As ONGDs tamén viven da súa imaxe

DIEGO FERREIRA

Centro Sociocultural O Ensanche

Conseguir unha subvención hoxe en día é unha tarefa sumamente dificultosa”, afirmou Judith Lucachesky, delegada da ONGD Manos Unidas en Santiago de Compostela, mentres comentabamos algunhas novas sobre a diminución dos presupostos das ONGDs en Galicia. Apuntaba ademais que o presuposto é baixo e que na súa organización levan dous anos sen contar con ningunha axuda: nin por parte da Xunta de Galicia nin do Concello de Santiago.

Fernando Rodríguez, director da axencia de publicidade Con C de Comunicación, atribúe os recortes nas axudas ás ONGDs a unha nova política económica resultante da crise, na que se invirte máis en axudas dentro do propio país:  “Son máis vendibles de cara á opinión pública, e á hora de repartir os orzamentos, míranse as vantaxes políticas que se lle pode sacar a unha cousa ou a outra”.

En relación ao financiamento das ONGDs relixiosas, Judith deixa claro que non parte da Igrexa; en “moitos casos, a nosa organización [Manos Unidas] queda de algún xeito marxinada porque está dentro do colectivo da Igrexa”. Neste sentido, recalca a necesidade de que as campañas non vinculen a ambas organizacións. Aldara Domínguez, voluntaria da ONGD Entreculturas,  apunta: “O problema adoita ser que a xente relaciona que esteamos unidos á Igrexa con que imos tratar de evanxelizar”.

Seguindo con este tema, na web de Manos Unidas sinálase que “os misioneiros son os nosos mellores colaboradores”, algo que para Judith é obvio: “Son os que están alí nos campos de batalla, e están formados e  capacitados para poder presentar un proxecto a Manos Unidas”. Aínda que alega que a metade de socios pertencen á Igrexa, enfatiza que ningunha das campañas da organización é evanxelizadora. “Respectamos totalmente a cultura e a relixión que teñen os países nos que estamos a traballar”, engade Aldara. Judith pon énfase nesta cuestión e sinala: “Hai relixiosos e relixiosas docentes que van ensinar as materias específicas das que dan clase e ao rematar as leccións rezan cos nenos na súa relixión de orixe. No caso das misións de Tánxer, por exemplo, o Islam”.

Aínda que segundo Judith estas ONGDs non están financiadas pola Igrexa, apunta que hai unha colecta anual que se fai nas parroquias, pero que non ten que ver coa pastoral, e aclara: “Aínda que nunca xamais verás no material de Manos Unidas para divulgación pública algo que teña que ver coa relixión, se teño que falar nunha misa, por suposto que vou dicir nós, que nos dicimos fillos de Deus, actuemos como fillos de Deus e axudemos a esta xente”. Unha vez máis, recalca: “Aquí non se fai proselitismo para a Igrexa de ningunha maneira”. Esta busca de axuda céntrase moitas veces dentro da Igrexa porque, segundo Aldara, adoita ser unha poboación con máis sensibilidade.

Seguindo co tema da difusión das ONGDs, Fernando fai un pequeno estudo sobre os seus tipos de campañas, nas que establecería tres públicos ben diferenciados: “O público A sería o relacionado coa Igrexa, posto que é un público máis sensibilizado, que coñece o traballo que se está a realizar. Un público B, que non ten por que ser da Igrexa, pero comparte os nosos valores e un público C, que probablemente non nos coñeza, pero que temos que intentar concienciar”.

Continuando co tema da comunicación das ONGDs, debatemos sobre o caso de abusos sexuais que salpicaron a Oxfam e Médicos sin Fronteras  e que se converteu nun problema para todas as demais organizacións. “Téndese a xeralizar e afecta a tódalas demais [ONGDs] nalgún sentido”, apunta Judith. Ante este tipo de acontecementos,  Fernando insiste na necesidade de ter preparado un bo plan de comunicación: “Nunha organización na que traballan moitas persoas algo así sempre pode suceder, e pese ás posibles formas de previr que algo así ocorra, o risco 0 non existe”. Tamén Aldara aproveitou para criticar neste sentidos ós medios de comunicación: “As ONGs que defraudaron ou se aproveitaron da xente son as que van saír nas noticias e ás que coñecerá todo o mundo”.

