EYRÉ CONDE
Cafetería Recantos
É indubidable que o ecosistema xornalístico está ferido. E non é unha ferida que se poida curar cunha simple venda; é un dano estrutural e profundo que precisa dun bo tratamento. A manipulación da información, os novos modelos de información-entretemento, o desapego polo xornalismo ou a crise económica e a conseguinte marea de despidos son os temas centrais sobre os que orbita a conversa nesta segunda xuntanza do Círculo.
Para arrancar o debate preséntase a nova sobre o uso erróneo de imaxes por parte da canle chilena MEGA, do 11 de marzo de 2019, Emma Araújo, xornalista de La Voz de Galicia, apunta ao respecto que “o uso de imaxes que non se corresponden coa realidade é tan antigo coma a historia da fotografía”, facendo fincapé en casos como o da recente manifestación da Praza de Colón. Porén, prosigue Emma, “saber exactamente se se corresponde a un erro ou a un caso de manipulación consciente é complicado”. Pola súa banda, Pablo Santiago, xornalista de O Salto e membro de Lentes Diverxentes, pon o foco noutro aspecto: “Hai outros xeitos de moldear a opinión pública que son moito máis sutís e non nos chegan como tal. Son construídos a longo prazo, mediante determinado emprego da linguaxe, facendo referencias concretas a temas ou colectivos como os migrantes ou os xitanos”.
A toma de decisións nas redaccións é responsable deste fenómeno, é por iso que non tarda en saír a debate. Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, opina sobre a tendencia das redaccións silenciosas: “Pero unha redacción non era un lugar no que a xente se xuntaba e discutía? Tense que producir unha conversa para chegar a atopar o enfoque axeitado”. En referencia á rutina nos medios hoxe en día, apunta: “Non sei se iso é o que pesa á hora de tomar decisións hoxe en día”.
Outra das vertentes deste novo pico de manipulación é a banalización da mentira, como sinala Pablo: “ Eduardo Inda minte na Sexta e ao día seguinte está outra vez en todos os medios”. As imaxes, vídeos ou datos falsos están cada día máis afincados neste gremio. Segundo o xornalista de O Salto, “estamos chegando a un punto no que a mentira non se penaliza, e como lectores ou espectadores temos que esixir algo máis”.
Mentres prosigue a conversa e tanto as bebidas da mesa como a cafetería se van baleirando, comeza a tratarse o dossier do exemplar número 69 de La Marea. Comeza a comentala Pablo: “Está claro que hai un desfase entre a xente que se gradúa cada ano en Xornalismo e os postos de traballo que os agardan, pero non pasa só neste campo”. Non tarda Emma en traer a colación outro dos males do xornalismo actual: o intrusismo. “Hai moito tipo de comunicacións en redes que hoxe en día son traballos xornalísticos e deberían aplicárselles criterios xornalísticos, pero fainos calquera persoa”. Continuando a súa intervención, sinala: “Eu penso que o problema fundamental é que a xente, en xeral, non valora o xornalismo. Pasamos de CNN+ a Telecinco en moi pouco tempo e isto demostra que a xente non é consciente do que está pasando”.
A desconexión entre xornalismo e audiencia e os novos formatos televisivos instálanse agora como tema central da conversa. Sobre isto fala Pablo Santiago: “Hai moito programa de entretemento con contido que antes era sempre xornalístico, como Zapeando ou o programa de Risto”. Belén apunta ao respecto que “nin os informativos son o que entendiamos por informativos, convertéronse case en magazines”. Os invitados ven Salvados como un oasis dentro deste sistema, onde -segundo as palabras de Emma – a tendencia é “levar un grupo de frikis a desbardallar nun plató”. Pablo retoma a palabra para sinalar que “todos son magazines pero todos falan de Albert Rivera, Pablo Iglesias…”. A política xa non só é obxecto do xornalismo senón tamén do entretemento, e na televisión a fronteira entre as dúas está a difuminarse. Pecha o tema Belén con rotundidade: “A política non pode ser Gran Hermano. Non se pode guionizar a realidade para que sexa máis palpitante, porque se o fas xa estás manipulando”.
