GESTO ROMERO e GRANDE SANTALLA
Cafetería Recantos
Hai uns días apareceu pintada a entrada e outras partes da Catedral de Santiago, Patrimonio da Humanidade e símbolo característico de Compostela. Esta acción tivo, como nos explicaron os nosos interlocutores, un importante impacto na comunidade dos activismos creativos. Sinalan con preocupación a relación que ten o tratamento de feitos coma este coa apreciación social e institucional da arte, especialmente en modalidades máis innovadoras coma o graffiti, nome que erradamente se lle atribúe a pintadas coma esta.
“A pintada do Obradoiro non ten nada que ver coa arte, iso é vandalismo” comeza argumentando o pintor picheleiro Deiviz Kostoya. É certo que actividades como o graffiti non deixan de ter unha orixe e un vínculo asociados ao vandalismo, algúns dos artistas cos que conversamos incluso catalogan como tal esta práctica, pero de todos xeitos hai que diferenciar entre actos como a pintada do Obradoiro e a arte en si, cousa que moitas veces non se pasa por alto e supón unha traba máis para os profesionais da arte.
“A nós aféctanos porque somos artistas, pintamos na rúa e métesenos no mesmo saco. A solución está en educar no concepto”, dicía Pablo Castiñeira, xestor de Vella Escola Cultura Urbana, ao que Xoana Almar, muralista de Cestola na Cachola, engadía: “Hai que diferenciar entre intervención na rúa, graffiti e muralismo. A primeira refírese a todo o que fas na rúa de xeito ilegal, como a pintada da catedral, buscando comunicarte coa xente, transmitir unha mensaxe. O graffiti son letras, firmas, buscas comunicarte con compañeiros do oficio, non coa sociedade. Logo está o muralismo, que se fai con permiso en espazos públicos”.
Ante a pena ou sanción que se lle poda interpoñer aos autores ou autoras de pintadas deste xeito en pleno patrimonio, Castiñeira sostén que “as multas non son realmente xustas, non afectan igual ás familias con diñeiro que ás máis pobres, por iso sería mellor que fosen eles os que tivesen que ir a depurar ese dano, que o castigo teña relación coa falta para que así aprendan”.
Co peso desta noticia desenvolveuse unha conversa que trataba sobre as restricións que moitas veces atopan os artistas, máis alá do ámbito dos pintores e muralistas, e os problemas de imaxe pública que ten a sociedade deles. Os músicos e cantantes son outro dos grupos máis afectados se temos en conta as limitacións para interpretar música en directo nos locais galegos, algo que afecta en primeira persoa a Alicia Groba, música e estudante: “Agora a partir dunha hora non se pode tocar con amplificación nos locais, entón nos recitais do Modus Vivendi, por exemplo, temos que recoller a toda présa e toda esta regulación o único que fai é limitar un montón a arte, porque sempre queda xente que quere mostrar o que fai e non pode”. Ela adoita actuar en bares da cidade, pero non é a única persoa que non pode desenvolver a súa actividade polas prohibicións.
O caso dos concertos e eventos en establecementos deu lugar a reflexións realmente interesantes, en concreto no ámbito da capital galega, que aglutina tanta actividade cultural nos seus locais do casco vello. As limitacións dos músicos do contorna e dos artistas noveis en Santiago son algo que está establecido non só pola normativa, senón tamén polas características dos lugares nos que tocan. Deiviz Kostoya reparou no aspecto da lei de espectáculos vixente en Galicia, achegando que “se trata dunha lei que está incentivada polas infraestruturas dos locais e que entra en conflito cos locais de Santiago, posto que son espazos cunha gran antigüidade”.
A ausencia de elementos comúns que esta lei solicita aos locais -saídas de emerxencia, cifras elevadas de capacidade de aforo- minguan o desenvolvemento musical e cultural da cidade en horario nocturno e privan a estes artistas de toda a liberdade que quixeran ter para expresar a súa arte. Mais é certo que “precisamente a antigüidade ou o feito de saír dar un paseo pola noite e atoparte cunha rúa chea de locais onde hai cultura e aos que podes entrar a pasar bos momentos é a esencia da cidade, por iso se fai notar máis se o prohiben en Santiago que en Vigo, por exemplo”, dicía con razón Alicia.