A acción

Perfilando o que será a nosa acción final, os nosos colaboradores continúan debaténdose entre dúas opcións principalmente: nun primeiro lugar, a realización dunhas charlas formativas e informativas que difundan a labor das ONGDs, e por outro lado, a gravación dun programa de radio, que co mesmo obxectivo presentarase como un formato renovador e atractivo. Continuaremos falando disto nos seguintes coloquios.

Conversaron connosco

  • Judith Lucachesky da ONGD Manos Unidas
  • Aldara Dominguez, voluntaria de Entreculturas
  • Fernando Rodríguez, director da axencia de publicidade Con C de Comunicación.

Bibliografía

G. DEL VALLE (2018). Oxfam y Médicos Sin Fronteras admiten casos de abusos sexuales en sus filiales españolas. 16 febreiro 2018, de La Voz de Galicia. Sitio web: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/internacional/2018/02/16/oxfam-medicos-fronteras-admiten-casos-abusos-sexuales-espana/00031518763396948581475.htm

MANOS UNIDAS (2012). Manos Unidades con los misioneros en el Día del Domund. 18 outubro 2012, de Manos Unidas. Sitio web: https://www.manosunidas.org/noticia/manos-unidas-con-los-misioneros-el-dia-del-domund

X.M.P. (2016). Feijóo recortou nun 64% os fondos para a axuda ao desenvolvemento desde a súa chegada ao goberno. 4 xaneiro 2016, de SERMOS GALIZA. Sitio web: https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/feijoo-recortou-nun-64-fondos-axuda-ao-desenvolvemento-sua-chegada-ao-goberno/20160104124650043818.html

 

 

7 comentarios en “As ONGDs tamén viven da súa imaxe

  1. GARCÍA GARCÍA

    Segundo o estudo “Iglesia, nuevos y viejos movimientos sociales y organizaciones no gubernamentales para el desarrollo” elaborado polos profesores de Socioloxía na Universidade Ramon Llul; Joan Costa, Joan Gómez e Xavier Santajuliana, a implicación da Igrexia varia e só se implicará directamente nos movementos das ONGDs máis ampliamente aceptadas e menos transformadoras, mentres que se vai opoñer a aquelas que lle obriguen a cuestionar o seu statu quo.
    Polo tanto, a raíz do de debate do círculo sobre o financiamento das ONGDs relixiosa, sería interesante indagar en como repercute esta cuestión no financiamento. Por exemplo, no caso de Manos Unidas, o feito de que reciba parte de presuposto da Igrexa, vai impedir que se adapten aos novos retos como protexer as persoas do colecito lgtb dos países onde traballan e onde son un grupo de risco?

    Costa, Joan; Gómez, Joan; Santajuliana, Xavier. Iglesia, nuevos y viejos movimientos sociales y organizaciones no gubernamentales para el desarrollo. Universidade Ramon Llul.

    Liked by 1 person

    1. DIEGO FERREIRA

      “As ONGDs non deben estar suxeitas a ningún control ou dependencia orgánica ou organizativa de entidades públicas ou grupos empresariais, deben posuír capacidade de fixar libremente os seus obxectivos, estratexias, elección de contrapartes…” Así recolle e defende a autonomía absoluta na actuación das ONGDs o Código de conducta da Coordinadora Española de ONGD, aceptado tamén pola Coordinadora Galega de ONGD. Por tanto, xa nos atopamos con un paradigma de absoluta liberdade por parte das entidades para poder desenvolver a súa tarefa de axuda humanitaria sen ningún condicionamento, como puidera ser o caso da igrexa nesta situación que presenta.
      Por outra banda, e xa centrándonos na ONGD en cuestión, Manos Unidas recolle na súa carta de presentación a súa misión, e seu método de actuación: “Apoiamos a mulleres e homes que viven en condicións de pobreza extrema e risco de exclusión, promovendo dereitos inherentes a cada persoa con independencia do seu sexo, raza, color e relixión”. Si ben é certo que nesta definición non se recolle especificamente a non discriminación por razón de orientación sexual, si que se fala de dereitos inherentes a cada persoa, e con isto, poderíamos dar por sobreentendido que tamén se defenderán eses mesmos dereitos no caso das persoas pertencentes ao colectivo LGTBI+.
      Non só iso, senón que dende Manos Unidas inclúen como un dos seus valores finais a subsidiariedade: “non impoñendo o noso modo de ver e de facer as cousas”. Polo que alén das crenzas que teña o voluntariado ou a propia organización en si mesma, garántese en todo momento o respecto e a tolerancia cara as individualidades de todos os membros da sociedade á que se destina a axuda.
       Non obstante, e para deixar máis clara aínda a postura de Manos Unidas neste aspecto, preguntamos á delegada desta ONGD en Santiago de Compostela, Judith Lucachesky, e na súa resposta foi clara e contundente: “Nós polo que loitamos é pola dignidade de calquera persoa. Unha persoa homosexual, é persoa antes que homosexual”.

