Xornalismo como reflexo da sociedade

FERNÁNDEZ PEREIRO, FERRÍN ALONSO E JORGE VIDAL

Biblioteca Ánxel Casal

Dende hai uns anos, a prensa está sendo cuestionada por moitos colectivos polo seu xeito de tratar determinadas noticias. Entre outras, destacan a maneira de informar sobre as mulleres ou a pouca presenza destas nas informacións, chaves para comprender o motivo deste rexeitamento. O miolo da última reunión do Círculo Muller e Comunicación constituírono a responsabilidade dos medios ó comunicar e a relevancia das opinións sobre mulleres nos xornais, redes sociais ou medios de difusión. 

Un correcto tratamento para unha correcta sociedade

Falando, en primeiro lugar, acerca do tema do rexeitamento cara os medios de comunicación, Alba Taladrid, de Xornalistas Galegas, comenta unha anécdota de cando facía reportaxes: “A min pasoume mil veces facendo reportaxes: vas falar coas traballadoras sociais e din que non queren saber nada da prensa porque sempre que saídes, saídes facéndonos dano”. A continuación, asegura: “Os xornalistas teñen que admitir de onde vén a súa fama e limpar a súa imaxe, que vén dunha realidade que é innegable”. Ademais, propón unha solución para as xornalistas: “Comezar a vendernos como unha vertente alternativa a este xornalismo”.

Por outra banda, Sara Torreiro, colaboradora de Luzes e Praza Pública, dálle a razón, pero subliña que, ás veces, ó tratar determinadas noticias, os profesionais dos medios non teñen tanta especialización no tema: “Neste verán unha das xornalistas do Colexio falaba da Renta de Integración Social de Galicia (RISGA), e co que transcribía, eu dixen: pero esta rapaza de onde sacou todo isto? Porén, despois pensei: Claro, é que esta muller non sabe nada de RISGA, estanlle falando en chino mandarín. Entón transcribe o que entende”. Despois puntualizou en que hai que ter comprensión nestes supostos, xa que “seguramente sería unha bolseira, contratada uns meses no verán cobrando unha basura, á que lle poñen un tema diante que é complexo e no que hai terminoloxía que é moi específica”.

IMG_1072
Alba Taladrid (Esq), Pilar Estévez (Centro) e Sara Torreiro (Dta)

Achegando o tema cara o feminismo, Pilar Estévez, de Plataforma Feminista Galega, asegura que cun pouco de formación feminista, un sería máis consciente do que está a dicir e do que está infravalorando: “Desvalorízase o traballo das mulleres nun espazo que é vital”. Sobre a xornalista que tratou o tema da RISGA, Pilar opina: “Tes que aprendelo, sabelo e comentarllo á rapaza, ou incluso axudala porque ao mellor non lle sae”. Aparte diso, engade: “Outra cousa é que ti arremetas contra un medio corporativo porque si que ten unha responsabilidade”. Alega que eses medios teñen un consello de redacción e deberían ter unha responsabilidade. “Estes señores non se poden crer os amos, e a maioría son grandes corporacións con gran capital. Non se poden crer impunes”, asegura.

Vivimos nunha sociedade machista e, segundo di Sara, os medios teñen unha responsabilidade social: “É responsabilidade dos medios transmitir que unha sociedade sen violencia machista é unha sociedade mellor; non só para as mulleres, para todos”. Saca o tema da violencia machista e o seu trato na prensa, e sentencia: “Unha sociedade na que se respecta á muller é unha sociedade mellor en todo”.

O xénero de opinión

“Na opinión hai laxitude, e é un xénero moi importante”, a Sara preocúpalle que o código deontolóxico das noticias non se empregue co mesmo rigor neste tipo de artigos: “Ti non podes poñer nunha páxina os logros do colectivo LGTBI e, na seguinte, un artigo de opinión falando de maricones”. A conversa nese intre tiña como tema principal a opinión. Este xénero xornalístico é unha ferramenta que debe ser usada seguindo unhas pautas determinadas. Así o explicaba Alba: “Para min o máis perigoso do machismo corre na opinión. Unha, porque se permite todo, outra, porque a opinión é a lectura das elites sociais, a súa incidencia social é moi forte e estamos permitindo opinar a calquera. Vostede decide a quen lle da espazo e a quen non. Ese tipo de artigos teñen que desaparecer dos xornais”. Co seu argumento deixa patente a necesidade de que a opinión dos medios de comunicación pase por un filtro editorial previamente.