Belén dá o seu punto de vista sobre este crecemento dos espazos ocupados pola política: “A crise tamén foi decatarse de que se non te preocupas da política, a política preocúpase de facerche a vida imposible”. Pablo amosa unha análise diferente: “Agora penso que estamos no proceso contrario, nun proceso de desafección xeralizada. No relativo á política institucional eu estou máis desconectado ca nunca, aínda que estou máis politizado ca nunca”. Volvendo ao estourido da crise, Emma opina que “a xente meteu ós medios -con razón- no mesmo saco que ao resto do sistema. Sentíase enganada tanto polos políticos e a economía como polos medios. Porque nós contabamos o que eles nos dicían”.
Coa conversa e as tazas de té a punto de rematar, coméntase a terceira peza, esta vez de Galicia Confidencial para tratar a invisibilidade mediática dos despidos masivos no mundo do xornalismo. Clara e rotunda, Belén di que “can non come can”. Pablo, pola súa parte, aporta a súa experiencia persoal: “Eu sufrín un ERE en xaneiro, cando traballaba para Telecinco na Coruña, e ninguén se enterou”, ao que Emma responde cun “e se se enterasen tampouco ían facer nada”. A continuación pregúntaselle á xornalista de La Voz polo ERE no seu medio, ao que alega que “houbo varios despedimentos, non un ERE”. Sexa como for, este recorte de plantel tampouco tivo ningún tipo de cobertura mediática.
Cos convidados a piques de levantarse, entre agradecementos e despedidas cruzadas e xa coa conversa máis distendida, é a propia Emma a que se encarga de pechar o debate. “Penso que é a oportunidade do xornalismo de facer o seu traballo. Iso si, como non o faga xa non vai quedar nin xornalismo nin sistema”.
No tocante á acción, malia que non é unha decisión en firme, cremos que podería ser interesante a elaboración dunha guía de boas prácticas profesionais, tanto para as empresas coma para os propios xornalistas.
Conversaron connosco tres xornalistas:
Belén Regueira, Radio Galega
Emma Araújo, La Voz de Galicia
Pablo Santiago, O Salto
Bibliografía e ligazóns
A proposta de La Voz de Galicia para 2019: “recortes salariais”, “ameaza de despedimentos” e muro de pago (10 de decembro de 2018). Galicia Confidencial. Recuperado de: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/81016-proposta-voz-galicia-2019-recortes-salariais-ameaza-despedimentos-muro-pago
Colegio de Periodistas se pronuncia por “falta de ética” de MEGA tras difundir imágenes falsas el 8M (11 de marzo de 2019). Infogate. Recuperado de: http://www.infogate.cl/2019/03/11/colegio-de-periodistas-se-pronuncia-por-falta-de-etica-de-mega-tras-difundir-imagenes-falsas-el-8m/
Fonseca, C., Montoya, A., Pato, I., Cabral, I.G., Gómez, L., Rodríguez, L., Luque, A., Pacheco, A., Martínez Vélez, A., Castillo, Q., Muñoz, I., Villadiego, L., Fernández, J., Missé, A., Palomés, J. (marzo 2019). ¡Se necesitan periodistas! La Marea, 69.
CONDE ROMÁN
Os temas abordados nesta publicación resultan moi interesantes para os futuros profesionais do xornalismo, que teñen que facer fronte a un mercado laboral en crise. As opinións e experiencias dos colaboradores do círculo son unha fonte esencial de información, pero o tema das fake news suscítame algunha dúbida. Pablo Santiago di: “Eduardo Inda minte na Sexta e ao día seguinte está outra vez en todos os medios” e máis adiante critica a non penalización destas mentiras por parte dos espectadores.
Porén, eu digo, non é culpa dos medios esta falta de seriedade?. Se unha cadea como a Sexta é consciente de que os seus colaboradores minten, a responsabilidade recae en quen volve dar cabida no seu medio a un colaborador que manipula a información. De feito, o público xa se mobiliza a través de redes sociais para destapar as fake news, como pode ser no caso de contas en Twitter que amosan as mentiras dos xornais (https://twitter.com/StopFakeNews8?lang=es). Por iso plantexo a seguinte pregunta: a banalización da mentira nos medios é culpa da audiencia ou dos propios medios de comunicación?.