Restricións así non só se dan no sector privado, senón tamén no público. Pablo Castiñeira reflexionou sobre a hipocrisía existente nos entes públicos e sobre as conxecturas que moitas veces poñen a este tipo de movementos: “Nós por exemplo fixemos un evento con skate no Parlamento e había sinais que prohibían esta actividade, pero o Concello habilitounos un día para poder patinar. É coma unha contradición. Tamén no caso dos concertos que falabamos antes se vén a Panorama e bota unha cantidade de son incrible ata as tantas da madrugada non pasa nada, pero se isto xorde de maneira habitual e o fai un de nós xa non é posible”. Un choque inexplicable e frecuente coa normativa artística que tamén sufriu hai escasos días o fotógrafo Ángel Vidal: “o outro día botáronme unha reprimenda por sacar fotos dentro da estación de tren. Fun revisar a normativa de Renfe e efectivamente pon que non se poden sacar fotos baixo ningún concepto, agás que sexas fanático dos trens. Para a próxima direi: si, son fanático dos trens”.
As restricións á creatividade son constantes e a loita do colectivo contra elas parece non ter fin. Moitas veces os muralistas e graffitteiros están limitados en canto aos seus contidos técnicos e creativos polo valor público das súas obras. Xoana Almar, ao botarlle un ollo a esta nova de El Correo Gallego que tiñamos sobre a mesa, fixo inciso de novo no matiz diferencial entre os murais autorizados e os que se fan sen permisos públicos previos, as pintadas políticas e demais actos vandálicos. “Di aquí que as gamberradas en portais de inmobiliario público contrastan con expresións de maior nivel e autorizadas. Están falando dunha intervención na rúa verdadeiramente brutal, é unha pasada. Tratan de darlle a connotación de calidade só a aquilo que está autorizado, relacionan as autorizacións coa arte, e non ten porque ser sempre así”.
As limitacións do colectivo do grafitti e do colectivo dos murais chegan a ampliarse ata a perspectiva xeral e política que se ten de manifestacións artísticas desta índole. Moitas veces, influenciados por noticias como a que iniciou o debate ou coma esta última e pola imaxe que xeran, así como polo descoñecemento nestes campos, téndese a desprestixiar e coaccionar a estes artesáns, aínda que algúns dos nosos artistas dubidan do grao de influencia que medios como El Correo Gallego poidan ter sobre o seu traballo.
Como conclusión de todo isto, nesta reunión puidemos diferenciar con claridade os tipos de limitacións que veñen dados polo campo público e os que veñen dados polo privado, ademais da importancia da perspectiva social e da conciencia artística de cada un nestes campos. No caso concreto de Santiago o casco vello limita en moitos aspectos a cultura urbana e as actividades culturais polo seu valor e pola normativa que pide coas súas características. Non obstante, a principal causa destas limitacións en múltiples casos é novamente a falta de conciencia e de coñecemento nas distintas expresións artísticas que abrangue este círculo. É preciso que a sociedade diferencie entre arte e vandalismo, o cal usualmente ocorre por unha falta de infraestruturas adecuadas, coma o caso do skate.
ACCIÓN
A maquinaria da acción xa está en marcha. A todos os membros do círculo lles pareceu boa a idea dunha reunión pública onde expoñer a súa obra e a de calquera outra persoa que queira. Pablo Castiñeira propuxo expoñer un vídeo coas actividades da Vella Escola acompañados dunha breve exposición oral, mentres que Xoana Almar ofreceu imaxes de murais e obras súas para os carteis de promoción. Agora hai que atopar un lugar para a actividade (existen varias propostas de sitio), facer a promoción cun orzamento razoable e, se é necesario, pedir os permisos pertinentes ao Concello.
Participantes deste círculo:
- Xoana Almar, muralista e pintora da cooperativa Cestola na Cachola.
- Pablo Castiñeira, breakdancer, xestor e fundador de Vella Escola Cultura Urbana.
- Alicia Groba, música.
- Deiviz Kostoya, pintor e xornalista.
- Ángel Vidal, fotógrafo e músico.
