Accesibilidade en Santiago, unha materia pendente

PRIETO AROSA

Centro Sociocultural do Ensanche

“A loita eterna do bus”. Estas eran as primeiras palabras de Ánxela López (presidenta de VIgalicia) cando comezamos a falar de accesibilidade. Son moitos os problemas na cidade compostelá para as persoas con discapacidade. Ánxela é consciente desta situación e recalca: “isto podería evitarse”. “É só fixarse”, engade a presidenta de VIgalicia, que loita día tras día por facer de Santiago unha urbe máis accesible.

No Centro Sociocultural do Ensanche, tres persoas tentan visibilizar e buscar solucións aos problemas da accesibilidade, posto que non se senten escoitados nin apoiados polos medios de comunicación nin pola Administración. “Viaxar en autobús, por exemplo, supón toda unha odisea”, afirmaba Ana Balboa (da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca) case ao principio da reunión, aspecto no que todos coincidían. Frecuentemente, tende a pensarse de maneira superficial na accesibilidade. “As cousas son ‘accesibles’ na teoría, pero logo non chegas ao botón do autobús ou ao do caixeiro do banco. Iso o único que fai é que teñas que ir sempre cun acompañante, o que che resta liberdade e autonomía como persoa”, postulaba Ánxela López, co consenso dos demais.

“A mellor solución non sería que alguén vos acompañara no voso traxecto para ver os problemas reais que tedes?”, formulaba Suso Vilariño (director de formación de Autoescuela Santa Eulalia) como posible solución ao problema. A raíz desta declaración, comentamos unha nova de La Voz de Galicia que abría co seguinte dato: “Nove de cada dez autobuses urbanos xa están adaptados para persoas con discapacidade, pero estas denuncian que seguen tendo problemas para usalos”. Como cumpren a normativa de accesibilidade é como pelexarse cun muro”, sentenciaba Ánxela.

WhatsApp Image 2019-02-26 at 21.30.01(4)

Falando sobre a noticia, tamén xurdiu o tema da construción de novas rúas e estradas máis accesibles.“Se á hora de construír novas rúas pensaran na xente con máis dificultades, todos sairíamos gañando. Calquera prefire subir unha rampla que unhas escaleiras, por exemplo”, comentaba Suso. Estas palabras foron apoiadas por Ana e Ánxela . “Deberían asesorarse con xente que tivera esa clase de problemas”, proseguía no momento no que o Concello saía a palestra. “Cando fan unha obra deberían consultar a entidades que traballan todos os días con iso” contestaba a presidenta de AMICO, quen amosaba a súa insatisfacción co executivo local en materia de accesibilidade. Ánxela reclamábao: “Non debería haber ningún chanzo, debería haber cota cero”.

A conversa levounos a comparar Compostela co resto de cidades galegas. Co fin de amosar as deficiencias da capital respecto ás outras urbes, Ánxela sinalaba: “Aquí temos menor accesibilidade e maior prezo [no bus urbano]. En Vigo, as persoas con dificultades viaxan gratis: el ou ela e mais o acompañante. Iso vai en contra da liberdade, en contra da autonomía e do empoderamento das persoas”. “Eu teño que ir acompañada porque dáme medo que a cadeira de rodas poida envorcar”, engadía Ana.

Na capital galega, os políticos e os medios de comunicación relegan a un segundo plano as persoas con algún tipo de discapacidade ou con mobilidade reducida. Todos os problemas pódense evitar e, sen dúbida, estamos diante dunha tarefa que é importante para todos. Ana Balboa demandaba máis axudas, pois afirmaba que as actuais están mal expostas e non pensan na accesibilidade que demandan. Ánxela apoiaba a Ana a través dunhas palabras que amosaban a incerteza que viven estas persoas: “Como unha persoa —ademais de porque hai límite de ingresos— á que a súa economía non lle da para subsistir vai adiantar os cartos do taxi durante todo o ano?”.

O maior problema é a falta de visión global que segue existindo en materia de accesibilidade dende o Goberno local, da cidadanía e dos medios de comunicación. Suso remataba dicindo: “Claro, deberían asesorarse con xente que tivera esa clase de problemas, é moi fácil”, palabras que Ana e Ánxela secundaron antes de finalizar a sesión. “Sempre fan mal esas pequenas cousiñas… É só fixarse”, concluía a presidenta de VIgalicia.