Estaría ben que se falara dalgunhas das técnicas de manipulación dos medios de comunicación, empregando como documentación de apoio algunhas análises sobre estas prácticas (https://www.monografias.com/trabajos66/manipulacion-medios-comunicacion/manipulacion-medios-comunicacion.shtml). Por exemplo, sería interesante que os convidados respondesen a seguinte cuestión: existe máis manipulación nos medios de titularidade pública ou nos de titularidade privada?.
BIBLIOGRAFÍA:
– Julces , Monografias.com. Manipulación de los medios de comunicación – Monografias.com. Recuperado 19 marzo, 2019, de https://www.monografias.com/trabajos66/manipulacion-medios-comunicacion/manipulacion-medios-comunicacion.shtml
– Stop Fake News (@StopFakeNews8) | Twitter [Twitter]. Recuperado 19 marzo, 2019, de https://twitter.com/StopFakeNews8?lang=es
GústameGústame
EYRÉ CONDE
No tocante ao exemplo que aporta Pablo Santiago sobre a banalización das mentiras nos medios de comunicación co exemplo de Inda e a Sexta, ese proceso pode entenderse máis como unha bóla de neve. Como confirman certos estudos (https://www.redalyc.org/pdf/5257/525752955006.pdf), este proceso de despenalización da falsidade provén, nun primeiro momento, da febre de conseguir a información antes que o resto de medios. Logo dese paso, que xa implica unha certa perda de rigor na documentación e a investigación, a audiencia comeza a normalizar que a información sexa menos elaborada a cambio de ser máis rápida. De aí pásase a espectacularizar a información que se publica ou se emite, incluíndo datos esaxerados ou incluso falsos coa fin de gañar audiencia ou impacto. Unha vez comprobado que esa audiencia (ou polo menos unha asoballante maioría dela) non se fixa nesas falsidades, ábrese a veda das mentiras. Polo tanto, se ben os medios tiran a primeira pedra para iniciar este proceso, non podemos sinalalos como únicos culpables. A aceptación desta situación e a perda de espírito crítico por parte da audiencia tamén son claves.
Por outra banda, en referencia á segunda pregunta, non podemos responder polas nosas fontes. Porén, a partir do falado con elas nas reunións consideramos que por norma xeral a manipulación se dá máis en medios de titularidade privada xa que están sometidos aos intereses de aqueles que lles aportan o capital necesario para seguir adiante. Aínda así, as vicisitudes de cada goberno e cada organismo de radiotelevisión pública poden revertir ou agrandar máis esta situación dependendo do país e o momento en cuestión.
REFERENCIA:
Torrado Morales, S., & Romera, C., & Gómez Baceiredo, B. (2011). MENTIRAS DESBOCADAS, MEDIOS DE COMUNICACIÓN, INTERNET Y MARKETING VIRAL. Vivat Academia, (115), 95-112.
GústameGústame
GARCÍA GARCÍA
Este post aporta unha análise crítica do xornalismo moi importante, sobre todo para as persoas máis alleas ao sector. Ademais, cóntase coas experiencias e declaración de persoas que viviron despidos en primeira, persoa que poden ofrecer perspectivas diferentes. Porén, tamén sería interesante poder chegar a falar deste tema con responsables (directivos) dalgún medio de comunicación, aínda que isto é difícil, para ver como muda a concepción do tratamento informativo actual.
Pablo Santiago, fai unha referencia á linguaxe inclusiva como un dos xeitos máis sutís de manipulación. É un tema no que se debería profundizar máis. Partindo de guías coma esta (http://xornalistas.gal/web/uploads/novas_adxuntos/adxunto/744/5c013520f1-guialinguaxeinclusiva_opt2.pdf ), elaborada dende a propia facultade de Ciencias de Comunicación da USC, non estaría de máis analizar algunhas novas que recollan un mal uso desta linguaxe . Deste modo, os propios xornalistas poderían tamén facer autocrítica xa que moitas veces esas cuestións poden pasar desapercibidas.