Enlaces ás noticias usadas:
- Calveiro, P. (2015, 21 abril). Santiago: Nuevos pubs con música en vivo ceden ante la amenaza de multas. Recuperado 19 marzo, 2019, de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2015/04/21/nuevos-pubs-musica-vivo-ceden-ante-amenaza-multas/0003_201504S21C19911.htm
- El Correo Gallego, s.f. (2007, 1 febrero). Tres ‘grafiteros’ pasarán cuatro días vigilados por pintadas en Compostela. Recuperado 19 marzo, 2019, de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/tres-grafiteros-pasaran-cuatro-dias-vigilados-pintadas-compostela/idEdicion-2007-02-01/idNoticia-130003
- El Correo Gallego, s.f. (2019a, 12 marzo). Nuevos actos vandálicos en el entorno de la Catedral. Recuperado 19 marzo, 2019, de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/nuevos-actos-vandalicos-entorno-catedral/idEdicion-2019-03-12/idNoticia-1170852
- El Correo Gallego, s.f. (2019b, 12 febrero). Multa a miembros de Galiza Nova por pintar un mural reivindicativo. Recuperado 19 marzo, 2019, de https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/multa-miembros-galiza-nova-pintar-un-mural-reivindicativo/idEdicion-2019-02-12/idNoticia-1165327/
- López, G. (2018, 15 octubre). ¿Arte urbano o vandalismo? Recuperado 19 marzo, 2019, de https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/arte-urbano-vandalismoa/idEdicion-2018-10-15/idNoticia-1142288/
- Mosteiro, M. (2018, 18 noviembre). Santiago: Los conciertos en pubs ya están respaldados por una ordenanza. Recuperado 19 marzo, 2019, de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/11/18/conciertos-pubs-respaldados-ordenanza/0003_201811S18C6994.htm
MORALES ALCEQUIEZ
Como ben dicides, aínda que o graffiti teña unha orixe asociada ao vandalismo, non me parece correcto catalogar o traballo de todas as persoas que realizan este tipo de obras como un acto vandálico. Hai que saber diferenciar entre o que é un acto vandálico, como foron as pintadas da catedral, e o traballo que realizan profesionais que non pretenden causar danos materiais. Polo tanto, penso que é unha falta de respecto non só a nós, como sociedade, senón tamén ás persoas que se gañan a vida con este tipo de arte, xa que se lles asocia con actos catalogados como ilegais que o único que fan é danar a imaxe pública de todos estes artistas relacionados co mundo do graffiti.
Do mesmo xeito que non estou de acordo con que a todos se lles catalogue da mesma maneira, si coincido en que se tomen medidas para sancionar a aquelas persoas que danan os bens públicos. Non hai que esquecer que todos pagamos impostos e, por conseguinte, destinar unha parte de diñeiro público a limpar pintadas mal feitas paréceme unha forma de malgastar os cartos. Agora ben, a cantidade da multa imposta debería ser acorde aos danos provocados, é dicir, que os culpables de estragar unha zona sexan os que paguen os gastos de limpeza. Aínda así, tamén habería que analizar o espazo pintado, xa que non é o mesmo facelo nunha parede calquera que facelo na Catedral de Santiago de Compostela. Outra cousa moi distinta sería que o Goberno ou a Xunta pagase a artistas profesionais para recuperar e embelecer zonas deterioradas da cidade. Penso que sería unha actividade beneficiosa para ámbalas dúas partes, xa que os grafiteiros, ademais de poder expresar a súa arte, recibirían unha remuneración. Deste xeito crearíase emprego e a cidade gañaría zonas de gran beleza que poderían servir para fomentar o turismo. Por iso, a mellor forma de evitar un graffiti que pintado outro.
Por outra banda, no referente á lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia que está vixente actualmente, penso que o único que fai é oprimir a cultura musical de Santiago de Compostela, afectando en torno a 3.000 músicos galegos. A cultura hai que regulala, mais non prohibila, xa que o único que se consegue son menos postos de traballo e unha profunda depresión artística que impide a renovación e a creación de novos proxectos. Isto enfatízase máis nunha cidade como Santiago, ateigada dunha cultura artística moi activa, que con esta lei perde parte do seu selo representativo, da súa personalidade. A personalidade dunha cidade antiga repleta de bares e restaurantes que acollen a músicos de distinta índole facilitando as relacións sociais. Polo tanto, do mesmo xeito que dende o Goberno se fomenta a lectura tamén debería fomentarse a música, xa que ambas son creacións culturais e artísticas que favorecen o noso desenvolvemento social. Prohibir a música é unha forma de estrangulala.
Ligazóns:
Prego, Carlos (2011, 13 febreiro). ¿Multa o salario para los grafiteros? La Voz de Galicia. Recuperado de:
https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2011/02/13/multa-o-salario-grafiteros/517987.html
La Región (2018, 20 abril). El juez condena a un grafitero a un año de prisión y multa por pintadas. Recuperado de:
http://www.laregion.es/articulo/ourense/juez-condena-grafitero-ano-prision-multa-pintadas-vagon/20180420232452787006.html
Rodríguez, Rubén (2018, 15 xullo). Las discutidas reglas del espectáculo. La Voz de Galicia. Recuperado de:
https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2018/07/15/discutidas-reglas-espectaculo/1310160.html
Pérez, Marcos (2018, 15 maio). La nueva Ley de Espectáculos de Galicia pone en riesgo la realización de conciertos locales. Eldiario.es. Recuperado de:
https://www.eldiario.es/galicia/Ley-Espectaculos-Galicia-realizacion-conciertos_0_776223070.html
GústameGústame
IGLESIAS ANDRADE
Está claro que temos que aprender a diferenciar estas dúas palabras: graffiti e pintada. Todo o mundo o cataloga no mesmo campo, é dicir, no vandalismo, e ademais pensan que é o mesmo cando realmente non é así. O problema en moitos casos é dos medios comunicacións ou calquera outra institución que insiste en catalogar graffiti con pintada ou viceversa. Isto afecta moito aos grafiteiros porque están continuamente dando explicacións de porque están na rúa facendo arte ou vendendo arte, polo que tamén a sociedade ten que aprender a distinguir entre estes termos.
