de igual maneira, e máis nesta nova era das redes sociais onde en moitas ocasións prima máis a cantidade que a calidade do artista. A pesar diso, Jean Baudrillard manifesta que o esencial non é o cambio, senón as conexións, porque todo o universo convértese nunha pantalla de control, polo que debemos de buscar a maneira de solucionar este problema e poder cambiar a concepción da xente ante esta situación.

      Ligazóns:

      ABURTO MORALES, S. (2009). Arte y Comunicación. El objeto del transobjeto. Razón y Palabra. Recuperado de: http://www.razonypalabra.org.mx/N/n66/actual/saburto.pdf

      Eulogio. (23 de Octubre de 2012). Las artes como medio de comunicación. Euloart’s. Recuperado de: http://euloarts.com/2012/10/las-artes-como-medio-de-comunicacion/

      COUSO, S. (26 de septiembre de 2009). Ojalá pudiera vivir solo de la fotografía, pero es complicado. El Corrego Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/ojala-pudiera-vivir-solo-fotografia-es-complicado/idEdicion-2016-09-26/idNoticia-1018624/

      Gústame

      1. JORGE VIDAL

        Tes moita razón ó incidir na diversidade de opinións e no feito de que cada artista é quen remata decidindo o carácter e a finalidade da súa obra. Dase un gran abano de opinións e pensamentos que, ó fin e ó cabo, rematan confluíndo na mesma materia: a arte. Mais penso que, como dis ti, ó ser un proceso comunicativo, trae consigo unha mensaxe.

        O termo artivismo, que combina as palabras arte e activismo, fai referencia ós elementos artísticos que teñen como finalidade a protesta ou a difusión de pensamentos políticos. Ten claros antecedentes en décadas pasadas, mais colleu grande forza e proximidade á vida social nos últimos anos. Sobre todo posúe un valor formativo e de transformación social, sendo a súa principal labor dar novas formas de expresión que teñan cabida en todos os entornos, destacando as cidades e o urbano. Para Kombrov, experto na obra artivista Pier Pavlensky, o artivismo é dos medios de expresión máis eficaces xa que non individúa a expresión, senón que, dividíndoa volve a estudar en profundidade a presenza humana buscando un cambio concreto. Penso que iso é o que se busca coa elaboración de arte, sexa cal sexa o seu xénero ou carácter, e máis aínda falando nun contexto no que o interese primordial é o de acadar un público, como é o panorama actual. Unha mensaxe que conforma o artista – o emisor – e recibe o usuario – o receptor -.

        Mais neste panorama, no que se busca a renovación, a ruptura, o transgresor… O máis importante, como en todos os ámbitos, é a liberdade. Liberdade para os artistas, para as súas obras e para a definición que estes lle queiran dar, podendo facer artivismo ou, soamente, arte que suscite sentimentos (e non ideas) no espectador.

        Ligazóns:

        – Aladro-Vico, A., Jivkova-Semova, D. y Bailey, O. (2018). Artivismo: un nuevo lenguaje educativo para la acción social transformadora. Comunicar, 57, 09-18. Doi: https://www.revistacomunicar.com/pdf/comunicar57.pdf
        – Ramis, M. (2 de abril de 2014). ¿Qué es el artivismo?. Que aprendemos hoy. Recuperado de: http://queaprendemoshoy.com/que-es-el-artivismo/

        Gústame

        1. Este é un mundo onde caben diversas opinións sobre a arte e máis os artistas. Paréceme moi interesante o termo de artivismo. Creo que é algo que todo o mundo debería de coñecer xa que tivo unha larga evolución desde os anos oitenta e que por desgracia moi pouca xente o coñece. A idea do artivista é a de intervir directamente na maneira de experimentar os espazos públicos e provocar cambios que melloren o día día das persoas. A maneira de actuar deste parte da idea do autor, unida a colaboración da audiencia no desenvolvemento e no sentido da obra.

          Está claro que o artivismo abre unha serie de posibilidades moi vistosas e culturalmente interesantes nunha época na que é moi difícil ser escoitado. Deste xeito, podemos consideralo como unha peza clave para reinventar a forma de transmitir información.

