COSTA MANTEIGA E CONDE CAMPOS
Biblioteca Ánxel Casal
Nesta primeira xuntanza queremos abordar amplamente o tema central do noso Círculo, a precariedade no xornalismo. Comentamos diversos aspectos relacionados con esta cuestión como a crise económica, a fenda salarial e xeracional nas redaccións ou a situación actual do emprego.
“Eu penso que si, están a seguir camiños paralelos”, defende Lara Rozados, xornalista e integrante da plataforma de crítica A Sega. “Está a ser unha crise global que abarca a todos os sectores, e ao xornalismo, que xa de por si é precario, máis”. Para engadir a súa perspectiva ao debate, Nazaret López, xornalista en Radio Ames, apunta que: “xente marabillosa de prácticas que está traballando comigo nunca acaba tendo unha oportunidade real no xornalismo”.
Continuando coa conversa, saíron a debate outras causas da crise nos medios de comunicación na actualidade. Segundo Emma Araújo, xornalista de La Voz de Galicia, as redaccións reflicten unha clara fenda xeracional: “Esa xente, en dez anos -se os aguanta- vaise xubilar e aí si que vai poder haber un relevo”. Belén Regueira, xornalista e locutora na Radio Galega, ve similitudes no propio cadro de persoal dos medios públicos: “Xa me parece terrible en calquera empresa que a xente máis nova teña 40 anos, pero nun medio de comunicación que significa iso?”, facendo referencia á situación na radiotelevisión pública de Galicia. Engade, para concluír este bloque de debate, que a xente que entra na actualidade en prácticas nos medios públicos traballa “intentando non decatarse de que non hai futuro ningún alí”.
As anteriores reflexións leváronnos a mostrar a primeira peza informativa da reunión, unha entrevista en El Periódico do 30-04-2018. Nazaret López comenta que cando ela comezou, a situación era tan precaria coma a actual, mais tamén sinala que “a diferenza era que había unha esperanza, quero dicir, eu sabía que ía tardar dous ou tres anos pero que ía ter o meu contrato remunerado. E foi así, había unha esperanza.” Tamén engade que “cada xeración ten que ter, vivir e contar o seu momento. E vós non o estades contando porque non vos deixan”. Sobre este tema, Emma Araújo cita un dato significativo: “Os únicos xornais que aumentaron ventas e difusión foron os únicos que aumentaron o número de xornalistas”.
“Sabemos realmente o que está pasando por alá cando a única posibilidade que temos de obter ese tipo de información e esa?” Emma Araújo
Seguindo coa súa intervención, cita o caso de Antonio Pampliega e outros xornalistas freelance que viaxan e viaxaron a zonas de conflito pola súa propia conta, como exemplo dos extremos aos que alcanza a precariedade. “Pásase de que un medio leve a un xornalista cun seguro de vida, a que alguén vai a Siria, como quen vai a facer o Camiño de Santiago”.
Outro dato que apunta a xornalista de La Voz é que “os medios mercan cousas que non deben. Admiten ortografías, información ou textos que non hai por onde collelos”. Para rematar con esta nova, Belén Regueira recalca que “esta precariedade que é aínda máis acusada no xornalismo pola crise dos medios, mais non é so do xornalismo, e ademais esta historia que conta Jorge Guzmán é a mesma de moita xente que se graduou noutras facultades”.
Despois da exposición dunha información extraída do Informe Anual de la Profesión Periodística, Lara Rozados apunta que “que sensibilidade lle podes esixir a unha redacción na que non é que sexamos poucas mulleres, xa que somos o 60% das licenciadas a dia de hoxe” e que “o problema ven nos cadros directivos. Como se vai tratar a prostitución, a violencia de xénero…” A isto engade que esta problemática non se dá só nos medios senón que “nas axencias tamén traballan con precariedade”, indica Emma Araujo.
“O problema vén nos cadros directivos. Como se vai tratar a prostitución, a violencia de xénero…” Lara Rozados
Belén Regueira, Lara Rozados e Emma Araújo debatendo sobre as novas.
