MANCEBO BETTREMIEUX
Libraría Couceiro
“Os medios teñen que posicionarse, non teñen que darlle cabida a absolutamente todo.” Así respostaba a xornalista especializada en saúde María Elisa Álvarez cando lle preguntamos pola polémica reportaxe na que TVE daba voz a Enrique Costa Vercher, un licenciado en Medicina e Cirurxía, que declarou que foi a mellora das condicións hixiénicas, e non as vacinas, a razón pola que desapareceron as mortalidades. Na mesma liña manifestábase Miguel Jara, autor do libro Vacunas las justas, que considerou dentro da normalidade que algúns pais dubidaran da efectividade de certas vacinas.
Concordaba coa xornalista o tamén compañeiro de profesión Ángel Paniagua: “Nas reportaxes tendemos a buscar expertos que poñan en contexto as informacións. Poñer ó mesmo nivel á xente que está a favor ou en contra polo feito de estar a favor ou en contra. É como o que se fai nas campañas electorais: cando recolles unha voz do PP , tes que recoller unha do PSOE. Poñer ó mesmo nivel o si ou o non cando non hai debate científico é unha barbaridade.”
Para a enfermeira Liliana María Bettremieux, a clave está no xeito de moderar o debate, e así manifestaba o seu apoio a esta teoría María Elisa Álvarez: “Non todas as posturas teñen que ter o mesmo peso, polo menos nun medio responsable”. O certo é que a idea da responsabilidade e do xusto medio era unha constante arredor desta hora de conversa, aínda que outros, como Ángel Paniagua, tiñan unha postura moito máis firme: “Eu creo que non hai que entrevistar a este tipo de xente que promove estas cousas, porque é como facer un debate sobre o nazismo e recoller opinións a favor e en contra; non lle vexo ningún sentido, ningunha función social, nin ningún elemento xornalístico”. A controversia que pode xerar facerlle preguntas a certo tipo de axentes desemboca inevitablemente nunha palabra: audiencia. O sensacionalismo e o interese de moitos medios por obter máis visualizacións é en ocasións a explicación de por que atopamos espazos pouco responsables a nivel social en programas de contido supostamente xornalístico.
A información sobre saúde é un tema con moita relevancia, pois é un asunto que interesa a todo o conxunto da poboación e non discrimina a ninguén. Comentamos unha noticia na que se destaca que Feijoó acudiu á manifestación de Colón en lugar de ir á que se celebraba simultaneamente en Santiago a favor da sanidade pública. Consultamos por que parece máis relevante o feito de que el non estivera alí que a multitudinaria manifestación: “Ás veces os medios, parece un pouco raro dicilo, pero quedámonos sen nada que contar. Pasan dúas cosas: que estás todos os días contando cales son os problemas da sanidade, e o contexto está máis que traballado, e dous, que unha manifestación en si mesma é un acto político”, comentaba Ángel Paniagua.
Mª Elisa Álvarez, pola súa banda, considera que se fai moita información de saúde e non tanta de sanidade e de política sanitaria: enfermidades, tratamentos, hábitos saudables… A doutora Ana Laura Malheiro reflexiona sobre como a “infoxicación” confunde moito á xente e pode crear paranoias tremendas entre os pacientes. “Dificulta a asistencia. Sabedes que fixo dano? A xente chega co seu diagnóstico de casa, do Dr. Google, e iso fai engorrosa a asistencia porque hai que convencer de que iso non é verdade”, apuntaba Pedro Camacaro.
O persoal sanitario que nos acompaña está de acordo nunha cousa: unhas das principais labores que teñen é aceptar que é case imposible entrevistar a alguén para facerlle un diagnóstico, e contando con iso, redirixir aos pacientes a lugares fiables. “Medline, por exemplo, ten unha parte específica para pacientes e hai que envialos precisamente a estes sitios, porque senón ti vas pola web e atópaste de todo, calquera pode escribir”, sinalaba Liliana Mª Bettremieux.