          Por último, pero non menos importante, quería destacar o tema da liberdade cunha cita de Deeyah Khan, o embaixador da UNESCO para a liberdade artística e a creatividade, onde di que os dereitos dos artistas a expresarse libremente vense ameazados en todo o mundo, xa que a arte ten a extraordinaria capacidade de expresar a resistencia e a rebelión, a protesta e a esperanza, ademais de que aporta unha contribución esencial a todas as democracias prósperas. Creo que deixa claro o significado da liberdade artística e a súa importancia, e que debemos de ter coidado, xa que van elevando as ameazas contra as maneiras de expresarse dun mesmo, polo que lles acabando afectando cada vez máis aos artistas, e sobre todo a arte.

          UNESCO. (2017). Libertad Artística. Recuperado de: https://es.unesco.org/creativity/sites/creativity/files/artistic_freedom_esp_pdf_web.pdf

          RUIZ DE VELASCO, S. (28 de abril de 20109. Artivismo en la calle: los trendings de Escrito en la Pared. El País. Recuperado de: https://blogs.elpais.com/trending-topics/2010/04/los-trendigs-de-escrito-en-la-pared.html

          Gústame

  2. S3D MOURO NEGREIRA

    No espírito dun artista ou dunha persoa creativa adoita ir sempre incorporado un afán activista de serie. Porque as actividades desta xente teñen un fondo crítico ou reivindicativo. Neste sentido, paréceme moi relevante o que di Deiviz Kostoya: “Se te contratan é porque están de acordo co que fas”. Cada peza artística, xa sexa unha pintura, un mural, unha foto… inclúe unha determinada intencionalidade do autor, e por ese motivo xa se debe considerar activismo.

    O activismo e a creatividade sempre foron da man realmente. O feito de alzar a voz con cánticos en manifestacións, de elaborar unha pancarta cunha determinada mensaxe ou de pintar a cara ou o corpo con símbolos de distinta índole é unha forma de arte reivindicativa por si mesma. Sen ir máis lonxe, o pasado 8 de marzo saíron á rúa miles e miles de mulleres en toda Galicia con camisetas de cor violeta, co símbolo feminino pintado nas meixelas e con carteis con mensaxes moi enxeñosas. A outro nivel están as mulleres do grupo feminista radical Femen, por exemplo, que empregan o seu corpo como un lenzo de xeito reivindicativo.

    Pareceume importante tamén esta parte do activismo creativo. O círculo está formado por artistas de distintos campos que empregan os seus traballos ou actividades non só como un modo de expresión artística, senón como unha forma de loita social, política e cultural, xa sexa a maior ou menor escala. Porén, é interesante ver como persoas normais, sen ningunha habilidade plástica especial, empregan a súa creatividade tamén para inventar diferentes formas de loitar por un obxectivo ou de defender os seus intereses. Poderíase facer unha distinción, polo tanto, entre artistas activistas e activistas creativos. O que está claro é que desa creatividade é de onde parte calquera movemento social. A arte é o medio de expresión que permite unha maior difusión de ideais que, doutro xeito, non chegarían a tanta xente ou non calarían de xeito tan profundo na sociedade.

    O publicista e activista creativo de Barcelona Nicko Nogués define o activismo creativo do seguinte xeito: “a cousa vai de detectar un problema no contexto no que vives e ofrecer unha solución a dito problema en forma dunha idea/produto/servizo que inspire a outros ata o punto de facelos partícipes, é dicir, co-partícipes da solución”. Esta visión coincide co que dicía anteriormente, que calquera persoa pode ser en realidade un activista creativo, sen necesidade de ser un artista. Como síntese está a etiqueta que emprega Nicko Nogués na súa páxina web: #HACERisthenewDECIR. Para cambiar algo non basta con dicir que hai que cambiar algo. Hai que buscar formas innovadoras de convencer á xente para provocar ese cambio. E isto é o que fan os activistas creativos.

    Ligazóns:

    -Redacción de La Voz. (8 de marzo de 2019). Una marea violeta recorre Galicia por el 8M. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2019/03/08/marea-violeta-recorre-galicia-8m/00031552048342470834591.htm

    -Blog de Femen. Recuperado de: https://femen.org/

    -FERRANT, Mitsy. (31 de outubro de 2013). La revolución desde el individuo: sobre el activismo creativo. PijamaSurf. Recuperado de: https://pijamasurf.com/2013/10/sobre-activismo-creativo/

    -NOGUÉS, Nicko. #HACERisthenewDECIR. Recuperado de: http://www.nickonogues.es/activismos

    Gústame

    1. GESTO ROMERO

      Se ben é certo que o arte e o activismo teñen moito que ver entre sí, é importante reflexionar tamén que non toda arte -máis aínda se temos en conta o pasado- é unha forma de activismo. Hemos de ter en conta a naturaleza deste moitas veces coma a exploración de estéticas e un método de introspección, alende a faceta transgresora que poida ter ou non. Incluso hai quen fai arte únicamente por negocio, ou polo mero gusto de expresarse, sen buscar máis que a satisfacción propia. Non obstante, nos tempos modernos é certo que existe unha corrente reivindicativa moi importante, na que, efectivamente, o arte é un xeito de reivindicar e na que o espírito crítico do artista vai ligado á súa obra. É no espírito do artista -concordaremos nisto- que nace ese espectro activista, e non na arte propiamente dita.