Segundo di o Código Deontolóxico do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, débese actuar con especial responsabilidade e rigor no caso de opinións con contidos que poidan suscitar discriminacións por razóns de sexo, raza, crenza ou extracción social e cultural. Seguindo co tema, Pilar fixo un apunte con respecto á liña editorial: “Hai una liña, e é totalmente individual, que está en contra da liña editorial”. Ante isto, Alba respondeu sen dubidar: “Pois as opinións individuais dalas no ascensor. Nun medio de comunicación das as sociais”.

Sara ilustrou un exemplo de opinión que nin pasa ese filtro editorial nin cumpre co código deontolóxico: “Mira o caso de Manuel Morales. Copio o arranque: o medo ó feminismo radical consegue que poucos medios informativos se atrevan a lembrar que hai mulleres que se entregan de xeito voluntario a homes violentos sabendo que poden matalas”. Manuel Morales do Val é un xornalista que escribiu unha columna de opinión no Correo Gallego na sección “Crónicas Bárbaras” , ademais de en Atlántico Diario, no que establece que as vítimas de violencia de xénero son as culpables de sufrila. Alba precisamente apuntou que lle escribiron ó Atlántico sobre ese caso dende o seu medio e agregou: “Está sobrevalorado falar sen filtro”.

IMG_1084
Alba Taladrid, representante de Xornalistas Galegas

As mulleres tamén queren un espazo na opinión e sobre iso tratou a integrante de Xornalistas Galegas: “A prensa ten unha mensaxe para nós que é caladiña estás máis guapa. Non hai artigos de opinión de mulleres, nós aparecemos como testemuñas, nós somos a veciña do señor que morreu, somos a consumidora. Pero nunca somos a especialista, nunca a experta, a referencia. Tiñamos unha foto sobre unha mesa de expertos, en México, sobre a  lactancia, e só eran dez homes”, expresaba Alba. Con isto facía referencia ó ínfimo espazo co que contan as mulleres nas informacións.  

Outra das ferramentas que se utilizan para a opinión i expresión de ideas son as redes sociais. Sara incide, neste sentido, na falta de formación como consumidores de redes exemplificándoo: “VOX ten unha estratexia superguai, que é Vou dicir unha burricallada, a máis grande que se me ocorra, e iso vaise amplificar mogollón. Cando se critica o feminismo, as feministas compárteno cabreadas, e os deles, os que o cren de verdade, tamén o comparten. É todo unha estratexia”. Toma a palabra Pilar e insiste tamén no perigo das redes sociais, sendo para ela unha ferramenta que aínda estamos aprendendo a empregar.

Sara, de novo, ademais de sinalar o problema, propón unha forma de actuar para os consumidores de redes sociais. Esta consiste en compartir noticias que valen a pena, no canto daquelas que non: “Compartindo esa cousa que che pareceu unha aberración, o único que estas provocando é que todos os teus contactos lle vaian dar alí o click e lle estean dando cada vez máis visitas. É unha cuestión que como consumidores debemos preguntarnos”.

Espectáculo ou información?

Alba, falando sobre o tema das agresións machistas, engade sobre o escaso control en torno aos homes agresores: “Isto ocorre porque nas prioridades de Defensa ou de Interior, de seguridade da cidadanía non está este problema, porque isto é un problema dun colectivo”. Pilar recalca: “É un problema social”. Sara fai unha achega do tratamento informativo de femicidios -coma o de Diana Quer- e da espectacularización da información, e critica: “En vez de tratarse coma un problema social, arraigado na sociedade, trátase coma un supersuceso, e en vez de analizar as causas, analizamos como ía vestida, se ía correndo, se o agresor tiña detencións policiais… Cando suceden este tipo de casos tan mediáticos, os medios de comunicación recorren a uns estereotipos que son moi prexudiciais e que sempre son dicotómicos”.