O círculo de Saúde e Comunicación remata quedándose con dúas palabras gravadas: responsabilidade e contextualización. Palabras que non só se recomendan aos xornalistas, senón a toda a comunidade que intervén na cuestión da saúde e dirixidas especialmente aos políticos. A política sanitaria, como o xornalismo, hai que baseala nas necesidades dos cidadáns, todo o demais é un erro, conclúe este primeiro encontro.
ACCIÓN
Para levar os obxectivos desta proposta á acción propoñemos amosar as diferenzas entre os sectores públicos e privados da sanidade, que serán obxecto de debate nalgún dos círculos que organizará este grupo de traballo, que existen á hora da verdade cando tes que pedir unha cita, acudir a un especialista, operarte… Intentaremos contactar con centros de ambos tipos para ver como a mesma acción leva un tempo diferente, un número de sesións médicas diferentes e así facer unha comparación clara e precisa que ilustre o falado ó respecto coas fontes adecuadas nas reunións do observatorio, non para pechar o debate senón para abrilo e fomentalo o máximo posible.
CONVERSARON CONNOSCO
- Ángel Paniagua Pérez, xornalista especializado en información sobre saúde.
- Liliana María Bettremieux Toyos, enfermeira de atención primaria.
- Pedro Camacaro Rojas, enfermeiro en Venezuela.
- Ana Laura Malheiro Gutiérrez, médico
- María Elisa Álvarez González, xornalista especializada en información sobre saúde.
LIGAZÓNS
Redacción El País (10 de febreiro de 2019). Multitudinaria marcha en Santiago contra la gestión sanitaria de Feijóo. El País. Recuperado de: https://elpais.com/ccaa/2019/02/10/galicia/1549818058_709463.html
Álvarez, R. (10 de febreiro de 2019). Galicia clama por la sanidad pública, mientras Feijóo se manifiesta con la ultraderecha. El Plural. Recuperado de: https://www.elplural.com/politica/galicia-clama-por-la-sanidad-publica-mientras-feijoo-se-manifiesta-con-ultraderecha_210880102
Vizoso, S. (25 de febreiro de 2019). Rechazo frontal de los médicos al plan de Feijóo para afrontar la crisis sanitaria. El País. Recuperado de: https://elpais.com/sociedad/2019/02/25/actualidad/1551098540_112501.html
Paréceme moi interesante a idea expresada na primeira parte do post acerca da responsabilidade dos medios á hora de elexir a que opinións lle van a dar cabida e a cales non. Ás veces semella que, por querer parecer plurais, acabamos dándolle eco a opinións ou a ideas que nunca deberían aparecer publicadas en ningún medio de comunicación xa sexa por que son irrelevantes ou mesmo porque poden chegar a ser ofensivas.
Agora ben, como o voso círculo discerniu, todo xira en torno ao sensacionalismo. A información sobre saúde adoita estar situada na sección de sociedade, onde ten que “competir” con sucesos coma crimes, catástrofes ou escándalos. E normalmente os feitos máis escabrosos son os escollidos.
Outro tema que me preocupa é a escasa especialización que existe nos medios á hora de falar de algo tan importante como é a saúde. Non hai que esquecer que os medios de comunicación funcionan, dalgún xeito, como un método de aprendizaxe e educación para moitas persoas, polo que deberían ser máis coidadosos e resposanbles á hora de falar de certos temas. Nun estudo realizado por Gemma Revuelta indicábase que só un terzo dos principais xornais conta cun espazo dedicado á saúde, á ciencia ou á tecnoloxía; pero máis alá diso, case un 30% dos xornais aseguraron non contar con ningún redactor especializado nos temas anteriormente mencionados. De feito, neste mesmo estudo afírmase que as fontes máis utilizadas – case na metade dos casos – son fontes políticas, que por moito que saiban normalmente non están especializadas en temas sanitarios.