Primeiras pinceladas da acción

Nesta reunión amosamos os primeiros bosquexos da nosa acción, ensinando imaxes como as que poderían formar parte da colección de fotos, que é a nosa primeira opción de xeito provisional. Durante a primeira xuntanza, Suso Vilariño comentou, como expuxemos anteriormente: “A mellor solución non sería que alguén vos acompañara no voso traxecto para ver os problemas reais que tendes?”, engadindo: Por exemplo, levar a alguén a facer fotos e que se vexa”. Esta aportación reforzaba a nosa idea para a acción do proxecto. Os membros do Círculo participarían sinalando as zonas a fotografiar e supervisarían a selección das imaxes. Ata o momento, só estamos expoñendo as ideas iniciais, que irán tomando forma durante transcurso das vindeiras xuntanzas.

Participaron na conversa:

  • Ana Balboa, presidenta de AMICO.
  • Ánxela López, presidenta de VIgalicia.
  • Suso Vilariño, director de formación de Autoescuela Santa Eulalia.

Ligazóns: 

Concello de Santiago de Compostela (27 de abril de 2018). ReVive Santiago (Santiago Accesible) [vídeo]. YouTube. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=AyiJFhvnEOY&feature=youtu.be

Ley 10/2014, de accesibilidad (3 de diciembre). Boletín Oficial del Estado, Madrid, España, 11 de marzo de 2015. Recuperado de https://www.boe.es/buscar/pdf/2015/BOE-A-2015-2604-consolidado.pdf

Montero, T. (3 de marzo de 2016). Aquí los discapacitados son los buses. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2016/03/03/discapacitados-buses/0003_201603G3P15991.htm

Redacción (30 de outubro de 2014). Os buses públicos non serán aptos para cadeiras de rodas ata 2017. La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2014/10/30/buses-publicos-seran-aptos-sillas-ruedas-2017/0003_201410S30C19915.htm

11 comentarios en “Accesibilidade en Santiago, unha materia pendente

  1. LÁZARO SILVA

    Vendo os datos e lendo as declaracións dos afectados sobre os problemas de mobilidade das persoas con discapacidade en Compostela, non cabe dúbida de que queda moito por revisar sobre esta cuestión na cidade.

    Acho que as propostas suxeridas para dar solución a esta problemática son moi acertadas, pois a mellor forma de procurar mellorar as deficiencias de mobilidade da cidade non é outra que contar co asesoramento daqueles que máis as padecen. En septembro do ano pasado COGAMI levou a cabo outra iniciativa interesante para amosar estes déficits urbanos invitando a membros de todos os grupos parlamentarios a percorrer a cidade en cadeiras de rodas e así experimentar de primeira man os problemas ós que se enfrontan día a día as persoas con discapacidade. O Parlamento aseguraba tras a xornada que “tomaba boa nota” e que se está a traballar e avanzar nos plans de accesibilidade. Haberá que seguir promovendo este tipo de accións e buscar a visibilización destes problemas a través dos medios ata que finalmente a cidadanía os vexa resoltos.

    Ligazóns:

    Redacción. (25 de septiembre de 2018). Políticos comprueban en silla de ruedas las dificultades con las que se topan a diario las personas con discapacidad. Europa Press. Recuperado de: https://www.europapress.es/galicia/noticia-politicos-comprueban-silla-ruedas-dificultades-topan-diario-personas-discapacidad-20180925152440.html

    Gústame

    1. SALGADO LÓPEZ

      Sen dúbida algunha existe unha falta de implicación e de interese por parte da Administración Pública no eido da mobilidade das persoas con diversidade funcional. Concretamente, a raíz da noticia que adxuntas, Ánxela comentaba que “é todo postureo”. Cargos políticos relevantes súbense a unha cadeira de rodas durante un par de horas, co obxectivo de comprobar de primeira man os problemas na fisionomía das rúas e edificios e “tomar nota”. Nada máis lonxe da realidade. O percorrido reflectido nesa noticia comezou ás portas da estación de tren e o primeiro obstáculo atópase xa nada máis saír: o ascensor que conecta a terminal coa rúa do Hórreo. Recentemente construído, conta cun botón a demasiada altitude para segundo que persoas. Os pulsadores do interior da cabina tampouco sobresaen cara fóra, polo que non todos os poden accionar.