Acerca disto, Pilar remata dicindo: “Xa está moi caduca esa forma de tratar a noticia, xa está pasada de rosca”. Por outro lado, Alba recalca que nun asasinato, as testemuñas non dan valor informativo: “Cústanos facer entender que non podes ir a pedir testemuñas cando hai un asasinato de violencia de xénero. Tes que ir a especialistas, tes que ir a redes… Pero non podes ir a falar co veciño, porque non ten nada que dicir”.

Violencia, vexación e marxinación son só algunhas das sensacións que as verbas xornalísticas mal usadas poden transmitir á muller. As páxinas dun xornal, as emisións de radio ou os minutos televisivos abranguen unha responsabilidade social tremenda da que debemos ser conscientes, dende a cidadanía e dende as propias redaccións. Os feitos non son o máis terrible cando o seu tratamento pode chegar a ser tan precario.

A acción

O día sete de marzo, xusto antes do 8M, o Colexio de Xornalistas publicou na súa conta de Twitter un vídeo no que colaboraron os integrantes do círculo de Muller e Comunicación deste observatorio cidadán. Na peza audiovisual xógase coas seis preguntas que toda peza informativa debe respostar: que, quen, como, onde, cando e por que. As preguntas que seguen ós interrogantes fan referencia á falta de presenza, ó tratamento precario ou ás inxustizas que sofre a muller no campo da comunicación. Unha chamada de atención ó deficiente espazo que se lle outorga á figura feminina nas informacións.

Ligazóns

Colexio de Xornalistas de Galicia. Código deontolóxico do Xornalismo Galego. Colexio de Xornalistas de Galicia. Recuperado de:  http://xornalistas.gal/colexio/codigo-deontoloxico-galego/#

Praza Pública. O Colexio de Xornalistas ve “inaceptable culpabilizar as vítimas da violencia machista” nos medios (11 de  xaneiro do 2017). Praza Pública. Recuperado de: https://praza.gal/movementos-sociais/o-colexio-de-xornalistas-ve-inaceptable-culpabilizar-as-vitimas-da-violencia-machista-nos-medios

Aragón, María. (8 de agosto do 2018). Un debate sobre la lactancia materna con seis hombres y ninguna mujer. elPeriódico. Recuperado de: https://www.elperiodico.com/es/extra/20180808/polemica-foto-ausencia-mujeres-debate-lactancia-materna-mexico-6980889

Fotografía de portada: Pxhere

11 comentarios en “Xornalismo como reflexo da sociedade

  1. Coincidindo no fondo do que expresa Alba Taladrid cando se refire ó xénero de opinión, fáltanme matices. De entrada, todos os medios teñen o seu accionariado e o seu director, o que dicta a liña editorial. Do mesmo xeito, escóllense ás persoas ás que se lles dá un espazo nas páxinas de opinión, que poden diferir en certos aspectos coa liña editorial pero adoitan ser similares. Deste modo, é relativamente común atopar artigos enxalzando os dereitos da comunidade LGTBI, como menciona a propia Alba, ou os da muller, e ver despois columnas de opinión que os aldraxan. É algo facilmente explicábel: só o 28% dos principais diarios españois teñen directoras mulleres e só o 21% de artigos de opinión están escritos por mulleres (FAPE). Por isto mesmo estou en desacordo coa idea prohibitiva que amosa Taladrid das opinións individuais nos xornais. Ó fin e ó cabo, se se lle dá cabida a outras opinadoras, mulleres, nestes ámbitos xornalísticos, xa veríamos un importante cambio. É un cambio que xa se está a producir, aínda que a un ritmo demasiado lento, e está fortemente sustentado pola crítica pública, tal como se comproba en eventos coma o II Congreso Capital del Columnismo de hai dous anos.

    Ligazóns:
    – (eldiario.es, s.f.) (27 de setembro de 2017). El congreso de columnistas de León difunde un segundo cartel en el que incluye a cinco mujeres. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/sociedad/congreso-columnistas-difunde-incluye-mujeres_0_691181524.html
    – ARTAL, R. M. (18 de outubro de 2017). La importancia de que opinen las mujeres. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/zonacritica/Mujeres-columnismo-opinion-periodismo-congreso_leon-columnistas_6_698590152.html
    – FAPE. (8 de marzo de 2019). La presencia de la mujer en el periodismo de opinión se mantiene en el 21%. Federación de Asociaciones de Periosdistas de España. Recuperado de: http://fape.es/la-presencia-de-la-mujer-en-el-periodismo-de-opinion-se-mantiene-en-el-21/
    – BRAVO, L. (4 de marzo de 2019). Aumenta el interés de los medios por dar visibilidad a las firmas femeninas en sus portadas. Prensa PR. Recuperado de: https://prnoticias.com/periodismo/periodismo-pr/20172461-periodismo-firmas-femeninas-visibilidad-periodicos
    – (Prensa PR, s.f.). (9 de marzo de 2019). Sólo el 28% de los directores de los principales diarios en España son mujeres. Prensa PR. Recuperado de: https://prnoticias.com/prensa/prensa-pr/20172555-mujeres-directoras-de-periodicos-en-espana