A pesar de que o número de artigos e pezas informativas sobre saúde segue medrando, tamén debe medrar de xeito paralelo a súa calidade. Por poñer un exemplo, os homes homosexuais seguen a ser, a día de hoxe, un dos temas máis recorrentes á hora de falar do VIH/SIDA, segundo unha análise levada a cabo por José Luis Terrón, o que afonda nun estigma que, de todos xeitos, parece que se vai superando.
Cómpre que os medios sexan conscientes do gran poder que manexan, e que elaboren pezas que máis alá de informar, tamén formen á cidadanía.
LIGAZÓNS
Revuelta, G. (2006). Salud y medios de comunicación en España. Gaceta Sanitaria, 20(1), 203-208. Recuperado de: https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0213911106715849
Terrón Blanco, J. (2010). Algunas reflexiones sobre la comunicación y salud en España tras cinco años del Observatorio de Comunicación y Salud. Revista Española De Comunicación Y Salud, 1(2), 77-97. Recuperado de: http://www.aecs.es/1_2_reflexiones%20OCS.pdf
Terrón Blanco, J. (2011). El tratamiento del VIH-SIDA en los periódicos españoles, una investigación colaborativa. Revista de Comunicación y Salud, 1(1), 4-17. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3648827
GústameGústame
GARCÍA RODRÍGUEZ
Debemos entender que dentro da axenda da maioría dos xornais xeralistas, a saúde ocupa un espazo bastante reducido. Ultimamente cos cambios que se están a suceder en atención primaria e as consecuentes manifestacións na súa contra, déixase ver a falta de xornalistas especializados nas redaccións.
Aínda así, podemos ver que no xornal con máis tirada de Galicia -La Voz de Galicia- si hai persoal especializado nesta temática, como son Ángel Paniagua e Elisa Álvarez. É comprensible que o xornalismo comprende temas moi diversos e é necesario ter unhas nocións básicas sobre moitos temas distintos. A saúde debe ser tratada con especial coidado xa que é algo que nos afecta a todos como cidadáns, polo que concordo coa idea de que ao aumentar o número de artigos xornalísticos sobre a saúde, tamén deberá mellorar a súa calidade.
Con respecto ao feito de que os medios son os que deciden a que darlle voz e a que non, penso que é moi importante formarse e informarse antes de redactar un artigo. Tamén é fundamental chamar as cousas polo seu nome, non penso que poñer a homeopatía ao nivel da medicina convencional sexa xusto. No caso de querer tratar algún aspecto das chamadas “medicinas alternativas”, quizáis o mellor sería deixar claro no propio artigo o que realmente é e basearse en feitos reais avalados por profesionais.
LIGAZÓNS:
La Voz de Galicia. Firmas. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/firmas/angel-paniagua
La Voz de Galicia. Firmas. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/firmas/elisa-alvarez-gonzalez
GústameGústame
CASTRO FRANCO
A presenza de xornalistas especializados en todas as temáticas, especialmente nalgunhas tan relevantes na vida da sociedade como é a saúde, é algo moi importante, diso non hai ningunha dúbida. Porén, e aínda que o caso que ti comentas de La Voz de Galicia é un exemplo que deberían seguir todos os medios, na realidade isto non ocorre. A maioría de xornalistas, segundo a tese realizada por Marta Ferreres, cando teñen que elaborar pezas de temática sanitaria optan por “copiar e pegar” notas de prensa de hospitais, ONG e entidades dese estilo; isto conduce a unha información sen intepretación e, sobre todo, unha información bastante inútil para a cidadanía. É obvio que nos tempos que corren, poder acceder a unha información sobre saúde veraz e obxectiva é case un logro, pero quizais estaría ben que, ademais de contarnos a verdade, tamén fora crítica.