Con respecto as sancións das pintadas, debemos tomar unha serie de medidas. En moitas ocasións poñen a mesma sanción por pintar unha papeleira que unha parede de pedra, o cal non o vexo correcto. Isto é todo moi arbitrario e deberían de poñer unha serie de pautas, como por exemplo: o tamaño da pintada, os produtos que se utilizaron para facela, o lugar onde está feita… para poñer a sanción correcta e non aleatoriamente. Estou de acordo en que si se poderían pagar a artistas profesionais para recuperar o que foi danado. Trataríase dunha forma de seguir vendo arte. Non obstante, tamén penso que non debería ser así en todos os casos xa que depende moito do lugar onde se realice a pintada e pode que moitas veces se teña que recorrer a expertos para saber como limpala e que utensilios utilizar. Un exemplo disto podería ser a figura da fachada de Praterías da Catedral de Santiago de Compostela, onde tiveron que recorrer a expertos para a restauración da escultura e utilizar aparellos especias como un láser preciso e fino coma un pincel.
Por último, a aplicación da Lei de Espectáculos públicos de Galicia xerou unha gran polémica, centrada principalmente nas maiores esixencias para que entidades de pequeno tamaño poidan organizar eventos culturais públicos e tamén nas dificultades engadidas para a música en vivo, sobre todo no interior de locais sen licenza de sala de concertos. A norma serviu para dotar de inseguridade aos artistas, locais e entidades promotoras, en lugar de facer o contrario. Como diría Ramón Bermejo, portavoz saínte da asociación Músicos ao Vivo, non se pode vivir permanentemente a expensas dunha lei redactada de forma ambigua, e que deixa a música en vivo, unha vez máis, nun terreo esvaradío e inseguro. Estou de acordo en que se debería de fomentar máis a música, sobre todo nunha cidade como Compostela, onde saes a rúa calquera día pola noite e encontras espectáculos para ver que ao mellor noutras cidades non hai, polo que se nota moito máis cando o prohiben.
LIGAZÓNS:
LÓPEZ, P. (10 de xuño de 2018). Una nueva ley amenaza la música en directo en los bares de Galicia. El Confidencial. Recuperado de: https://www.elconfidencial.com/espana/galicia/2018-06-10/locales-conciertos-gallegos-normativa-espectaculos_1576598/
ASESORARQ. (20 de setembro de 2018). ENTRADA EN VIGOR Nueva Ley Espectáculos Públicos Galicia. Recuperado de: https://www.asesorarq.es/ley-espectaculos-publicos-actividades-recreativas-galicia/
Redacción (7 de agosto de 2018). Limpian la pintada de la Catedral de Santiago. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/videos/hoy-es-noticia/ecg/limpian-pintada-catedral-santiago/idEdicion-2018-08-07/idNoticia-1130872
GústameGústame
MORALES ALCEQUIEZ
Estou totalmente de acordo coa túa postura. Por iso penso que para que se produza un cambio na sociedade primeiro debe producirse ese cambio nos medios de comunicación. Dende os medios hai que comezar a chamar as cousas polo seu nome, xa que do contrario pode haber malentendidos. Ditos malentendidos dan lugar a un decrecemento do nivel creativo, xa que, nalgúns casos, a falta de recoñecemento provoca nos artistas desgana á hora de realizar o seu traballo. O resultado disto acabará sendo que haxa menos profesionais do graffiti. Polo tanto, os medios téñense que encargar de estruturar as bases dunha información veraz en canto a este tema e non esperar a que a sociedade actúe por si mesma, xa que este cambio non se produce por si só.