Outro problema grave é a división temática en temas de “homes” e de “mulleres”, ao que Emma engade que “os sectores que se atribúen ao mundo feminino, a educación e a sanidade, están cubertos por mulleres nos medios. A política e a economía non”. Compartindo as ideas expostas por Emma, Belén Regueira sinala tamén que as mulleres “facemos moitos traballos nas redaccións, que a veces para min son o equivalente ás tarefas domésticas pero no mundo asalariado; porque son tarefas invisibles que sosteñen todo e que son imprescindibles”.
No eido da realización dunha acción que visibilice o traballo que realizamos neste círculo, o único que se fixo foi unha oferta de propostas aos integrantes, sen afondar moito neste campo.
Conversaron connosco catro xornalistas:
Belén Regueira, Radio Galega
Nazaret López, Radio Ames
Lara Rozados, A Sega
Emma Araújo, La Voz de Galicia
Bibliografía e ligazóns:
Oliver, J. (2018, 30 de abril). Al volver veía que es inútil. Aquí no hay trabajo. elPeriódico. Recuperado de: https://www.elperiodico.com/es/economia/20180430/al-volver-veia-que-es-inutil-aqui-no-hay-trabajo-6791268
López, L. (2018, 13 de decembro). La APM presenta el ‘Informe Anual de la Profesión Periodística 2018’. AmecoPress. Recuperado de: http://www.amecopress.net/spip.php?article18563
López, S. (2018, 9 de novembro). Xornalistas Galegas: “Sempre nos sae poñer antes o nome do home ca o da muller. Por que?”. Galicia Confidencial. Recuperado de: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/80048-xornalistas-galegas-sae-poner-nome-home-muller
Entre todos os problemas do sector que avanza este post, chamou a nosa atención o avellentamento que está a sufrir o sector xornalístico e o reparto misóxino dos postos de traballo en relación ás seccións.
Como se afirma no post, un dos grandes problemas que acompaña á crise e precariedade xornalística é a fenda xeracional. As redaccións dos xornais están dominadas por persoas que superan os 40 anos de idade, mentres milleiros de xornalistas que acaban de obter o título, repletos de novas ideas e maneiras distintas de entender o mundo, non conseguen facerse co posto de traballo polo que loitaron.
Outro tema tratado e que nos pareceu de gran relevancia para o mundo xornalístico é o papel da muller neste campo. Tal e como Belén Regueira dixo na reunión, a muller fai moitos traballos nas redaccións que equivalen aos piares fundamentais no mundo asalariado e que con todo seguen sendo tarefas invisibles. Aproveitando a proximidade do 8M, reivindicamos a necesidade dun xornalismo máis xusto e igualitario entre homes e mulleres.
GústameGústame
COUTO GARCÍA
A precariedade no xornalismo é unha realidade que afecta aos profesionais no seu día a día. En consecuencia, tamén afecta á calidade dos textos xornalísticos e á obxectividade da información. Así, en palabras de Emma Araújo: “os xornais están mercando textos que non hai por onde collelos”. Outro dos aspectos onde máis se percibe a precariedade é no auxe dos xornalistas freelance, que ante a falta de oportunidades deciden traballar de maneira autónoma .
Parécenos especialmente interesante a aplicación da perspectiva de xénero na precariedade. Así, segundo o texto, e a pesares de que o 60% das persoas graduadas en xornalismo son mulleres, nos postos directivos seguen a ser minoría. Seguindo o informe da Asociación de Prensa de Madrid, ao preguntar polos criterios de selección para cargos directivos, o 72% das mulleres e o 32% dos homes opinan que se esixe unha maior capacitación ás mulleres”.
Isto dificulta o tratamento feminista de temas como a violencia de xénero ou a prostitución. Tamén é destacable que temas como a política ou economía sexan considerados “masculinos” e se dificulte o seu tratamento por parte de mulleres.
Non podemos esquecer tampouco a fenda xeracional, moi presente no mundo da información. Na meirande parte das redaccións a media de idade supera os 40 anos e dos xornalistas recentemente graduados son minoría os que atoparán emprego remunerado en pouco tempo. É moi significativa a frase de Nazaret López: “cada xeración ten que ter, vivir e contar o seu momento. E vós non o estades contando porque non vos deixan”.