Relacionado un pouco co que mencionei no anterior parágrafo e tamén coa calidade das noticias sobre saúde da que xa falamos, gustaríame saber que opinades vós sobre a crecente infoxicación que está a sufrir a sociedade. O termo infoxicación refírese ao exceso de información, non sempre de boa calidade, que lle chega á poboación, e actualmente está en auxe, sobre todo, polo uso das redes sociais. Isto fai que moitas veces cheguen ás nosas mans a traves das redes noticias que cremos que son veraces pero que, en realidade, son bulos. Os bulos, moitas veces difundidos por personaxes destacados – e isto sempre causado pola súa ignorancia – poden ten importantes consecuencias; un caso que exemplifica moi ben todo isto é o das vacinas e o autismo: moitos famosos fixéronse eco nas redes de que vacinar ao teu fillo podía provocar autismo, e todo isto baseado en información falsa sacada de noticias sen ningún criterio. Porén, isto tivo e está a ter consecuencias moi graves: cada vez son máis os pais e nais “anti vacinas” e, polo tanto, cada vez son máis os nenos e nenas que son contaxiados de enfermidades que practicamente foran erradicadas. Mais, que podemos facer para frear isto? É a información en redes sociais realmente útil? Nunha época na que as redes son xa parte do noso día a día, unha das nosas maiores fontes de información, e nas cales calquera pode escribir e facerse o experto sobre algo, semella que inevitablemente imos acabar infoxicados.
Ligazóns
Mateos, C. (20 de setembro de 2017). La infoxicación en salud crece en Internet con los bulos. LaeSalud.com Recuperado de: https://laesalud.com/2017/esalud/infoxicacion-salud-internet-bulos/
Ferreres Bertolín, M. (2016). El periodismo de salud en España: fuentes de información, periodistas y efectos de los mensajes publicados (Doctorado). Universitat de Vic. Recuperado de: https://www.tesisenred.net/bitstream/handle/10803/402195/tesdoc_a2016_ferreres_marta_periodismo.pdf?sequence=1&isAllowed=y
GústameGústame
GARCÍA RODRÍGUEZ
A falta de xornalistas especializados na temática de saúde é evidente en moitos medios, sobre todo nos que traballan a nivel local. Debemos entender que o caso de La Voz de Galicia non é o mesmo que o dun xornal cunha tirada menor. Deste xeito, podemos ver como o xornal coruñés La Opinión conta cun gran número de noticias relativas a saúde que son sacadas directamente de axencias -nos casos vistos por min mesma, eran especialmente de Europa Press-.
Así, tantas veces, o xornalista esquece ou non busca enfocar a nova dende unha perspectiva diferente á achegada á redacción, posiblemente, por descoñecemento do tema a tratar. A pesar de que os xornalistas debemos ser versátiles e desenvolvernos en varios ámbitos, si que é importante contar con profesionais que sexan capaces de sintetizar esta información e de cubrir con propiedade calquera nova referente á saúde e á sanidade.
Por outro lado, con respecto á túa cuestión, só dicir que a infoxicación está moi enraizada xa na nosa sociedade e isto é un feito. Esta cuestión tamén xurdiu nas nosas xuntanzas e todos os presentes coincidiron na importancia de educar en materia de saúde, polo que os medios temos aí un gran labor a desenvolver. Por outra banda, Ángel Paniagua -xornalista especializado en información sobre saúde- comentou na primeira reunión que “a saúde interesa. Hai unha gran preocupación colectiva que é a do benestar. [Nos medios] Fálase moito sobre alimentación, sobre como previr enfermidades, dos hábitos de vida saudables…”. Os xornalistas temos unha gran responsabilidade no control da “infoxicación”, pero á vez esta vén dada polo que esixe a propia cidadanía.
LIGAZÓNS
Europa Press. (17 de abril de 2019). ¿Es sano ser vegano? La Opinión A Coruña. Recuperado de: https://www.laopinioncoruna.es/vida-y-estilo/salud/2019/04/17/sano-vegano/1394125.html
Europa Press. (19 de abril de 2019). Catorce razones para huir del sedentarismo. La Opinión A Coruña. Recuperado de: https://www.laopinioncoruna.es/vida-y-estilo/salud/2019/04/19/catorce-razones-huir-sedentarismo/1394589.html
GústameGústame