      Ligazóns:
      – Coordinadora de ONG para el Desarrollo-España. (2008). Código de contucta. Recuperado de: https://coordinadoraongd.org/wp-content/uploads/2016/01/Codigo_Conducta.pdf
      – Manos Unidas. (2017). Plan Estratégico 2017-2021. Recuperado de: https://www.manosunidas.org/sites/default/files/imce/descargas/folleto_plan_estrategico_2017-2021.pdf

      Gústame

      1. GARCÍA GARCÍA

        De acordo cos Códigos de Conduta que aportas, parece quedar moi claro a ddesvinculación que existe entre a Igrexa e outras entidades coas ONGDS. Como se apunta no post, a pesar de iso, son unha vía da que xurden grandes aportes económicos, por non falar dunha das principais. Porén, como sinalou Judith na conversa, as concepcións arredor da Igrexa xiran arredor dos prexuízos da xente.

        No relacionado ao colectivo LGTBI+ como ben dis, aínda que non apareza diferenciado si que se sobreentende na definición que achegas. Con todo isto, penso que nos tempos actuais non estaría de máis unha actualización.

        Ademais, con estas actualizacións imaxino que todas as ONGDS están entrando en movementos feministas. Como ben se di no título do post, estas organizacións tamén viven da súa imaxe e no día de hoxe deben mostrarse máis que nunca comprometidas con estas causas. Con todo, o movemento feminista non se entende igual nos distintos países sobre todo pola situación dos dereitos da muller en países en desenvolvemento. Estáselle dado un valor feminista a todos os traballos que realizan ou ocupa un segundo plano?

        Sobre os prexuízos anteriormente mencionados gustaríame incidir en canto ao último que facedes referencia neste post, o caso dos abusos sexuais de Oxfam e Médicos Sen Fronteiras. Neste último caso chegaron a recoñecer 24 casos de acoso ou abusos sexuais no ano 2017. Aínda que a ONGD tiña 40.000 persoas empleadas e foron 24 casos, como é posible garantir ao 100% que non se produzan estas prácticas? Hai mecanismos que intenten previr estas condutas antes de entrar unha persoa na ONGD? Existen protocolos de actuación ante estes casos a nivel global de todas as ONGD ou cada unha conta coas súas propias normas?

        LIGAZÓNS:
        -García Atance, Salvador. Las ONG, bajo la moda de la sospecha. Elpaís.com. Recuperado de: https://elpais.com/diario/2007/12/10/opinion/1197241212_850215.html