      Se nos enfocamos ao punto do activismo, é certo que a creatividade sempre foi partícipe deste tipo de actividades. O que participa en actos reivindicativos trata de chamar a atención e enviar unha mensaxe, mediante numerosos canles coma os berridos, os cánticos ou os debuxos. E a día de hoxe tamén se retroalimentan ambos mundos: tanto a arte bebe do activismo para crear imaxes e sensacións entorno a inxusticias como o activismo bebe de arte para manterse vivo e ser representado.

      Con respecto a isto último é interesante reflexionar na evolución do mundo do arte na historia, posto que o contexto no que nos ubicamos se entende despois dos cambios que se produciron. Na Idade Media e nos séculos posteriores podemos ver coma o arte tiña unha labor prácticamente oficial e nacional, ademáis dunha faceta didáctica, que defendía os valores de todo un colectivo ou dun organismo superior. Moitas veces isto dábase, coma se pode imaxinar, pola necesidade de mecenazgo para levar a cabo creacións artísticas. O historiador chileno de arte, Gaspar Galaz, explica de feito nun dos seus escritos como o propio artista racha con esa antiga misión que se lles era encomendada por parte de membros oficiais. En contraposición, nace todo un movemento coma o Romanticismo, que defende o culto ao un mesmo e dun carácter tremendamente persoal e intimista. É a súa forma de reivindicar e exercer a liberdade que ten coma personaxe social, e que antes lle era privada polo autoritarismo.

      Nesta última idea xorde tamén o activismo e a protesta, e se repite o que os dos mencionamos no tocante á íntima relación que actualmente teñen activismo e arte. Ao final, a arte non deixa de ser un ente que provén de persoas e ideas, e por iso os cambios ideolóxicos ao longo da historia teñen tanto impacto nas manifestacións artísticas do seu tempo.

      Ligazóns:

      OCHOA, Daniela. (5 de febrero del 2015). Artivismo: Cuando el arte y el activismo se juntan. Recuperado de: https://www.hashtag.pe/2015/02/05/artivismo-cuando-el-arte-y-el-activismo-se-juntan/

      LASSO, Sara. (9 de mayo del 2018). ¿Cuál es la función del arte y para que sirve? Recuperado de: https://www.aboutespanol.com/cual-es-la-funcion-del-arte-y-para-que-sirve-180294

      GALAZ, Gaspar. (1971) La fuerza social del arte. Revista Aisthesis, n6. Recuperado de: http://estetica.uc.cl/images/stories/Aisthesis1/Aisthesis6/la%20fuerza%20social%20del%20arte-gaspar%20galaz.pdf

      Gústame

      1. É certo que ao longo da historia da humanidade a arte tivo utilidades moi variadas e que os artistas tiñan intencións moi distintas con cada obra. Mais eu considero que incluso na modalidade artística máis superficial ou máis introspectiva se esconde, por moi pequeno que sexa, algún detalle reivindicativo propio do activismo. Por exemplo, o surrealismo é un movemento artístico creado en 1944 por André Breton. Se nos paramos exclusivamente a analizar pinturas surrealistas pois seguramente consideremos que se caracteriza por uns rasgos moi difusos que escapan do mundo real e que derivan do mundo onírico ou da imaxinación, da mente humana en xeral. Deste xeito, o surrealismo podería ser considerado un movemento artístico totalmente inocente e superficial, sen un significado concreto máis alá da representación pictórica da imaxinación dunha persoa. No entanto, sábese que o surrealismo naceu, precisamente, con motivo reivindicativo. Nunha época na que a razón viña impoñendo uns límites moi nítidos dende a Ilustración, este movemento créase como método de rexeite aos canons de creación establecidos ata o momento.

