A importancia de implicar á comunidade

FERNÁNDEZ COUSO e LORENZO CREO

IES Rosalía De Castro

Mesmo entre os expertos ou integrantes de medios comunitarios, alternativos ou populares resulta complicado ofrecer unha definición clara dos mesmos. “Ó final, un medio comunitario é aquel que está feito por e para a comunidade e deberían ter algo en común”. Jonathan Barral, integrante da radio CampUSCulturae, fálanos da importancia da comunidade e de dar voz ós menos escoitados polos medios de masas.

Oliva Amorín, que elaborou a súa tese sobre os medios comunitarios, coincide coa importancia da comunidade, e ademais incide na súa marxinalidade con respecto ó sistema mediático dominante: “Ás veces dá pena porque poden ter programas moi bos que podían ser escoitados por moitas máis persoas se fosen transmitidos en medios de masas”.

Gonzalo Brocos, de Campo Galego, concorda en que unha das chaves é a idea coa que nacen estes medios: “Normalmente os medios ligados a colectivos e a movementos sociais, xa nacen cunha idea de difundir determinadas ideas ou de darlle voz a persoas da comunidade ou que sintonizan coas ideas dos promotores”. Luis Froiz, de mola.gal, achega ó círculo a súa experiencia como comunicador no seu medio, moi similar á de Gonzalo: “Mola xorde hai uns anos porque nos decatamos de que había uns espazos de cultura alternativa, nos cales o uso do castelán sempre é primordial e non había apenas información en galego”.

A partir desta noticia de Tercera Información, do 6 de febreiro do 2019, establecemos un debate sobre a importancia que recibe “o ánimo de lucro” no concepto destes medios. Jonathan afirma que o medio de comunicación comunitario non é algo lucrativo, pero ó mesmo tempo, defende que poidan converterse en algo que chegue a ser lucrativo para os seus participantes.“Eu non limitaría o feito de que sexa comunitario a que non poida chegar a converterse nunha empresa”. Oliva ofrece un punto de vista diferente, situando a ausencia de ánimo de lucro como “un dos piares básicos”, entrando en contradicción co razoado por Jonathan. Luis, coincide en que o principal é sacar adiante o proxecto, mais “se ese proxecto se pode capitalizar dalgún xeito ben, aínda que non sexa a súa intención”. A intención dun medio comunitario, popular ou alternativo, para Luis, sempre debe ser ter voz e opinión, e poder compartilo. Gonzalo ademais, ten en conta ós pequenos medios locais: “pequenas radios ou medios dixitais, de carácter local, que nacen xa coa idea de empresa e polo tanto cun obxectivo de lucro, ó mesmo tempo poden ter entre os seus obxectivos implicar a comunidade”.

Outro obxecto de debate, foi a Lei Audiovisual do ano 2010. Oliva afirma: “A partir da Lei da Comunicación Audiovisual do 2010 prohíbese aos medios o patrocinio e estas cuestións”, e baixo o seu punto de vista moitos dos medios que se autodenominan comunitarios despois dunha análise non o son realmente, mentres que outros medios que non se consideran comunitarios, poderían selo. Engade que hai que ter coidado coas definicións en papel. Tanto Gonzalo como Jonathan, mostráronse a favor da colaboración do comercio local cos seus respectivos medios, segundo este último, “para poder sobrevivir, máis que nada”.

Os problemas que poden atopar este tipo de medios son moi variados. Para Luis, o financiamento é: “Un dos problemas principais para nós e para outra xente dos medios cos que falo”. Tamén existen outro tipo de problemas, como pode ser a organización destes medios. Segundo Luis, erra a falta de colaboración e implicación: “Os colaboradores que fan unha colaboración puntual e logo non se involucran nese proxecto é outro dos problemas que vexo que sempre nos estamos encontrando”.