        Gústame

        1. DIEGO FERREIRA

          En canto á primeira cuestión na que preguntas polo valor feminista presente -ou non- nas actuacións das ONGDs, paréceme reseñable dúas campañas de dúas das entidades que colaboraron con nós no círculo: a campaña La luz de las niñas de Entreculturas ( https://www.laluzdelasninas.org/ ) e a de Manos Unidas, La mujer del siglo XXI ( https://www.manosunidas.org/campana/creemos-en-la-igualdad ). Son, os dous, proxectos de unha clara índole feminista, que recalcan a necesidade dun cambio na situación que vive a muller nos lugares nos que se centran os traballos de cooperación internacional, e que ofrecen unha perspectiva diferente á que estamos acostumados. Plantexan unha realidade na que a muller está nunhas condicións moito peores das que xa estamos acostumados na nosa sociedade.
          No caso de Entreculturas ao ser unha ONGD especializada no ámbito da educación, sempre mostrou unha especial devoción por fomentar a escolarización nas nenas -posto que adoitan ser os nenos os que accedan ós estudos, mentres que as nenas reciben unha educación centrada nas tarefas do fogar-. Pese a que, como digo, non é nada novo nesta organización, si que presentan esta campaña seguindo un pouco ese movemento feminista que está en pleno apoxeo.
          Pola banda de Manos Unidas, tamén ten unhas raíces, se cadra, feministas -non debemos esquecer que as súas fundadoras foron un grupo de mulleres-. Ademais se observamos os seus plans de conducta, vemos que o seu obxectivo é acadar unha sociedade igualitaria, e para lograr ese fin, penso, é imprescindible a presenza do feminismo, como movemento que pretende o empoderamento feminino. E se quedaba algunha dúbida nestas cuestións, vemos nesta campaña ás mulleres como protagonistas absolutas.
          Tamén mencionas os casos de abusos sexuais de Médicos sen fronteiras e Oxfam. É un tema bastante polémico e difícil de tratar, polo que preferín falalo cos nosos colaboradores. En primeiro lugar, plantexando o caso concreto que ti mencionas, Fernando Rodríguez, director da axencia de publicidade Con C de Comunicación di o seguinte sobre a estratexia de comunicación que empregou a ONGD: “Oxfam non o fixo mal no seu día, é dicir, obviamente perdes credibilidade e iso seguro que fíxolle perder moitos socios, porque ao final é desgaste, pero creo que non actuou mal. Para iso se preparan os plans de comunicación antes de que suceda”. Esta afirmación evidencia, aínda máis, o título deste post: que as ONGDs viven da súa imaxe. No obstante, e debatendo un pouco sobre a necesidade duns códigos de conducta claros, Judith Lucachesky afirma que: “As ONGDs están formadas por seres humanos e ningunha está exenta de que isto suceda pero si que hai formas de previr que isto non suceda. A cuestión é que o risco 0 non existe”.
          Polo tanto, o que está claro que existen códigos de conducta, que debe haber unha regulación e un control para previr casos como este, pero que sempre hai unha posibilidade de que ocorra, e os gabinetes de comunicación das ONGDs deben estar preparados para evitar que casos illados deriven nunha xeneralización e nunha perda da confianza da cidadanía.

          Gústame

  2. Nesta xuntanza trátanse, baixo a miña lupa, dous aspectos chave para o desenvolvemento nun futuro próximo das ONGDs. Dúas bazas nas que, dependendo de como xoguen as súas cartas -tanto a xeito individual como colectivo- as organizacións, poden levar a un porvir cómodo e esperanzador ou, pola contra, agónico.
    Obviando o debate sobre a vinculación relixiosa de Manos Unidas e a quizais respectiva falta de liberdade á hora de chegar a puntos máis transgresores pola súa vinculación á Igrexa -tema xa aberto no outro comentario- estes dous puntos de conflito son a estratexia comunicativa por parte das ONGDs e, relacionado co primeiro, a súa resposta aos escándalos protagonizados por outras organizacións e que pode custar boa parte da súa reputación.
    Ben, no tocante ao primeiro deles, partiremos da división do público das campañas de comunicación destas organizacións por parte de Fernando Rodríguez. Estes tres tipos de público posúen niveis distintos de confianza cara á actividade destes colectivos nos países máis afastados a Occidente, tanto no relativo a que fan os voluntarios destinados a estes lugares como no tocante ao destino dos fondos que se envían de xeito desinteresado dende aquí. É por iso que o plan de comunicacións debe ser a punta de lanza utilizada para recuperar ou incrementar esa confianza, obviamente, dende a transparencia.
    O segundo punto é onde, baixo o meu criterio, o debate está máis aberto. Os recentes escándalos de Oxfam Intermón e Médicos sen fronteiras causaron un forte efecto ( https://www.eleconomista.es/mercados-cotizaciones/noticias/8945150/02/18/Oxfam-el-impacto-de-un-escandalo.html ) nestes organismos e un efecto dominó -traducido en perda de financiación, voluntariado e, por suposto, confianza- en outros semellantes. Agora a pregunta é: revírtese esta situación afastándose das organizacións “manchadas” ou facendo equipo con elas? É dicir, a saída disto pode ser ben aclarar as diferenzas coas organizacións xa salpicadas por estes escándalos para que o devandito efecto dominó non nos alcance ou ben responder unitariamente prometendo a fin deste tipo de conductas nestes colectivos para saír da fochanca en conxunto. O debate está aberto e a estratexia de cadaquén, supoñemos, determinará o seu futuro.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.