    Gústame

    1. GARCÍA ROCA

      Como dis ti, este cambio esta a pasar de ser unha “ficción” a unha realidade. Dos quince xornais en papel máis lidos no noso país catro están dirixidos por mulleres: o Levante EMV, levado por Lydia del Canto; La Nueva España, con Ángeles Rivero; 20 minutos, con Encarna Samitier; e o Diario El País, por Soledad Gallego-Díaz.
      No entorno dos medios galegos só hai que entrar no espazo asignado ás columnas de opinión de xornais como o Sermos Galiza, para poder observar nós mesmos que cada vez as mulleres dispoñen de máis espazos de opinión. Non en tanto, noutros como O Faro de Vigo aínda constitúen unha minoría con respecto ós espazos reservados polo xornal para as voces masculinas. A nivel nacional, como di a análise realizada pola consultora de Comunicación Planner Media en conxunto coa FAPE, só o 21% dos artigos de opinión son escritos por mulleres. O informe, con todo, achega datos que convidan ó optimismo: El Periódico é a publicación con maior porcentaxe de columnistas mulleres, un 41% con respecto do total de publicacións femininas noutros medios, seguido por eldiario.es. Pero como alegaba a de Xornalistas Galegas, Alba Taladrid, a prensa transmite a miúdo a mensaxe de que as mulleres caladiñas estamos máis guapas, dado que o número de mulleres que interveñen como expertas e especialistas en diferentes campos, fronte ás que aparecen coma testemuñas dos feitos, é abismal. Estes datos sen dúbida amósannos que aínda queda moito camiño que percorrer na loita pola igualdade.

      Ligazóns:
      -Estos son los periódicos (hasta ahora) dirigidos por mujeres. (2019). Recuperado de: https://www.lamarea.com/2018/06/07/estos-son-los-periodicos-hasta-ahora-dirigidos-por-mujeres/
      -Galiza, S. (2019). Artículos de Opinión – Sermos Galiza – Diario de intereses galegos. Recuperado de: https://www.sermosgaliza.gal/opinion
      -Vigo, F. (2019). Artículos de opinión en Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/opinion/
      -Pereda, Olga. (2019). EL PERIÓDICO, el medio con más mujeres analistas (41%). Recuperado de: https://www.elperiodico.com/es/sociedad/20190304/el-periodico-medio-mas-columnistas-mujeres-7335630

      Gústame

      1. Malia estar de acordo na idea de fondo, non considero que os datos inviten ó optimismo. Nos xornais de máis tirada, a presenza feminina sigue sendo ínfima, e non habendo un cambio de modelo na prensa escrita nin incentivo algún para a súa realización, non parece que vaia ocorrer. Á fin e ó cabo, é un tema directamente relacionado coa liña editorial de cada xornal, e non sendo precisamente feministas os xornais máis vendidos de España, quizais o cambio tarde bastante máis do desexado.

        Ediciones El País. (s.f.). Opinión. Recuperado 9 abril, 2019, de https://elpais.com/elpais/opinion.html
        El Mundo. (s.f.). Opinión. Editoriales y columnas. Recuperado 9 abril, 2019, de https://www.elmundo.es/opinion.html?intcmp=MENUHOM24801