1ºcirculomc

Oliva considera que “nas radios comunitarias o que fai falta é que a xente teña un compromiso de querer participar e de querer estar aí”. Gonzalo, en base a súa experiencia en Campo Galego en relación coa participación cidadá neste tipo de medios, resalta a súa importancia, xa que é algo que achega máis a comunicación á xente: “Algo que coidamos desde o principio foi o tema de contar coa xente”. Con respecto a isto, Jonathan cóntanos que en CampUSCulturae existe unha situación moi similar. “A nosa idea principal era darlle voz aos rapaces e rapazas da facultade de Ciencias da Comunicación, pero ao final hai máis xente de fóra da universidade que de dentro”.

A conversa deriva nun método diferente ó que adoitan empregar os medios masivos, pero bastante habitual na organización dos comunitarios: o xeito de organización asemblearia. Aínda que non é utilizado por Campo Galego ou CampUSCulturae, si é o sistema de mola.gal: “Na nosa organización desde un comezo, sempre traballamos de maneira asemblearia, agora mesmo somos doce persoas”; cóntanos Luis, mais matiza que algunhas delas teñen máis ou menos actividade, cuestión que pode rematar por ser un problema.

Nas vindeiras publicacións continuaremos afondando nos medios comunitarios, centrándonos na organización e financiamento, un aspecto chave para conseguir coñecer o seu funcionamento.

Primeiras pinceladas sobre a nosa acción

Ó final deste encontro, propuxemos ós integrantes do círculo realizar unha guía de boas e malas prácticas dentro do ámbito da comunicación, con respecto ó tratamento informativo e ó das diversas fontes informativas. A partir deste momento, comezaremos a colaborar neste sentido, así como a tratar o tema nas vindeiras reunións para acadar o mellor xeito de elaboración desta guía.

Conversaron connosco:

  • Jonathan Barral, integrante da radio CampUSCulturae
  • Oliva Amorín, xornalista experta en medios comunitarios
  • Luis Froiz, integrante do medio mola.gal
  • Gonzalo Brocos, integrante do medio Campo Galego

Ligazóns

Red de Medios Comunitarios (2017). El Congreso insta al Gobierno a aplicar la Ley que reconoce los medios comunitarios. Recuperado de: https://medioscomunitarios.net/2017/11/congreso-insta-al-gobierno-aplicar-la-ley-medios-comunitarios/

Tercera Información (2019). España ignora los medios comunitarios; Europa, los apoya. Recuperado de: https://www.tercerainformacion.es/articulo/actualidad/2019/02/06/espana-ignora-los-medios-comunitarios-europa-los-apoya

Bibliografía

De Guio, S. y Urioste, J. (2017). Estrategias de organizaciones de medios comunitarios, alternativos y populares en la Argentina en el periodo 2010-2015. Sphera Publica, 1 (17), 2-24. Recuperado de: http://sphera.ucam.edu/index.php/sphera-01/article/download/292/269

7 comentarios en “A importancia de implicar á comunidade

  1. Respecto do post, quixera facer unahas matizacións que poden server ao debate:
    1.- Os medios comunitarios, é certo, están sofrindo un cambio onde a comunidade está a ficar por trás doutros posicionamentos e fundamentos que se lle supuñan vai a penas uns anos. Unha corrente de pensamento neo-liberal, dunha parte, e dun marco tamén neo-liberal de relacións permite que a terra mova baixo os pes destas entidades de suposta resistencia.
    2.- O importante ben sendo, contradicindo a Bauman, que os grupos que teñen a iniciativa de promover o medio non dean, senon que compartillen voz, con grupos, colectivos e movementos do redor e máis alá. É dicir que faigan uso das súas redes relacionais e tezan novas redes de compromiso e de produción a partires de tácticas de intelixencia social, non de estratexias afíns aos poderes, ou que lle dean pábulo.
    3.- O tema do lucro é un gume de dobre folla, utilizado políticamente nos dous sentidos. Na Europa comunitaria regulada as canles abertas, por exemplo, agora son simples estensións das políticas sociais e dos subsidios (redes clientelares). Estase desbotando todo compromiso coas realidades da cidadanía e das comunidades que os movementos alternativos e a cultura dos trabalhadores puxeron ao pé da rúa, no imaxinario social e nas reivindicacións no fin de século.
    Doutra parte, a contribución ó través de doazóns e outros capitais económicos pode ser tido en conta como recurso de financiamento, ao igual que o son, en moitos casos, a formación en medios comunitarios ou a celebración de eventos festivos.
    Grazas polos vosos contributos.