En canto ás medidas que se deben aplicar, nalgúns países como Francia, Bélxica, Chile ou Canadá facer pintadas pode estar penado con cárcere. No entanto, paréceme unha medida esaxerada e totalmente inxusta, xa que se está equiparando o pintar unha parede con outros delitos máis graves. En canto ao tema de canalizar este tipo de arte e que se lles pague por facer graffitis, non sei ata que punto eles estarían de acordo, xa que non se estaría falando xa de grafitis, senón de arte urbana, ao perder a liberdade que leva implícita. Aínda así, considero que esa suposta perda de liberdade non é totalmente restritiva, xa que o Goberno debe garantir que o produto artístico sexa unha creación sen límites para o autor, e dicir, ter a liberdade para pintar segundo o seu criterio.
En canto á Lei de Espectáculos públicos de Galicia, a historia foinos ensinando que prohibir nunca é a solución, xa que isto pode dar lugar a actividades clandestinas. A mellor opción é sempre chegar a un acordo no que ningunha das partes se vexa afectada de maneira negativa. Por outra banda, o endurecemento das multas con esta nova lei paréceme algo desorbitado. Unha infracción pode ir dende os 300 euros ate os 600.000 euros. Estou de acordo en que existan sancións se non se cumpren as normas, mais penso que hai que adaptalas aos casos concretos, xa que non sempre se pode facer fronte a unhas cantidades de diñeiro tan desmesuradas.
LIGAZÓNS:
Punzón, Carlos (2018, 29 setembro). Dan: «La pintada de la catedral de Santiago no es un grafiti, no es una obra seria». La Voz de Galicia. Recuperado de:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/09/29/pintada-catedral-santiago-grafiti-obra-seria/0003_201809G29P8991.htm
Punzón, Carlos (2018, 20 setembro). Francia, Bélgica, Chile o Canadá prevén cárcel para los grafiteros más vandálicos. La Voz de Galicia. Recuperado de:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/09/20/francia-belgica-chile-canada-preven-carcel-grafiteros-vandalicos/0003_201809G20P4991.htm
López, Pablo (2018, 10 xuño). Una nueva ley amenaza la música en directo en los bares de Galicia. La Voz de Galicia. Recuperado de:
https://www.elconfidencial.com/espana/galicia/2018-06-10/locales-conciertos-gallegos-normativa-espectaculos_1576598/
GústameGústame
IGLESIAS ANDRADE
Tes toda a razón. Os medios de comunicación teñen que comezar a utilizar ben os termos xa que son os que inflúen no que lee a xente e acaban cometendo erros como relacionar vandalismo con graffiti, cando non é así. Porén, tamén temos que ter en conta que hai moi poucas palabras para referirnos a este campo. Normalmente só escoitamos: graffiti, pintada ou mural. É difícil buscar un sinónimo que concorde con estes termos. Non obstante, os medios deberían utilizar estas palabras correctamente e co seu respectivo significado.
Con respecto ás sancións, paréceme un pouco esaxerado que moita xente sexa penado con cárcere cando hai delitos moitos máis graves e con menos castigo. Está claro que teñen que aprender a adaptar a sanción coa pintada. Para iso, existe unha serie de criterios que deben de levar a cabo. Un deles é saber se a pintada supón un dano ou deslucimento e si é nun ben moble ou inmoble. Son puntos que se deben ter en conta. O mesmo ocorre coa Lei de Espectáculos Públicos. Existen moitos locais que realizan eventos culturais, pero que non teñen as instalacións necesarias para adaptarse a esta lei. Non é o mesmo un local da zona vella de Santiago de Compostela que outro que esté situado na Praza Roxa da mesma cidade, por exemplo. Son factores negativo que inflúen bastante na vida dos artistas.
Temos moito que cambiar, tanto coas sancións das pintadas como coas multas da Lei de Espectáculos Públicos de Galicia. Están pechando moitos camiños e cada vez se pode gozar menos da cultura. Os artistas vense moi limitados a expresar o seu arte, e moita xente non sabe a tristeza que supón iso.
LIGAZÓNS:
Iglesias, R. (7 de febreiro de 2012). «Se equivocan al creer que grafiti es un sinónimo de vandalismo». La Voz de Gaicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2012/02/07/equivocan-creer-grafiti-sinonimo-vandalismo/0003_201202B7C2995.htm
Elice, I. (31 de diciembre de 2015). Los grafiteros borran sus pintadas para evitar multas más elevadas. Diario de Burgos. Recuperado de: https://www.diariodeburgos.es/noticia/Z92534684-90FB-48E3-F0BE61488ECC1454/201512/los-grafiteros-borran-sus-pintadas-para-evitar-multas-mas-elevadas
Pérez Pena, M. (29 de maio de 2018). La nueva Ley de Espectáculos de Galicia pone en riesgo la realización de conciertos en locales. eldiario.es. Recuperado de: https://www.eldiario.es/galicia/Ley-Espectaculos-Galicia-realizacion-conciertos_0_776223070.html
GústameGústame
JORGE VIDAL
Estou moi de acordo coa sentencia de Pablo Castiñeira, xestor de Vella Escola Cultura Urbana, onde establece que a solución á mala concepción social dos artistas sería o baseamento do concepto dende unha nova perspectiva dentro da educación.