        Gústame

        1. GARCÍA ROCA

          É ben certo que o cambio tardará bastante en acontecer. Diversos estudos realizados en épocas recentes recollidos en “A muller como cargo e como fonte da prensa escrita. A paridade non chega as noticias”, puxeron de manifesto tanto a invisibilidade da muller nos medios como a influenza de estereotipos masculinos nos contidos dos medios de comunicación.
          Os datos recollidos no estudo falan por si sos: a paridade non existe nos medios de comunicación. As mulleres non só non están nos medios como protagonistas das noticias, tampouco teñen peso como fontes de información, nin en función dos cargos que ocupan nin das profesións que desempeñan. A visibilidade feminina é cualificable de ridícula atendendo ás porcentaxes que expoñen.
          Ante esta situación son varias as asociacións de xornalistas que tratar de facer visible este problema poñendo en marcha iniciativas e realizando actividades o prol da loita feminina, como é o caso de Xornalistas Galegas, as cales publican cada semana no seu Twitter unha análise da presenza feminina nas seccións de opinión dos xornais galegos.

          -Ligazóns:
          Bezunartea Valencia, O., Del Mar García Gordillo, M., & Rodríguez Rey, A. (s.f.). La mujer como cargo y como fuente en la prensa escrita. La paridad no llega a las noticias. Recuperado de: https://www.redalyc.org/html/168/16823120012/
          Xornalistas Galegas. (s.f.). Twitter. Recuperado de: https://twitter.com/asxornalistas/status/1117426579586584585

          Gústame

  2. A influenza que os medios de comunicación poden ter na sociedade é obvia, e a nosa labor como xornalistas ten que ser a de propiciar os cambios e melloras de toda a cidadanía. A loita feminista xa chegou á opinión pública, é tema clave da actualidade, e sen dúbidas será un dos puntos fundamentais que debe ter en conta a esfera política. O feminismo é un dos motores dos cambios sociais, como se expresa en artigos de análise como o de Marta Borraz e Ana Requena Aguilar, publicado o 9 de marzo en Eldiario.

    Partindo desta base, é necesario que os medios adaptemos os nosos contidos á realidade crecente. As novas xeracións, cada vez máis concienciadas, precisan recibir unha información profesional e ben fundamentada. Os titulares machistas deben ser xa cousas do pasado que se penalicen dende os propios medios. Non é por falta de ferramentas, o problema está na falta de interese. Por exemplo, a Guía de Linguaxe Inclusiva feita polo alumnado de xornalismo da USC recopila pautas para un bo tratamento de noticias como as dos casos de violencia machista. Este tipo de ”libros de estilo” deberían establecerse en todas as redaccións dos xornais e das televisións, para poder reeducar tamén aos profesionais. Así, a corporación RTVE lanzou o ano pasado o Observatorio de Igualdade para respaldar o seu compromiso cun contido máis igualitario.

    Por último, como se menciona no post, as mulleres deben ter a súa propia voz. Unha parrilla de contidos sobre mulleres está ben, pero si non hai pezas redactadas por propias mulleres… é totalmente efectivo? As xornalistas son as primeiras que deben apostar por un contido que abarque a perspectiva de xénero, dando exemplo aos seus compañeiros de profesión para que se acuda máis a voces femeninas. O que se faga agora terá unha repercusión en xeracións futuras, e como apunta a escritora Sandra Uve, as nenas necesitan referentes femeninos que non sexan personaxes Disney. No xornalismo está parte da responsabilidade para cambiar as cousas.

    Ligazóns:
    – Borraz, M. e Requena Aguilar,A. (9 de marzo de 2019). Diez medidas que se pueden poner en marcha ya para responder a las demandas del feminismo. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/sociedad/medidas-Gobierno-responder-demandas-feminismo_0_748225631.html
    – USC. Guía de linguaxe inclusiva. Recuperado de: https://xornalismoinclusivo.wordpress.com/guias-de-linguaxe-inclusiva/
    – Pozo, D. (6 de marzo de 2018).Sandra Uve: “Las niñas necesitan referentes femeninos que no sean personajes de Disney”. 20minutos. Recuperado de: https://www.20minutos.es/noticia/3279733/0/sandra-uve-referentes-femeninos/
    -RTVE (22 de marzo de 2018).Primera reunión del Observatorio de Igualdad de la Corporación RTVE. Recuperado de: http://www.rtve.es/rtve/20180322/primera-reunion-del-observatorio-igualdad-corporacion-rtve/1701217.shtml