      Casos coma este demostran que parece non terse en consideración a opinión das persoas con mobilidade reducida, a pesares das múltiples promesas feitas por todos os políticos de todas as cores. O mesmo acontece co elevador que se está a construír en Triacastela, feito que xa foi denunciado por diversas asociacións. Neste caso, o Concello aínda está a tempo de rectificar o erro. Veremos que acontece.

      Ligazóns:

      Redacción (8 de marzo de 2018). El ascensor de Triacastela salvará una altura de 12 metros y tendrá capacidad para 16 personas. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/triacastela/2018/03/08/ascensor-triacastela-salvara-altura-12-metros-tendra-capacidad-16-personas/0003_201803S8C3995.htm

      Rodríguez, M. (6 de decembro de 2018). Concluyen los trabajos para adaptar la estación ante la llegada del AVE. El Correo Gallego. Recuperado de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/concluyen-trabajos-adaptar-estacion-llegada-ave/idEdicion-2018-12-06/idNoticia-1152525

      Gústame

      1. LÁZARO SILVA
        O Concello de Santiago debería tomar nota doutros como O Porriño, que finalizou exitosamente hai uns meses a primeira fase do seu proxecto de acondicionamento de varios puntos da vila para mellorar a súa accesibilidade. Para garantizar unha mellora real da mobilidade nestes espazos, o goberno local contou co asesoramento de COGAMI ó longo de todo o proxecto.

        Ademais disto, antes da execución das obras impulsáronse iniciativas dende o ensino para resaltar os obstáculos urbanos para as persoas con discapacidade. Así, os alumnos do IES Pino Manso de Porriño crearon un mapa dixital que identifica a maior ou menor accesibilidade dos edificios tanto públicos como privados da vila para as persoas con cadeira de rodas facilitándolles así a mobilidade pola localidade.

        Efectivamente propostas como as xornadas “Ponte no meu lugar” están moi ben para visibilizar o problema, mais soamente son significativas cando van seguidas de proxectos colaborativos como o do Porriño que si atenden dunha forma efectiva ás necesidades das persoas con discapacidade. Se, por exemplo, no caso que apuntas do ascensor da estación de tren as cousas se fixeran como neste concello de seguro que non existiría ese problema.

        Ligazóns

        L.C. (20 de novembro de 2018). Porriño invierte más de 90.000 euros en accesibilidad. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/comarcas/2018/11/20/porrino-invierte-90000-euros-accesibilidad/2001638.html

        Llopis, B. (31 de marzo de 2017). Alumnado de Porriño crea un mapa digital de accesibilidad a los edificios del municipio. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/comarcas/2017/03/31/alumnado-porrino-crea-mapa-digital/1651809.html

        Martínez, A. (25 de febreiro de 2016). Un entorno hostil en silla de ruedas. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/o-porrino/2016/02/25/entorno-hostil-silla-ruedas/0003_201602V25C7991.htm

        Gústame

        1. SALGADO LÓPEZ

          Estou de acordo contigo en todo o que dis. Sen dúbida, o Concello do Porriño é todo un exemplo á hora de tratar a accesibilidade contando coa opinión das persoas que se poden ver máis afectadas. Na teoría é o máis razoable, mais na práctica non se adoita levar a cabo pola falta de implicación.

          Outro aspecto que cómpre destacar é que as persoas con diversidades funcionais e/ou mobilidade reducida non só deben ter o dereito a camiñar sen problemas pola rúa como calquera persoa, senón que tamén deberían poder desfrutar doutro tipo de actividades. Neste sentido, é destacable o caso do Concello da Guarda, que adaptou unha das súas tradicionais gamelas para que nela poida entrar unha persoa en cadeira de rodas.

          Aínda así, non debemos limitar a accesibilidade a unha cuestión exclusivamente física. As persoas con problemas cognitivos tamén teñen impedimentos na súa vida cotiá. Por exemplo, un informe da USC alerta que o 90% dos museos galegos non están adaptados sensorial e cognitivamente. Algunhas veces resulta imposible actuar cando estamos a falar de construcións BIC (como o Museo Liste de Vigo), pero si se poden intentar solucionar os problemas en edificios “normais”. De feito, estas son as intencións dos directores dos principais museos.

          Sen dúbida e tal e como comentas, na educación radica unha parte importante da concienciación necesaria por parte da sociedade. As novas xeracións son formadas en materia de mobilidade, polo que, probablemente, nun futuro serán máis conscientes desta problemática e axudarán a resolvela e a conseguir un mundo mellor para todos e todas, xa que no fondo, a accesibilidade é algo que beneficia á totalidade da sociedade.

