EIRAS LAMAS
Facultade de Dereito da USC
O colectivo LGTBI nos medios de comunicación é aínda unha tarefa pendente. Isabel Quintairos, ex-xornalista da COPE, conta a súa experiencia: “Teño a primeira sentenza xudicial do Estado español que outorga o despido nulo por cuestións de discriminación de índole política e sexual”, e critica a pouca visibilidade que se lle deu nos medios, xa que saíu “nalgún xornal, en ningún telexornal e en ningunha cadea nacional. Cero. Algo fóra de Galicia, en Galicia nada”.
O problema que atopa Anxo Núñez, membro do BNG de Outes, é que “os medios de comunicación, a día de hoxe, concíbense como empresas que teñen unicamente intereses económicos. E detrás deses intereses económicos sempre hai intereses políticos”. Como apunta Isabel, “independencia non hai, obxectividade tampouco. Que non vos conten contos”, e sobre todo, “cando vos están dicindo isto, hai que entender tamén isto. Hai que saber ler”. O debate vén a raíz desta nova de La Opinión, do 9 de abril de 2014, da cal Isabel fai un apunte: “Non entendía de que ía ata o parágrafo 7. Ti podes contar a noticia ben, mal ou regular, aí xa escolles ti”.
O problema que atopan os membros do noso círculo, como apunta Xabier Caruncho, membro da asociación ARELAS, é que “sae de fóra, temos que ser os particulares os que informamos”. Anxo afirma que hai outra gran carencia: “Non hai unha implantación real do colectivo”. Sara Fernández, alumna de Filoloxía, apunta que o problema nace de algo moi temperán: “O problema está en que as cousas non se cambian desde os centros educativos”. Aínda que, como afirma Cinthia Ermitas, membro de Avante LGTBI, “hai unha lei que está escrita na que se di que é obrigatorio nas materias de secundaria tratar de forma transversal estes temas”. Para Isabel é algo moi importante interxeracionalmente: “Cómpre nas etapas máis temperás, cómpre nos institutos e cómpre a reciclaxe”, pois, como afirma Sara: “Ou tes unha familia que che di estas cousas ou te buscas ti a vida”.
Ante esta nova de La Voz de Galicia, do 30 de agosto de 2017, Xabier fala dunha charla que deu nun instituto e afirma que “a reacción dos rapaces é incrible”, xa que alí había un neno trans :“Ao día seguinte recibírono todos na clase con apertas. Non sabían nada, decatáronse ese día na charla, e a recepción foi marabillosa”; en cambio, di, a actitude dos medios non é tan positiva: “Os medios adoitan referirse ao xénero anterior ao cambio”. Ao que Sara contesta que as crianzas “entenden máis que nós, son moito mais abertas que nós”. Xa que, como afirma Anxo, cando “visibilizas un pouco e o normalizas no entorno non teñen problema”. “Eu non podo estar máis perplexa, pensaba que todo isto na xeración da información nun click estaba xa superado”, apunta Isabel. Xabier resúmeo: “A información está a un click, pero téñena que buscar eles. Efectivamente, no ensino tería que haber educación afectivo-sexual”.
Os medios e a educación son, como apunta Anxo, “o espello da sociedade”. Unha sociedade sobre a que afirma Ian Gundín, estudante de Filosofía: “Non somos capaces de facer unha reflexión sobre todas as cousas que nos rodean”. Isto dá lugar a comentarios e á normalización de comportamentos por falta de coñecemento: “Non buscan definicións das cousas e non as saben. A xente tampouco sabe que está usando, por exemplo, estereotipos”.
Como conclusión desta primeira reunión podemos dicir que, como apunta Anxo, “non hai ningún debate superado”. A sexualidade nos medios e na educación segue sendo a gran tarefa pendente e o primeiro obxectivo a superar se queremos falar de sociedade inclusiva e de liberdade sexual.
Acción
Para a acción deste proxecto pensamos nunha actividade audiovisual na que cada fonte faga unha pequena conclusión/manifesto dos temas tratados, especialmente enfocado ao trato que o colectivo recibe por parte dos medios de comunicación. A acción non ten aínda unha data fixa, pero elaborarase ao final do traballo para así ter un coñecemento maior por parte de todo o círculo.
Conversaron connosco:
- Xabier Caruncho, membro da asociación ARELAS.
- Cinthia Ermitas, estudante de Educación Social e membro da asociación Avante LGBT.
- Sara Fernández, estudante de Filoloxía.
- Ian Gundín, estudante de Filosofía.
- Anxo Núñez, membro do BNG de Outes.
- Isabel Quintairos, ex-xornalista da COPE.
Ligazóns
Domínguez. D. (9 de abril de 2014). Galicia aprueba la primera ley española contra la discriminación homosexual. La Opinión. Recuperado de: https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2014/04/09/galicia-aprueba-primera-ley-espanola/829667.html
Flotats. A. (17 de abril de 2008). La Cope despide a una redactora por homosexual y nacionalista. El País. Recuperado de: https://elpais.com/diario/2008/04/17/galicia/1208427501_850215.html
Álvarez. E. (30 de agosto de 2017). “Seré otra frente al espejo, como volver a nacer y redescubrirme”. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2017/08/30/sere-frente-espejo-volver-nacer-redescubrirme/0003_201708G30P25991.htm