    Gústame

    1. GARCÍA FERNÁNDEZ

      É certo que a loita feminista é un tema moi de actualidade nestes momentos, sobre todo despois das manifestacións do ano pasado que semella que foron o despertar feminista de moitas persoas. As mobilizacións do 8 de marzo do ano pasado e as deste ano foron moi mediáticas. Numerosos medios de todo tipo de correntes ideolóxicas analizaron, explicaron e criticaron o manifesto da folga. Entre eles é moi salientable o artigo de Eldiario.es que escribiron as autoras que ti nomeaches, Marta Borraz e Ana Requena, antes da folga do 8-M explicando como facela e en que consiste. E tamén cabe destacar o “test” que publicou o Faro de Vigo na súa páxina web con motivo do 8-M que pretende “facer reflexionar sobre o feminismo”, na miña opinión podían obvialo e no seu lugar facer un artigo en condicións.

      Por iso, comparto a túa opinión de que os medios debemos adaptarnos aos novos tempos mediante a utilización do linguaxe inclusivo e das numerosas Guías de Linguaxe Inclusiva que foron redactadas por diferentes organizacións nos últimos anos. Como por exemplo, esta Guía para o Uso Non Sexista do Linguaxe publicado polo Instituto da Muller. Mais o problema non é só a falta de interese, se non que o problema é a comodidade, é máis cómodo seguir usando o linguaxe como nos foi ensinado que facer o esforzo de cambiar. Para iso a maioría dos xornalistas escúdanse en argumentos como que a RAE non recoñece o linguaxe inclusivo ou que este é só unha moda pasaxeira entre a xuventude de hoxe en día. En definitiva, o problema é a indiferenza da maior parte da sociedade, o pouco interese destes por evolucionar.

      E por último, en canto a túa afirmación sobre que as xornalistas son as primeiras que deben de apostar por un contido que abarque a perspectiva de xénero, Isto xa está pasando. Por exemplo, en Eldiario.es teñen unha figura na redacción que é a Redactora Xefa de Xénero, un cargo creado con esta función, a de velar porque nas noticias publicadas neste medio estea presente sempre presente a perspectiva de xénero. Esta figura é única neste xornal e a copiaron á redacción do New York Times, pero é positivo pensar que pouco a pouco se estenderá ao resto de redaccións dos diferentes medios españois ata chegar ao punto de que sexa unha figura tan importante e imprescindible como a do propio Director.

      Ligazóns:
      Borraz, M. e Requena Aguilar, A. (24 de febreiro de 2019). Este 8M hay huelga feminista: en qué consiste, quién puede hacerla y cómo. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/sociedad/huelga-feminista-contamos-consiste-hacerla_0_870713051.html
      G.T. (6 de marzo de 2019). 8M 2019: Diez preguntas sobre el feminismo y el Día Internacional de la Mujer. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/sociedad/2019/03/06/8m2019-huelga-feminista-test/2063755.html
      Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades. Guias para el Uso no Sexista del Lenguaje. Recuperado de: http://www.inmujer.gob.es/servRecursos/formacion/GuiasLengNoSexista/docs/Guiaslenguajenosexista_.pdf
      Cantó, P. (5 de xuño de 2018). La RAE arremete contra el ‘lenguaje inclusivo’ que exigen las feministas. El Confidencial. Recuperado de: https://www.elconfidencial.com/cultura/2018-06-05/rae-masculino-generico-femenino-feminismo-debate-twitter-discriminacion_1574117/
      Descoñecido. (29 de xuño de 2018). Lenguaje inclusivo: ¿un nuevo género o moda pasajera?. Infobae. Recuperado de: https://www.infobae.com/parati/news/2018/06/29/lenguaje-inclusivo-un-nuevo-genero-o-moda-pasajera/
      No Te Metaas En Política. (9 de marzo de 2019). Ana Requena: “La huelga feminista consigue que la gente se haga muchas preguntas”. No Te Metas En Política. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=IOuroHVIa7E

      Gústame

      1. É positivo que exista unha redactora Xefa de Xénero en Eldiario.es, e investigando un pouco, atopei que o xornal El País tamén conta cunha ”corresponsalía de xénero”. O único problema que vexo neste tipo de iniciativas é que se limite a un lavado de cara dos medios. É dicir, que se asigne un cargo destas características a unha muller porque ”é o que toca”, mentres que o resto de faccións do medio continúan coas mesmas prácticas cuestionables.