As pintadas, xa sexan de carácter decorativo, expresivo ou de protesta, seguen a ter unha mala recepción por parte dos veciños do lugar onde sexan realizadas. Máis que mirar ó interese que se atopa detrás da realización de murais – que pode ser positivo ou negativo – o que molesta é a acción en si mesma. Hai que ter presente a puntualización que estableceu a de Cestola na Cachola, Xoana Almar, entre intervención na rúa, graffiti, e muralismo. Creo que a falta de formación sobre isto é crucial, xa que esta diferenciación, para aqueles que non están metidos no tema, é moi difusa.
Pasa o mesmo nos outros campos, tal e como van nomeando os demais colaboradores do debat, como Alicia Groba sobre músicos e cantantes. Penso que o que molesta é a liberdade coa que se pode chegar a expandir a arte e por iso se lle quere enreixar, xa sexa xeograficamente ou coa estigmatización desta. Debería achegarse un criterio artístico válido á cidadanía, uns fundamentos críticos de base cos que poder opinar sobre a arte en todas as súas diversas formas, mirando máis alá da molestia que estas poidan xerar ou da mensaxe que transmitan. Un criterio, iso si, que leve ás persoas a desenvolver unha opinión subxectiva propia e individual.
Esta novidade que representa o mundo do muralismo é compatible coa novidade que representou a arte contemporánea no seu momento e tamén na actualidade. Mensaxes en formatos que non acadan completamente o entendemento da población. Atoparíamos nesta franxa por exemplo a Duchamp con A Fonte, obra que un século despois da súa publicación segue a ter difícil recepción para os estudantes de Historia da Arte nos institutos. O importante é que un Joseba Muruzábal comece a ser valorado, coma que o acontecido na catedral santiaguesa sexa rexeitado.
LIGAZÓNS:
– Cantó, P. (2017). El artista que convierte a abuelas gallegas en superheroínas de 15 metros. El Confidencial. Recuperado de: https://www.elconfidencial.com/cultura/2017-12-09/abuelas-gallegas-murales-joseba-muruzabal_1489590/
– (2019). Cinco nuevas pintadas en la Catedral De Santiago desatan la indignación. Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/galicia/2019/03/13/cinco-nuevas-pintadas-catedral-santiago/2067477.html
– Rodríguez Guerras, M. (2016). La percepción del arte actual I. Revista Replicante. Recuperado de: https://revistareplicante.com/la-percepcion-del-arte-actual-i/
GústameGústame
LÓPEZ FERNÁNDEZ
É obvio que a educación é fundamental para mudar a perspectiva negativa que a sociedade ten dos artistas e, en esencia, da cultura urbana. Mais teño que discrepar cando dis que as pintadas seguen a ter unha mala resposta por parte dos veciños e residentes no lugar no que aparecen pintadas, malia o seu carácter decorativo ou expresivo. Unha pintada non deixa de ser unha intervención na rúa, totalmente ilegal e moi lonxe dos límites artísticos, tal e como indica o graffiteiro galego Dan, polo que é obvio que desagrade á veciñanza e aos visitantes dun determinado lugar, ou a alguén lle gustaron as mensaxes que apareceron hai un mes na fachada e nas paredes laterais da Catedral de Santiago? Outra cousa son os graffitis e demais debuxos, xa con maiores connotacións artísticas, que poidan acoller os distintos muros ou infraestruturas dunha urbe. Segue a ser unha ferramenta de protesta social, unha maneira de marcar territorios grupais e de expresar identidades e relacións amorosas, unha vía de resposta, moitas veces ilícita, algo que para os propios artistas é un valor engadido, o que realmente os caracteriza, xa que argumentan que é esa falta de legalidade e autorización o que lles aporta forza ás creacións, e aquí si penso que é onde se fai notable o descoñecemento e a falta dunha instrución dende mozos acerca da cultura urbana, pois a ignorancia ante auténticas obras de arte na rúa é algo incomprensible, cousa que, por outra banda, os medios locais non axudan a erradicar, levando a confusión os termos para as distintas intervencións artísticas e empregando apelativos que non se corresponden coa realidade, todos eles negativos e cheos de hipérboles pexorativas para o colectivo.