    Gústame

  2. DIEGO FERREIRA

    O debate sobre se os medios comunitarios poden ser ou non lucrativos pon en cuestión o propio termo e definición de medio comunitario. É dicir, ao principio, en palabras de Jonathan Barral, definíanse os medios comunitarios como “aqueles que están feitos por e para a comunidade”. Neste sentido, se pasamos a falar dun medio lucrativo, suponse que será pola súa entrada no mercado. Polo tanto, deixaría de estar feito pola comunidade e pasaría a estar baixo o control do mellor postor.
    A Rede de Medios Comunitarios integra os medios comunitarios dentro do Terceiro Sector da comunicación, que define como “actores privados, sen ánimo de lucro, que cumpren un fin social e que son xestionadas por organizacións cidadás de diverso tipo”. Polo tanto, falamos de empresas sociais que se afastan tanto do Estado como do mercado para asegurar a total independencia do medio e a absoluta fidelidade á propia sociedade que pretende representar e informar
    Aquí, o que teríamos que diferenciar é que sexa un medio non lucrativo con que sexa un medio rendible, é dicir, cunha sostibilidade financeira. Isto lógrase cando os excedentes reinvístense no propio medio. Neste caso falamos dun medio non comercial pero si sostible, e seguramente sexa o que se pretende acadar neste tipo de plataformas, nas que comunicar non se entende como un negocio, senón como un dereito.
    É máis, non só sería o que se pretende, senón o legal dentro da lexislación española. No artigo 32.1 da Lei Audiovisual do 2010, establécese que no caso dos medios comunitarios “…ditos contidos emitiranse en aberto e sen ningún tipo de comunicación audiovisual comercial”.
    Jonathan Carral, fala de non limitar “o feito de que sexa comunitario a que non poida chegar a converterse nunha empresa”. Pero, se o que buscamos son medios independentes, alternativos e que representen e dean voz á comunidade, como acadarían eses obxectivos se acabamos falando, como propón el, de medios comerciais como calquera canle privada? Non volteariamos a falar de manipulación e censura por parte dos órganos de poder, é dicir, dos socios capitalistas?

    Bibliografía
    Ley 7/2010, General de la Comunicación Audiovisual (31 de marzo). Boletín Oficial del Estado, Madrid, España, 1 de abril de 2010. Recuperado de: https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2010-5292#a32
    Red de Medios Comunitarios. Recuperado de: https://medioscomunitarios.net/que-es-la-remc/

    Liked by 1 person

    1. LORENZO CREO

      Ben é certo o que comentas sobre as palabras de Jonathan Barral, membro de RadioUSCulturae, xa que, en primeiro lugar, Lei está aí, existe, e é algo que non se pode negar, e en segundo lugar, sen dúbida unha das principais razóns polas que un medio comunitario ou alternativo ve a luz e se identifica como tal é a de rexeitar converterse nun negocio e nunha empresa máis.

      Na miña opinión, estas palabras de Barral entran un pouco en escena e poden verse relacionadas cunha das afirmacións do comezo da publicación, como é a seguinte: “mesmo entre os expertos ou integrantes de medios comunitarios, alternativos ou populares resulta complicado ofrecer unha definición clara dos mesmos”, na que se deixa claro que non é sinxelo atopar as verbas precisas que responden ao que actualmente son os medios comunitarios e alternativos.

      Porén, un dos recursos polos que máis rendemento sacan os medios masivos e comerciais son a publicidade e/ou patrocinio, coa que logran completar os seus fins comerciais. Botando man da Lei Audiovisual do ano 2010 que ti mesmo comentas, e na que se nega a emisión e promoción de calquera tipo de publicidade aos medios comunitarios e alternativos, moitos dos medios que, pola forma na que realizan a súa actividade e pola identidade de comunidade que xeran con ela -un dos aspectos claves e fundamentais que un medio comunitario persegue-, quedan marxinados e ven rexeitada a súa condición de medio comunitario ou alternativo simplemente por iso. Porque, o uso da publicidade/patrocinio pode chegar a ser un medio e non ter que ser forzosamente un fin.