        Ese uso interesado do feminismo dame medo, porque o sistema capitalista fagocita todas as loitas e protestas de minorías e remata mercantilizándoas. Tal vez podería compararse ao que ocorre actualmente co colectivo LGTB e o día do Orgullo: o termo, acuñado pola Breast Cancer Action, é ‘pinkwashing’. Esta estratexia é empregada polas empresas para gañar beneficios a partir da suposta defensa de causas como son o feminismo ou algunhas enfermidades. É interesante o análise que fan as sociólogas españolas da universidade de Deusto, María Pilar Rodríguez Pérez e Miren Gutiérrez Almanzor, no seu ensaio ”Femvertising. Análisis de empoderamiento femenino en la publicidad española”.

        Esperemos que os contidos de xénero e a inclusión das mulleres na axenda mediática non sexan unha moda pasaxeira, porque as reivindicacións feministas non o son.

        Ligazóns:
        – El País (12 de maio de 2018). El País crea una corresponsalía de género. El País. Recuperado de: https://elpais.com/politica/2018/05/11/actualidad/1526063643_313967.html
        – Wikipedia (19 de novembro de 2018). Pinkwashing. Recuperado de: https://es.wikipedia.org/wiki/Pinkwashing
        – Redacción (11 de febreiro de 2019). Mujeres y marcas comprometidas: ¿una posición real o un feminismo cosmética y estrategia de Marketing para vender más? PuroMárketing. Recuperado de: https://www.puromarketing.com/44/31638/mujeres-marcas-comprometidas-posicion-real-feminismo-cosmetico-estrategia-marketing-para-vender-mas.html
        – Rodríguez Perez, MªP. e Gutiérrez Almanzor, M. (2017). ”Femvertising. Análisis de empoderamiento femenino en la publicidad española”. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6235475

        Gústame

        1. GARCÍA FERNÁNDEZ

          Estou de acordo, eu tamén temo que todas estas iniciativas se están levando a cabo para lavar a imaxe de certos medios fronte a sociedade. O “purplewashing” é algo que esta ocorrendo nestes momentos, todos aqueles que criticaban tanto ás “feminazis” e que as desprezaban e insultaban agora apúntanse ao feminismo. O que é peor, atribúense a si mesmos os logros do feminismo demostrando así a súa ignorancia e o seu nulo coñecemento do tema.

          Un exemplo disto foron por exemplo, as declaracións de Albert Rivera antes e despois do 8-M do ano pasado. Ou, tamén, este ano, cando xusto antes do Día Internacional da Muller, Ciudadanos presenta o seu decálogo “feminista”, no que introducían o seu “feminismo liberal”, supostamente unha nova corrente do feminismo creada por eles, cando en realidade o termo existe dende o século XIX e non ten nada que ver co que eles din.

          En definitiva, é obvio que nestes intres o feminismo está a servir de instrumento para mellorar a imaxe dos poderosos (do capitalismo en xeral), mais isto non ten por qué ser especialmente malo xa que canta máis xente se proclame feminista (sexa falso feminista ou feminista de verdade) máis difusión terá o movemento e máis crecerá. Así a medida que crecen as persoas que se proclaman feministas para mellorar a súa imaxe, crece tamén a cantidade de xente que coñece o movemento.

          Ligazóns:
          – Lenore, V. (3 de abril de 2016). Del pornoburka al purplewashing, los trucos más sucios contra el feminismo. El Confidencial. Recuperado de: https://www.elconfidencial.com/cultura/2016-04-03/del-pornoburka-al-purplewashing-los-trucos-mas-sucios-contra-el-feminismo_1170764/
          – Asuar Gallego, B. (10 de marzo de 2018). Lo que decía Ciudadanos antes del 8-M y lo que dice después de su éxito. Público. Recuperado de: https://www.publico.es/tremending/2018/03/10/lo-que-decia-ciudadanos-antes-del-8-m-y-lo-que-dice-despues-de-su-exito/
          – Barbijaputa. (5 de marzo de 2019). Análisis del decálogo “feminista” de Ciudadanos. Eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/barbijaputa/decalogo_feminista_ciudadanos-barbijaputa-feminismo_liberal_6_874622541.html

          Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.