O graffiti ou o mural transmiten mensaxes, expresan significados por medio da arte, pero ao estar escritos ou pintados en lugares públicos xeran rexeitamento, repudio. Moitas veces estas obras aparecen en paredes abandonadas, en medianiñas ou nos laterais de edificios e baixo as pontes, dando vida e cor a zonas mortas, zonas sen luz e carentes de creatividade, barrios marxinais, etc. Os que traballan nestas paredes senten a necesidade de comunicar algo e exercen a liberdade de expresión co aerosol na man, rebelándose contra a cultura hexemónica. A autora arxentina Claudia Kozak afirma que as paredes limpas non din nada e que con esta reconstrución do paradigma da arte rueira, as calles xa non falan, berran. Unha reflexión que comparto, xa que cando alguén, sexa un organismo público ou un individuo alleo ás institucións, trata de menosprezar e volver opaco o traballo destes artistas, as ansias e as ganas de reivindicar mensaxes dun xeito aínda máis forte fan que o resultado chegue en forma de berro.
Aínda así, pouco a pouco estas expresións artísticas van sendo máis aplaudidas e valoradas por unha pequena parte da poboación, e a inclusión do graffiti, por exemplo, dentro das galerías de arte está datada xa nos anos setenta, concretamente en 1972. Dende aquela as exposicións de “street art”, as puxas e, xa na actualidade, a difusión deste tipo de obras por medio de redes sociais e demais ciberespazos especializados, así como o número de expertos e interesados na materia, é maior, de feito hai autores que catalogan o graffiti como froito maduro dun proceso artístico histórico. Aínda así, queda moito por avanzar para acabar con todas as limitacións existentes neste mundo, sobre todo en zonas como Galicia, moi por atrás de cidades e rexións máis cosmopolitas e avanzadas neste eido, como Londres ou Nova York.
Ligazóns:
Abades, M. (21 de marzo de 2016). Sesenta pintadas en una sola calle. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/sesenta-pintadas-sola-calle/idEdicion-2016-03-21/idNoticia-987098/
Barrón, A. (2017). Un diálogo mural: Graffiti y Street art. Universidade de Cantabria. Recuperado de: https://repositorio.unican.es/xmlui/bitstream/handle/10902/12253/SanJuanFernandezJaime.pdf?sequence=1
Fontirroig, A. (xuño 2017). ¿No me escribas la pared? Letras. (6), pp. 125-132. Recuperado de: http://sedici.unlp.edu.ar/bitstream/handle/10915/61384/Documento_completo.pdf-PDFA.pdf?sequence=1&isAllowed=y
Punzón, C. (29 de setembro de 2018). Dan: “La pintada de la catedral de Santiago no es un graffiti, no es una obra seria”. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/09/29/pintada-catedral-santiago-grafiti-obra-seria/0003_201809G29P8991.htm
GústameGústame
JORGE VIDAL
Como dis ti, pintadas como as aparecidas polas diversas zonas do Obradoiro non son un feito artístico, senón un crime contra o patrimonio e as rúas da cidade. A diferenza entre esas e outras que de verdade enriquecen á comunidade social, penso, que se atopa nas verdadeiras intencións da acción artística.
Tamén é unha realidade que os graffitis de tipo ilegal, realizados por membros da sociedade que non teñen autorización (xuventude, bandas…), teñen certo plano artístico e de identidade que retratan a cidade. Tal e como dis ti coa referencia a autora Claudia Kozak. O potenciador destas actividades é a protesta, a cal sempre resulta molesta para as autoridades, ben se vexan afectadas ou non. Estas demandas en formatos visuais atópanse cubertas por siglas e os ideais detrás destas teñen que rematar fuxindo do mesmo xeito que o fan os seus autores. É o caso do trío de artistas SPJ, os cales pintan recunchos de Santiago e afirman que as pintadas na rúa son ilegais pero non deixan de ser arte, aínda que se posicione nun marco de vandalismo. Quizais o problema é que o que entendemos por vandálico son esas mesmas protestas que amolan e importunan e que posúen unha ideoloxía que incomoda, as mesmas que nos ensinan a rexeitar dende un principio.
Unha exemplificación sería o caso de “Sinpapeles”, graffiti que apareceu por numerosos recantos da cidade de Barcelona o ano pasado buscando erguerse en contra do racismo existente en España. A súa finalidade, como indica o propio autor, era remover conciencias, utilizando tipografía enorme e estética como vehículo. Unha declaración deste autor – ó que obrigan permanecer no anonimato as posibles represalias que o terían lugar – resume bastante ben a finalidade deste tipo de protestas ilegais: “Ser molesto é un traballo, non estou aquí pedíndolle permiso a ninguén. Estou na túa casa e boucho botar en cara”. As pintadas denominadas vandálicas adoitan poñer temas necesarios a tratar na mesa da sociedade. Temas que, ben con sancións económicas ou penas maiores, afogan ós artistas na carencia de nome, mais non na mudez.