      É unha cuestión certamente polémica, pola que nos podemos chegar a plantexar se estes dous aspectos definitorios per se do que son os medios comunitarios e/ou alternativos, nunha sociedade como a actual -na que, verdadeiramente, a publicidade pode ser ata publicar un tuit ou unha instastorie-, poden ser dependentes ou non nestes casos. Por poñer un exemplo, sería como colocar nunha balanza hipotética estes conceptos para valorar cal pesa máis e chegar á conclusión de doar ou denegar a algúns medios comunitarios/alternativos ou aos que non se denominan como tal esas etiquetas.

      Por que precisamente en España non interesa que os medios comunitarios e alternativos poidan utilizar certos medios para que a súa comunidade se vexa beneficiada? Por que noutros países si e aquí non?

      Bibliografía:

      Ley 7/2010, General de la Comunicación Audiovisual (31 de marzo). Boletín Oficial del Estado, Madrid, España, 1 de abril de 2010. Recuperado de: https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2010-5292#a32

      Red de Medios Comunitarios (2017). El Congreso insta al Gobierno a aplicar la Ley que reconoce los medios comunitarios. Recuperado de: https://medioscomunitarios.net/2017/11/congreso-insta-al-gobierno-aplicar-la-ley-medios-comunitarios/

      Red de Medios Comunitarios (2017). España ignora a los medios comunitarios; Europa, apoya. Recuperado de: https://medioscomunitarios.net/2019/02/europa-fomenta-los-medios-comunitarios-mientas-espana-los-margina/

      Gústame

      1. DIEGO FERREIRA

        En primeiro lugar, fai unha distinción que me parece moi interesante en canto ao obxectivo que se persegue ao botar man da publicidade: empregala como medio para facer sostible unha actividade, como é neste caso o informar e comunicar; e facer desta o obxectivo último da empresa, é dicir, que todo o que se publique e se faga vaia orientado a obter un beneficio. Paréceme interesante, porque ben é certo que esta distinción podería xustificar que un medio comunitario se servira da publicidade para ter un respaldo económico, e que en ningún caso os seus contidos fosen orientados cara facer o medio máis atractivo e obter así máis beneficios froito da publicidade.
        Non obstante, que esa publicidade que fai unha empresa nun medio comunitario teña como único obxectivo facer sostible economicamente a actividade do medio en cuestión, non quita que esa empresa poida exercer presión censurando determinados contidos. Quero dicir, o medio, comunitario neste hipotético caso, atópase nunha situación de dependencia baixo a empresa publicitada, polo tanto, en ningún momento será contrario á mesma.
        O debate aquí non é o obxectivo que perseguen os medios comunitarios ao incorporar a publicidade como medio de financiación da súa actividade, posto que xa se da por feito que se fai para asegurar a súa continuidade. O verdadeiramente importante é o efecto que isto comportará nas súas futuras actuacións. Estará condicionado polos intereses das entidades que lle aportan un respaldo económico? Eu atrévome a adiantar que si.
        Presenta ademais o que se fai fora das nosas fronteiras como un argumento en defensa da presenza da publicidade nestes medios, pero si investigamos ben incluso no propio enlace que vostede aporta, decatámonos que na meirande parte dos países o que se permite non son os ingresos por publicidade, senón o patrocinio, como pode ser o caso de Alemaña ou Suíza. Que non deixa de ser unha situación semellante á da nosa radiotelevisión pública, na que non se permite a publicidade de empresas privadas con fins lucrativos, pero si que é legal o patrocinio. E isto é unha diferencia bastante considerable.
        Está claro que os medios comunitarios teñen que explorar novas canles para facer perdurar a súa actividade, pero isto debería ir da man dunha regulación ou dunha lexislación que garanta a súa independencia e, polo tanto, que os intereses económicos non alteren os seus obxectivos primeiros.
        Expomos a posibilidade dos patrocinios, pero non estaríamos caendo tamén nunha publicidade “encuberta”? Os medios comunitarios, coidarían máis os seus contidos para non perder os patrocinios? E fago unha última pregunta, unha lexislación que garanta a independencia dos mesmos e controle a influencia das empresas privadas, como nos podemos atopar en Francia, sería a mellor opción, ou hai outros camiños?