          Ligazóns:

          E. G. (9 de xuño de 2015). A Guarda construye una gamela diseñada para personas discapacitadas. Faro de Vigo. Recuperado de https://www.farodevigo.es/comarcas/2015/06/09/guarda-construye-gamela-disenada-personas/1255965.html

          Mato, M. (26 de maio de 2016). La mitad de los museos gallegos suspende en orientación y señalización. Faro de Vigo. Recuperado de https://www.farodevigo.es/sociedad/2016/05/26/mitad-museos-gallegos-suspende-orientacion/1467809.html

          Gústame

  2. VÁZQUEZ PAREDES
    Poñendo o foco nos universitarios, é certo que existe un departamento propio da universidade, o SEPIU, que se encarga de facilitar a integración e participación da comunidade universitaria con necesidades especiais. Con todo, son moitos os casos nos que os problemas económicos poden truncar o feito de conseguir que unha persoa con diversidade funcional teña unha integración e accesibilidade plena, tanto á universidade como á cidade en xeral. Por isto último considero que se precisa, e se debe esixir, un compromiso por parte dos poderes públicos para conseguir emendar problemas estruturais que impiden, por exemplo, que un mozo en cadeira de rodas poida ir a clase e desempeñe a súa ocupación con total normalidade.

    Creo que se dixo algo moi interesante neste post, deben de ser os propios afectados os que saquen á palestra todos os problemas que padecen e as melloras que deben ser impulsadas. Considero que as persoas sen este tipo de necesidades, moitas veces, non nos damos de conta de todo o que poden sufrir as que si as teñen. Porén, medidas como a impulsada por COGAMI, na que se dotou a políticos dunha cadeira de rodas para que deran un paseo por Compostela e puideran percibir os problemas cos que se encontra unha persoa que a ten que usar de forma diaria, parécenme moi acertadas.

    Deste xeito considero que as melloras de mobilidade e accesibilidade deben estar na primeira plana da axenda política. A pesar de que xa se están tomando algunhas, como pode ser a adaptación do camiño de Santiago a persoas invidentes, deben de ser máis e de maior relevancia para o día a día dos compostelás. Tarefas necesarias e cotiás, como pode ser ir en autobús, non poden ser unha odisea, e agora mesmo, para moita xente, o son, como ben dice Ana Balboa. Accesibilidade e mobilidade deben deixar de ser palabras baleiras para converterse nunha realidade para todos os habitantes de Compostela.

    LIGAZÓNS:

    MONTERO, T (14 de junio de de 2018) La USC busca cómo pagar el asistente para un alumno con gran discapacidad. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2018/06/14/usc-busca-pagar-asistente-alumno-gran-discapacidad/0003_201806G14P30995.htm

    REDACCIÓN EUROPA PRESS (3 de enero de 2018) La Xunta y la Once colaboran para facilitar la accesibilidad del Camino de Santiago a personas invidentes. Recuperado de: https://www.europapress.es/galicia/xacobeo-00624/noticia-xunta-once-colaboran-facilitar-accesibilidad-camino-santiago-personas-invidentes-20190103145449.html

    SOLER, X (29 de septembro de 2017) Políticos y famosos prueban la dificultad de andar en silla de ruedas. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2017/09/28/politicos-famosos-prueban-dificultad-andar-silla-ruedas/0003_201709S28C2991.htm

    Gústame

    1. TOUCEDA ANELLO

      É un feito evidente que o alumnado universitario con algún tipo de discapacidade, como comentas, ten en Compostela, á súa disposición, un servizo que intenta fomentar a inclusión na comunidade universitaria. A realidade é que hai uns 246 estudantes matriculados nesta situación e, aínda que gran parte da problemática está vencellada a factores económicos, non sempre os recursos monetarios son os que suponen os verdadeiros obstáculos de cara á integración na comunidade universitaria. O problema está nos servizos que se conceden, tanto na universidade como noutros organismos que afectan de forma indirecta aos universitarios con necesidades especiais.