Pese a que isto sexa así, seguen a carecer de xustificación algunha as de carácter vexatorio que poden afectar a determinados colectivos e ideais, como ben puido afectar, de certo modo, á visión do feminismo ollando o caso da Catedral. Por outra banda, non se pode obviar o interese de cubrir determinadas mensaxes, mensaxes necesarias para dar pasos. Se os medios, a educación e os xefes de Estado mutean estas mensaxes nos seus discursos hai que trazar novas liñas de comunicación deixando atrás ós filtros baseados na molestia dos poderosos. Á arte, sexa cal sexa, non se lle pode poñer filtro.
LIGAZÓNS:
– (11 de xullo de 2001). “Las pintadas callejeras son un arte vandálico ilegal”. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2001/07/11/pintadas-callejeras-arte-vandalico-ilegal/0003_656756.htm
– Gómez, L. (2 de xullo de 2018). ‘Sinpapeles’ el graffiti que remueve conciencias en Barcelona. La Vanguardia. Recuperado de: https://www.lavanguardia.com/local/barcelona/20180702/45484723094/sinpapeles-graffiti-barcelona.html
– Benito, S. (30 de xaneiro de 2012). Grafitis, el lado más vandálico del arte. Interempresas. Recuperado de: http://www.interempresas.net/Equipamiento_Municipal/Articulos/60939-Grafitis-el-lado-mas-vandalico-del-arte.html
GústameGústame
LÓPEZ FERNÁNDEZ
Sigo mantendo que, por moito que enriquezan a comunidade social, as pintadas non son arte, aparezan no Obradoiro, nunha cabina telefónica ou no portal dun edificio. O problema está na connotación que o público e a sociedade poden ter acerca deste tipo de expresións artísticas, xa que ampliando un pouco o que vimos a dicir nalgunha das publicacións, os medios de comunicación raramente diferencian entre pintada, graffiti e mural. Comunican sen certeza, sen fontes expertas no tema e dándolle unha visión negativa, vandálica e antiestética a todo o tecido artístico que confeccionan os graffitis e murais, no que inclúen constantemente as pintadas. Sen ir moi lonxe, hai apenas un mes El Correo Gallego sacou unha especie de reportaxe titulada “Nin un barrio se libra das pintadas que invaden a cidade de punta a punta”, que viña ilustrada con imaxes de graffitis en muros e paredes, acompañadas dun pé de foto que dicía “é fácil atopar borróns en todos os barrios”. A cifra que dá o medio das intervencións é de 309 realizadas sobre pedra e máis de 1000 en formigón en 2018, e encabeza a peza cunha chamada da veciñanza compostelá aos servizos de vixilancia e a sancións, tachando de ansias sen calma as dos artífices destas pintadas e de invasión incontrolable o seu traballo, cando reitero, non se trata de pintadas o que realmente amosan na noticia nin o reconto que levan a cabo, senón que mesturan calquera tipo de intervencións.
As consecuencias disto son constantes reproches entre institucións de distinto rango culpándose unhas ás outras do que ocorre, da falta de vixilancia e da responsabilidade destas intervencións, en vez de medidas que apoien e promovan a actividade dos artistas plásticos da cultura urbana. Hai que por límites, é lóxico, pero pola mala xestión duns poucos irresponsables que só ensucian o colectivo artístico sen ser sequera artistas, os realmente comprometidos coa causa saen sempre tremendamente prexudicados. A solución está na educación, pero non só nas escolas, tamén nos medios, na sociedade e en todas as vías de comunicación existentes.
Ligazóns:
Pita, E. (19 de marzo de 2019). Ni un barrio se libra de las pintadas que invaden la ciudad de punta a punta. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/un-barrio-librade-pintadas-invaden-ciudad-punta-punta/idEdicion-2019-03-19/idNoticia-1171988/metrics/XitiCusto
(s.f.) (9 de agosto de 2018). La Xunta culpa al Concello de falta de vigilancia en la Catedral de Santiago. Economía Digital. Recuperado de: https://galicia.economiadigital.es/politica-y-sociedad/la-xunta-culpa-al-concello-de-falta-de-vigilancia-en-la-catedral-de-santiago_571286_102.html
GústameGústame