Arredor destas manipulacións, tamén se trata neste post o fenómeno actual das fake news. Que é o que pensan os membros do círculo precisamente de plataformas que nacen para combatelas como NewTral? Onde sitúan eles a súa efectividade? Segundo o artigo “Así asfixiará el reporterismo periodístico a las fake news” de Borja Terán, o xornalismo da proximidade é unha das fórmulas que podería combater estas fake news. Afirma que a sociedade se cre informada pero en realidade está entretida, e así o reiteran os membros deste círculo. Belén Regueira sinalou nesa reunión que o que entendíamos como informativos acabaron converténdose en magazines. Quizais un dos mellores exemplos para tirar dese tema é o que está pasando actualmente co peche dos informativos en Cuatro e a súa substitución por un modelo de magazine chamado “Cuatro al día”. Isto, efectivamente, pode levar á xente a pensar que están sendo informados cando o tratamento que se fai é puramente de entretemento.
Ademais do contido do post, que é moi interesante, quizais tampouco estaría mal abordar algunhas denuncias destas manipulacións como é o caso de Defende a Galega e cal está sendo a súa repercusión na sociedade. De todos xeitos, o contido do post acaba sendo bastante completo, sobre todo, se partimos da idea de que analiza as problemáticas actuais do xornalismo. Aínda así, quedaría por respostar unha cuestión: cales son as posibles solucións a estas dificultades?
Terán Borja, “Así asfixiará el reporterismo periodístico a las fake news”
USC e Colexio Profesional de Xornalista de Galicia. Guía de linguaxe inclusiva. Xornalismo colaborativo e transmediático contra a discriminación social.
GústameGústame
EYRÉ CONDE
Ben, Carmen. Por comentar lixeiramente as dúas primeiras reflexións, por suposto que o tipo de comentarios críticos que se deron nesta xuntanza son de moita maior utilidade para a poboación máis afastada do xornalismo, xa que é ao mesmo tempo a menos consciente -en termos xerais- da situación vivida a día de hoxe no gremio. Sen consciencia do que está a ocorrer e da pobreza de contidos actual por parte das audiencias, revertir esta situación faise moito máis complexo. No tocante á linguaxe inclusiva, ben é certo que é unha arma de dobre fío xa que tanto pode axudar a normalizar a situación de moitos colectivos ou a levalos a unha marxinación maior. Porén, son moi poucos os medios que a día de hoxe destinan -ou, directamente, teñen- recursos suficientes para adicar a este tema. A linguaxe inclusiva aínda está lonxe de ser prioridade pero polo menos está no mapa.
Ao fío da referencia do artigo de Borja Terán, esa reflexión semella coherente mais case imposíbel de levar á praxe. Nos últimos anos falouse en numerosas ocasións do “xornalismo de proximidade 2.0” como a solución á concentración da actividade xornalística nas redaccións, pero a esta inercia é moi difícil darlle a volta, como conclúe o artigo “Nuevas fórmulas de periodismo: Periodismo de proximidad 2.0” de David Caldevilla. A estratexia de utilizar fontes máis baratas e menos fiables a cambio de non moverse ao lugar dos feitos interésalles precisamente a aqueles que ven os medios unicamente como unha fonte de diñeiro. O mesmo pasa coa espectacularización da información na televisión. Ao caso que ben mencionas no teu comentario de Noticias Cuatro úneselle, por exemplo, a masiva politización da programación de canles como a Sexta, apoiándose en magazines como Al Rojo Vivo ou Más Vale Tarde.
Este problema estrutural do xornalismo é quizais dos que máis urxe solucionar, mais cambialo dende dentro aventúrase practicamente imposíbel tendo en conta que o primeiro paso nesta deriva desinformativa dérono os propios medios. Polo tanto, a solución máis realista para esta situación a día de hoxe vémola no fomento do espírito crítico da audiencia, a única co poder de dicir “isto non o queremos ver”. Aínda así, por suposto, para chegar a esa posibilidade debe pasarse por unha revalorización do xornalismo; non do xornalismo que se practica a día de hoxe, senón da súa importancia como garante da vida democrática.
REFERENCIA: CALDEVILLA, D. (2013). Nuevas fórmulas de periodismo: Periodismo de proximidad 2.0. CIC. Cuadernos de Información y Comunicación, 18 , 165-176.
GústameGústame