      Nesta cidade son moitas ás persoas que cada mañá collen o tren para ir a clase dende diferentes cidades de Galicia. As que teñen algún tipo de discapacidade vense obrigadas a pedir o billete en RENFE con 24 horas de antelación, cando, por exemplo, poderíanse producir cambios no seu horario de clases do día seguinte. Este feito, inevitablemente, supón unha desventaxa respecto aos demáis universitarios que viaxan dende os seus respectarios lugares de orixe. As persoas universitarias con diversidade funcional que collen o tren para chegar a clase teñen multitude de problemas nos servizos que contratan, que non ten calquer outro universitario. Tamén os buses supoñen un gran inconveniente xa que as ramplas, en moitas ocasións, non funcionan. Outras veces o problema atópase, de maneira evidente, nas propias facultades, cuxas instalacións tampouco son completamente accesibles.

      Corresponde aos organismos públicos encargarse de mellorar estas situacións, porque hai unha inclusión ficticia que perxudica de forma directa ao estudantado con diversidade funcional e, de forma máis ampla, a todas as persoas con necesidades especiais da cidadanía. Aínda que se desenvolvan iniciativas de concienciación como a organizada por COGAMI, na que os políticos deron un paseo por Santiago en cadeira de rodas, o problema segue ahí e necesitamos accións e implicación pola súa parte, máis alá de actos de imaxe.

      Ligazóns:
      Montero, T. (18 de marzo de 2019). Universitarios galegos con discapacidade: «Non atopei onde poder facer as prácticas». La Voz de Galicia. Recuperado de https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2019/03/18/encontrado-donde-poder-practicas/0003_201903G18P7991.htm

      Gústame

      1. Estou de acordo en todo o que dis. Correspóndelle ós distintos organismos públicos facer da inclusión unha realidade. Todos os problemas que mencionas teñen que ser resoltos de cara á integración plena do alumnado con diversidade funcional na vida académica. Con todo, a cousa non pode quedar ahí, estes organismos deben acompañar e axudar ó estudantado con necesidades especiais de cara a súa incorporación ó mundo laboral. A día de hoxe, segundo un estudio do SEPE de febreiro de 2019, as empresas públicas e privadas que empreguen un número de traballadores que exceda de 50 estarán obrigadas a empregar un número de traballadores con discapacidade non inferior ao 2%. Paréceme igual de importante fomentar a integración das persoas con diversidade funcional no ámbito académico como impulsar o seu desenvolvemento no mundo laboral.

        Ligazóns:
        SEPE (Xaneiro de 2019) Integración laboral de las personas con discapacidad. Servicio Público de Empleo Estatal. Recuperado de: http://www.sepe.es/contenidos/que_es_el_sepe/publicaciones/pdf/pdf_empleo/integracion_laboral_discapacidad.pdf

        Gústame

        1. TOUCEDA ANELLO

          Penso exactamente igual. Hai un problema xeral de cara á integración das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade e non podemos ignoralo. As persoas con diversidade funcional son invisibilizadas dende numerosas perspectivas: a educación, o mundo laboral, a mobilidade no seu conxunto…

          Actualmente, os órganos de goberno están intentando diseñar o transpaso de 35000 alumnos con necesidades especiais ás aulas ordinarias. En maio de 2018, o comité da ONU que loita polos dereitos das persoas con discapacidade denunciaba que, en España, se envía de forma sistemática aos nenos con diversidade funcional a centros de educación especial. Esta situación fomenta a segregación escolar, excluíndo aos nenos do conxunto social, en lugar de intentar integralos nas escolas ordinarias mediante os recursos que fosen precisos.

          Por outra parte, segundo un estudio do Observatorio Estatal de Discapacidade, máis do 63% da mocidade con diversidade funcional está en paro, fronte ao 53,3% dos xóvenes sen ningún tipo de discapacidade. Que a taxa de paro sexa case 10 puntos maior nas persoas con necesidades especiais é un feito preocupante que, dende os organismos públicos, se debería intentar paliar. A inclusión é totalmente necesaria dende o ámbito educativo e laboral para as persoas con discapacidade, como comentas, e isto é algo que non podemos ignorar.

          Ligazóns:

          Redacción (2 de maio de 2018). Sólo una de cada cuatro personas con discapacidad en España tiene trabajo. 20 Minutos. Recuperado de https://www.20minutos.es/noticia/3328910/0/personas-discapacidad-trabajo-espana/

          Zafra, I. (12 de xaneiro de 2019 ). El Gobierno diseña el traspaso de 35.000 alumnos con discapacidad a aulas ordinarias. El País. Recuperado de https://elpais.com/sociedad/2018/12/27/actualidad/1545917225_924744.html

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s