        Si é certo que moitos artistas, e máis na época contemporánea, na que case calquera obxecto colocado dunha maneira algo curiosa é considerado unha obra de arte (véxase o “Vaso de auga medio cheo” do cubano Wilfredo Prieto, valorado en 20.000 euros), só buscan o seu propio beneficio económico aproveitándose, por exemplo, do afán por diferenciarse que teñen as persoas de maior nivel social. Mais incluso a obras deste tipo se lles pode buscar algún detalle reivindicativo. Todo movemento artístico nace por algún motivo, e normalmente ese motivo vai en consonancia coa situación social. Volvendo ao exemplo do surrealismo, este aparece porque na arte reinaba a razón, mais non só na arte, senón en calquera ámbito da sociedade. Chega un punto no que se precisan cambios para seguir avanzando e os cambios adoitan chegar como unha reivindicación de que o que se estaba facendo quedou xa obsoleto e a xente demanda algo diferente.

        Arte e activismo teñen unha orixe común e creo que, aínda que sexa mediante pequenos aspectos, unha depende da outra para ter sentido. A arte sen nada que reivindicar serviría como entretemento e ornamentación, mais sería algo moi superficial, carente de significado; e o activismo sen arte non podería sustentarse, xa que as protestas que de verdade teñen repercusión son aquelas que empregan métodos máis orixinais para chegar a xente, dende carteis e cánticos ata pinturas corporais, bailes…

        Ligazóns:

        Redacción de Todocuadros.es. Surrealismo, pintura, estilo y cuadros surrealistas. Recuperado de: https://www.todocuadros.es/estilos-arte/surrealismo/

        PULIDO, Natividad. (27 de febreiro de 2015). ¿Por qué cuesta un vaso de agua medio lleno 20.000 euros?. Recuperado de: https://www.abc.es/cultura/arte/20150226/abci-vaso-agua-wilfredo-prieto-201502261633.html

        Gústame

        1. GESTO ROMERO

          É certo que nas súas entrañas e máis falando da actualidade o arte ten un espectro activista que vai ligado á natureza do artista, pero eu sigo pensando que existe unha diferenciación do arte transgresor e o non transgresor. Aínda que este último conte cunha breve achega do autor que poña en manifiesto algo é importante diferenciar o artivismo do arte asumido coma ‘terapia’.

          Dende 1920 existe este último concepto, que é empregado coma estímulo e axuda mental por aqueles que precisan del. E a súa obra, lonxana a ter un aspecto reivindicativo, non é máis que unha peza que pon en manifiesto a autoliberación dunha persoa, sen ter por iso que referirse a unha causa común. Se ben é certo que o autor é sempre nestes casos quen lle outorga un significado á súa obra, vendóo dende una perspectiva xeral moitas veces damos con obras ou manifestacións que non son máis que o resultado dun exercicio en favor do benestar psíquico. Este non require nin habilidad nin ter un coñecemento estético, senón que é un exercicio puramente restaurador.

          Sobre o do vaso de auga cabe facer unha reflexión interesante e é que na sociedade de hoxe en día o mundo da arte está aberto a moitas máis persoas que na antigüidade e hai moitísimos máis mecenas que ofrecen oportunidades de vivir a artistas do seu traballo. Isto é indudablemente bo polo que nos toca coma consumidores, posto que na actualidade converxen moitísimos estilos e enfoques distintos, pero cada vez existen máis artistas que se desligan da perspectiva social que poden aportar. Non existe unha corrente predominante dende as vangardas ou un estilo que defina a unha xeración, senón que existen máis ‘estilos de autor’, que aínda sendo moitas veces retratistas do seu ambiente e das diversas culturas e actualidades perden o valor global a nivel europeo e continental das antigas correntes predominantes. Ademáis, o arte encontra tamén conflitos coa ideoloxía da xente, e o que hoxe podemos ver coma arte tal vez no futuro acade outra perspectiva moi distinta. É arte caduco, cuxa trascendencia no tempo tende a ser moitísimo menor á de obras de outros períodos históricos.

          Ligazóns:

          GARCIA PERICHE, Gaby. (2 de xuño de 2018). ¿Cuál es la importancia del arte en la sociedad? Recuperado de: https://www.artescondido.com/cual-es-la-importancia-del-arte

          DOTTO, Agnese. (4 de maio de 2018). Arte y sociedad actuales: ¿Hacia una relación conflictiva? Recuperado de: https://www.laopiniondezamora.es/opinion/2018/05/04/arte-sociedad-actual-relacion-conflictiva/1081718.html

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.