REFERENCIAS
AmecoPress. (2018). La APM presenta el ‘Informe Anual de la Profesión Periodística 2018’. marzo,19,2019, de Asociación de la Prensa de Madrid Sitio web: http://amecopress.net/spip.php?article18563
GústameGústame
COSTA MANTEIGA
Grazas polo comentario, tanto a fenda de xénero como a xeracional son problemas certamente complicados de obviar cando falamos do sector do xornalismo, aínda que no caso das diferenzas de xénero intentamos reservar o tema ás compañeiras do círculo de muller e comunicación, que estou seguro entrarán en detalle neste e outros moitos temas.
Con respecto á fenda xeracional, destaco do falado coas xornalistas do círculo os puntos en común que atopamos nas redaccións e postos de traballo destas profesionais, e as diferenzas cun pasado no que o acceso aos medios era moito máis prometedor para a xente moza. Segundo o mesmo informe da APM, máis do 40% dos xornalistas enquisados levan máis de 15 anos traballando na mesma empresa, apreciando un importante salto deste mesmo dato a partir do rango de idade dos 45 anos.
Non obstante, penso que neste caso estes problemas son unha xeneralidade para todo o mercado laboral do país, e non só do xornalismo. O problema que é particular desta profesión, fóra da precariedade que se estende a todos os traballos, é a desconexión cunha parte da sociedade dende as redaccións, cada vez máis restritivas, precarias, e por que non, máis maiores. Ao final é o que de verdade nos afecta.
Asociación de la Prensa de Madrid. (2018). Informe Anual de la Profesión Periodística 2018. Recuperado de: https://cdn27.hiberus.com/uploads/documentos/2018/12/10/_informeanual2018baja1_3d6ba497.pdf
GústameGústame
COUTO GARCÍA
Efectivamente Pedro, non hai dúbida de que os datos non son esperanzadores para a mocidade e, en especial, para as mulleres.
Porén, no caso feminino e segundo recolle o diario El Mundo, si que habería motivos para celebrar: as porcentaxes de mulleres que traballan nos novos perfis profesionais do xornalismo son xa maiores ás de homes. Así, en postos coma xestor de comunidades dixitais, xornalismo de datos, analista de tráfico ou publicidade nativa e contido patrocinado, estanse a contratar máis mulleres.
Con respecto ao tema da fenda xeracional, e coma ti dis, é un problema que se extende a tódolos campos. Se ben é certo que os profesionais máis veteranos son unha gran fonte de coñecementos e a súa experiencia é chave á hora de instruír aos máis novos, penso que cómpre tamén deixar paso á mocidade para enfrontarse así ao novo paradigma informativo.
REFERENCIAS
Sanz Ezquerro, David (2017, 14 decembro). Periodismo: una profesión con mujeres discriminadas. El Mundo. Recuperado de https://www.elmundo.es/television/2017/12/14/5a32e08b22601d4b468b4626.html
GústameGústame
CONDE CAMPOS
Boas Paula, grazas polo comentario, e en canto ao primeiro tema, se ben é certo que os datos que aporta o diario El Mundo son certos, non podemos esquecer tampouco que o 66% das persoas que se gradúan en xornalismo son mulleres, mentres que só representan o 47% dos xornalistas en planteis. Camiñamos cara un futuro mellor, mais aínda estamos lonxe dunha igualdade total entre homes e mulleres.
No tocante á fenda xeracional pensamos que é moi grave que nun emprego coma o xornalismo se exclúa unha parte da realidade ao non contratar a xornalistas máis novos, que son os encargados de contar a realidade do seu tempo. Está claro que nunha redacción ten que haber dende xornalistas de 20 ata os 60, para así non excluír a ningunha franxa de idade e que os problemas específicos de cada xeración os trate unha persoa desa mesma xeración.
Asociación de la Prensa de Madrid. (2018). Informe Anual de la Profesión Periodística 2018. Recuperado de: https://cdn27.hiberus.com/uploads/documentos/2018/12/10/_informeanual2018baja1_3d6ba497.pdf
GústameGústame