        Bibliografía:

        Barranquero, A. (10 de marzo de 2015). Los medios comunitarios y alternativos en el ciclo de protestas ciudadanas desde el 15M. Recuperado de: https://ddd.uab.cat/pub/athdig/athdig_a2015v15n1/athdig_a2015v15n1p139.pdf

        Ley 8/2009, de 28 de agosto, de financiación de la Corporación de Radio y Televisión Española (31 de agosto). Boletín Oficial del Estado, Madrid, España, 1 de setembro de 2009. Recuperado de: https://www.boe.es/eli/es/l/2009/08/28/8/con

        Red de Medios Comunitarios (2017). España ignora a los medios comunitarios; Europa, apoya. Recuperado de: https://medioscomunitarios.net/2019/02/europa-fomenta-los-medios-comunitarios-mientas-espana-los-margina/

        Gústame

        1. FERNÁNDEZ COUSO

          Como vostede menciona existen distintas opcións no tocante á lexislación, e o caso de Francia é unha delas. Neste país, a diferenza de Suiza, Alemaña ou Serbia – nos que os medios comunitarios non poden ter ingresos publicitarios mais si patrocinios- permítese obter ingresos da publicidade, pero con restriccións:
          É legal o método de financiamento publicitario sempre e cando estes ingresos non superen o 20% do volume de negocio do medio. Ademais, é importante cumprir uns requisitos moi específicos como a existencia de traballo voluntario, e os obxectivos de valor social sen ánimo de lucro.
          Como xa se mencionou con anterioridade, a publicidade nestes casos emprégase para garantir a supervivencia do medio, non para enriquecerse. De aí, que os medios comunitarios, populares ou alternativos franceses teñan que ter moi en conta que tipo de empresas publicitarán, así como os obxectivos e implicación social que teñen as mesmas.
          Ademais, en Francia, as emisoras – dentro da categoría lexislativa A, é dicir, as que teñen coma vocación ser radios de proximidade, comunitarias, culturais ou escolares- sérvense doutros mecanismos de financiamento como o Fondo de Apoio á Expresión Radiofónica Local, que poden axudar a manter o medio por un tempo sen necesidade de acceder ó uso da publicidade. O certo é que esta financiación pública trata de preservar a independencia destes medios, para garantir un panorama pluralista e libre.
          O caso francés non é único, xa que Reino Unido emprega un sistema moi similar en canto á aparición de publicidade en medios comunitarios. Ó fin e o cabo son diferentes xeitos de financiar o medio, cal é ou non o axeitado, debe dicilo o paso do tempo e o seu funcionamento. Así poderase saber a ciencia certa o que ocurrirá cos contidos dos medios e as posibles influencias que existan neles por parte dos seus inversores publicitarios.

          Bibliografía:

          Barranquero, A. (10 de marzo de 2015). Los medios comunitarios y alternativos en el ciclo de protestas ciudadanas desde el 15M. Recuperado de:

          Fai clic para acceder a athdig_a2015v15n1p139.pdf

          Red de Medios Comunitarios (2017). España ignora a los medios comunitarios; Europa, apoya. Recuperado de:
          https://medioscomunitarios.net/2019/02/europa-fomenta-los-medios-comunitarios-mientas-espana-los-margina/

          Labio Bernal, A; Fernández Alonso, I; Díaz-González, M.I; Guimerà i Orts, J. À y Reguero, N. (30 de decembro de 2010). Políticas de Comunicación y Medios Comunitarios en Europa. Análisis de la situación en Reino Unido, Francia y Países Bajos. Recuperado de: https://ddd.uab.cat/pub/artpub/2011/180655/deracom_a2011n1p52.pdf

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.